'Raíña-me' chega esta semana á plataforma AGalega.gal coas súas transformacións de 'drag queens' - CRTVG
'Raíña-me' chega esta semana á plataforma AGalega.gal coas súas transformacións de 'drag queens'
A artista Alexa Evans abre as portas do seu ‘Odragoiro’ a convidados especiais que transformarán o seu aspecto por completo
Ademais, a plataforma da CRTVG estrea este martes ‘Música no foco’, 10 cápsulas visuais con interpretacións de autores da música contemporánea galega
A oferta de cinema amplíase con ‘Os demos de barro’, unha coprodución galego-franco-portuguesa que combina stop-motion e animación 2D
Santiago, 18.06.2024.- A plataforma AGalega.gal suma esta semana novos contidos, entre os que se atopa ‘Raíña-me’, un contido exclusivo de AGalega.gal en que a artista Alexa Evans abre as portas do seu ‘Odragoiro’ a un convidado ou convidada especial en cada programa para transformar o seu aspecto por completo. Ademais, con retos sorprendentes e entrevistas lixeiras, comprobarase se os convidados teñen o que fai falta para converterse nunha nova raíña do drag. Estará dispoñible desde o xoves 20.
E este martes 18 de xuño quedará accesible ‘Música no foco’, dez cápsulas musicais visuais que se estrean coa artista Hydn, quen interpreta o seu primeiro tema en galego, ‘Augurio’, nas Torres de Oeste, en Catoira. Nesta serie de contidos, distintos autores da música contemporánea galega interpretan un dos seus temas nun marco natural. Cada semana engadirase unha nova peza, e a oferta comeza hoxe.
A oferta de cinema segue crecendo: o venres estréase ‘Os demos de barro’, unha coprodución galego-franco-portuguesa inspirada visualmente na cerámica tradicional portuguesa, que combina stop-motion e animación 2D. Dirixido a maiores de 7 anos, é un filme cun gran percorrido por festivais que conta a historia de Rosa, unha gran profesional e a estrela da súa empresa. Así e todo, destrúe a súa computadora fronte a todos os seus compañeiros de traballo e vaise da cidade para sempre.
Ademais destas estreas, o mércores 19 publicaranse novas entregas do programa ‘Historias mínimas’, que presenta historias contadas por persoas anónimas ante a cámara nun set móbil único que viaxa por toda Galicia. Ademais de poñer a disposición os capítulos que se estrearán esta fin de semana na TVG, publicaranse as primeiras temporadas do espazo, xa emitidas.
Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 13.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua. Desde o 17 de xaneiro, preto de 750.000 persoas accederon ao conxunto de plataformas da CRTVG en 4,4 millóns de sesións, converténdoas na referencia dos contidos audiovisuais non só á carta, senón tamén de directo, xa que AGalega.gal tamén integra os sinais de TVG e a G2 na súa oferta, elemento este diferencial con respecto a outras plataformas, o que fai que a televisión lineal ampliara desde xaneiro o seu alcance máis aló do tradicional consumo a través do aparello de televisión.
Tanto AGalega como as app AGalegaAudio e Xabarín son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, á AGalega AGalegaAudio e a Xabarín pode accederse vía web e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes.