Principios de Política Ambiental da CRTVG - CRTVG
Principios de Política Ambiental da CRTVG
Resolución da Dirección de Comunicación do 3-7-2014
A Compañía Radio Televisión de Galicia (CRTVG), acorde co seu compromiso de responsabilidade social como servizo público e medio de comunicación ao servizo da Sociedade galega, asume a importancia de integrar a xestión ambiental nos seus principios reitores. Para iso, comprométese a definir e levar á práctica unha estratexia de xestión ambiental, e integrala na súa política xeral de actuación.
Co propósito de sentar as bases e definir o marco no que desenvolver a súa estratexia, defínese esta política ambiental, que se asenta sobre os seguintes principios:
1.- A política ambiental de Radio Televisión de Galicia emana directamente da Dirección da Empresa, cuxas directrices asumen todos os órganos e departamentos da Compañía.
2.- A Compañía comprométese a desenvolver a súa actividade de forma ambientalmente responsable, creando ou desenvolvendo hábitos, comportamentos e métodos de traballo tendentes a previr a contaminación e minimizar os impactos ambientais derivados das súas actividades, cumprindo a lexislación ambiental vixente e os requirimentos derivados doutros acordos que a Compañía subscriba.
3.- A Compañía comprométese a implantar unha sistemática de mellora continua no seu desempeño ambiental introducindo pautas de progreso que minimicen e preveñan posibles efectos negativos sobre o medio ambiente, tanto nas propias instalacións como nas actividades realizadas no exterior. As liñas de actuación neste sentido céntranse en:
- Eficiencia enerxética, establecendo accións de mellora continua dos equipamentos e as instalacións
- Optimización do consumo de recursos e fomento da reciclaxe
- Minimización das emisións e os residuos xerados
4.- Como servizo público, a nosa actividade ten unha elevada repercusión na nosa contorna; por iso, a Compañía comprométese a aproveitar ao máximo as posibilidades que lle brinda a súa condición de medio de comunicación para sensibilizar á sociedade galega, divulgar os valores de respecto e conservación do medio ambiente, e colaborar con outras entidades implicadas.
5.- A información e sensibilización para o cumprimento destes principios entre os colaboradores, empresas e entidades relacionadas coa CRTVG, é unha actividade integrada dentro da nosa xestión. Realízanse accións específicas de formación ou concienciación dos traballadores/as en materia ambiental, e promóvese a actitude ambientalmente responsable nas empresas colaboradoras.
6.-Estes compromisos co Medio Ambiente materialízanse en obxectivos e accións concretas de Mellora Continua, das cales se realiza un seguimento ao máis alto nivel.
7.- Como medio de comunicación con vocación de servizo público, CRTVG asume a súa responsabilidade en materia de medio ambiente, incorporando estes principios na súa área de influencia, estratexia e na súa actividade cotiá, comprometéndose a poñer en servizo os medios necesarios para o logro dos obxectivos fixados, e cunha colaboración permanente en materia ambiental coas Administracións e organismos competentes.