Descrición da entidade - CRTVG
Descrición da entidade
A Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) é unha sociedade anónima de capital público creada pola Lei 9/2011, de 9 de novembro, dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia. É sucesora da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, creada pola Lei 9/1984 para desenvolver, xestionar e explotar os medios de comunicación de titularidade pública da Comunidade, que materializaban entón unha oportunidade nova que brindaba o marco estatutario para construír o país e a súa identidade. Dentro desa estrutura,a Radio Galega comezou as súas emisións regulares o 29 de marzo de 1985 e a Televisión de Galicia (TVG) o 24 de xullo, véspera do Día de Galicia, ese mesmo ano.
Dando continuidade á traxectoria deses medios desde a súa fundación e desenvolvendo unha razón de ser que lle outorga natureza de servizo público, proxectada e concretada en diversas misións, a Corporación ten como primeira destas, consubstancial á súa existencia mesma, a promoción e normalización da nosa lingua oficial, o Galego, no marco da preservación e actualización da nosa cultura. Doutro lado, esa condición de servizo público fai que nos seus orzamentos se conxugue a achega institucional da Xunta de Galicia cos recursos propios, obtidos como resultado da actividade económica da Compañía.
Con sede e instalacións centrais en Santiago de Compostela, capital de Galicia, a CRTVG dispón de catro delegacións nas principais cidades galegas e outra máis en Madrid. A súa rede propia ten desde o punto de vista técnico a mellor cobertura da nosa Comunidade.
- Mediante a TVG operan catro canles de televisión dixital, dúas terrestres: TVG e tvG2; dúas a través de satélite: Galicia TV Europa e Galicia TV América (amplamente seguidas polas comunidades galegas neses ámbitos exteriores), emitindo as 24 horas do día unha grella tan ampla e variada como a de calquera televisión pública europea na que ben máis da metade dos espazos corresponden a produción propia. O seu alcance terrestre cífrase nuns catro millóns de persoas no Noroeste peninsular, atinxindo Galicia, as Comunidades limítrofes e o Norte de Portugal.
- A Radio Galega desprega os seus servizos en tres canles: Radio Galega, Radio Galega Música e Son Galicia Radio, respectivamente, unha canle de contidos xerais, cun forte peso dos informativos; unha de música de estilos variados en emisión continuada, e unha centrada especialmente na nosa música popular.
- Para alén da súas emisións convencionais, hoxe en día CRTVG está presente na Rede facéndoa accesible, tendo como base a súa web corporativa www.crtvg.gal, e xerando novos contidos e produtos destinados especificamente a novas plataformas e tecnoloxías que incentivan a interacción co público.
Así, desde os seus inicios a hoxe, a CRTVG é un elemento que vertebra a identidade e a dinámica social e política de Galicia. A “galega” cataliza e articula a axenda neses ámbitos, facendo visible o noso acontecer como colectividade, de xeito que resulta inconcibible unha Galicia dotada de personalidade propia e autonomía política sen o rostro e a voz que lles presta. En converxencia con isto está a importancia da CRTVG na estrutura económica do país, principalmente polo seu significado no sector audiovisual para o que actúa como un motor decisivo, mais tamén pola magnitude do emprego directo que xera.
CRTVG é, doutra parte, un dos membros fundadores de FORTA, a federación das radios e televisións autonómicas de España, da que forman parte 13 entes públicos.
Pioneira nese ámbito, en razón daquela misión característica que se lle referiu, os seus medios, TVG e a Radio Galega, foron os primeiros en emitir integramente en galego. A partir de aí, en virtude do conxunto daquel o seu labor e na súa dobre condición de axente e espello da dinámica en que se dá en Galicia a construción da identidade colectiva, a CRTVG vén sendo un factor decisivo de normalización lingüística e desenvolvemento cultural nun sentido amplo -pénsese por exemplo, no valor histórico e antropolóxico des seus arquivos, na apertura dos seus estudios radiofónicos a gravacións musicais, etc., por citar só algúns exemplos-.
En suma, desde a súa condición característica de servizo público plasmada no ofrecemento de contidos de calidade e na súa contribución á cohesión social, a CRTVG fixo e vai seguir a facer unha achega decisiva á construción de Galicia como proxecto colectivo nun ámbito tan crucial para as sociedades contemporáneas como o da comunicación e a cultura audiovisual.