CRTVG Viva - CRTVG
div-crtvg-top1
Navigation Menu
Barra de busca
Camiño de navegación
CRTVG Viva
Publicador de contidos
A Radio Galega retransmite este mércores desde Mestalla o Valencia-Celta, dos oitavos de final da Copa do Rei
Santiago, 17.01.2024.- O Celta de Vigo afronta hoxe unha nova eliminatoria da Copa do Rei de fútbol fóra da casa. Desta volta, o rival xa é un equipo da Primeira División e con tradición nesta competición. A partir das 19:45 h, Paco Santos porá na antena da Radio Galega unha edición especial de ‘Galicia en Goles’ coa retransmisión desde o estadio de Mestalla do partido Valencia-Celta, correspondente aos oitavos de final.
Ata o momento pasaron os favoritos a cuartos de final tras a xornada do martes, coas vitorias do Athlétic de Bilbao, Sevilla e Mallorca. Os prognósticos danlle vantaxe ao equipo local, primeiro porque xogará arroupado pola súa afección e, en segundo lugar, porque está mellor clasificado na liga regular.
Roberto Carlos Carballo narrará desde o campo laranxa todo o que suceda sobre o terreo de xogo, arroupado polos comentarios dos adestradores José Valtierra e Moncho Carnero. En canto remate o encontro, os oíntes poderán escoitar os adestradores na sala de prensa e os principais protagonistas na zona mixta. A partir das 23:00 h, o Valencia-Celta tamén será a portada do espazo ‘Ao Contraataque’, da man de Pedro Pablo Alonso, que contará coa opinión dos especialistas na mesa de debate.
Xa na fin de semana, o ‘Galicia en Goles’ ten programadas 25 horas de emisións deportivas. O venres, a partir das 20:30 h e ata a medianoite, un dos puntos de directo estará na LEB Ouro de baloncesto, coa cobertura do Melilla-Ourense.
O sábado, a partir das 15:00 h, a atención pasará polo Celta-Real Sociedade, de Primeira, e o Rácing de Ferrol-Oviedo, da Segunda. Estes dous partidos tamén poderán escoitarse nas canles de audio de Movistar, a televisión posuidora dos dereitos.
O domingo, ás 11:45 h, a Primeira RFEF será a protagonista con tres citas con presenza galega: Sabadell-Celta Fortuna, Real Unión de Irún-Arenteiro e Nástic de Tarragona-Lugo. Esta categoría tamén centrará a función da tarde, desde as 15:00 h, co Deportivo-Ponferradina, en Riazor.
O baloncesto, mentres, estreará as emisións na nova plataforma dixital da CRTVG. Así, o sábado ás 18:00 h os oíntes poderán escoitar de xeito íntegro o Obradoiro-Tenerife, mentres o domingo ás 12:30 h a quenda será para o Breogán-Xirona. Nos dous casos, a narración tamén chegará a través do audio 2 das retransmisións televisivas de Movistar.
A CRTVG presentou este venres en Santiago a súa nova serie para o público xuvenil 'Os argonautas'
Santiago, 12.01.2023.- A CRTVG presentou este venres en Santiago de Compostela a súa nova ficción de aventuras para o público infantil e xuvenil, ‘Os argonautas e a moeda de ouro’, nun acto no auditorio Abanca. Destinada a rapaces de 8 a 12 anos, a serie estrearase na nova plataforma dixital dos medios públicos, en que quedará dispoñible para o consumo á carta. Esta plataforma dixital entrará en funcionamento este mes de xaneiro.
Escolares de primaria e secundaria gozaron hoxe do primeiro episodio da serie nunha proxección en Santiago. Coñeceron os cinco amigos protagonistas, Alba, Lucas, Sali, Olivia e Nil, que viven un emocionante verán nunha vila mariñeira (Laxe, A Coruña), enfrontándose a perigos e descubrindo o valor da amizade. A produción inspírase en grandes clásicos literarios e cinematográficos coma 'The Breakfast Club' ou 'The Goonies', adaptándoos aos cativos do século XXI.
Dirixida por Toño López e Lucía Estévez, ‘Os argonautas e a moeda de ouro’ é unha ficción integradora, con nenos de realidades diversas. O elenco está composto, entre outros, por Eva Fernández, Xosé Antonio Touriñán, Víctor Mosqueira, Denis Gómez, César Cambeiro, Federico Pérez e os mozos Aliyah Fidalgo, Sarela Montes, Brais Sixto, Claudia Pujaldes, Juan Rodríguez, Lúa Varela e Xoel Río.
TVG participa nesta ficción coproducida por RTVE e a produtora galega Portocabo, e que conta ademais co apoio do Hub Audiovisual da Xunta de Galicia financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE.
Primeiro capítulo: o inicio do verán
A serie arranca coa chegada de Alba á vila de pescadores Rodas para pasar as vacacións na casa da súa tía Helena. Aínda que agarda un verán aburrido e solitario, pronto fará novos amigos: Lucas, Sali, Olivia e Nil. Xuntos farán un descubrimento extraordinario: atoparán unha moeda de ouro da época romana. O descubrimento levaraos ao rastro dun tesouro, aínda que, polo camiño, se atoparán con poderes escuros, encabezados por Nina, que quere construír unha urbanización de luxo na cidade, que tratarán de facelos fracasar. E mentres unen forzas, descubrirán que a súa amizade é máis forte que todos os obstáculos que poidan atopar.
‘Os argonautas e a moeda de ouro’ / Ficha técnica
⦁ Xénero: Kids live action
⦁ Episodios e duración: 20 x 22 minutos
⦁ Creada por: Jose Rubio e Alfonso Branco
⦁ Produción executiva: Alfonso Blanco (Portocabo) e Borja Gálvez (RTVE)
⦁ Dirección: Toño López e Lucía Estévez
⦁ Guión: José Rubio, Alexis Barroso, Sara Gómez, Carlota Dans, Nina Hernández, Nano López Moure e Manuel Darriba
⦁ Dirección de produción: Paula Fernández
⦁ Dirección de fotografía: Lucía C.Pan
⦁ Música orixinal: Santi Jul e Iván Laxe
⦁ Dirección de arte: Andrea Pozo
⦁ Edición: Lu Rodríguez
A Radio Galega retransmite os partidos de Copa Amorebieta-Celta, Lugo-Atlético de Madrid e Rácing de Ferrol-Sevilla
Santiago, 03.01.2024.- A emisións deportivas da Radio Galega na fin de semana de Reis centraranse nas competicións de Liga e Copa. O venres, desde as 20:30 h, Roberto Carlos Carballo conduce o ‘Galicia en goles’, coa última hora dos equipos galegos e o seguimento ao partido da Liga LEB Ouro de baloncesto entre Castellón e Basquet Coruña.
O sábado, ás 15:00 h, Xoán Galán poñerá en marcha unha ampla despregadura do equipo deportivo da RG no Anxo Carro, onde o Club Deportivo Lugo se enfronta ao Atlético de Madrid nos dezaseisavos de final da Copa do Rei. Ademais, o programa estará pendente do Ourense CF-Avilés, da Segunda RFEF.
Xa o domingo, ‘Galicia en goles’ terá unha duración de trece horas. A partir das 11:45 h, o interese estará posto no Amorebieta-Celta, de Copa, xunto ao Compostela-Raio Cantabria, de Segunda RFEF. A partir das tres menos cuarto, o torneo de k.o. volverá ser protagonista desde A Malata, co Rácing de Ferrol-Sevilla. Durante a tarde, a atención tamén estará posta na xornada de Segunda e Terceira Federación. A partir das 23:00 h, os especialistas de ‘Ao contraataque’ pasarán consulta para avaliar os resultados dos equipos galegos na primeira mesa de debate do 2024.
Mentres, os afeccionados ao baloncesto gozarán dun domingo cheo de emocións nas plataformas radiogalega.gal e g24.gal/deportes coa emisión íntegra dos partidos con presenza galega na xornada da Liga ACB. Ás 12:30 h, desde o Pazo de Lugo, os especialistas da Radio Galega narrarán o Breogán-Granada, mentres as 17:00 h a quenda será para o Obradoiro na súa visita ao Palau Blau Grana, onde se medirá co F. C. Barcelona.
#GaliciaEnXogo
Esta fin de semana o proxecto #GaliciaEnXogo terá máis presenza nas emisións por FM da Radio Galega. Así, o venres, de 22:30 h a 00:00 h, Rodrigo Pérez e Toni López García resumirán o 2023 no motor e no olimpismo. O sábado, ás 13:00 h, Alfonso Pardo continuará cos mellores momentos da temporada pasada nas súas visitas aos concellos galegos. E, xa pola noite, ás 23:30 h e tras a xornada de Copa do Rei, haberá unha nova entrega do espazo olímpico, na conta atrás para os Xogos de París.
Televisión de Galicia ofrece este venres, en directo, a Cabalgata dos Reis Magos
Santiago, 04.01.2023.- Os espectadores da Televisión de Galicia poderán seguir este venres pola tarde, en directo, a chegada dos Reis Magos ás diferentes cidades galegas. A canle pública realizará, a partir das 18:00 h, un programa especial que retransmitirá a cabalgata da Coruña, na que tamén viaxará o autobús da canle infantil, a G2, cos personaxes do ‘Xabarín Club’ e ‘Os Bolechas’. TVG conectará tamén, en directo, cos desfiles de Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo e Ferrol ao longo da tarde.
Na antesala da noite máis máxica do ano para milleiros de nenos e nenas, Trisha Fernández presentará este especial ‘Cabalgata de Reis’ desde o Obelisco da Coruña, con cámaras situadas ao longo dun percorrido que este ano comezará no Barrio das Flores para, desde aí, percorrer as rúas ata a praza de María Pita. Convidados como Paco Lodeiro, Lucía Rodríguez, César Romero ou Fran Cañotas e parte do elenco da serie ‘Saudade de ti’ achegaranse tanto ao set central coma aos diversos puntos en directo para vivir coas súas familias un día tan especial.
As reporteiras Fátima Pego, Carlota Mosquera, Laura Vaqueiro, Tamara Pérez e Miguel Mandayo encargaranse de que os espectadores non perdan detalle das Cabalgatas de Reis deste ano, diferentes en cada cidade. En Vigo a decoración e espectáculos que acompañan as súas maxestades de Oriente xiran arredor do ‘Mar e a Fantasía’, mentres que en Lugo as carrozas teñen como eixo central a viaxe ata Belén. En Pontevedra, os espectadores coñecerán a figura das carboeiras, que cada ano lles lembran aos cativos e cativas que, de portárense mal, levarán carbón. En Ourense asistirán a un espectáculo de fogos de artificio e na vila de Boqueixón estarán cos Bolechas.
Nesta retransmisión, a TVG rescatará a ‘Cabina dos desexos’, que logo do seu paso polos programas especiais de Nadal e Aninovo, estará presente para amosar que lles piden aos Reis Magos os rapaces e rapazas galegos. O programa especial da tarde do 5 de xaneiro rescatará os Cantares de Reis, e coñecerá un grupo de veciños que mantén vivo este costume na vila de Arnoia e unha Carteira Real que realiza o seu reparto en vilas e aldeas do rural. Ademais, porá a proba a grandes e pequenos con divertidas enquisas a pé de rúa, en que terán que responder correctamente preguntas sobre Melchor, Gaspar, Baltasar e a súa gran viaxe.
Os medios públicos galegos retransmiten a mensaxe de fin de ano do presidente da Xunta, Alfonso Rueda
Santiago, 29.12.2023. Este domingo, antes do 'Telexornal mediodía', arredor das 14:20 h., a Televisión de Galicia emitirá a tradicional mensaxe que o presidente da Xunta de Galicia ofrece nesta data. Este ano o discurso de Alfonso Rueda ofrécese desde a que fora a sede do primeiro Parlamento galgo, o Pazo de Xelmírez, en Santiago.
O discurso do presidente galego poderá seguirse con subtítulos a través das opcións da TDT e tamén con lingua de signos na súa redifusión pola G2 (15:30 h.) Así mesmo, estará accesible en G24.gal, o portal da información da Corporación, e poderá escoitarse na Radio Galega.
O derbi de baloncesto feminino entre o Baxi Ferrol e o Celta, último directo de deportes do ano na CRTVG
Santiago, 29.12.2023.- A CRTVG ofrece nesta fin de semana de peche do ano baloncesto feminino. Este sábado, enfróntanse na Liga Endesa o BAXI Ferrol e o Celta Zorka Recalvi ás 19:00 h. O derbi galego retransmitirase en directo desde o Estadio Municipal da Malata de Ferrol, tanto pola G2 coma pola web dos medios públicos. As xogadoras adestradas por Lino López atópanse en no décimo terceiro posto da táboa, mentres o equipo vigués, en oitava posición, está cinco puntos por riba.
O deporte en directo volverá á CRTVG no 2024, co partido de fútbol de 1ªRFEF entre o Club Deportivo Lugo e o Celta Fortuna, o vindeiro martes 2 de xaneiro ás 19:00 h. Tamén poderá seguirse en ambas canles. O conxunto vermello e branco, dirixido polo portugués Paulo Alves, estreará adestrador no derbi do Anxo Carro. Ascendido á Primeira Federación tras once temporadas na categoría de prata, atópase en oitava posición na táboa, con 26 puntos, a dous dos postos de promoción de ascenso directo. Os vigueses, pola súa banda, abrirán o ano como líderes da clasificación e máximos marcadores do Grupo 1, con 32 goles, e sendo ademais o equipo con máis vitorias da categoría.
Os medios públicos continuarán a primeira semana do ano ofrecendo fútbol. O xoves, enfróntanse R. C. Deportivo e Real Sociedade B, na 1ª RFEF, ás 19:00 h, encontro que se retransmitirá en directo pola G2 e a crtvg.gal.
O ‘Galicia en goles’ da RG arranca o 2024 con tres días de fútbol
Santiago, 28.12.2023.- A primeira semana do 2024 chega chea de deporte, polo que a Radio Galega programou seis días de emisión do ‘Galicia en goles’. A primeira edición estará en antena o martes desde as 18:00 h, coa retransmisión do derbi galego da Primeira RFEF entre o Club Deportivo Lugo e o Celta Fortuna. Vai ser o primeiro partido do adestrador portugués Paulo Alves, que se estrea ante o líder da categoría.
O mércores, tamén a partir das 18:00 h, o equipo deportivo da Radio Galega fará unha ampla despregadura desde Balaídos para contar o final da primeira volta na Primeira División profesional. O Celta, en postos de descenso e a dous puntos da salvación, recibe o Betis, sétimo clasificado. No programa haberá tamén información do Ponferradina-Arenteiro, da Primeira RFEF, e do primeiro encontro da repesca da Champions de baloncesto entre o Pinar Karsiyaka e o Breogán de Lugo.
Xa o xoves, o ‘Galicia en goles’ volverá comezar ás 18:00 h, para retransmitir desde Riazor o Deportivo-Real Sociedade B, da Primeira RFEF. O equipo donostiarra, que chegou a ser o líder da categoría, visita A Coruña ocupando a cuarta praza, mentres o cadro galego, pese a medrar varios postos nas últimas semanas, segue fóra da promoción de ascenso.
A Liga protagonizará durante tres días a actualidade futbolística, que se centrará na Copa do Rei a partir do venres 5 de xaneiro. Desde as 20:30 h, o equipo deportivo da Radio Galega analizará o calendario da fin de semana, escoitando as conferencias de prensa dos adestradores e a opinión dos especialistas.
O sábado, desde as 15:00 h, o interese pasará polo estadio Anxo Carro, onde o Lugo recibe o Atlético de Madrid. Mentres, o domingo a atención estará posta a partir das 23:45 h en Urritxe co Amorebieta-Celta. Xa pola tarde, desde as 14:45 h, o Rácing de Ferrol-Sevilla converterase na Malata no encontro destacado.
Durante o sábado 6 e o domingo 7, o ‘Galicia en goles’ tamén estará atento ao regreso das competicións de Liga na Segunda e Terceira RFEF, ademais de ofrecer os primeiros partidos do 2024 na Liga ACB de baloncesto. Xunto ás conexións pola FM, os afeccionados terán ocasión de escoitar de xeito íntegro o domingo o Breogán-Granada, ás 12:30 h, e o Barcelona-Obradoiro, ás 17:00 h, a través das plataformas radiogalega.gal e g24.gal/deportes.
As retransmisións dos partidos Obradoiro-Murcia, Gran Canaria-Breogán e Básquet Coruña-Ourense pechan o 2023 na Radio Galega
Santiago, 07.12.2023.- O ano 2023 toca a súa fin e o equipo deportivo da Radio Galega ten preparada unha ampla despregadura desde o venres 29 ata o domingo 31 de decembro, coa emisión de 18 horas de información deportiva.
A primeira edición do ‘Galicia en goles’ adianta o venres a súas emisión ás 20:10 h para narrar desde o Multiúsos Fontes do Sar o partido da Liga ACB de baloncesto entre o Obradoiro e o Murcia. Ademais, o programa trasladará o estudio central ao Pazo dos Deportes de Riazor, onde se disputa o derbi galego da LEB Ouro entre o Básquet Coruña e o Ourense. Vai ser algo máis ca un evento deportivo, xa que o equipo local ten preparado un espectáculo de cor, luces e música para despedir o ano, mesmo agasallando coas doce uvas a todos os seareiros que asistan á cita.
O sábado será un día solidario no primeiro treito do ‘Galicia en goles’, de 15:00 a 17:00 h. Xoán Galán situará o estudio do programa na tenda Decathlon da Coruña, para convidar os atletas da San Silvestre a participar nun espazo en que os oíntes coñecerán o carácter da proba, a beneficio da Cociña Económica. O segundo treito do programa comezará 20:00 h, coa retransmisión do encontro da Liga ACB entre o Gran Canaria e o Breogán. Ademais terá cobertura a última xornada do ano na Liga Feminina, co derbi Uni Ferrol-Celta, ademais do Ensino-Bembibre, no Pazo de Lugo.
Xa o domingo, a edición matinal comezará ás 11:45 h, con tres puntos de directo, nas San Silvestre da Coruña, Lugo e Vigo. A partir das 15:00 h, o atletismo seguirá sendo protagonista, desta volta coas carreiras de Pontevedra, Santiago e Ourense. Durante a fin de semana, os oíntes tamén estarán informados do ciclocrós galego en Panxón e do fútbol benéfico en Muros, organizado polo xornal dixital ‘Que pasa na Costa’.
O equipo deportivo da Radio Galega case non terá descanso tras a intensa xornada da fin de semana. A partir do día 6 traballará na emisión de seis días ininterrompidos de retransmisións. O martes, co Lugo-Celta Fortuna, desde o Anxo Carro; o mércores co Celta-Betis, desde Balaídos, ademais do Ponferradina-Arenteiro e o Karasiyaka de Turquía-Breogán da Champions de baloncesto, mentres que o xoves será a quenda para o Deportivo-Real Sociedad B. Os tres días, o ‘Galicia en goles’ comezará ás 18:00 h. Desde o día 5 de xaneiro, o programa volverá aos horarios habituais da temporada, o venres ás 20:30 h, o sábado ás 15:00 h e, o domingo, a partir das 11:45 h.
'A Radio Conta' volve á RG o 30 de decembro, cun programa desde a Coruña dedicado á Asociación de Bulimia e Anorexia ABAC
Santiago, 26.12.2023.- A Radio Galega participa un ano máis en ‘A Radio Conta’, unha iniciativa en que colaboran todas as emisoras da Coruña, públicas e privadas, o vindeiro 30 de decembro. De 17:00 h a 20:00 h, realizará nun programa de tres horas desde o Teatro Colón. Os coruñeses e visitantes á cidade que queira asistir como público, poderán facelo de xeito gratuíto, acudindo desde as 16:15 h ata o espazo cultural.
A décimo primeira edición de ‘A Radio Conta’ estará dedicada á Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña (ABAC). O público do programa poderá adquirir camisetas, chapas e outros produtos en apoio á entidade, mentres os oíntes poderán facer o seu donativo a través de Bizum (01903).
O xornalista Moncho Viñas conducirá un ano máis o programa, que contará nesta edición coa colaboración do actor David Perdomo, a artista Cristina Pato e o presentador Rodrigo Vázquez, entre outros. Ademais, oíntes e público poderán gozar das actuacións de The Rapants, Grupo Fua, Lúa Mosquetera e Namy and The Band.
O programa emitirase simultaneamente nas oito emisoras que participan na iniciativa, á que a Radio Galega achega a montaxe técnica. O resto de cadeas participantes son RNE, Radio Coruña Cadena SER, Radio Voz, Onda Cero, COPE, Radio Marca e InterCoruña, así como nas súas respectivas canles de streaming.
A CRTVG ofrece o sorteo da lotaría de Nadal, con máis de cinco horas de información e nove puntos de directo
Santiago, 21.12.2023.- Os medios públicos galegos despregan este venres un amplo dispositivo técnico e humano para achegarlles aos espectadores unha das xornadas máis ilusionantes do ano, a da sorte, que marca o inicio das festas de Nadal. Conducido por Sevi Martínez, e Almudena R. de Urzáiz, o especial ‘Sorteo Lotaría de Nadal 2023’ da TVG comezará ás 8:30 h e estenderase, en función dos premios que caian en Galicia, ata os informativos centrais da faixa do mediodía, con máis de cinco horas en directo.
Desde o estudio 150 de San Marcos, a Televisión de Galicia seguirá toda a actualidade da mañá, con nove puntos de directo. Desde primeira hora, conectará co Teatro Real de Madrid, onde Iria Soengas e Sabela Romar narrarán o máis destacado da xornada. Ademais, o programa establecerá conexións coa Coruña, Santiago, Ourense, O Porriño, Lugo, A Illa de Arousa, Ferrol e A Fonsagrada, o que lle permitirá á canle pública achegarse rapidamente ás localidades premiadas.
O programa especial contará coa presenza no estudio de Moncho Lemos, que comentará todos os datos, as anécdotas e as curiosidades da xornada. Tamén se establecerán conexións en directo coa redacción de informativos, para recoller a última hora deste 22 de decembro.
A Radio Galega e a web da CRTVG levarán a cabo tamén unha cobertura especial do sorteo de Nadal durante toda a mañá. O ‘Especial lotaría’ da RG estenderase das 08:55 h ás 14:00 h. Conducido por Kiko Novoa e Cristina García, contará coa participación especial do humorista Marcos Pereiro e unha importante despregadura de reporteiros polo territorio galego para recoller os testemuños de posibles gañadores nas localidades agraciadas e contar o máis destacado da xornada.
Xunto coa información dos premios, durante o ‘Especial lotaría’ a emisora pública sorteará 20 entradas para o espectáculo do Circo do Sol e tamén estancias para as cabanas Limbo de Malpica.
Pola súa banda, os usuarios de Internet poderán consultar a información da xornada a través de crtvg.gal e tamén comprobar se os seus décimos foron premiados.
Televisión de Galicia celebra o Nadal con espazos de entretemento para toda a familia
Santiago, 19.12.2023.- Arranca esta semana a programación de Nadal da TVG: co lema ‘Fixémolo por ti’, a canle pública adapta a súa grella con espazos moi familiares e entretemento para todas as idades cos que quere agradecer a fidelidade da audiencia.
Este mércores 20 chega a pantalla o especial ‘A cea máis galega do mundo’, unha competición entre os produtos e pratos de Nadal que enchen as mesas de sabor nestes días. O venres 22, a canle pública galega retransmitirá o anual ‘Sorteo da Lotaría de Nadal’, cun programa presentado por Iria Soengas e Sevi Martínez, e unha ampla despregadura por toda Galicia na busca de posibles afortunados.
Chega o Nadal tamén ao concurso ‘Atrápame se podes’, que a partir do día 23 será protagonizado por ‘dúos imposibles’ con personaxes famosos enfrontados polos seus estilos, traballos ou idades. E haberá tamén ‘Atrápame se podes Kids’, en que os máis pequenos da casa terán a oportunidade de participar nun clásico da grella da TVG.
E ese mesmo sábado 23, pola noite, a Galega ofrecerá unha nova entrega do programa especial ‘A Liga das Familias Extraordinarias’, en que os artistas poderán subir ao escenario coas súas persoas máis achegadas.
Noiteboa e día de Nadal
O 24, a Noiteboa da Galega será a máis falcatrueira, con Roberto Vilar e a tropa do ‘Land Rober Tunai Show’ nunha edición especial. E o día de Nadal a programación encherase de propostas para unha xornada en familia. Pola tarde, emitirase o ‘Nadal Challenge’ entre casas de toda Galicia que competirán por conseguir ser a mellor iluminada das festas. A continuación, estrearase ‘A cabina dos desexos’, en que seis persoas recibirán unha sorpresa e cumprirán os soños que sempre quixeron realizar. E pola noite os seguidores da serie de éxito ‘Saudade de ti’ poderán gozar co especial ‘Que bonito é vivir en Abrente’, que lles permitirá ver como sería a vida nesta vila de ficción se o tráxico accidente en que morreron Olga e mais a súa irmá Uxía nunca tivese sucedido.
O 27 de decembro estrearase ‘Soño contigo’, unha serie de programas que reflicte a paisaxe e aspectos estéticos de Galicia desde a óptica dun dron, Liciña. A primeira emisión do espazo, presentado pola xornalista Alba Mancebo, fará un percorrido pola iluminación de Nadal de cidades, vilas e aldeas galegas, e a segunda achegarase o día de Aninovo aos principais cabos de Galicia, amosándoos como nunca se viran.
O sábado 30 pola noite abrirá as súas portas ‘Sala G’, serie de tres programas especiais que desvelará os segredos das salas de festas dos anos 80. A TVG lembrará aqueles tempos con este concurso musical dedicado aos cantantes de orquestra, aos xurados e concursantes dos talent shows e aos programas da canle pública galega.
Gala de fin de ano e badaladas con X. R. Gayoso
Os espectadores da TVG están convidados a pasar a Noitevella na compaña de Xosé Ramón Gayoso na ‘Gala de Fin de Ano’ xunto ás Tanxugueiras, con Carlos Baute, Bustamante, Camela e Twin Melody entre os artistas convidados. Arredor da medianoite, o presentador trasladarase á praza do Obradoiro para retransmitir as badaladas, tarefa en que estará acompañado por Noelia Rey e Rocío Durán.
Primeiros días de 2024: ‘Os reis do mando’, música e cabalgata de Reis Magos
No primeiro día do ano, a TVG abrirá as portas dos salóns galegos para descubrir como diferentes familias e amigos comparten e gozan da televisión galega. O programa especial ‘Os reis do mando’ será testemuña das reacción reais, sen guión, divertidas, emotivas e sorprendentes que lles transmiten aos espectadores os momentos máis especiais da programación de 2023.
E o 3 de xaneiro será o momento de escoller ‘A mellor orquestra do ano’ cunha competición entre catro grandes e imprescindibles da verbena galega: Panorama, París de Noia, Los Satélites e El Combo Dominicano.
A programación de Nadal da TVG rematará na tarde do día 5 de xaneiro, como non podía ser doutro xeito, coa tradición de ofrecer en directo as cabalgatas de Reis desde as rúas galegas con conexións coas principais cidades e vilas para seguir os seus desfiles, cos que comeza a noite máis máxica do ano.
Fin de semana de fútbol na CRTVG, co Cornellá-Lugo, Coruxo-Vilalbés, Pontevedra-Fabril e Arenteiro-Deportivo
Santiago, 15.12.2023.- A CRTVG retransmite esta fin de semana fútbol correspondente á 1ª e 2ª RFEF, atletismo e baloncesto feminino. As emisións comezarán na G2 e a web o sábado ás 15:00 h, co U. E. Cornellá- C. D. Lugo da 1ª RFEF. Os galegos atópanse na parte alta da táboa, co que un triunfo impulsaríaos directamente a postos de cabeza, pero os cataláns tamén precisan a vitoria, pola súa proximidade á zona vermella. A CRTVG emitirá este encontro tanto na G2 coma na web.
Ás 17:00 h, comezará, tamén en ambas canles, o partido no Vao entre o Coruxo F. C. e o Rácing Club Vilalbés, último encontro do ano e penúltimo da primeira volta da Segunda Federación. Os vigueses atesouran cinco vitorias nos últimos seis partidos e son décimos con 20 puntos, tres menos que os vilalbeses, en sétima posición.
O domingo, as emisións dos medios públicos comezarán con atletismo. Entre as 10:55 h e as 12:00 h, G2 e web retransmitirán a Carreira Sin-Son 10k. Ás 12:30 h ofrecerán baloncesto feminino, co partido da Liga Endesa entre Barcelona CBS e Baxi Ferrol, encontro que se retransmitirá tamén na G2 e en crtvg.gal.
A xornada continuará ás 17:00 h, co derbi galego entre Pontevedra C. F. e R. C. Deportivo Fabril no Estadio Municipal de Pasarón. Trátase dunha confrontación con moita historia. Os granates enfrontáronse aos coruñeses ata en 48 ocasións, entre encontros de Liga e Copa do Rei. E, a pesar disto, non coincidían nun partido oficial desde a temporada 18-19, en que se atopaban na Segunda B. Para saber que sucede nesta ocasión haberá que seguir o partido pola G2 ou a web da CRTVG.
A fin de semana deportiva dos medios públicos rematará ás 19:00 h. O campo do Espiñedo, no Carballiño, acolle o C. D. Arenteiro-R. C. Deportivo, do Grupo I da Primeira Federación. Atópanse, respectivamente, nos postos 9 e 10 da táboa clasificatoria, empatados a puntos, de aí a transcendencia do encontro.
E, coma cada fin de semana, os programas ‘A xornada en xogo’ (23:00 h) e ‘En xogo’ (22:30 h) ofrecerán un resumo de mellores momentos e anécdotas da fin de semana deportiva, o sábado e o domingo, respectivamente.
A Radio Galega estrea temporada este luns, con novas voces e a continuidade dos grandes formatos
Santiago, 01.09.2023.- Regresan á Radio Galega os seus programas de máis éxito, co arranque da nova temporada en setembro. A partir do luns día 4, a emisora pública incorporará novas voces, coma as da personaxe de Virtudes A Repunante, que con máis de 100.000 seguidores nas redes sociais é unha das cómicas máis seguidas e queridas pola xente nova en Galicia. Noutros rexistros, o cardiólogo Juan Antonio Juanatey ou o físico Jorge Mira prestarán os seus coñecementos a todos os oíntes da Radio Galega. Os formatos clásicos como ‘Pensando en ti’ cambian de presentador na edición semanal. Ademais, a RG manterá amplas franxas dedicadas á actualidade informativa, cultural, deportiva de Galicia.
O programa das mañás, ‘Galicia por diante’, continuará coa exitosa estrutura das edicións anteriores, en horario de 6:00 a 14:00 h Silvia Pereira estará á fronte do tramo informativo, ata as 9:30 h, e Kiko Novoa, conducirá o magazine. Entre as 11:00 e as 11:45 h, os oíntes coñecerán as novas máis destacadas e gozarán dos comentarios de populares colaboradores, coma o humorista Tonhito de Poi e os influencers O Barroquista, Enfermera Saturada, e DeborahCiencia. E, coma en temporadas anteriores, o espazo ‘A bóla extra’, emitirase simultaneamente na TVG, entre as 12:00 h e as 13:00 h, contando de novo a diario co humorista Marcos Pereiro.
O programa ‘A tarde’ emitirase de 15:00 a 19:00 h, coa incorporación de María Foscaldo como colaboradora, coa personaxe que popularizou en redes sociais, Virtudes A Repunante. Os máis de 110.000 seguidores en TikTok desta personaxe que esperta antipatía e tenrura ao mesmo tempo, coa súa visión anacrónica do mundo e opinando de todo sen saber de nada, poderán gozar das súas ocorrencias no faladoiro da primeira hora do programa. Neste espazo trataranse con moito humor os temas do día.
Ademais, ‘A tarde’ terá puntos de directo nas catro provincias e recibirá expertos en medicina, maternidade, seguridade viaria, viaxes, consumo ou medio ambiente. Desde as 19:00 ás 20:00 h, Águeda Penedo tomará a remuda co formato vespertino, ‘Convivir’.
Pola súa banda, o popular programa da madrugada ‘Pensando en ti’ sorprenderá esta temporada con importantes cambios. O presentador habitual, Marcial Mouzo, incorpórase como director e condutor á edición da fin de semana, polo que, de luns a xoves, o formato, recentemente galardoado pola ONCE pola súa labor de acompañamento á soidade, incorporará novo presentador. O nome desvelarase este sábado no programa.
Na fin de semana a RG ofrecerá ‘Galicia por diante fin de semana’, con tramo informativo de Luís Ojea, de 8:00 a 9:00 h, e a sección magazine de Victoria Rodríguez, os sábados desde ás 12:00 h e os domingos, desde as 11:45 h. Contará con colaboradores coma o cardiólogo Juan Antonio Juanatey ou o físico Jorge Mira.
Espazos informativos, culturais e deportivos
O informativo ‘A crónica’ achegará a actualidade diaria nas edicións de mediodía, de 14:00 a 15:00 h e nocturna, de 20:00 a 23:00 h. O primeiro tramo será informativo, con seccións de deporte de 14:45 a 15:00 h, e cultura, mentres que, a partir das 21:00 h incluirá espazos especializados. Os luns, ‘Atmosféricos’, con Mabel Montes; ‘Lambóns de viaxe’ e ‘Lambóns dixitais’, con Carlos García Verdugo, martes e xoves, respectivamente, e ‘Efervesciencia’, os mércores, con Manuel Vicente. E, coma na temporada anterior, o faladoiro do último tramo do programa, de 22:00 a 23:00 h, emitirase de xeito simultáneo en RG e G2.
A proposta de programación especializada en cultura da Radio Galega desenvolverase todos os días da semana. De luns a venres, nas tres edicións de ‘Diario cultural’, ás 10:30 h, 17:30 h e 20:45 h. Na fin de semana, tomará a remuda edición Zeta, con cultura para a mocidade da xeración Z.
Xoán Galán estará á fronte do ‘Galicia en goles’, que recollerá o mellor da fin de semana deportiva, os sábados, de 15:00 a 00:00 h e os domingos, en sesión matinal, de 11:45 a 14:00 h, e vespertina, desde as 15:00 h, rematando xa de madrugada, ás 01:00 h.
A análise deportiva semanal desenvolverase en ‘Ao contraataque’, con Pedro Pablo Alonso, de luns a xoves, de 23:00 a 01:00 h. Tamén continuará o espazo deportivo con perspectiva social ‘Galicia en xogo convivir deportivo’, con Alfonso Pardo.
A Radio Galega retransmite o sábado desde Mestalla o Valencia-Celta
Santiago, 23.11.2023.- A última fin de semana do mes de novembro presenta un amplo abano de retransmisións deportivas na Radio Galega. O venres, desde as 20:30 h, a primeira edición de ‘Galicia en goles’ estará dedicada ao baloncesto, coa cobertura dos partidos Burgos-Basquet Coruña e Gipuzkoa-Ourense, da Liga Española.
O sábado, a partir das 15:00 h, toda a atención estará posta na Primeira División de fútbol. Desde Mestalla, o equipo da Radio Galega contará o Valencia-Celta, no recomezo do campionato tras o descanso polos compromisos das seleccións nacionais. Aqueles seareiros que teñan previsto seguir o partido pola televisión teñen a opción de audio da Radio Galega para escoitar a narración.
Logo chegará o derbi da Primeira RFEF que disputan no Anxo Carro o Club Deportivo Lugo e o Arenteiro do Carballiño. Ademais, o ‘Galicia en goles’ informará da Terceira RFEF, con este calendario: Pontevedra B-Arousa, Arteixo-Estradense e Bouzas-Barbadás. Mentres, os afeccionados ao baloncesto terán nas plataformas dixitais radiogalega.gal e g24.gal/deportes a emisión íntegra do Obradoiro-Granada, da Liga ACB, que tamén se escoitará no audio 2 do dial 65 de Movistar.
O proxecto #GaliciaEnXogo chegará aos oíntes en tres entregas durante o sábado. A primeira, ás 13:00 h, desde Vilamarín. A segunda, ás 23:00 h, dedicada ao mundo do motor, tras rematar a pasada fin de semana o campionato galego. Por último, ás 23:30 h, o espazo olímpico contará co resume semanal da actividade dos deportistas galegos que preparan os Xogos de París 2024.
Xa o domingo, o deporte terá unha continuidade de máis de 13 horas na grella da Radio Galega. Ás 11:45 h, as primeiras retransmisións serán de fútbol da Segunda e Terceira RFEF, con atención especial ao Ourense CF-Guijuelo, Fabril-Caión e Vilalbés-Langreo. Desde as 14:00 h, a emoción estará no fútbol profesional da Segunda División coa visita do Rácing de Ferrol ao líder, o Leganés. Esta emisión tamén se escoitará no audio 2 da canle de televisión La Liga Hypermotion, que transmite por varios operadores de pagamento. Ao remate, continuará o fútbol co Celta Fortuna-Real Sociedad B, Covadonga-Pontevedra e Compostela-Coruxo. A partir das 20:00 h, Riazor será o punto de directo co Deportivo-Osasuna Promesas. Mentres, as plataformas dixitais radiogalega.gal e g24.gal/deportes ofrecerán integramente ao mediodía o Breogán-Zaragoza, que tamén chegará polo audio 2 do dial 64 de Movistar.
Ao final da xornada, entre as 23:00 e as 00:00 h, os especialistas de ‘Ao contraataque’ pasarán consulta para debater sobre os resultados dos nosos equipos. Xa na última hora, de 00:00 a 01:00, os adestradores e xogadores da Terceira RFEF serán entrevistados para analizar os nove partidos desenvolvidos durante a fin de semana.
Colaboración con UNICEF
Ademais, desde o venres e ata o domingo, o programa ‘Galicia en goles’ divulgará tamén os principais contidos da Semana da Infancia de UNICEF, centrada no benestar do deporte e a protección da rapazada desde os clubs. Mesmo algúns nenos e nenas exercerán de comentaristas nos partidos destacados da xornada galega.
Noelia Rey e Rocío Durán acompañarán a Xosé Ramón Gayoso nas badaladas da TVG en fin de ano
O presentador Xosé Ramón Gayoso volverá presentar o ‘Especial badaladas’ da TVG na noite de fin de ano desde a praza do Obradoiro, onde estará acompañado polas presentadoras Rocío Durán e Noelia Rey, actualmente á fronte dos espazos ‘Hora galega’, nas tardes da TVG e do noticieiro de humor ‘Malicia noticias’.
Gayoso pechará deste xeito un 2023 moi especial, no que mesmo se anunciou que abandonaba o estudio de ‘Luar’, o que propiciou ata un concurso entre quince presentadores para substituílo. A broma rematou hai unhas semanas coa súa volta á fronte do espazo máis querido da canle. Agora volverá tamén acompañar os galegos e galegas na conta atrás para estrear o ano 2024.
A presentadora Rocío Durán triunfa na pantalla coa emisión do magazine das tardes ‘Hora galega’, estreado en 2022. Pola súa parte, a ourensá Noelia Rey é unha cara moi coñecida da TVG. A xornalista, que recolleu o Premio Circom ao Novo Talento en Pantalla 2022, presentou espazos como ‘Vaia troula’ e actualmente conduce o noticieiro ‘Malicia noticias’ en clave de humor no prime time da canle.
Rosa Vilas recolleu o Premio Paraugas honorífico do Clúster da Comunicación en recoñecemento á súa carreira
Ferrol, 17.11.2023.- Rosa Vilas, adxunta á dirección xeral da CRTVG, recolleu este venres o Premio Paraugas honorífico do Clúster da Comunicación de Galicia, en recoñecemento a súa traxectoria profesional. Nunha gala celebrada no Teatro Jofre de Ferrol, a xornalista foi homenaxeada pola súa carreira e como pioneira xa que foi a primeira muller en dirixir a Televisión de Galicia, no 2009.
Na súa intervención, Rosa Vilas agradeceu e recoñeceu o importante papel dos equipos da TVG na súa carreira e tivo tamén unha lembranza para outra xornalista pioneira, Rosa Martínez, recentemente falecida, compañeira e ex-directora da Radio Galega. Rematou as súas palabras adicando o premio aos seus dous fillos aos que agradeceu, emocionada, "o apoio incondicional e a vosa comprensión por tantas ausencias durante todos estes anos".
A traxectoria de Rosa Vilas (Cambados, 1966) está vencellada á historia dos medios públicos galegos, xa que antes de dirixir a canle de televisión fora tamén a primeira muller que exerceu como redactora xefa e subdirectora de informativos da TVG. Este Premio Honorífico dos VIII Premios Paraugas enxalza, por tanto, o seu destacado labor como xornalista e tamén o seu papel como pioneira no seu sector. Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, en 1989 comezou a súa traxectoria na CRTVG, nos primeiros anos como presentadora e editora do ‘Telexornal mediodía’, e posteriormente en cargos directivos.
En 2014, Rosa Vilas pasou a ser a directora da División de Radio e Televisión de Galicia da CRTVG. Máis adiante, en 2017, foi nomeada directora adxunta á Dirección Xeral da CRTVG e, posteriormente, directora de Organización e Xestión do Cambio, adxunta á Dirección Xeral da CRTVG responsable do deseño e desenvolvemento da dixitalización e do modelo produtivo da CRTVG como operadora dixital multimedia, multiplataforma e multicanle. Ao longo da súa carreira profesional, Rosa Vilas recibiu distincións como o Premio Talento de Televisión da Academia da Televisión en 2014 ou o Premio Enrique Beotas na modalidade de entrevista en 2016.
Premios Paraugas
O Clúster da Comunicación de Galicia puxo marcha hai oito anos os Premios Paraugas para poñer en valor a calidade do traballo do sector da comunicación en Galicia. Cada ano, neste 2023 por primeira vez fóra de Ourense, os galardóns recoñecen traballos de creativos, axencias de publicidade, entidades, imprentas, e proxectos de comunicación de marketing feitos desde Galicia.
www.clustercomunicacion.gal
Un 'Luar' dedicado á Semana coa Infancia recibe no escenario a Andy y Lucas, Cómplices e María do Ceo
Santiago, 24.11.2023.- ‘Luar’ emite esta noite un programa especial dedicado a dar visibilidade ao traballo de UNICEF, na XIII Semana coa Infancia, da que participa a CRTVG xunto coa ONG para concienciar en torno aos dereitos dos menores. Ao longo da noite, os presentadores do espazo, Xosé Ramón Gayoso e Esther Estévez, irán lembrando os artigos da Convención sobre os Dereitos do Neno.
Coma sempre, ‘Luar’ chegará tamén cargado de música e entretemento. Subirán ao escenario os dúos Andy y Lucas e Cómplices, a artista pop Yoli Saa ou a orquestra Mar Azul, coa mellor representación do folclore galego. O humor poñerano Campos e Crespo.
Logo de 20 anos de carreira, oito álbums, tres recompilacións e 20 discos de platino, Andy y Lucas deixarán a música, tras unha última xira de despedida, que comezará o vindeiro 20 de abril no Gran Teatro Falla, de Cádiz. Á espera desta parada, os espectadores da TVG gozarán hoxe de pegadizas melodías como ‘Son amores’.
Ademais, o musical contará esta noite coa fadista María do Ceo e, no apartado de folclore galego, co grupo de música e baile tradicional Os Trazantes de Tenorio e a Foliada Vaiboa. E no concurso ‘Recantos’ participarán Paula Meda, por Terras de Pontevedra, e Bea García, das Terras do Eume.