div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Noticias corporativas

Publicador de contidos

A Liga Endesa volve á TVG co partido dun equipo galego en cada xornada e todos os derbis

Santiago, 02.09.2026.-   O baloncesto masculino de elite volve á súa casa, á TVG, cunha oferta histórica de cobertura dos equipos galegos na Liga Endesa e competicións europeas.  

A LIGA ENDESA volve á TVG

TVG e AGalega.gal ofrecerán cada domingo ás doce do mediodía un partido da Liga Endesa coa presenza dun equipo galego. A participación do Río Breogán, o Monbus Obradoiro e o Leyma Coruña constitúe un fito para o deporte galego, e a TVG acompañará este camiño con toda a súa forza mediática tras o acordo asinado coa ACB para as dúas próximas temporadas.

O acordo coa Asociación de Clubs de Baloncesto contempla a emisión, cada xornada, dun partido con presenza galega. Os espectadores poderán ver pola primeira canle da TVG e pola plataforma AGalega.gal (dispoñible en Galicia mediante xeolocalización) os seis derbis e un total de 34 encontros da competición regular. 

O calendario das grandes citas

As primeiras grandes citas comezan xa en setembro.

    • Domingo 27 de setembro, 12:00 horas, desde o Pazo dos Deportes de Lugo: Río Breogán-ASISA Joventut, a retransmisión coa que arranca a tempada.
    • Domingo 4 de outubro, desde o Coliseum: Leyma Coruña-Surne Bilbao.
    • Domingo 11 de outubro, desde o Multiúsos Fontes do Sar de Santiago: estrea do Monbus Obradoiro na TVG ante o Ilerna Lleida.

E os primeiros derbis:

    • Domingo 1 de novembro, no Sar: primeiro derbi galego da temporada, entre o Monbus Obradoiro e o Río Breogán.
    • Domingo 20 de decembro, ás 12:00 horas: Monbus Obradoiro-Leyma Coruña.
    • Mércores 30 de decembro, ás 18:00 horas, desde o Pazo de Lugo: Río Breogán-Leyma Coruña, o derbi coa que a TVG despide o 2026.

Un ecosistema completo para o baloncesto galego

Arredor desta aposta, a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) crea todo un ecosistema para o baloncesto galego que vai máis alá da retransmisión dos partidos, para acompañar os equipos e a afección durante toda a tempada. Ademais da Liga Endesa, a Corporación ofrecerá:
 
    • Os partidos europeos do Río Breogán na G2.
    • Máis baloncesto na Radio Galega. Os oíntes terán a opción de escoitar os partidos dos seus equipos de xeito íntegro na plataforma AGalegaAaudio.gal, ademais das conexións e narracións que se farán durante a emisión de ‘Galicia en goles’ na FM.
    • Un podcast semanal en AGalegaAudio.gal e na FM, coa análise de cada xornada da man de especialistas, e un seguimento diario dos equipos galegos nas diferentes edicións do ‘En Xogo’.
    • Contidos específicos en G24, AGalega.gal e redes sociais.

Este domingo, a primeira cita: a final da Copa Galicia

Para ir quentando motores, a G2 e AGalega.gal programan para este domingo, ás 19:00 horas, a final da Copa Galicia de baloncesto. Neste clásico da pretemporada compiten os tres clubs da Liga Endesa xunto ao representante galego da Primeira FEB, o Club Ourense Baloncesto.

Este ano, a competición cumpre 40 anos e vaino celebrar cos enfrontamentos de semifinais Leyma Coruña-COB e Monbus Obradoiro-Río Breogán, no Multiúsos Fontes do Sar. Os gañadores do sábado pelexarán polo título na tarde do domingo, coa presenza das cámaras da TVG e os micrófonos da Radio Galega.

A Televisión de Galicia e a Federación Española de Baloncesto teñen tamén moi avanzadas todas as negociacións para poder repetir este esquema na Liga Endesa Femina e poder así retransmitir partidos do Baxi Ferrol, do Maquinaria Durán e do Celta Femxa Zorka, e tamén as competicións europeas.

ler máis

A Radio Galega estrea unha temporada para sorprender: máis directo, novas voces e unha programación para vivir Galicia

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2026.- A Radio Galega estreará o luns 31 de agosto unha temporada marcada pola renovación, o directo e a vontade de estar máis preto da audiencia. A grella 2026-2027 combina información, deporte, divulgación, música e entretemento cunha idea central: contar Galicia desde Galicia, coa súa xente e desde todos os seus territorios.

A nova oferta reforza os grandes magazines, incorpora voces recoñecidas, recupera un formato emblemático e abre espazo a propostas especializadas de saúde, benestar e viaxes. A emisora intensificará tamén a presenza nas rúas, vilas e cidades e deseñará contidos capaces de prolongar a súa vida máis alá da emisión lineal, a través de AGalegaAudio.gal, o vídeo e as redes sociais.

Claves da nova tempada

    • Isabel Pichel reinventa ‘A tarde’. O gran magazine vespertino estrea dirección, seccións e colaboradores para combinar emoción, divulgación e servizo público.
    • Javi Guillén e Iago Gayoso toman as rendas de ‘A penaltis’ para vivir cada noite un derbi radiofónico de altura.
    • Dúas estreas para a fin de semana. ‘En boa onda’, con Raquel Atanes, coñeceranse as claves do benestar e dos coidados, e María Rodríguez fará de ‘Galicia viaxeira’ toda unha experiencia sonora para percorrer cada recuncho do noso país.
    • Volve ‘Milenio, o alén’, con Antón Rebollido, para descubrir os misterios, as lendas e as incógnitas que agocha o noso patrimonio.
    • A información, columna vertebral da programación.  Luís Ojea, Xosé Valiñas, Silvia Pereira e Marta González Salve porán voz á actualidade, á proximidade e ao servizo público na Radio Galega.
    • Dúas voces para unha temporada deportiva histórica.  Paco Santos liderará a edición semanal do ‘Galicia en goles’ mentres que Roberto Carlos Carballo seguirá facendo vibrar a audiencia nas fins de semana.

‘Galicia por diante’: máis rúa e novas voces

Kiko Novoa e Cristina García continuarán á fronte de ‘Galicia por diante’, o magazine matinal que se emitirá de luns a venres de 09:30 a 14:00 horas e que chega á súa décimo oitava temporada cunha aposta reforzada pola actualidade, as historias humanas e a presenza da radio alí onde suceden as cousas. 

O magazine matinal sumará as voces de Esther Estévez, Ana Gayoso e Ricardo Saavedra. Toñito de Poi levará o seu Poigrama por mercados, lonxas, peixarías, froitarías e outros espazos da vida cotiá para coñecer a quen lles dá vida. Héctor Castiñeira, Enfermeira Saturada; Miguel Ángel Cajigal, O Barroquista; e Pedro Feijoo achegarán novas perspectivas sobre a saúde, a cultura, a historia, a sociedade...

Carla Núñez e Marcos López, Todo Mal, manterán o seu humor rebelde en ‘A bóla extra’. A retranca volverá servir para ler a actualidade desde outro ángulo nun espazo no que a audiencia tamén é protagonista.

Isabel Pichel toma as rendas de ‘A tarde’

Unha das principais novidades será a chegada de Isabel Pichel á dirección e presentación de ‘A tarde’. De luns a venres, entre as 15:00 e as 19:00 horas, o magazine combinará humor, actualidade, divulgación, entrevistas e contidos de servizo para converter a franxa vespertina nun gran punto de encontro coa audiencia.

Leti da Taberna animará as sobremesas de luns a mércores, mentres que os xoves e os venres será tempo para as historias de Virtudes. Jorge Mira achegará a ciencia; Marta Doviro descubrirá a vida mariñeira; Manuel de Lorenzo narrará historias incribles pero reais; Óscar de Miguel falará de innovación, emprendemento e intelixencia artificial, e Ana Castro Liz abordará a saúde mental.

O programa deterase tamén nas persoas que están detrás da actualidade mediante entrevistas, testemuños e reportaxes. No seu último tramo reforzará a utilidade pública con José Turvegal, Iago Regueira, Enia Gándara, Maximino Pérez e Clara Redondo, en ámbitos como o lecer, o autocoidado, o ambiente, a seguridade viaria e o coidado das plantas.

‘Seres’ e ‘A penaltis’ reforzan as noites

‘Seres’, con Rubén Riós, seguirá sendo de luns a xoves, de 21:00 a 22:00 horas, a voz da solidariedade e da humanidade na Radio Galega. O programa adianta a súa emisión a esa hora para situar en primeiro plano historias de superación, compromiso e transformación social contadas polos seus protagonistas.

A continuación, de 22:00 a 00:00 horas, de luns a xoves, Javi Guillén e Iago Gayoso tomarán os mandos de ‘A penaltis’. O programa converterá cada noite nun derbi radiofónico con análise, rivalidade, entretemento e paixón polos equipos galegos. Os venres, esa franxa nocturna pasa a ser integramente para o deporte, coa ampliación de ‘Galicia en goles’ ata a medianoite.

Dúas estreas para a fin de semana: saúde e viaxes

‘En boa onda’ será o novo magazine de saúde, benestar e calidade de vida, os sábados de 10:00 a 11:00 horas. Conducido pola xornalista Raquel Atanes, abordará o descanso, a alimentación, o exercicio, o coidado persoal e a saúde mental desde unha perspectiva próxima, positiva e rigorosa. Reportaxes, especialistas galegos, historias humanas e preguntas da audiencia compartirán unha filosofía clara: falar de saúde para vivir mellor, sen alarmismos e con consellos prácticos.

‘Galicia viaxeira’, os sábados de 11:03 a 12:00 horas, convidará a redescubrir o país como unha guía sonora viva do territorio. Cada semana explorará unha vila, aldea, parroquia ou cidade a través da súa xente, as paisaxes, a gastronomía, a música, a natureza e o patrimonio. María Rodríguez exercerá como narradora e guía, mentres Xiana Albor percorrerá o territorio para recoller historias e sons.

Sabrosura Fest mantén o pulso da música galega

O Capitán Sabrosura seguirá poñéndolles ritmo aos sábados en ‘Sabrosura Fest’, de 13:03 a 14:00 horas, punto de encontro da música feita en Galicia. O programa manterá a aposta por descubrir e impulsar novos talentos e conversará con artistas e grupos xa consolidados, con actuacións, entrevistas e enerxía para abrir a fin de semana coa mellor banda sonora.

‘Milenio’ volve abrir as portas do alén

Antón Rebollido regresa con ‘Milenio, o alén’, o histórico espazo dedicado ao misterio, ás lendas, ao patrimonio e aos grandes enigmas do pasado e do presente. Emitirase de luns a xoves, de 00:03 a 01:00 horas, e contará cunha edición especial os domingos, na mesma franxa horaria. Rafael Quintía abordará a antropoloxía e as tradicións galegas; Borja Tosar explorará os misterios do universo; Miguel Pedrero investigará fenómenos estraños e experiencias dos oíntes e Carlos Fernández percorrerá os lugares máis máxicos de Galicia. A edición dominical incorporará, con Viti González, unha sección dedicada ás desaparicións misteriosas e á crónica negra.

Madrugadas de humor, entretemento e compañía

Pepe Capelán e Toño Casais seguirán sendo, de 01:03 a 06:00 horas todos os días da semana, as voces dunhas madrugadas nas que sempre hai moito que contar e calquera cousa pode pasar. De luns a venres, Pepe Capelán converterá ‘A boas horas’ nun espectáculo de humor, entretemento e compañía xunto con Noemí Martínez, Marita e Rubén Pérez. Nas fins de semana, Toño Casais, Isi e Ilda Mosquera prolongarán a festa con humor, tarot e participación en directo.

A información, columna vertebral da programación

A Radio Galega manterá unha ampla oferta informativa para acompañar a audiencia desde primeira hora e ofrecer as claves da actualidade galega, estatal e internacional, sempre coa proximidade e o servizo público como sinais de identidade.

De luns a venres, Luís Ojea conducirá, de 06:00 a 09:30 horas, ‘Galicia por diante informativo’, que abrirá a xornada coa última hora, entrevistas, análise e conexións coas delegacións territoriais. De 14:00 a 14:30 horas, Xosé Valiñas estará á fronte da edición mediodía de ‘A crónica’, mentres que Silvia Pereira tomará a remuda ás 19:00 horas coa edición serán de ‘A crónica’ (ata as 21:00 horas de luns a xoves, e ata as 20:00 horas os venres) para ordenar, explicar e contextualizar as noticias que marcan o día.

Os informativos da fin de semana estrean voz con Marta González Salve, que conducirá ‘Galicia por diante fin de semana’ (de 09:00 a 10:00 horas) e ‘A crónica’ (de 14:00 a 14:15 horas) os sábados e domingos. Tamén estará á fronte de ‘Mar de Ardora’ os sábados, de 08:00 a 09:00 horas, e de ‘Ferrado e medio’ os domingos, na mesma franxa horaria, dous espazos que achegarán información, territorio e realidade social cunha mirada próxima.

‘Galicia en goles’, preparado para unha temporada histórica

O deporte será un dos grandes eixos da programación. Paco Santos converterase na voz de ‘Galicia en goles’ de luns a venres, de 14:30 a 15:00 horas, nunha cita diaria coa última hora, a análise e os protagonistas dos equipos e deportistas galegos.

Nas fins de semana, Roberto Carlos Carballo continuará á fronte do programa decano da emisora, que ampliará considerablemente a súa presenza na grella: os venres, de 20:00 a 00:00 horas; os sábados, de 14:15 a 00:00 horas; e os domingos, de 11:45 a 14:00 horas e de 14:15 a 23:00 horas. ‘Galicia en goles’ levará a emoción das retransmisións en directo desde campos e pavillóns nunha temporada chamada a ser histórica para o deporte galego.

Máis cultura e máis ‘Diario cultural’

A Radio Galega reforza tamén a súa aposta pola cultura coa ampliación do ‘Diario cultural’, que duplica a súa presenza na fin de semana cunha edición dunha hora sábado e domingo, e consolida un espazo propio para a creación, o pensamento e as diferentes expresións artísticas de Galicia da man de Begoña Vázquez. A cultura mantén a súa lapela destacada en AGalegaAudio.gal onde se poden atopar todos os programas do ‘Diario cultural’ e podcast como ‘Voces expertas’, ‘Letras Galegas’, ‘Escoitamos teatro’, ‘Sala 5’…

Este incremento da programación especializada complementa unha concepción transversal da cultura, que seguirá formando parte dos magazines e dos distintos espazos diarios da emisora a través de entrevistas, actuacións en directo e atención permanente á actualidade cultural. Amais do equipo habitual da Radio Galega, sumaranse as voces de Miguel Ángel Cajigal, O Barroquista, Carlos Crespo, Noel Turbulencias, Malores Villanueva e Afonso Becerra, que achegarán análise, divulgación e diferentes perspectivas sobre a actualidade e a creación cultural galega.

Unha radio que se escoita, que se ve e se comparte

A temporada 2026-2027 consolida unha Radio Galega aberta, plural e conectada coa audiencia. A emisora reforzará a súa dimensión dixital con contidos baixo demanda, podcast e videopodcast en AGalegaAudio.gal e nas redes sociais, para que cada historia poida chegar máis lonxe, atopar novos públicos e ser compartida.

                                                                                          A radio... mellor á Galega

ler máis

Preestrea do documental da TVG ‘Galegos na selva. Os anos de Guinea’

Santiago, 14.08.2026.- O Museo da Emigración a Guinea Ecuatorial de Quintela de Leirado (Ourense) foi escenario este xoves da presentación do documental ‘Galegos na selva. Os anos de Guinea’, producido en exclusiva para a TVG no marco do apoio da canle pública ao audiovisual galego. O seu director, Pablo Couto García, recupera recupera a historia da emigración galega a Guinea Ecuatorial a través de testemuños e experiencias que permiten achegarse á vida dos galegos naquel territorio durante o período colonial.

A presentación tivo lugar precisamente no Museo da Emigración a Guinea Ecuatorial, un espazo dedicado a conservar e divulgar a memoria desta emigración e a súa importancia para a historia de Galicia, e moi especialmente na provincia de Ourense. No acto púxose en valor a memoria dunha emigración que continúa a ser unha historia pouco coñecida para boa parte da sociedade galega.

Interviron Benita Sampedro Vizcaya, profesora da Universidade de Hofstra (Nova York); Pablo Pérez Pérez, director do Museo da Emigración a Guinea Ecuatorial; José Antonio Pérez, alcalde de Quintela de Leirado; Pablo Couto García, director do documental, e José Carnero Cameselle, guionista do documental.

ler máis

FORTA abre convocatoria para a produción da súa primeira longametraxe de ficción conxunta

Santiago, 17.07.2026.-  FORTA, a rede de canles de televisións autonómicas, lanza unha convocatoria conxunta dirixida ao sector audiovisual para a coprodución da súa primeira longametraxe de ficción compartida. Este proxecto reforza a colaboración e a cohesión entre os medios de comunicación rexionais, beneficiando a industria cinematográfica nacional.

         A convocatoria, dirixida a produtoras externas, busca seleccionar unha única longametraxe de ficción cunha duración de entre 90 e 120 minutos, da que quedan excluídos os formatos documental, de animación e experimental. O proxecto debe contar cun orzamento mínimo de 2.000.000 €.

         Entre os criterios de valoración, darase prioridade ás obras que demostren unha gran capacidade para conectar cun público interxeracional e que sexan axeitadas para a súa posterior emisión televisiva en horario de máxima audiencia. Así mesmo, en consonancia co compromiso de FORTA coa diversidade, a obra deberá presentarse na súa versión orixinal e tamén nas outras linguas oficiais e/ou recoñecidas estatutariamente nas comunidades autónomas representadas. A presentación de propostas realizarase a través da web www.forta.es, e o prazo de presentación é do 17 de xullo ao 30 de outubro.

         Para Paco Aura, presidente de FORTA e director xeral de À Punt, esta iniciativa supón un fito importante: "Esta colaboración é un gran paso adiante para FORTA e para o noso sector audiovisual. Por primeira vez, unimos recursos para impulsar unha longametraxe de ficción que fortalece a industria e promove a nosa riqueza lingüística e cultural".

         A Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (www.forta.es) agrupa as principais entidades de dereito público responsables da xestión directa dos servizos públicos de radio e televisión nas comunidades autónomas. Actualmente, FORTA está integrada por 12 organismos de radio e televisión autonómicos.

ler máis

A CSAG consolida a súa transformación no principal ecosistema audiovisual público de Galicia

Santiago, 14.07.2026.-    A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia presentou este martes na Comisión Permanente de Control do Parlamento de Galicia a Memoria de Servizo Público correspondente ao exercicio 2025, documento que reflicte a consolidación da transformación da CRTVG na CSAG, como un ecosistema audiovisual público adaptado ao consumo multimedia, ás novas tecnoloxías e aos cambios nos hábitos da cidadanía.

A memoria recolle un exercicio marcado pola entrada en vigor da Lei 1/2025 de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital e pola constitución da nova CSAG, un cambio que, en verbas da directora xeral, Concepción Pombo, “vai máis alá da denominación institucional e que responde á evolución do servizo público audiovisual cara a un modelo integrado, capaz de producir, distribuír e medir contidos en todas as plataformas relevantes para a sociedade galega”.

Innovación e tecnoloxía como piares da nova Corporación

A memoria destaca a modernización das infraestruturas e dos sistemas de produción e distribución. Entre os principais fitos de 2025 figura o lanzamento de TVG-UHD, primeira canle autonómica española en Ultra Alta Definición a través da TDT, xunto con proxectos de intelixencia artificial, subtitulado automático, sistemas de recomendación intelixente, tecnoloxías inmersivas XR e a análise avanzada de audiencias mediante plataformas como o DataHub de Konodrac. 

Motor da industria audiovisual galega

O documento reafirma o papel da CSAG como principal dinamizadora da produción audiovisual en galego mediante a contratación de produción independente, coproducións e colaboración co tecido empresarial galego ao longo de 2025, favorecendo a creación de emprego cualificado, a innovación e a internacionalización do sector.

No ámbito económico e de xestión, a Corporación pechou o seu décimo sétimo exercicio consecutivo con superávit, mantén estabilizado o cadro de persoal e, tras completar os procesos de consolidación e regularizar as OPE, rexistrou o menor índice de litixiosidade laboral da última década.

Máis de 1.000 millóns de reproducións e consolidación do liderado dixital

A memoria acredita tamén a consolidación da estratexia dixital da CSAG. No 2025, os contidos da Corporación superaron os 1.000 millóns de reproducións e os 48 millóns de interaccións nas redes sociais, situando a entidade entre os principais operadores públicos estatais no ámbito dixital. O 85 % dos accesos prodúcense xa desde dispositivos móbiles e máis do 90 % do consumo da OTT realízase en televisores conectados e HbbTV.
    
Pola súa parte, G24.gal consolidouse como a principal referencia informativa audiovisual en galego no ámbito dixital, con preto de dous millóns de usuarios, datos de récord que xa se viron superados polo crecemento exponencial do primeiro semestre de 2026.

Radio Galega: máis podcasts, máis audio dixital e novos públicos

Na presentación da memoria, a directora xeral tamén destacou a evolución da Radio Galega cara a un modelo de audio dixital baseado no podcast, no consumo baixo demanda e na distribución multimedia, e que a plataforma AGalegaAudio.gal ampliou a súa oferta de contidos especializados, reforzando a presenza do galego no ámbito dixital.

A Memoria de Servizo Público conclúe que a CSAG afronta esta nova etapa como unha organización sólida, saneada e adaptada aos desafíos da próxima década, mantendo como eixes a promoción da lingua galega, a innovación, a cohesión territorial e a prestación dun servizo público audiovisual de calidade.

Máis deporte galego en aberto: fútbol e baloncesto

No ámbito deportivo, Pombo confirmou que se continúa traballando para ampliar a presenza do baloncesto galego na televisión pública. A CSAG mantén abertas negociacións coa ACB para explorar novas posibilidades de emisión de partidos dos tres equipos galegos durante a tempprada 2026-2027, e anunciou que ten xa pechado, pendente da sinatura definitiva, un acordo coa Federación Española de Baloncesto para retransmitir un mínimo de 15 encontros da Liga Feminina Endesa con participación dos equipos galegos.

A Corporación confirmou tamén a súa intención de continuar ofrecendo competicións europeas dos equipos galegos de baloncesto sempre que a dispoñibilidade dos dereitos audiovisuais o permita, e anunciou que retransmitirá novamente as finais da Copa Galicia masculina e feminina de baloncesto no mes de setembro. 

ler máis

FORTA elixe a Paco Aura, director xeral de Á Punt, como presidente

Madrid, 09.07.2026.-    A Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA), da que forma parte a CSAG, elixiu o director xeral de À Punt, Paco Aura, como novo presidente da entidade para os vindeiros seis meses. Aura ocupará a presidencia ata decembro de 2026, de acordo co sistema de rotación establecido nos estatutos da FORTA.

O novo presidente sucede a José Antonio Sánchez Domínguez, director xeral de Radio Televisión Madrid (RTVM), quen centrou o seu mandato en consolidar as emisoras autonómicas como referentes na cobertura informativa local e no servizo público. O seu labor conclúe co agradecemento e o apoio unánime da Asemblea Xeral da FORTA á súa xestión.

Tras a súa elección, Paco Aura afirmou que asume a presidencia con “entusiasmo e sentido da responsabilidade para levar a cabo con éxito os proxectos compartidos polas cadeas autonómicas, ao tempo que se optimiza o uso dos recursos técnicos e humanos dispoñibles”. “As emisoras autonómicas son fundamentais para a cohesión social en España”, salientou.

En relación con À Punt, o novo presidente da FORTA mostrouse “satisfeito porque a posta en marcha de estratexias dirixidas a aumentar as cifras de audiencia -e, con iso, o impacto mediático do servizo público en toda a Comunidade Valenciana- está a dar resultados”.

Paco Aura exerce como director xeral de À Punt desde febreiro de 2025. Conta cunha ampla traxectoria no sector audiovisual, xa que, anteriormente, foi director de operacións en TRECE TV (2013-2025) e director xeral de Televisión Popular del Mediterráneo (2007-2013). Ademais, ocupou cargos en Canal 9, onde foi xefe de produción e produtor de informativos, ademais de enviado especial para diversos acontecementos internacionais.

ler máis

A Televisión de Galicia retransmitirá todos os partidos da pretemporada do Celta

Santiago, 06.07.2026.-    A Televisión de Galicia acompañará o R. C. Celta de Vigo desde o primeiro minuto da nova temporada. A TVG retransmitirá en directo os seis partidos de pretemporada que o equipo vigués disputará entre o 18 de xullo e o 8 de agosto, ofrecéndolle á afección galega a oportunidade de seguir os primeiros pasos do equipo celeste antes do inicio dunha temporada que se presenta especialmente esixente.

A día de hoxe hai tres citas confirmadas das seis que se van disputar

A primeira é o sábado 18 de xullo ás 20:30h, hora galega, en Braga, fronte ao equipo luso. Será a estrea oficial da pretemporada e o primeiro termómetro para medir o estado de forma do cadro de xogadores e ver as novas incorporacións. Unha semana despois, o sábado 25 de xullo ás 20:00 h, o Celta debuta en Galicia para xogar ante o Spórting de Xixón no Campo da Lomba de Vilagarcía de Arousa. Un partido especial, nunha data simbólica para Galicia e ante un rival histórico.

A penúltima cita do calendario está prevista para o mércores 5 de agosto ás 20:00 h, coa visita ao Sassuolo, equipo da Serie A, que conta con catro xogadores mundialistas. Ademais, os de Claudio Giráldez xogarán tamén o martes 28 de xullo, o venres 31 de xullo e pecharán a pretemporada o sábado 8 de agosto. Estes tres partidos, que están á espera de rival e horario, tamén se poderán ver a través da Televisión de Galicia.

A CSAG segue negociando co Deportivo para poder dar tamén en aberto todos os partidos para os seareiros galegos, igual que a TVG acompañou o equipo en temporadas anteriores.

ler máis

A CSAG pecha as contas en positivo por 17º ano consecutivo, cun superávit de 0,7 millóns de euros

Santiago, 30.06.2026.- A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) pechou o exercicio 2025 cun resultado orzamentario positivo de 0,7 millóns de euros (+687.166 euros), nas contas anuais presentadas este martes no Parlamento de Galicia pola directora xeral, Concepción Pombo Romero. Con este resultado, os medios públicos galegos encadean 17 anos consecutivos pechando as súas contas en superávit, consolidando unha traxectoria de estabilidade económica e rigor na xestión.

            Na súa primeira comparecencia para presentar unhas Contas Anuais, a directora xeral destacou que o ano 2025 estivo marcado pola convivencia de dúas liñas de actuación: a continuidade do modelo desenvolvido ata o momento e a evolución cara a unha nova etapa multiplataforma. Neste marco, explicou que se está a reforzar a estratexia dixital da Corporación e a situar a alfabetización dixital como un eixo transversal, tanto na organización interna como na relación coa sociedade.

            A directora xeral puxo en valor a eficiencia da xestión económica desenvolvida pola Corporación. Segundo sinalou, os resultados consolidados acreditan a eficacia da administración dos recursos públicos e o continuo proceso de saneamento financeiro. Nesta liña, lembrou que a anterior e a actual dirección dos medios públicos, gracias a unha xestión eficiente e en equilibrio, lograron reducir xa case o 92% da débeda herdada en 2009, que ascendía a 51 millóns de euros.

Estabilidade do emprego

            No ámbito dos recursos humanos, Concepción Pombo destacou a "completa estabilización do 100% do cadro de persoal", resultado dunha política sostida de consolidación a través das ofertas públicas de emprego e dunha planificación estratéxica dos recursos humanos.

            O gasto de persoal acadou en 2025 unha execución de 51,6 millóns de euros, mentres que outra das principais partidas do orzamento, a correspondente ás compras, ascendeu a 46,5 millóns de euros, unha cifra de inversión que repercute directamente no tecido empresarial do sector audiovisual galego.

            Esta comparencia coincide co día no que se coñecen os datos da segunda onda do EXM deste 2026 no que a TVG bate marcas e acada un 26,9% de cota de pantalla: a segunda mellor da historia, liderando en Galicia e tamén entre as autonómicas. Pola súa banda a Radio Galega segue a ser a radio pública líder en Galicia, case duplicando a RNE (51.000). A Radio Galega medrou case un 20% (19,3) nesta segunda onda do EXM do ano e sitúase nos 111.000 oíntes. Sumando a Radio Galega Música, as emisoras da Corporación dispáranse aos 143.000 oíntes de luns a venres.

ler máis

O G da Galega chegou por San Xoán para quedar no ceo nocturno da Coruña

Santiago, 24.06.2026.-  Ademais dos atractivos habituais da noite de San Xoán na Coruña, este ano sumouse unha sorpresa. Sobre o ceo nocturno comezou a distinguirse unha letra: O G da Galega, por suposto.

A letra iluminada está na nosa delegación na Coruña, no último piso do rañaceos máis alto da cidade, polo que é visible dende calquera recuncho. O G iluminado da Galega non viu só polo San Xoán, senón para quedarse: Iluminarase cada noite durante todo o ano.

ler máis

As curtas audiovisuais premiadas no concurso escolar 'Nós tamén creamos!', xa dispoñibles en Xabarín.gal

Santiago, 16.06.2026.-    Alumnos de Educación Infantil e Primaria de centros escolares de Vilanova de Arousa, Narón, A Coruña, O Vicedo, Cerceda, Guillarei, Frades e Verín recolleron os premios do concurso de curtametraxes de animación en galego ‘Nós tamén creamos!’, organizado pola Secretaría Xeral da Lingua, a CSAG e OQO editora. As curtas pódense ver xa na plataforma Xabarín.gal. ‘Nós tamén creamos!’ é un programa escolar de dinamización lingüística en que participan pezas editadas coa técnica stop-motion partindo de narracións literarias, sempre en galego. O certame fomenta a creatividade e o uso do galego no traballo de aula, achegando os cativos ao eido audiovisual e ás TIC. 

Na categoría de 2º ciclo de Educación Infantil o galardón foi para o CEIP Princesa de España de Verín (Ourense), coa curta ‘A mellor sopa do mundo’, e déuselle un accésit  a ‘Algo pasa na casa do lobo’ do CPI Ponte Carreira de Frades (A Coruña). No caso de 1º e 2º de Primaria, gañou o premio o CEIP Celso Emilio Ferreiro de Cerceda (A Coruña), pola curta ‘Nariz de ouro’, e levou o accésit o CEIP de Guillarei de Tui, por ‘Hai alguén máis feroz ca min?’. O premio na categoría de 3º e 4º de Primaria foi para o CEIP de Zalaeta (A Coruña), por ‘O soño do osiño rosa’, e o accésit foi para o CEIP O Vicedo, pola curta ‘O mago Rosa’. En 5º e 6ª de Primaria, gañou o CEIP de Viñagrande-Deiro de Vilanova de Arousa, pola curta baseada no libro ‘A mellor sopa do mundo’, mentres que o accésit viaxa ata Narón, ao CPI do Feal, pola curta ‘Hai alguén máis feroz ca min?’.

No acto, celebrado no CGAC, participaron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Jesús Manuel Álvarez Bértolo; a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, María Coutinho; a directora do CGAC, Eva López Tarrío; o responsable da área audiovisual de OQOeditora, Borja Guerrero, e a xefa de Comunicación Corporativa e RSC da CSAG, Marta Fernández.

ler máis

Docentes, estudantes e profesionais das canles públicas debaten sobre o perfil do xornalista da vindeira década

Santiago, 11.06.2026.-    O impacto da intelixencia artificial no xornalismo e no perfil do profesional dos medios centrou boa parte do debate na xornada ‘Como será o comunicador sénior en 2035?’ celebrada este xoves en Santiago. A CSAG, a USC e FORTA reuniron na Facultade de Comunicación de Santiago expertos en innovación, estudantes, xornalistas e docentes para falar de futuro, tecnoloxía e necesidades da profesión de cara á vindeira década, nunha cita en que a reitora da USC, Rosa Crujeiras, e a directora xeral da CSAG, Concepción Pombo, lles deron a benvida aos asistentes.

A permeabilidade cara á IA dos profesionais júnior e a súa vontade de progresar nun ecosistema cada vez máis competitivo resultará definitivo para o desenvolvemento da profesión, tal e como apuntaron especialistas en innovación e xornalismo das canles públicas EITB, A Punt, IB3 e CARTV de Aragón na primeira mesa.

A CSAG organiza esta xornada nun contexto marcado pola irrupción da intelixencia artificial nos procesos produtivos e informativos, a presión das plataformas globais sobre os medios de proximidade e a necesidade de reformular o papel do profesional con experiencia en organizacións que deben reinventarse sen perder a súa misión de servizo público. Os paneis abordaron tamén a formación dos profesionais, a converxencia de perfís e a hibridación técnico-xornalística dos próximos expertos. Tamén, a retención do talento, formulando o interrogante de se pode sobrevivir o actual modelo e se os medios públicos teñen capacidade real de competir polo mellor perfil no horizonte de 2035.

Esta colaboración entre a Corporación, a USC e FORTA establece un novo paso na vía de investigación permanente coa USC e alimentará un paper avalado pola universidade compostelá e FORTA que pretende achegar unha aproximación ao perfil profesional sénior dos medios públicos no 2035.

ler máis

‘+ Cuñados’, da TVG, gaña en Belfast o premio Celtic Media á mellor comedia

Alfonso López, produtor de Portocabo, e Gloría García Vivero, coordinadora de contidos da produtora, coa xefa de Contidos da TVG, Montse Besada e a xefa de Programas da Radio Galega, Natalia Penas

Santiago, 03.6.2026.- A longametraxe galega ‘+ Cuñados’, producida por Portocabo e participada pola Televisión de Galicia alzouse en Belfast co premio europeo Celtic Media Festival 2026 na categoría de Comedia. O festival, que celebra a súa 47ª edición en Belfast (Irlanda do Norte), premia deste xeito a produción dirixida por Luís Avilés que conta con Ourense e o entroido galego como pano de fondo. O premio foi recollido pola xefa de Contidos da TVG, Montse Besada, e o produtor Alfonso López, en representación de Portocabo.

‘+ Cuñados’ é a secuela da tamén comedia de éxito ‘Cuñados’ e recupera os personaxes da primeira entrega nunha trama marcada polo humor, os equívocos e a identidade galega. O filme, rodado en galego, conta con algunhas das caras máis recoñecidas do panorama audiovisual: Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez, Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal. A eles  súmanse, entre outros, os actores David Perdomo, Ivo Bastos, Ana Saltão e Nuno Sá.

A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia compite nesta edición do Celtic Media Festival con producións de referencia procedentes de entidades como a BBC, RTÉ, TG4, S4C, MG Alba ou FR3. O certame recoñece anualmente os mellores traballos de televisión, radio e novos medios dos territorios de tradición celta. O Celtic Media Festival constitúe ademais unha plataforma estratéxica para a proxección internacional do audiovisual galego e para o establecemento de colaboracións entre operadores europeos, favorecendo o intercambio de contidos e o desenvolvemento de novos proxectos.

ler máis

'Coworkinaos', a primeira coprodución de ficción entre TVG e RTPA, preséntase no Conecta FICTION & ENTERTAINMENT

Santiago, 27.05.2026.-    A TVG e a RTPA (Radio Televisión do Principado de Asturias) presentaron este mércores o proxecto ‘Coworkinaos’ en Mallorca, no marco do foro Conecta FICTION & ENTERTAIMENT, un dos principais mercados internacionais da industria audiovisual e televisiva. Esta serie é a primeira coprodución de ficción orixinal desenvolvida conxuntamente por ambas as dúas televisións públicas autonómicas.

‘Coworkinaos’, cuxa estrea está prevista para o outono de 2026, é unha fast comedy premium de personaxes e situacións recoñecibles construída desde as contradicións do presente: a nova ruralidade, as segundas oportunidades e a necesidade, cada vez máis urxente, de volver atopar comunidade nun mundo hiperconectado. Así, a serie aborda, dese o humor e a ironía, cuestións actuais como o teletraballo, o retorno ao medio rural, a reinvención profesional, a convivencia interxeracional, o esgotamento emocional ou as novas dinámicas sociais xurdidas tras a pandemia.

A serie, producida por Multiple by People, discorre de xeito natural entre o galego e o asturiano, que conviven ao igual que os seus personaxes: con proximidade, autenticidade e sen artificios, achegándolle identidade ao proxecto. Outro elemento diferencial de ‘Coworkinaos’ é o seu potencial de conexión coas comunidades galegas e asturianas no exterior, especialmente na América Latina, onde existe unha ampla diáspora vinculada cultural e emocionalmente aos dous territorios a través da lingua, o humor e os códigos compartidos.

A ficción presenta seis personaxes pertencentes a xeracións e universos vitais moi distintos que intentan reinventar as súas vidas compartindo espazo de traballo, incerteza profesional e convivencia cotiá. O elenco reúne talento galego e asturiano, reforzando así o carácter compartido da produción. Por parte galega, participan Elena Seijo, Esther Estévez e Ángel Blanco, mentres que o elenco asturiano está integrado por Eduardo Antuña, Félix Corcuera e María Cotiello. A dirección corre a cargo do realizador asturiano Samu Fuentes.

‘Asturias e Galicia crean ficción’

Durante a presentación no Conecta FICTION & ENTERTAINMENT, deuse a coñecer un novo modelo de colaboración audiovisual entre Galicia e Asturias, baseado na produción compartida, a xeración de propiedade intelectual e o impulso de contidos de ficción nas súas linguas propias.

Deste xeito, o proxecto ‘Coworkinaos’ nace no marco de ‘Asturias e Galicia crean ficción’, unha iniciativa impulsada por ambas as dúas televisións públicas para desenvolver un primeiro proxecto conxunto de ficción e abrir novas vías de colaboración creativa entre personaxes e produtoras dos dous territorios.

ler máis

Andoni Aldekoa, director xeral de EITB, é elixido novo presidente da rede europea CIRCOM Rexional

Santiago, 25.05.2026.-     O director xeral de Euskal Irrati Telebista (EITB), Andoni Aldekoa, foi elixido novo presidente de CIRCOM Rexional, a Asociación Europea de Televisións Rexionais. A elección de Aldekoa enmárcase na celebración en Tampere (Finlandia) da 42ª Conferencia Anual dunha organización da que forman parte 29 países, 40 grupos de comunicación e unha rede de 230 centros de produción.

Andoni Aldekoa, representante de España e membro do Comité Executivo de CIRCOM, substitúe o noruegués Eivind Jacobsen na presidencia, quen ocupaba este posto desde o ano 2022. A chegada de Aldekoa á presidencia de CIRCOM supón outro fito: é o primeiro representante de FORTA en acadar esta posición. A elección entra en vigor desde este luns 25 de maio. Tras a súa elección, Andoni Aldekoa destacou que “este recoñecemento é un aval ao traballo que realizamos nos medios públicos de proximidade, garantes da proximidade coa cidadanía e motores fundamentais para a diversidade cultural no espazo audiovisual europeo”.

Aldekoa desempeña desde 2020 o cargo de director xeral de EITB, membro de FORTA, e conta cunha traxectoria profesional estreitamente vinculada ao xornalismo e á xestión institucional. Para Fernando Ojea, secretario xeral de FORTA e exsecretario xeral de CIRCOM, a elección de Aldekoa é “un impulso máis ao labor conxunto das nosas entidades para proxectar o modelo de medios públicos de calidade que realizamos, e un fito que demostra o prestixio das cadeas de FORTA no marco audiovisual europeo”.

Nesta 42ª Conferencia CIRCOM Rexional (Tampere, 21 e 22 de maio), os membros de FORTA acadaron o seu mellor palmarés histórico nos premios Prix CIRCOM 2026. Concretamente, 3Cat e TVG foron distinguidas con varios galardóns. O espazo ‘Land Rober + Show’ gañou o Prix Circom na categoría de mellor programa de entretemento, e a serie ‘Lume’ de TVG e RTP acadou unha mención especial, mentres que 3Cat se alzou co Grand Prix CIRCOM 2026 polo documental ‘Et faran un home. Morts silenciades’.

ler máis

'Land Rober + Show', premiado en Finlandia co Prix CIRCOM a mellor programa de entretemento

Javier Lopo e Xaime Arias recollen o Prix Circom para 'Land Rober + Show'. Photo Miikka Varila - Yle

Santiago, 21.05.2026.-    Recoñecemento internacional para o espazo de humor da TVG ‘Land Rober + Show’ co Prix CIRCOM ao Mellor Programa de Entretemento, distinción que recoñece o programa da Galega entre producións de toda Europa. Xaime Arias, director de Proxección Social da CSAG, e o subdirector de Formatos e Contratación de Contidos da canle, Javier Lopo, recolleron o galardón esta noite na gala anual dos Prix CIRCOM na cidade de Tampere, en Finlandia.

O programa presentado polo showman Roberto Vilar consolídase como referente absoluto do entretemento da canle no prime time de luns a xoves. O xurado dos Prix CIRCOM destacaron o “forte sentido de identidade e altos valores de produción” do espazo da TVG e “un notable nivel de improvisación que engade espontaneidade a un programa vivo, dinámico e auténtico”. ‘Land Rober + Show’ suma este recoñecemento aos obtidos en distintas edicións dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego e nos Premios Iris de televisión (2017, mellor programa autonómico).

A serie ‘Lume’, mención especial do xurado na categoría de ‘Drama’
    
Ademais, a serie ‘Lume’, coproducida por TVG e a RTP e gañadora do I Festival Internacional de Series Ría de Vigo en 2025, recibiu a mención especial do xurado na categoría de drama. O xurado destaca ‘Lume’ polo seu tratamento dun importante problema rexional: os incendios forestais que afectan a Galicia e por reflictir a realidade cultural e lingüística da rexión fronteiriza mediante o uso natural do galego, o castelán e o portugués, achegando á historia un forte sentido de lugar e autenticidade. 

CIRCOM engloba 30 países e preto de 250 televisións rexionais, o que a converte na maior asociación de canles rexionais públicas de toda Europa. Esta edición bateu o récord de candidaturas, con 272. 

ler máis

Comeza a rodaxe de 'O asasino do pelo roxo', a nova serie 'true crime' da Televisión de Galicia

Santiago, 21.05.2026.-    Arranca esta semana a rodaxe de ‘O asasino do pelo roxo’, a nova serie de ficción da Televisión de Galicia, producida por Zenit TV. A produción está inspirada no caso real do asasinato de Elisa Abruñedo, crime que conmocionou Galicia en 2013 e que foi resolto unha década despois grazas á aplicación pioneira da xenealoxía xenética. 

A rodaxe desenvolverase en diferentes localizacións de Galicia, principalmente na área de Santiago e a súa contorna: Vedra, Teo, Ames, Brión, Noia, A Estrada ou Val do Dubra, así como na ría de Ares, as Fragas do Eume e distintos concellos da comarca de Ferrolterra, combinando interiores naturais e espazos exteriores que constrúen a atmosfera emocional da serie. 

Dirixida por Inés Pintor (‘El tiempo que te doy’, ‘Sigue mi voz’), e coa dirección de fotografía de Jaime Pérez (‘Rapa’, ‘Wiss &Morales’, ‘Ardora’), a serie aposta por un enfoque ético, humano e emocional arredor do crime, afastándose do morbo habitual do xénero para poñer o foco nas vítimas, na familia e nas persoas que loitaron durante anos por atopar a verdade. Segundo as palabras da directora Inés Pintor, “o importante non é só o crime, senón todo o que deixa detrás: a ferida dunha familia, dunha comunidade e tamén dos investigadores e os profesionais que dedicaron anos da súa vida á procura da xustiza”.

A serie, de 6 episodios de 50 minutos e rodada integramente en galego, contará cun amplo elenco encabezado por Adrián Ríos, Sergio Abelaira, Manu Estévez, Xosé M. Esperante, Isabel Garrido, Alberto Rolán, Susana Sampedro, María Tasende e Nacho Castaño, entre outros.

‘O asasino do pelo roxo’ está escrita por Lidia Fraga, Virginia Yague e Pablo Tobías e conta coa produción executiva de Zaza Ceballos. A proposta combina thriller, investigación forense e drama humano nun relato coral que aborda cuestións como a culpa colectiva, a memoria, a violencia e a necesidade de xustiza. Visualmente, a serie aposta por unha posta en escena cinematográfica e unha forte identidade galega, coa paisaxe, a néboa, os montes e a choiva converténdose tamén en elementos narrativos fundamentais. 

Televisión de Galicia segue a reforzar a aposta por historias galegas e producidas en lingua galega con capacidade de proxección internacional, apoiándose nun relato local de enorme resonancia universal e nun dos casos de investigación criminal máis impactantes da historia recente de España. Con ‘O asasino do pelo roxo’, TVG e Zenit continúan apostando por unha ficción en galego ambiciosa e contemporánea e con capacidade para conectar co público desde a autenticidade, a emoción e o rigor narrativo.

ler máis

'Land Rober + Show' bate o seu récord anual e lidera o 'prime time' galego

Santiago, 21.05.2026.-    O espazo de humor da TVG ‘Land Rober + Show’ foi este mércores o programa máis visto en Galicia ao acadar unha cota do 16%, o mellor dato desta temporada; ademais, Televisión de Galicia liderou o prime time, a franxa de maior consumo do día, cunha cota do 11,2%.

O programa presentado polo showman Roberto Vilar consolídase como referente absoluto do entretemento da canle galega nas noites de luns a xoves. Ademais, ‘Land Rober + Show’ celebra hoxe o Premio europeo CIRCOM 2026 ao Mellor Programa de Entretemento. O galardón entregarase esta noite en Finlandia no marco da gala anual de CIRCOM, a maior organización europea de televisións rexionais públicas, que engloba 30 países e preto de 250 canles.

O xurado destacou o programa da Galega como “puro entretemento”, o “forte sentido de identidade e altos valores de produción” e “un notable nivel de improvisación que engade espontaneidade a un programa vivo, dinámico e auténtico”. ‘Land Rober + Show’ suma este recoñecemento aos obtidos en distintas edicións dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego e nos Premios Iris de televisión (2017, mellor programa autonómico).

ler máis

'Land Rober + Show' gaña o premio europeo CIRCOM 2026 ao mellor programa de entretemento

Santiago, 24.04.2026.-  ‘Land Rober + Show’, o espazo do prime time da Televisión de Galicia, alzouse co Premio CIRCOM 2026 na categoría de Entretemento, segundo foi anunciado este venres polo CIRCOM, a maior organización europea de televisións rexionais públicas.

‘Land Rober’, referente absoluto do entretemento na grella da TVG nas noites de luns a xoves, foi definido polo xurado como un programa de “puro entretemento”, polo seu “forte sentido de identidade e altos valores de produción”, salientando ademais “un notable nivel de improvisación que engade espontaneidade a un programa vivo, dinámico e auténtico”. O espazo presentado por Roberto Vilar suma este recoñecemento aos obtidos en distintas edicións dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego e nos Premios Iris de televisión (2017, mellor programa autonómico).

Ademais, a serie ‘Lume’, coproducida por TVG e a RTP e gañadora do I Festival Internacional de Series Ría de Vigo en 2025, recibiu a mención especial do xurado na categoría de drama. O xurado destaca ‘Lume’ polo seu tratamento dun importante problema rexional: os incendios forestais que afectan a Galicia e ás áreas veciñas ano tras ano. Tamén reflicte a realidade cultural e lingüística da rexión fronteiriza mediante o uso natural do galego, o castelán e o portugués, achegando á historia un forte sentido de lugar e autenticidade. Despois de ser emitida na TVG e na RTP o pasado verán, ‘Lume’ segue dispoñible na plataforma AGalega.gal.

CIRCOM engloba 30 países e preto de 250 televisións rexionais, o que a converte na maior asociación de canles rexionais públicas de toda Europa. Esta edición bateu o récord de candidaturas, con 272. Os premios serán entregados o próximo 21 de maio nunha gala na cidade de Tampere, Finlandia.

ler máis

O Xabarín da TVG, na "Carreira máis curta do Mundo" ante "Chicha" e Pedro Nimo

Santiago, 22.04.2026.-  O Xabarín da Televisión de Galicia saltou á pista de atletismo do Estadio Vero Boquete de San Lázaro decidido a subir ao máis alto do podio na “Carreira máis curta do Mundo”. Este eventou promociona a proba nocturna “Sant Ya Go! 10K 2026”, unha carreira popular nocturna que percorrerá as rúas da zona vella de Santiago de Compostela o vindeiro sábado 30 de maio.

Animados pola rapazada das categorías inferiores do Club Atletismo Fontes do Sar, o protagonista de Xabarín.gal disputou dous curiosos ‘sprints’ ante os seus rivais: “Chicha”, a mascota do club de baloncesto Obradoiro, e o atleta santiagués Pedro Nimo, campión de España de maratón en 2014. Tivéronse que disputar dúas carreiras logo de que os xuíces decretaran nula a primeira debido a que o Xabarín quedou enredando coa cativada. Sen embargo, a segunda carreira foi a boa e velaí a mascota do Clube da Galega conseguíu unha disputada medalla de prata, subindo “Chicha” ao máis alto do podio.

Con este evento de San Lázaro arrancaron os actos promocionais da carreira “Sant Ya Go! 10K 2026”, proba nocturna homologada que xa vai pola súa décima edición. Este consolidado proxecto do Club Atletismo Fontes do Sar e do Multiusos Fontes do Sar – Complexo Deportivo Santa Isabel xa abríu o prazo de inscrición, que se pode realizar  en https://www.santyago10k.run/es/  Velaí estará sen falta o protagonista da plataforma dixital Xabarín.gal

ler máis

Riazor vibra co Xabarín da TVG no descanso do Deportivo-Mirandés

Santiago, 21.04.2026.-  O Xabarín da Televisión de Galicia saltou ao céspede do Estadio Abanca Riazor este luns, 20 de abril de 2026, no descanso do partido que enfrontou ao R.C. Deportivo co C.D. Mirandés. A mascota do Club da Galega viaxou á Coruña con motivo da decisiva 36ª xornada do campionato de Liga na Segunda División, celebrando así os 40 anos da TVG e os 40 anos de retransmisións e apoio ao equipo branquiazul.

”Hai alguén ahí?” foi a mítica pregunta que se escoitou este luns no descanso do R.C. Deportivo- C.D. Mirandés, no que o Xabarín convidou a todos a formar parte da súa nova plataforma dixital Xabarin.gal

Xabarín lembrou os éxitos do R.C. Deportivo, os mellores goles, as grandes celebracións, os xogadores históricos, os títulos conseguidos e a traxectoria do club herculino nestas catro décadas de trasmisións na TVG. Os vídeomarcadores de Abanca Riazor proxectaron un vídeo conmemorativo amenizado con música do Club da Galega, a cargo dos coruñeses Os Diplomáticos de Monte-Alto.

Ademáis, o R.C. Deportivo xa é desde este luns Socio de Honra do Xabarín Club. Tamén o presidente, vicepresidenta, adestradores e todos os xogadores dos primeiros planteis masculino e feminino do club herculino recibiron o seu carné personalizado do Club da Galega. Todo, nun acto cargado de sorpresas e agasallos no estadio deportivista.

ler máis
— 20 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 20 de 133 resultados.

div-crtvg-right1

Publicidade

div-crtvg-right2

Publicidade

div-crtvg-right3

Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade