div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Comeza a rodaxe de 'O asasino do pelo roxo', a nova serie 'true crime' da Televisión de Galicia

É un thriller rodado en galego sobre o primeiro caso en España resolto mediante xenealoxía xenética, producido por Zenit TV

Gravarase en diferentes localizacións de Galicia, na área de Santiago e a súa contorna, así como na ría de Ares, as Fragas do Eume e Ferrolterrra

A TVG segue a reforzar a aposta por historias galegas con capacidade de proxección internacional

csag.gal 21/05/2026 12:25

Santiago, 21.05.2026.-    Arranca esta semana a rodaxe de ‘O asasino do pelo roxo’, a nova serie de ficción da Televisión de Galicia, producida por Zenit TV. A produción está inspirada no caso real do asasinato de Elisa Abruñedo, crime que conmocionou Galicia en 2013 e que foi resolto unha década despois grazas á aplicación pioneira da xenealoxía xenética. 

A rodaxe desenvolverase en diferentes localizacións de Galicia, principalmente na área de Santiago e a súa contorna: Vedra, Teo, Ames, Brión, Noia, A Estrada ou Val do Dubra, así como na ría de Ares, as Fragas do Eume e distintos concellos da comarca de Ferrolterra, combinando interiores naturais e espazos exteriores que constrúen a atmosfera emocional da serie. 

Dirixida por Inés Pintor (‘El tiempo que te doy’, ‘Sigue mi voz’), e coa dirección de fotografía de Jaime Pérez (‘Rapa’, ‘Wiss &Morales’, ‘Ardora’), a serie aposta por un enfoque ético, humano e emocional arredor do crime, afastándose do morbo habitual do xénero para poñer o foco nas vítimas, na familia e nas persoas que loitaron durante anos por atopar a verdade. Segundo as palabras da directora Inés Pintor, “o importante non é só o crime, senón todo o que deixa detrás: a ferida dunha familia, dunha comunidade e tamén dos investigadores e os profesionais que dedicaron anos da súa vida á procura da xustiza”.

A serie, de 6 episodios de 50 minutos e rodada integramente en galego, contará cun amplo elenco encabezado por Adrián Ríos, Sergio Abelaira, Manu Estévez, Xosé M. Esperante, Isabel Garrido, Alberto Rolán, Susana Sampedro, María Tasende e Nacho Castaño, entre outros.

‘O asasino do pelo roxo’ está escrita por Lidia Fraga, Virginia Yague e Pablo Tobías e conta coa produción executiva de Zaza Ceballos. A proposta combina thriller, investigación forense e drama humano nun relato coral que aborda cuestións como a culpa colectiva, a memoria, a violencia e a necesidade de xustiza. Visualmente, a serie aposta por unha posta en escena cinematográfica e unha forte identidade galega, coa paisaxe, a néboa, os montes e a choiva converténdose tamén en elementos narrativos fundamentais. 

Televisión de Galicia segue a reforzar a aposta por historias galegas e producidas en lingua galega con capacidade de proxección internacional, apoiándose nun relato local de enorme resonancia universal e nun dos casos de investigación criminal máis impactantes da historia recente de España. Con ‘O asasino do pelo roxo’, TVG e Zenit continúan apostando por unha ficción en galego ambiciosa e contemporánea e con capacidade para conectar co público desde a autenticidade, a emoción e o rigor narrativo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade