Bases da 4ª edición do concurso #DígochoEu destinado a centros escolares - CRTVG
Bases da 4ª edición do concurso #DígochoEu destinado a centros escolares
A Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. produce o espazo divulgativo #DígochoEu, que ten como finalidade achegar a lingua galega dunha forma dinámica e entretida. Busca ser un espazo aberto á participación da xente nova e da comunidade educativa, polo que considera de interese que poidan participar na elaboración dos microespazos. Por iso, inicialmente proponse que se presenten bosquexos de guións dun programa para, a continuación, cos seleccionados realizar a gravación do referido programa. Con esta finalidade, apróbanse as seguintes bases:
OBXECTO
O obxecto deste concurso é fomentar a colaboración da xente nova e dos centros educativos na elaboración do programa #DígochoEu para achegar a lingua galega a este sector da poboación.
Con este obxectivo, seleccionaranse DOCE propostas de contido para un programa realizados polos centros (SEIS en centros de primaria e SEIS en centros de ensino secundario) e, coa súa colaboración, a CRTVG gravará un programa do #DígochoEu.
Os/as profesores/as e os/as alumnos/as dos centros seleccionados participarán na gravación do programa #DígochoEu elaborado a partir das súas propostas.
O programa será emitido a través das canles da CRTVG por todos os sistemas (televisión dixital terrestre -TDT-, satélite, cable/IPTV e Internet), sen limite de pases, ata a entrada das gravacións no dominio público e en todo o mundo. Tamén se realizará a posta a disposición través a redes sociais da Corporación RTVG e da súa páxina web.
DESTINATARIOS
Poderán participar os centros educativos de primaria e secundaria da comunidade autónoma de Galicia. Tamén aqueles centros de fóra da comunidade autónoma que impartan a materia de lingua galega.
Os centros estarán representados por un/unha profesor/a. Cada profesor/a poderá presentar unha única candidatura, pero iso non impide a participación de varios/as profesores/as dun mesmo centro. Cada candidatura estará composta, ademais de polo membro do profesorado, por alumnos/as do centro.
O prazo de presentación de candidaturas comeza o 3 de decembro de 2024 e termina o 22 de decembro de 2024 ás 23:59 horas.
Para poder participar, o profesor/a deberá presentar a candidatura enviando un correo electrónico a digochoeu@crtvg.gal, indicando o seu nome, o nome do centro participante e a idea proposta.
MECÁNICA DO CONCURSO
O concurso consiste na elaboración e execución dun vídeo de menos de 1 minuto para emitir no espazo de divulgación da lingua galega #DígochoEu.
O profesor ou profesora enviará un correo electrónico a digochoeu@crtvg.gal cun bosquexo de guión para un capítulo do #DígochoEu dunha duración inferior ao minuto. Este bosquexo debe ser realizado coa participación activa do alumnado e deberá ser realizado en lingua galega.
Non se trata de presentar un guión ou un vídeo definitivo, senón dunha proposta imaxinativa para un capítulo que se poida gravar na contorna do alumnado e que teña como finalidade divulgar a lingua galega. Isto non implica que o capítulo teña que desenvolverse nunha aula ou nun colexio; pode ser en calquera escenario, grazas á aplicación a posteriori de efectos de vídeo.
O bosquexo de guión debe contar con que no programa participen a presentadora do espazo e o alumnado.
Tamén deberán respectar os criterios reitores da dirección editorial da Corporación RTVG, S.A. aprobados polo Consello de Administración.
Unha vez recibidas todas as propostas, o equipo do #DígochoEu fará unha selección das DOCE máis orixinais, creativas ou innovadoras (SEIS de educación primaria e SEIS de educación secundaria) e mais DÚAS de reserva (UNHA de educación primaria e UNHA de educación secundaria).
A partir das DOCE propostas seleccionadas, a Corporación RTVG, co asesoramento do centro, realizará o guión seleccionado e establecerá os medios necesarios para a gravación.
Posteriormente, o equipo do programa acudirá ao centro para executar a gravación co alumnado. Co material gravado, o #DígochoEu fará unha montaxe consensuada co/a profesor/a, que se converterá nun episodio máis do #DígochoEu (e que se pode emitir por calquera das canles da Corporación RTVG, tal e como figura nestas bases).
Unha vez emitidos/publicados todos os episodios (previsiblemente no mes de maio, coincidindo co mes das Letras), un xurado de profesionais do audiovisual alleo ao equipo do #DígochoEu avaliará os capítulos emitidos e outorgará SEIS premios.
Os criterios de valoración serán os seguintes:
- Calidade lingüística e expresividade dos participantes
- Orixinalidade e innovación do contido
Establécense seis premios en dúas categorías:
- Educación primaria: un primeiro premio de 500 euros, un segundo premio de 300 euros e un terceiro premio de 200 euros.
- Educación secundaria: un primeiro premio de 500 euros, un segundo premio de 300 euros e un terceiro premio de 200 euros.
Como cada centro pode presentar varias propostas, non é descartable que mesmo centro poida obter varios premios. A estas cantidades seranlles aplicadas as retencións fiscais correspondentes.
O premio irá destinado ao centro, que o destinará ás actividades lúdicas que considere oportunas. Sempre que sexa posible, a entrega dos premios será nun programa especial aínda por determinar.
CESIÓN DE DEREITOS E XESTIÓN DOS DEREITOS DE IMAXE
Os centros educativos elixidos para a gravación dos capítulos deberán contar coas preceptivas autorizacións de todos os participantes ou dos titulares da patria potestade ou tutela dos menores participantes.
Os autores do bosquexo do guión pola súa participación neste concurso autorizan a Corporación RTVG a elaborar o guión definitivo así como a súa transformación no programa resultante.
TITULARIDADE DO PROGRAMA
Correspóndelle á Corporación RTVG como produtora dos programas todos os dereitos de propiedade intelectual e industrial sobre este para todo o mundo e ata a súa entrada no dominio público.
ACEPTACIÓN DAS BASES
A participación no concurso supón a aceptación na súa totalidade das presentes bases que poden ser consultadas polos participantes na páxina web www.crtvg.gal.
A Corporación RTVG resérvase o dereito de retirar ou modificar a mecánica do concurso á súa enteira discreción, para o cal informará pertinentemente a través dos mesmos medios en que se publicitou o concurso, modificando as bases, se o considerase oportuno.
En caso de controversia ou discrepancia derivada da interpretación destas bases, prevalecerá o criterio da Corporación RTVG.
PROTECCIÓN DE DATOS DE CARÁCTER PERSOAL
A Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. (Corporación RTVG) informa de que, con base no Regulamento UE 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello de 27 de abril de 2016, relativo á protección de persoas físicas respecto ao tratamento de datos de carácter persoal e á libre circulación deses datos (RXPD) e a Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, a finalidade da recollida e tratamento dos datos de carácter persoal que o PARTICIPANTE nos facilite durante a súa participación no concurso, e que fai referencia a datos de carácter persoal, resulta necesario para o desenvolvemento e cumprimento do concurso e para a realización do programa. Informámolo de que ditos datos non serán cedidos a terceiros sen o seu expreso consentimento, salvo obriga legal ou base xurídica que o lexitime e serán conservados unicamente polo tempo que legalmente corresponda. O tratamento dos datos de carácter persoal de menores de 14 anos realízase co consentimento dos titulares da patria potestade ou titor.
Poderá exercitar os seus dereitos de Acceso, Rectificación, Supresión, Oposición, Limitación e Portabilidade por correo postal á dirección propia da Corporación RTVG, ou mediante correo electrónico na dirección lopd@crtvg.es, en ambos os casos xuntando copia do DNI. Tamén poderá presentar unha reclamación ante unha autoridade de control.