Os Telexornais da TVG estrean este luns o novo estudio de Informativos - CRTVG
Os Telexornais da TVG estrean este luns o novo estudio de Informativos
O ‘Telexornal Mediodía’ e o ‘Telexornal Serán’ son os primeiros en emisión desde o renovado Estudio 300 de San Marcos
A gran pantalla angulada de 36 metros e o seu equipamento dixital facilitan unha nova narrativa audiovisual que integra imaxes, animacións e 3D
Proximamente sumaranse á emisión desde este estudio o ‘Galicia Noticias’, o cultural ‘Zigzag’ e o espazo de deportes ‘En Xogo’
Santiago, 04.03.2024.- O ‘Telexornal Mediodía’ deste luns día 4 de marzo é o primeiro informativo da TVG en emitirse desde o novo Estudio 300 de San Marcos, que foi estreado co gallo do debate electoral de febreiro e o especial ‘Eleccións 18F’.
Ábrese así unha nova etapa para os Servizos Informativos da Corporación cunha imaxe e unha narrativa audiovisual renovadas, e todas as posibilidades tecnolóxicas do estudio. Dotado dunha gran pantalla angulada de 36 metros, a máis grande das canles en España, o estudio estrea o equipamento técnico máis punteiro, e permite integrar imaxe, gráficos, animación 3D e realidade aumentada ao relato informativo.
Nas vindeiras semanas completarase a transición a este novo estudio con outros programas informativos como o ‘Galicia Noticias’, o deportivo ‘En Xogo’ ou o cultural ‘Zigzag’.
A emisión de directos de TVG e da G2 –que emite a diario os ‘Telexornais’ en lingua de signos- pode seguirse tamén desde a nova plataforma dixital AGalega (agalega.gal), tanto en web como a través das apps para dispositivos móbiles dispoñibles tanto para iOS como Android.