div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Este mércores, un novo capítulo da comedia 'Na Gloria', en exclusiva na plataforma dixital AGalega

‘Na Gloria’ é xa o contido máis visto nesta plataforma, estreada en xaneiro

Cada semana estrearase unha nova entrega da serie protagonizada por Cristina Castaño, Dani Rovira, Xosé Antonio Touriñán, David Perdomo e Lucía Veiga

Moita retranca e humor absurdo son as claves desta ficción, que retrata o choque entre o mundo urbano e o rural e se dirixe ao público familiar

crtvg.gal 20/02/2024 17:05

Santiago, 20.02.2024.-    ‘Na Gloria’, a serie nativa dixital dispoñible en exclusiva na plataforma dixital da canle pública, AGalega, estrea este mércores o seu segundo capítulo, titulado ‘O triángulo’. Cada semana, a plataforma contará cunha entrega nova desta comedia de 15 episodios dirixida ao público familiar, que foi a primeira grande estrea de ficción na OTT da CRTVG. A serie está protagonizada pola actriz galega Cristina Castaño, o intérprete andaluz Dani Rovira, Xosé Antonio Touriñán, David Perdomo e Lucía Veiga.

Rodada en Culleredo (A Coruña), ‘Na Gloria’ é un proxecto orixinal de Andrés Mahía, Xosé Castro e Xosé Antonio Touriñán, coa produción de Tex45 e Undodez. A trama desenvólvese na imaxinaria A Gloria, unha pequena localidade ao pé do Camiño Francés onde unha executiva en crise existencial (Cristina Castaño) decide darlle un cambio radical á súa vida e converter a casa dos seus avós nun hotel para peregrinos. Para levar a cabo o seu soño conta coa axuda do seu mellor amigo, un chef vegano de fama internacional (Dani Rovira). A chegada dos dous chocará coa vida da aldea, en que a protagonista viviu os felices veráns da infancia, pero onde agora vai atopar todo tipo de situacións de estrés.

No capítulo que se estrea este mércores, Pati, a dona do hotel, precisa da axuda de Lolo e os seus requirimentos son interpretados erroneamente. Lolo pensa que Pati está intentando seducilo e, de súpeto, vese convertido nunha sorte de obxecto sexual de usos múltiples. Menos mal que desta vez as cousas tampouco son o que parecen ser.

Primeiro mes de vida de AGalega

O 17 de xaneiro naceu para o gran público a plataforma dixital AGalega, acompañada das app AGalegaAudio e Xabarín. No seu primeiro mes de vida, rexistrou 396.000 sesións repartidas en 125 países distintos. Tras España, coa meirande parte deste rexistro, en segundo lugar sitúanse os Estados Unidos con case 6.000 sesións. Terceiro posto para Suíza, con máis de 5.000, e, en cuarto lugar, o Reino Unido, con 4.700. Por riba das 2.000 sitúanse Alemaña, Francia, A Arxentina, e logo seguen destacados Portugal, O Brasil, Holanda, México e O Canadá, todos eles por riba das mil sesións. Completan esta lista de 125 países algúns tan dispares como Seychelles, Togo ou Uzbekistán.

O humor triunfa en AGalega, xa que o máis visto neste tempo son as estreas das comedias nativas dixitais, como ‘Na Gloria’, ou ‘Ghuasapp’, que se poden ver en exclusiva na plataforma. A estas comedias seguen as longametraxes ‘Jacinto’, ‘Cuñados’ e ‘O que arde’. En total, sumando as tres novas canles -AGalega, Xabarín e AGalegaAudio-, son máis de 9.000 os contidos dispoñibles.

Actualmente, a AGalega pode accederse vía web (www.agalega.gal), e tamén pode descargarse desde Google Play e Apple Store. A recomendación é empregar sempre a última actualización, xa que nesta fase de lanzamento as melloras de usabilidade son diarias. No que respecta ás smart tv, pode accederse a través de 4 opcións: descargando a app directamente en televisores LG e no Chromecast con Google TV; enviando o sinal desde un teléfono Iphone tanto ao Chromecast como directamente aos televisores intelixentes que conten con tecnoloxía Air Play, como os Samsung; enviando o sinal desde un dispositivo Android (tablet ou telefóno) á smart tv a través do duplicador de pantalla; e finalmente, enviando o sinal ao smart tv directamente desde o navegador de  www.agalega.gal. Proximamente as apps estarán tamén dispoñibles para a descarga directa noutros televisores intelixentes e en Fire TV.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade