A miniserie 'Poscoito', Premio Mestre Mateo 2025, chega hoxe a AGalega.gal nunha semana cargada de estreas - CRTVG
A miniserie 'Poscoito', Premio Mestre Mateo 2025, chega hoxe a AGalega.gal nunha semana cargada de estreas
Thrillers, acción e drama nas novas películas dispoñibles na plataforma
E desde o venres, o documental ‘A ollada de Blanco Amor’ achegará a particular mirada dun dos autores máis importantes da literatura galega do século XX

Santiago, 17.03.2025.- A plataforma dixital da Galega, AGalega.gal, segue ampliando a súa oferta de contidos cunha semana repleta de novidades. A partir de hoxe, os espectadores poderán gozar da estrea de ‘Poscoito’, unha microserie innovadora Premio Mestre Mateo 2025 á Mellor Serie Web, ademais de novos filmes, documentais e programas de entretemento que enriquecerán o seu catálogo de contidos.
A primeira gran novidade chega este luns coa estrea da premiada ‘Poscoito’. Esta microserie de tres capítulos explora as situacións e conflitos que poden xurdir despois dunha relación sexual. Cada episodio presenta unha historia autoconclusiva independente, cun ton e un elenco diferentes, pero cun fío condutor común: ese instante de intimidade e reflexión que segue ao acto sexual.
O martes, os amantes do thriller teñen unha cita coa película ‘Caza humana’, protagonizada por Robert de Niro e John Travolta. A historia sitúase nos montes Apalaches, onde un militar retirado recibe a visita dun turista europeo que, en realidade, é un soldado serbio con sede de vinganza. O que comeza como un encontro aparentemente inofensivo convértese nunha feroz batalla en que só un poderá saír con vida. A película estará dispoñible ata o 31 de xaneiro.
Ao día seguinte, o mércores, será a quenda dunha nova entrega de ‘Raiñame: Galicia por detrás’. O presentador Kiko Novoa, acompañado pola drag queen Alexa Evans, enfróntase no Odragoiro ao reto de camiñar en tacóns por primeira vez e superar outras probas sorprendentes. O episodio poderá verse a partir das 20:00 horas.
Esta semana incorpórase tamén ao catálogo ‘Ao outro lado da lei’ (xoves 20), un filme protagonizado por Mel Gibson e Vince Vaughn, en que dous policías, suspendidos por empregar tácticas demasiado agresivas, vense na obriga de tomar decisións ao límite para solucionar os seus problemas económicos.
O venres chega unha proposta diferente coa estrea do documental ‘A ollada de Blanco Amor’, produción que permite descubrir a figura do escritor galego Eduardo Blanco Amor, a través das súas propias fotografías. Un percorrido visual que achega a súa personalidade, a súa forma de ver o mundo e o contexto histórico en que viviu.
A semana péchase o sábado coa incorporación de ‘Megan Leavey’, un drama baseado en feitos reais que narra a emocionante historia dunha marine e o seu can adestrado para detectar explosivos en Iraq. Tras resultar ferida en combate, Megan loitará para poder reunirse con Rex, o seu fiel compañeiro. A película poderá verse ata o 31 de marzo.
Ademais destas estreas, AGalega.gal continúa renovando os seus contidos habituais da programación da TVG. Neste senso, cómpre salientar o regreso á grella do concurso ‘Atrápame’ e, a partir do sábado, novas entregas do programa musical ‘Hit List’.