A TVG foi a canle máis vista en Galicia toda a fin de semana - CRTVG
A TVG foi a canle máis vista en Galicia toda a fin de semana
Cun 11,7 %, 9,4 % e 10 % respectivamente a TVG foi líder absoluto de audiencias en Galicia de venres a domingo, e segue a manter en xaneiro o liderado en informativos
A Galega medrou de forma exponencial tamén no eido dixital, onde só as contas de @G24Noticias en Instagram e X alcanzaron preto de 12 millóns de impactos
Santiago, 27.01.2025.- A TVG foi a canle máis vista na fin de semana, liderando todos os días desde o venres ata o domingo. Na xornada do venres 24, a TVG foi líder co 11,7 % no conxunto do día, destacando tanto os programas informativos, cun ‘Galicia Noticias’ no 22,4 % de cota, como no entretemento, co ‘Luar’ preto do 10 % (9,9 %) e liderando o competidísimo prime time dos venres.
O sábado a TVG repetiu primeiro posto no conxunto da xornada (9,4 %) e tamén no prime time, con case dous puntos máis que o seguinte competidor, e coincidindo coa emisión de ‘40 anos, 40 programas’, espazo co que Televisión de Galicia está a celebrar os seus corenta anos de vida e a lembrar os programas e series máis destacados destas catro décadas. Ao igual que o venres, a TVG contou o sábado con 5 dos 10 programas máis vistos de Galicia.
Onte domingo a TVG volveu liderar, e foi unha das dúas únicas canles en Galicia que chegaron ao 10 % de cota. Destaca na xornada de onte a audiencia do ‘Telexornal Serán’, que, cun 20,4 %, foi o espazo de televisión máis visto en Galicia do día. Seis dos dez programas máis vistos en Galicia desta xornada foron da TVG.
A Galega segue a ser un mes máis a canle líder en informativos en canto a emisión lineal, e o alcance destes viuse multiplicado polas canles informativas da CRTVG en servizos dixitais, tanto en X como en Instagram. A información das contas de @G24Noticias nestas dúas redes tivo un extraordinario comportamento. A conta de X chegou aos seis millóns e trescentas mil impresións cun crecemento do 126 % nunha semana, e os vídeos de Instagram alcanzaron os cinco millóns e medio de visualizacións, cun crecemento do 50 % con respecto da semana anterior.