div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A plataforma AGalega.gal preestrea os martes os cinco capítulos semanais da ficción 'Saudade de ti'

O mércores estréase na plataforma o filme estadounidense de acción ‘Everly’ 

Celebrando o Día Mundial do Videoxogo, publícase a serie ‘Xogando en galego’

Último capítulo de ‘O armario’, desta vez con Natalia Alcayde

crtvg.gal 26/08/2024 14:18

Santiago, 26.08.2024.-   Os fans da ficción galega ‘Saudade de ti’ teñen desde mañá a oportunidade de ver na plataforma AGalega.gal os cinco episodios semanais da serie, previa á súa estrea na Televisión de Galicia. Cada martes, os seguidores da serie terán unha oportunidade única para coñecer con antelación as tramas e a súa evolución, desde calquera dispositivo e á hora que o desexen. 

O día seguinte, o mércores 28, a plataforma publicará a película ‘Everly’. O filme conta a historia de Everly, unha prostituta que traballa como escrava sexual para un xefe do crime xaponés, Taiko, e que se enfronta aos axentes que lle enviou este ao descubrir que estaba colaborando coa policía para derrubar a súa organización. Estará dispoñible durante 30 días.

Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Videoxogo (29 de agosto), AGalega.gal publica a serie ‘Xogando en galego’, cinco pequenos capítulos que tratan sobre videoxogos que se poden xogar en lingua galega. Esta produción de Recuncho Gamer presentada por Ángela Triana e Jon Amil abrangue aventuras gráficas de corte pixelado como 'Yuppie Psycho', matamarcianos con inimigos que parecen sacados dunha ría galega como 'Fullblast', crebacabezas coloridos como 'Magic Twins', ou xogos de velocidade, ben sexa en coches veloces como os do 'Super Woden GP 2', ou ben en carrilanas por Esteiro adiante como no 'Gran Prix Turbotalina'.

Os espectadores poderán ver, amais, esta semana a última entrega de ‘O armario’, espazo exclusivo da plataforma e dirixido á Xeración Z, en que se descobren os armarios dalgúns dos galegos máis coñecidos nas redes sociais. A protagonista deste capítulo será a comunicadora Natalia Alcayde.

E o sábado 31 de agosto, a TVG e AGalega.gal estarán en directo desde a Festa da Istoria de Ribadavia a partir das 10:30 h.

Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 13.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, na que é a maior oferta de contido na nosa lingua. Desde o 17 de xaneiro, máis de 750.000 persoas accederon ao conxunto de plataformas da CRTVG en 4,4 millóns de sesións, converténdoas na referencia dos contidos audiovisuais non só á carta, senón tamén de directo, xa que AGalega.gal tamén integra os sinais de TVG e a G2 na súa oferta. Tanto AGalega como as app AGalegaAudio e Xabarín son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade