div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

O novo espazo 'De lá para cá' achega a música portuguesa na plataforma AGalegaAudio da man da artista MJ Pérez

Cada semana haberá novos contidos no podcast, que ademais se emitirá en Radio Galega Música os sábados á noite

AGalegaAudio conta xa con máis de 4.000 podcasts dispoñibles

A CRTVG segue a achegarse á cultura e á lingua portuguesas e estreita lazos con Portugal

crtvg.gal 23/02/2024 12:58

Santiago, 23.02.2024.-    A plataforma dixital AGalegaAudio estrea este venres, da man da artista María José Pérez Ferreira, máis coñecida como MJ Pérez, o podcast ‘De lá para cá’, que lles achega a cultura musical de Portugal aos usuarios da CRTVG. O espazo é xa accesible na plataforma dixital e tamén en Radio Galega Música (sábados ás 22:00 h.).

Na primeira entrega, MJ Pérez presenta a evolución musical da cantante Ana Moura, e ‘Afro Fado’, o último de Slow J, álbum que bateu récords no seu lanzamento. MJ lembrará a Sara Tavares e falará con Budiño, que colaborou con ela no seu disco ‘Zume de Terra’. No segundo capítulo da vindeira semana, o podcast percorrerá algúns dos discos e proxectos destacados do ano 2023: Carminho, Milhanas, Expresso Trastlântico, Ana Lua Caiano, Conjunto Corona, Salvador Sobral, ou Eu.Clides outros.

De lá para cá’ (60’) traerá a música portuguesa actual e mergullarase tamén no seu panorama dos últimos tempos. Mainstream e música independente, proxectos consolidados ou colaboracións entre artistas, e tamén fado e música tradicional terán espazo na proposta que atende así mesmo a relación co cine, explicando, por exemplo, a importancia da música lusa no filme en lingua galega ‘O corno’, de Jaione Camborda.

O podcast representa un paso máis da CRTVG no achegamento á cultura e a lingua lusas e súmase a outras propostas de entretemento e ficción xa estreadas que estreitan lazos co país veciño.
    
María José Pérez Ferreira, máis coñecida como MJ Pérez (o seu nome artístico), é a creadora e condutora de ‘De lá para cá’. Natural de Arzúa, destaca polas súas raíces lusas e coñecemento do país veciño. Se ben é máis coñecida entre o público polo seu proxecto musical, ademais de ser cantautora e estar vinculada ao mundo da música, MJ é tamén produtora audiovisual e comunicadora.

Primeiro mes da plataforma dixital: AGalegaAudio ten xa máis de 4.000 contidos

O 17 de xaneiro naceu para o gran público a plataforma dixital AGalega, acompañada das app AGalegaAudio e Xabarín. No seu primeiro mes de vida, AGalegaAudio contou con 70.000 sesións abertas e dispón actualmente de máis de 4.000 contidos de audio.

Actualmente, a AGalega pode accederse vía web (www.agalega.gal), e ademais pode descargarse desde Google Play e Apple Store. A recomendación é empregar sempre a última actualización, xa que nesta fase de lanzamento as melloras de usabilidade son diarias. No que respecta ás smart tv, pode accederse a través de 4 opcións: descargando a app directamente en televisores LG e no Chromecast con Google TV; enviando o sinal desde un teléfono Iphone tanto ao Chromecast como directamente aos televisores intelixentes que conten con tecnoloxía Air Play, como os Samsung; enviando o sinal desde un dispositivo Android (tablet ou telefóno) á smart tv a través do duplicador de pantalla; e finalmente, enviando o sinal á smart tv directamente desde o navegador de  www.agalega.gal. Proximamente as apps estarán tamén dispoñibles para a descarga directa noutros televisores intelixentes e en Fire TV.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade