A apaixonante historia de Vargas Llosa 'Travesuras da nena mala' chega AGalega.gal esta semana - CRTVG
A apaixonante historia de Vargas Llosa 'Travesuras da nena mala' chega AGalega.gal esta semana
A estrea do documental ‘Galicia peza a peza’ descubrirá o sábado os segredos dos museos galegos
E, entre outras incorporacións á plataforma, a popular xornalista viguesa Carlota Corredera será este mércores a nova convidada no ‘Raíña-me’

Santiago, 26.03.2025.- A plataforma AGalega.gal continúa a súa aposta por unha programación variada e de calidade con novas estreas semanais, que abranguen ficción, documental e programas de entretemento. O xoves (día 27) chega unha das novidades destacadas da tempada: ‘Travesuras da nena mala’, serie baseada na novela homónima do premio nobel Mario Vargas Llosa. Esta apaixonante historia de amor e destino segue os pasos de Arlette e Ricardo, desde a adolescencia ata a idade adulta, marcados por encontros e desencontros que os levarán por diferentes partes do mundo. Esta produción de 2022 conta cos arxentinos Juan Pablo di Pace e Macarena Achaga nos papeis principais.
O sábado (29) será a quenda da divulgación coa estrea da serie documental ‘Galicia peza a peza’, un percorrido polas pezas máis singulares da rede museística galega. A través destas xoias do patrimonio, os espectadores mergullaranse na historia das vilas e cidades galegas.
A plataforma achegará tamén desde o mércores (26), ás 20:00 horas, unha nova entrega de ‘Raíña-me: Raíñas de portada’, en que a drag queen Alexa Evans recibirá unha convidada de luxo: Carlota Corredera. A xornalista e presentadora viguesa compartirá experiencias e reflexións sobre o feminismo, o papel das mulleres nos medios e o privilexio de ter unha voz pública. Ademais, protagonizará con Alexa Evans no ‘Odragoiro’ unhas informacións moi suculentas e exclusivas sorprendentes.
A semana complétase con estreas en todos os xéneros. O luns (24), os afeccionados aos programas de acción e realismo poderán acompañar os bombeiros de Galicia na súa loita contra incendios e emerxencias, en ‘Alarma 080’, e descubrir a valentía dos profesionais de Salvamento Marítimo, Gardacostas, Garda Civil e Vixilancia Aduaneira, en ‘Os gardiáns do mar’. O martes (25), a intriga e o crime chegan con ‘Infiltrado’, un filme baseado en feitos reais sobre unha operación antidroga encuberta nos anos 80. E o venres (28), en simultáneo coa TVG, chega o capítulo final de ‘A coral’, en que os nervios están á flor de pel ante a súa grande actuación no ‘Luar’.
