div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Noticias corporativas

Publicador de contidos

Radio Galega logra o mellor dato de audiencia da súa historia, con 225.000 oíntes

Kiko Novoa e Cristina García, presentadores do 'Galicia por Diante'

Santiago, 30.11.2023.-   Radio Galega logra o mellor dato de audiencia da súa historia con 225.000 oíntes diarios de luns a venres e 188.000 de luns a domingo, segundo os datos da terceira onda do Estudo Xeral de Medios, publicada este xoves. Radio Galega Música tamén experimentou un incremento de audiencia. Chegou aos 31.000 oíntes de luns a domingo e 28.000 de luns a venres. En total, o grupo de emisoras da radio pública galega alcanzou a cifra histórica dos 253.000 oíntes diarios de luns a venres e 219.000 de luns a domingo.

Con respecto á anterior onda, a Radio Galega incrementou a súa audiencia nun 58,4% de luns a venres, con 83.000 novos oíntes.

Cifras históricas durante as 24 horas do día

O programa ‘Galicia por Diante’, conducido por Silvia Pereira e Kiko Novoa, marca tamén a mellor cifra da súa historia, acadando os 150.000 oíntes. O programa mantén a boa tendencia nas fins de semana da man de Luís Ojea e Victoria Rodríguez.

As madrugadas do ‘Pensando en ti’, presentadas por Ricardo Saavedra, dobran os datos das últimas ondas ata alcanzar a cifra dos 75.000 oíntes diarios. Na fin de semana, a edición de Marcial Mouzo tamén goza dos mellores datos da historia, con 55.000 oíntes. O programa ‘A Tarde’, dirixido por Antón Rebollido, tamén obtén algarismos históricos, ao medrar nun 74% a audiencia con respecto á segunda onda do EXM.

Os informativos ‘A Crónica’, con Xosé Valiñas e Xosé Luís López Vila, manteñen e aumentan tamén as súas audiencias con respecto á segunda onda, cunha suba pronunciada no informativo da tarde dun 60% máis de oíntes que na onda anterior, e que posicionan a radio pública galega como referente da información en Galicia.

No apartado deportivo, o programa ‘Galicia en Goles’, dirixido por Xoán Galán, experimenta unha pronunciada suba os dous días, sábado e domingo. O domingo practicamente duplica a audiencia acadada na segunda onda. Pola semana, o programa de análise ‘Ao contraataque’, de Pedro Pablo Alonso, chega a 24.000 persoas cada día, un dos mellores datos da historia do programa.

No que atinxe á cultura, as tres edicións do ‘Diario Cultural’ tamén acadan unha cifra histórica de seguimento por parte da audiencia, con 52.000 impactos diarios de luns a venres. A edición ‘Diario Cultural Zeta’ para a mocidade chega a 7.000 persoas nas fins de semana.

Tamén no apartado da especialización xornalística, o programa ‘Mar de Ardora’, dirixido por Xusto López Carril, alcanzou a cifra histórica dos 30.000 oíntes.
 

ler máis

Rexeitados os recursos presentados contra a cobertura electoral da CRTVG

Santiago, 04.07.2023.-   A Xunta Electoral Provincial da Coruña deu traslado, na mañá do martes 4 de xullo, de senllos acordos sobre os recursos presentados contra o Plan de Cobertura Electoral da CRTVG de cara ás eleccións xerais do 23 de xullo.

Ante o recurso do BNG, a Xunta Electoral Provincial da Coruña estima as alegacións feitas pola CRTVG na súa totalidade e acorda “rexeitar a reclamación formulada” polo BNG, xa que non existe “vulneración dos principios recollidos no art. 66 da LOREG“, conclúe o texto.

Con respecto á reclamación de Vox, a Xunta Electoral Provincial da Coruña acorda tamén “desestimar a reclamación” que versaba sobre a pretensión de participación desta formación nos debates e entrevistas electorais, e acadar máis tempo de cobertura.

A CRTVG, a data de hoxe, non recibiu ningún recurso máis contra o Plan de Cobertura Electoral de cara ás eleccións xerais.

Nas pasadas eleccións municipais do 28-M, tanto a Xunta Electoral Provincial como a Xunta Electoral Central resolveron a favor da Corporación todos os recursos presentados polas diferentes formacións políticas.

ler máis

A TVG estrea a súa nova serie para cativos 'Bechos' co obxectivo de aprender a coidar a natureza

Santiago, 24.08.2023.- A Televisión de Galicia presenta mañá a súa nova serie de animación infantil, ‘Bechos’, dentro do festival o Castelo Conta. 

A sección matinal do evento acollerá a estrea da nova serie de debuxos da TVG que está destinada para os máis pequenos da casa, para un público de un a seis anos. Esta estrea contará coa presenza da xefa de Extensión Audiovisual da CRTVG, Alba Mancebo, e cun dos protagonistas dos debuxos, o actor Xosé Antonio Touriñán, que lle presta a voz ao xabarín Xurxo. Tras a estrea, a TVG lanzará de forma simultánea os dez capítulos de cinco minutos de duración a través da súa canle de YouTube, para que toda cativada poida gozar da serie completa a partir deste venres 25 agosto. 

 

'Bechos’ e o medio ambiente

‘Bechos’ é un proxecto infantil divulgativo con contido animado sobre o medio ambiente. Pretende sensibilizar os máis novos sobre as cuestións medio ambientais inmediatas e actuais visibles en Galicia e máis aló. Para iso ‘Bechos’ recolle as aventuras de catro amigos: Catuxa, Xurxo, Xiana e Margarida. Os protagonistas son catro animais moi presentes en Galicia, que trasladarán aos espectadores máis cativos historias universais. Xurxo é un xabaril preguiceiro e de gran corazón, ao que lle gusta e durmir e a torta de landras; a raposa Catuxa, espelida e imaxinativa, é a líder do grupo; a vaca Margarida, quere ser unha gran aventureira, pero é a que pon a prudencia, e a toupa Xiana, busca ser sempre o centro de atención e impoñer o seu criterio, con todo, sempre está aí para os seus amigos. 

O parque é o lugar onde Xurxo, Catuxa, Xiana e Margarida quedan para xogar todos os días. Os catro amigos non perden ocasión de pasalo ben, compartir e vivir aventuras en contacto coa natureza. Cada un ten o seu xeito de entender a diversión, pero xuntos conseguen que cada día sexa o mellor día do mundo. Con eles aprenderemos o respecto pola natureza, a necesidade de reciclar e o valor da amizade por riba de todas as cousas.


No elenco, amais de Touriñán, ‘Bechos’ conta con Patricia CastrillónLaura CantoLaura MahíaSanti JulMarita Martínez e Antía Touriñán.

 

Produto da convocatoria de proxectos dixitais da TVG 

A serie ‘Bechos’, que nace do maxín da produtora Undodez, forma parte dos contidos seleccionados na convocatoria de proxectos dixitais en lingua galega da CRTVG en apoio do sector audiovisual. Esta convocatoria pioneira en España lanzada en 2022 e repetida en 2023, enmárcase na estratexia de dixitalización, innovación e posicionamento dos medios públicos.

Con estes proxectos, a Corporación quere promover a creatividade e procurar novas formas de produción de contidos multiplataforma e/ou transmedia en lingua galega, que permitan novas formas de interacción coa audiencia e dean cabida nos medios públicos a novas formas de expresión artística netamente dixitais, con propostas seleccionadas de ficción, humor, divulgación, educación, cultura ou infotainment.

ler máis
— 20 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 81 - 83 de 83 resultados.

div-crtvg-right1

Publicidade

div-crtvg-right2

Publicidade

div-crtvg-right3

Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade