div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

As retransmisións dos partidos Obradoiro-Murcia, Gran Canaria-Breogán e Básquet Coruña-Ourense pechan o 2023 na Radio Galega

O ‘Galicia en goles’ correrá o domingo as San Silvestre de atletismo nas principais cidades

crtvg.gal 27/12/2023 14:29

Santiago, 07.12.2023.- O ano 2023 toca a súa fin e o equipo deportivo da Radio Galega ten preparada unha ampla despregadura desde o venres 29 ata o domingo 31 de decembro, coa emisión de 18 horas de información deportiva.

A primeira edición do ‘Galicia en goles’ adianta o venres a súas emisión ás 20:10 h para narrar desde o Multiúsos Fontes do Sar o partido da Liga ACB de baloncesto entre o Obradoiro e o Murcia. Ademais, o programa trasladará o estudio central ao Pazo dos Deportes de Riazor, onde se disputa o derbi galego da LEB Ouro entre o Básquet Coruña e o Ourense. Vai ser algo máis ca un evento deportivo, xa que o equipo local ten preparado un espectáculo de cor, luces e música para despedir o ano, mesmo agasallando coas doce uvas a todos os seareiros que asistan á cita.

O sábado será un día solidario no primeiro treito do ‘Galicia en goles’, de 15:00 a 17:00 h. Xoán Galán situará o estudio do programa na tenda Decathlon da Coruña, para convidar os atletas da San Silvestre a participar nun espazo en que os oíntes coñecerán o carácter da proba, a beneficio da Cociña Económica. O segundo treito do programa comezará 20:00 h, coa retransmisión do encontro da Liga ACB entre o Gran Canaria e o Breogán. Ademais terá cobertura a última xornada do ano na Liga Feminina, co derbi Uni Ferrol-Celta, ademais do Ensino-Bembibre, no Pazo de Lugo.

Xa o domingo, a edición matinal comezará ás 11:45 h, con tres puntos de directo, nas San Silvestre da Coruña, Lugo e Vigo. A partir das 15:00 h, o atletismo seguirá sendo protagonista, desta volta coas carreiras de Pontevedra, Santiago e Ourense. Durante a fin de semana, os oíntes tamén estarán informados do ciclocrós galego en Panxón e do fútbol benéfico en Muros, organizado polo xornal dixital ‘Que pasa na Costa’.

O equipo deportivo da Radio Galega case non terá descanso tras a intensa xornada da fin de semana. A partir do día 6 traballará na emisión de seis días ininterrompidos de retransmisións. O martes, co Lugo-Celta Fortuna, desde o Anxo Carro; o mércores co Celta-Betis, desde Balaídos, ademais do Ponferradina-Arenteiro e o Karasiyaka de Turquía-Breogán da Champions de baloncesto, mentres que o xoves será a quenda para o Deportivo-Real Sociedad B. Os tres días, o ‘Galicia en goles’ comezará ás 18:00 h. Desde o día 5 de xaneiro, o programa volverá aos horarios habituais da temporada, o venres ás 20:30 h, o sábado ás 15:00 h e, o domingo, a partir das 11:45 h.
 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade