A promoción da sociedade dixital, liña central do orzamento da CRTVG para 2025, con 135,7 millóns de euros - CRTVG
A promoción da sociedade dixital, liña central do orzamento da CRTVG para 2025, con 135,7 millóns de euros
Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, presentou no Parlamento a previsión para o ano vindeiro, que crece en 4,5 millóns respecto de 2024
O orzamento recolle a importancia do servizo público de comunicación audiovisual de Galicia como impulsor da innovación, da participación social e da promoción da sociedade dixital
41 millóns de € destinaranse ao sector audiovisual, especialmente no que respecta a contidos de cine, series de ficción, documentais e contidos de entretemento, tanto para a TVG como para a plataforma AGalega.gal
Santiago, 31.10.2024.- O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, compareceu esta tarde no Parlamento de Galicia para presentar o orzamento da Corporación correspondente a 2025, por importe de 135,7 millóns de euros. En comparanza co exercicio actual, esta previsión reflicte un incremento de 4,5 millóns de €.
Sánchez Izquierdo explicou que a alza se debe ao efecto do incremento do IPC sobre os custos de produción de programas, informativos e deportes e “tamén por mor da dotación que se reserva para a adquisición de contidos dixitais destinados a nutrir a oferta da Plataforma de Comunicación Audiovisual de Galicia”. Precisamente, unha das grandes partidas orzamentarias é a adicada á contratación co sector audiovisual galego, do 30,3 % (41 millóns de €), e que dá conta do compromiso e apoio da Corporación neste eido, moi especialmente no que respecta a contidos de cine, series de ficción, documentais e contidos de entretemento, segundo explicou o director xeral na súa intervención.
Ademais, o apartado de persoal incrementa a súa dotación para achegarse aos 58 millóns de euros (42,7 % do orzamento) e Sánchez Izquierdo indicou que este é “un orzamento comprometido coa estabilidade no emprego da totalidade do seu cadro de persoal, garantindo un emprego de calidade e axeitadamente retribuído”, en alusión á consolidación de emprego en curso de todo o cadro de traballadores.
Sánchez Izquierdo expuxo que o orzamento recolle “a importancia do servizo público de comunicación audiovisual de Galicia como impulsor da innovación, da participación social e da promoción da sociedade dixital. En consecuencia, un eixe prioritario deste orzamento é a integración, a converxencia e a transformación, mediante a adaptación inclusiva dos sistemas e organizacións tradicionais para a migración da sociedade da información á nova sociedade dixital”.
Entre outros, os investimentos para o ano vindeiro incluirán unha dotación para modernización tecnolóxica por importe de 1.500.000 €, que se destinará ao novo sistema de produción da Radio Galega, a renovación do sistema de control de continuidade da TVG e un novo sistema de iluminación do estudio 300, así como novos equipamentos técnicos por un importe de 650.000 euros, sinalou o director xeral.
Así mesmo, Izquierdo salientou o compromiso da Corporación, que en 2025 fai 40 anos de vida, con eixes estratéxicos como os avances e innovacións no eido da dixitalización ou o desenvolvemento dunha política de calidade do emprego e unha axeitada captación e xestión do talento, para avanzar nun clima sociolaboral que rubrique o compromiso recíproco entre o persoal da Corporación e esta.
Os datos e cifras presentados esta tarde no Parlamento de Galicia poñen de manifesto un feito recorrente: o alto efecto de aplicación do orzamento da CRTVG no tecido produtivo galego. Así, máis do 90 % dos orzamentos da Corporación reverterá directamente nos traballadores e na industria audiovisual galega.