div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A Radio Galega retransmite este mércores desde Mestalla o Valencia-Celta, dos oitavos de final da Copa do Rei

O ‘Galicia en Goles’ comezará ás 19:45 h na FM e radiogalega.gal

crtvg.gal 17/01/2024 12:54

Santiago, 17.01.2024.-    O Celta de Vigo afronta hoxe unha nova eliminatoria da Copa do Rei de fútbol fóra da casa. Desta volta, o rival xa é un equipo da Primeira División e con tradición nesta competición. A partir das 19:45 h, Paco Santos porá na antena da Radio Galega unha edición especial de ‘Galicia en Goles’ coa retransmisión desde o estadio de Mestalla do partido Valencia-Celta, correspondente aos oitavos de final.

Ata o momento pasaron os favoritos a cuartos de final tras a xornada do martes, coas vitorias do Athlétic de Bilbao, Sevilla e Mallorca. Os prognósticos danlle vantaxe ao equipo local, primeiro porque xogará arroupado pola súa afección e, en segundo lugar, porque está mellor clasificado na liga regular.

Roberto Carlos Carballo narrará desde o campo laranxa todo o que suceda sobre o terreo de xogo, arroupado polos comentarios dos adestradores José Valtierra e Moncho Carnero. En canto remate o encontro, os oíntes poderán escoitar os adestradores na sala de prensa e os principais protagonistas na zona mixta. A partir das 23:00 h, o Valencia-Celta tamén será a portada do espazo ‘Ao Contraataque’, da man de Pedro Pablo Alonso, que contará coa opinión dos especialistas na mesa de debate.

Xa na fin de semana, o ‘Galicia en Goles’ ten programadas 25 horas de emisións deportivas. O venres, a partir das 20:30 h e ata a medianoite, un dos puntos de directo estará na LEB Ouro de baloncesto, coa cobertura do Melilla-Ourense.

O sábado, a partir das 15:00 h, a atención pasará polo Celta-Real Sociedade, de Primeira, e o Rácing de Ferrol-Oviedo, da Segunda. Estes dous partidos tamén poderán escoitarse nas canles de audio de Movistar, a televisión posuidora dos dereitos.

O domingo, ás 11:45 h, a Primeira RFEF será a protagonista con tres citas con presenza galega: Sabadell-Celta Fortuna, Real Unión de Irún-Arenteiro e Nástic de Tarragona-Lugo. Esta categoría tamén centrará a función da tarde, desde as 15:00 h, co Deportivo-Ponferradina, en Riazor.

O baloncesto, mentres, estreará as emisións na nova plataforma dixital da CRTVG. Así, o sábado ás 18:00 h os oíntes poderán escoitar de xeito íntegro o Obradoiro-Tenerife, mentres o domingo ás 12:30 h a quenda será para o Breogán-Xirona. Nos dous casos, a narración tamén chegará a través do audio 2 das retransmisións televisivas de Movistar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade