div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A CRTVG producirá 12 novos proxectos nativos dixitais en galego

A CRTVG destina 300.000 euros a esta convocatoria de axudas ao sector audiovisual, e os programas
serán emitidos nas plataformas dixitais AGalega.gal e Xabarin.gal

Entre os espazos seleccionados hai contidos de entretemento, de divulgación, de animación ou de humor, e cada proxecto recibe ata 25.000 €

crtvg.gal 22/10/2024 10:30

Santiago, 22.10.2024.-        A CRTVG vai producir 12 novos proxectos no marco da súa convocatoria de selección de produtos dixitais en lingua galega, cunha achega de 300.000 euros, segundo informou este venres o director xeral da Corporación no Parlamento de Galicia. Alfonso Sánchez Izquierdo salientou a estreita e sostida colaboración dos medios públicos galegos cos profesionais e produtoras do sector audiovisual de Galicia na súa comparecencia mensual ante a Comisión de Control á CRTVG.

Entre os 12 proxectos hai contidos divulgativos, infantís, de entretemento, humor ou cultura sobre moi distintas áreas e todos eles teñen en común que están creados especificamente para a contorna dixital, polo que os proxectos, que reciben ata 25.000 € para a súa produción, serán emitidos a través das diversas plataformas dixitais da CRTVG, fundamentalmente AGalega.gal e a app infantil Xabarin.gal. Entre os contidos aprobados hai pezas destinadas ao público máis familiar e á cativada, pero tamén outros programas pensados para públicos-nicho interesados en cuestións como a escalada, a reciclaxe, a costura ou a meditación.

Nesta resolución apróbanse os seguintes 12 proxectos:

• ‘Canta miña compañeira’, de Aqueladas S. Coop. Gal. Xuvenil, que explora a evolución da música popular galega a través das mulleres que a mantiveron viva. Esta serie documental celebra o seu rexurdir nos torreiros do século XXI, conectando o pasado co presente nunha guía para redescubrir a nosa identidade musical.
• ‘Galicia Vertical’, de Cesmedia Audiovisual, é unha serie documental na que cada episodio amosa un recuncho único de Galicia, revelando maxestosos cantís, paredes de rocha impresionantes e lugares secretos que só os escaladores coñecen. Os anfitrións desta aventura comparten os seus coñecementos e técnicas, brindando valiosos consellos para enfrontar os desafíos verticais con seguridade e confianza.
• ‘Lixa e verniz’, de Chiripa Producións S.L.U., é un programa presentado por Daniela, unha carpinteira nova que ten unha misión: axudar a reciclar mobles e outros elementos para darlles unha segunda vida con moito estilo.
• ‘Réxime’, de CRU Producions S. Coop. Galega. é unha serie hibridada entre un programa de cociña e un documental de divulgación, que aborda as presións estéticas ás que somos sometidas as persoas e as súas consecuencias, e faino nada menos que nunha contorna rodeada de deliciosa comida. Comida que degustarán as diferentes persoas convidadas mentres teñen unha conversa distendida arredor dos temas propostos.
• ‘Respira’, de Margherita Morello, é unha serie de meditacións guiadas en galego pensadas para levar ao espectador a un estado de benestar emocional.
• ‘Bonito con Bonito’, de Raquel Arias Ruiz, é un programa que ofrece unha visión cómica do mundo da costura a través dos ollos de alguén que claramente preferiría estar facendo calquera outra cousa. Cada episodio é un desfile de desastres e malentendidos envoltos nun ton de humor irónico. Mentres David loita por manter as costuras no seu lugar e seguir os consellos de Carlota, o público é testemuña de como a costura se transforma nun espectáculo de entretemento inesperado.
• ‘NailClue’, de Cristela Torres Nine, é un programa no que tres artistas manicuristas compiten entre si para elaborar en cinco horas o deseño de uñas postizas que mellor encaixe coa personalidade dun cliente misterioso. Para axudalas a escoller o mellor camiño, hai unha caixa con pistas sobre a identidade do cliente: as artistas obterán 3 pistas desde o inicio pero, a partir de aí, abrir a caixa e obter unha nova pista custará 15 minutos do tempo total e a decisión deberá ser unánime. O cliente misterioso revelarase ás competidoras e ao público ao remate do concurso e será esta persoa quen xulgue que deseño de uñas é o seu preferido.
• ‘Galicia Diversa’, de Miramemira, S.L., é un programa concibido para dar voz e visibilidade ás galegas e galegos con discapacidade e/ou diversidade funcional, as súas familias e os profesionais e voluntarios que os asisten.
• ‘Pipo’, de Undodez Producións, S.L. Serie de animación en 2D destinada a primeiros -e segundos- espectadores. PIPO combina un tratamento visual atractivo para os espectadores máis novos cunhas historias en que aparecen comentarios e sucesos xa entendibles polos rapaces e rapazas de entre cinco e oito anos.
• ‘Galiworld’, de Henfunk Studio, serie de animación 2D para menores de 6 anos. Na buliciosa cidade de Galiworld, onde todos os seus habitantes son galiñas e pitos, cada día é unha aventura. Cun toque cómico e sen a necesidade de diálogos, esta serie animada amosa pequenas historias que ocorren na metrópole e que poñen o mundo dos seus cidadáns patas arriba. Desde unha nai e o seu fillo intentando cruzar a rúa, ata un grupo de rock aviario ou un axente secreto realizando unha misteriosa misión, cada episodio revela a maxia e as sorpresas de vivir nunha cidade chea de plumas.
• ‘Tesouros da ría’, de Álvaro Trigo Cabaleiro, é unha miniserie de animación 3D destinada a un público infantil-xuvenil que acompaña dous cazatesouros, Sara e Roque, na busca de tesouros na ría de Viladaponte. Ambos os dous percorren as augas da zona rastrexando e seguindo a pista das lendas da zona que falan de todo tipo de tesouros ocultos. Todo isto cun ton centrado no humor e enfocado a un publico cativo.
• ‘Galicia no espello’, de Sombriza Films, S.L., serie documental en que Galicia será descuberta a través das verbas dos seus escritores e escritoras. Eles e elas serán os encargados de poñer en palabras a súa visión sobre o noso territorio a través da lírica, da narrativa, dos contos ou do ensaio. Diferentes puntos de vista confluirán para crear un retrato plural e diverso: visións sobre a confluencia do rural e o urbano, as cuestións LGTBI, perspectivas de escritores inmigrantes que xa son galegos; en definitiva, unha mirada heteroxénea, diversa e interxeracional sobre o noso territorio. Pero, sobre todo, unha mirada nova que nos levará a repensar os lugares que habitamos, provocando reflexión e curiosidade no público.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade