div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Escolares de Laxe, A Pobra de Trives, Ames, San Vicente do Grove, Santa Comba e A Illa de Arousa, gañadores dos Premios DígochoEu

A TVG entregou os galardóns aos seis centros de primaria e secundaria nunha gala esta tarde na Cidade da Cultura en Santiago

Os vídeos gravados polos escolares estarán pendurados a partir de mañá tanto en AGalega.gal como en Xabarin.gal

A gala, presentada polos xornalistas Esther Estévez e Gabriel Fuentes, emitirase este Día das Letras Galegas, ás 11:30h. na TVG, e tamén estará accesible en AGalega.gal
 

crtvg.gal 16/05/2024 13:20

Santiago, 16.05.2024.-     O equipo do DígochoEu rematou o curso entregando os seus III Premios escolares a seis vídeos sobre lingua que foron elixidos entre preto dun centenar de traballos presentados por escolares de toda Galicia, na terceira convocatoria deste certame. Na categoría de primaria, o premio DígochoEu de Ouro foi para o CPI Plurilingüe Cabo da Area, de Laxe, polo vídeo ‘E ti, queres ser laxense por un día?’; o de Prata levouno o CEIP A Maía de Ames, cun vídeo titulado ‘Palabras polisémicas nas Olimpíadas’, e o DígochoEu de Bronce recaeu no CEIP Plurilingüe Barrié de la Maza de Santa Comba, coa súa historia ‘Lingoreteiros do mundo’.

    Na categoría de secundaria, o IES Xermán Ancochea Quevedo, da Pobra de Trives gañou o premio de Ouro polo seu vídeo ‘O Entroido de Manzaneda, o folión de Mourela pra cá’. O premio de Prata foi para o IES As Bizocas de San Vicente do Grove, que presentou un traballo titulado ‘Díghocho meu!’, e o IES Illa de Arousa levou o de Bronce, co vídeo chamado ‘A dorna das cen palabras’.

    Os premios foron entregados polos membros do xurado, a xornalista Paula Señarís, o produtor musical Iago Pico e Mª Manuela Leis, en representación da Secretaría Xeral da Lingua, nun acto ao que asistiron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; e o director de Proxección Social da Corporación, Xaime Arias.

    Arredor de 500 escolares, os seus mestres e familiares encheron o anfiteatro nun evento que foi retransmitido pola plataforma dixital AGalega.gal e será emitido tamén por TVG mañá, Día das Letras Galegas, ás 11:30 h.  A gala conta co patrocinio da Secretaría Xeral da Lingua e a colaboración de GADIS. Os vídeos quedarán accesibles desde mañá na plataforma de contidos infantís e xuvenís Xabarin.gal e tamén en AGalega.gal onde tamén se poderá volver ver a gala.

    Os centros gañadores, que gravaron os vídeos co apoio do programa e a participación de Esther Estévez, obtiveron como premio de Ouro 500 euros; os de Prata, 300, e os premios de Bronce, 200 euros. Esta terceira edición do concurso de vídeos DígochoEu recibiu máis dun cento de propostas de centros de toda Galicia, entre as que o xurado tivo que decidir, valorando a calidade lingüística e expresividade dos participantes, a súa orixinalidade e a innovación do contido.  

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade