AGalega.gal marca o seu máximo histórico - CRTVG
AGalega.gal marca o seu máximo histórico
A plataforma de contidos dixitais acada o 2,8 % de penetración no mercado, a cifra máis alta desde o seu nacemento, e segue no top 20 en España
A TVG tamén sobe e convértese na canle autonómica que máis medra no mes de agosto, liderando os informativos en Galicia
Santiago, 02.09.2024.- O Netflix da TVG, AGalega.gal, a plataforma de contidos audiovisuais en galego e en aberto máis grande do mundo, marcou o seu máximo histórico nesta temporada de verán, segundo os datos do informe do medidor SigmaDos30.
AGalega.gal sitúase nun 2,8 % de cota mercado, a cifra máis alta desde o seu nacemento, sobe tres décimas con respecto ao último informe, e mantense entre as 20 plataformas máis vistas de España. AGalega.gal está dispoñible en IOS e Android, e é de balde.
A estas boas cifras no eido dixital hai que sumarlles as do consumo a través da TDT. Nun mes de agosto marcado polos Xogos Olímpicos, a Galega foi quen de ser a canle autonómica con maior crecemento e rematar o mes entre as tres canles máis vistas da FORTA, cun 8,7 % de cota de pantalla no total día e un 9,3 % no prime time, segundo os datos do medidor Kantar Media.
Se a suba do total día é salientable, máis aínda é o comportamento do prime time, a faixa de maior consumo do día. No mes de agosto a audiencia nese tramo incrementouse case un 30 % para deixar a cota no 9,3 %.
A fortaleza do prime time vén acompañada de novo pola fortaleza dos informativos. Unha vez máis, a TVG acada o liderado neste eido, en que a segue a canle privada Antena 3. A Galega chegou en agosto a 1.661.000 persoas, o que supón o 63,1 % dos galegos de 4 e máis anos. Esta cifra ascende a 1.756.000, o 66,7 % da poboación, se falamos do conxunto de canles de televisión da CRTVG, xa que a G2 acadou o 1 % de cota nese mes.