Gala de preestrea en Santiago da terceira temporada de 'Saudade de ti', que chega a TVG e á plataforma AGalega.gal - CRTVG
Gala de preestrea en Santiago da terceira temporada de 'Saudade de ti', que chega a TVG e á plataforma AGalega.gal
Á preestrea nos cines As Cancelas de Santiago asistiu o equipo técnico e artístico desta serie que volve ao prime time da canle este verán con 60 novos capítulos
A serie emitirase os martes, mércores e xoves en TVG e os capítulos irán quedando dispoñibles na plataforma AGalega.gal para o consumo a demanda
Santiago, 25.06.2024.- A Televisión de Galicia presentou este martes en sociedade, cunha preestrea en Santiago de Compostela, a terceira temporada da serie ‘Saudade de ti’, que esta mesma noite chega ás pantallas e, a partir do mércores, á plataforma AGalega.gal. Os protagonistas e todo o equipo técnico desta produción de Voz Audiovisual para a TVG citáronse nos cines As Cancelas para celebrar a volta desta serie de éxito, que espertou unha grande expectación na audiencia galega nas dúas primeiras temporadas.
O elenco de ‘Saudade de ti’, entre os que se encontran, entre outros, os actores Manuel San Martín, Mayka Braña, María Tasende, Adrián Castiñeiras, Fran Nogueira, César Cambeiro e María Costas, entre outros, asistiu á posta de longo desta nova etapa da ficción.
A serie que namorou a toda Galicia emitirase este verán de martes a xoves despois do renovado ‘Atrápame se podes’. Realizada por Voz Audiovisual, regresa con 60 novos capítulos despois do éxito que acadaron no prime time as dúas primeiras temporadas. A terceira inclúe novos personaxes e novas tramas, como a construción dun novo porto deportivo que dividirá a vila de Abrente. Algúns veno como unha oportunidade de progreso, mentres que outros temen que desapareza o seu estilo de vida.
Tamén seguirá sendo protagonista o conflito amoroso do triángulo formado por Celia, Santi e Raúl. A temporada comezará coa doutora e o enfermeiro metendo as maletas nun coche. Marcharán xuntos a Verín ou, tristemente para Santi, as cousas non serán o que parece?