O soño da sultá, participada por TVG, acada o Premio Quirino de animación iberoamericana ao Mellor Desenvolvemento Visual - CRTVG
O soño da sultá, participada por TVG, acada o Premio Quirino de animación iberoamericana ao Mellor Desenvolvemento Visual
Esta coprodución internacional, con factura galega, foi o primeiro filme animado europeo en competir na sección oficial de San Sebastián e acumula galardóns a nivel nacional e internacional
Santiago, 13.05.2024.- A longametraxe ‘O soño da sultá’, da directora Isabel Herguera e participada pola TVG, segue a conseguir premios. Esta fin de semana alzouse en Tenerife co Premio Quirino de animación iberoamericana no apartado Mellor Desenvolvemento Visual.
A película, una produción de Abano Producións, El Gatoverde Producciones, UniKo Estudio Creativo, Sultana Films, Fabian&Fred (España, Alemania), co apoio da canle galega, sumou este novo premio na VII edición destes galardóns iberoamericanos, que recoñecen o labor da industria da animación en homenaxe ao director Quirino Cristiani, quen fora o creador da primeira longametraxe de animación da historia, en 1917, a película arxentina ‘O Apóstolo’, para a que se fixeran a man 58.000 debuxos.
‘O soño da sultá’ foi o primeiro filme animado europeo en competir na sección oficial de San Sebastián e acumula galardóns a nivel nacional e internacional. En marzo alzárase co premio á mellor longametraxe de animación no Anima, o Festival Internacional de Animación de Bruxelas.
A cinta contou desde o seu lanzamento co recoñecemento da crítica. Ademais de ser a primeira longametraxe de animación europea en participar na sección oficial en San Sebastián, logrou o Premio Irizar ao cine vasco e mais o Premio da Asociación Vasca de Guionistas Euskal Gidoigileen Elkartea. A nivel internacional acadou xa o Premio Mellor Coprodución internacional no Festival de Hamburgo e tamén obtivo candidaturas aos premios máis destacados a nivel nacional: os Goya, os Forqué e os Feroz.
A gala dos Premios Quirino tivo lugar este domingo no Teatro Leal de San Cristóbal da Laguna (Tenerife), con 25 obras finalistas escollidas entre 247 filmes.