div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

CSAG Viva

Publicador de contidos

Televisión de Galicia retransmitirá o Trofeo Teresa Herrera entre o Deportivo e o Real Madrid o 12 de agosto

Santiago, 10.07.2026.-    A Televisión de Galicia retransmitirá o 12 de agosto, ás nove da noite, unha nova edición do Trofeo Teresa Herrera, que este ano ten como protagonistas o Deportivo da Coruña e o Real Madrid. O equipo herculino aproveitará a cita para presentarse ante a súa afección días antes de debutar ante o Elx no regreso á Primeira División. O Deportivo e o Real Madrid son os clubs máis laureados deste clásico do verán no fútbol español. Entre os dous suman 35 torres das 80 finais disputadas. 

Este verán, a TVG adquiriu os dereitos das pretemporadas do Deportivo e do Celta, os dous equipos galegos que oito anos despois volverán coincidir na elite do fútbol profesional español.

Os telespectadores poderán desfrutar dos sete partidos programados polo Deportivo ante o Compostela, Oviedo, Lugo, St Pauli, Fiorentina, Génoa e Real Madrid e dos cinco previstos polo Celta. Os rivais confirmados dos celestes son o Braga, o Spórting de Xixón, o Sassuolo e o Nápoles. O quinto partido, que tamén será retransmitido pola TVG, está pendente de confirmación de rival e datas.

Onde e como ver a pretemporada na TVG e a G2

Á espera da confirmación do quinto partido do Celta, así queda o calendario de pretemporada:
    • Os dous primeiros partidos son coincidentes en data e horario. O sábado 18 de xullo a TVG emitirá a partir das 20:30 h a estrea do Celta ante o Braga, e a partir das 20:00 h pola G2 poderase ver o Compostela-Deportivo.
    • O día 25 intercámbianse os papeis para o dobre duelo galaico astúr. A partir das 19:30 h pola TVG poderase ver o Oviedo-Deportivo, e pola G2 a partir das 20:00 h o Celta-Sporting de Xixón.
    • O mércores 29 de xullo, ás 19:30 h, a TVG ofrecerá o Deportivo–Lugo, que se xogará no estadio da Magdalena, en Vilalba.
    • O  sábado 1 de agosto, ás 18:30 h, a TVG retransmitirá o encontro entre o St. Pauli e o Deportivo, desde o estadio Millerntor, en Hamburgo.
    • O mércores 5 de agosto, ás 20:00 h, será a quenda do Sassuolo-Celta, desde o Ricci Stadium. Un día despois, o xoves 6 de agosto, tamén ás 20:00 h, o Fiorentina-Deportivo, desde o estadio Artemio Franchi, en Florencia. Os dous partidos, pola TVG.
    • O sábado 8 de agosto volverán coincidir os compromisos dos dous equipos galegos nun dobre duelo italiano. A partir das 21:00 h, a TVG ofrecerá o encontro entre o R. C. Celta e o Nápoles, que se disputará no estadio Teofolo Patini, e á mesma hora, a G2 retransmitirá o Genoa-Deportivo, desde o estadio Luigi Ferraris.
    • A cobertura da pretemporada culminará o mércores 12, ás 21:00 h, coa retransmisión pola TVG do Trofeo Teresa Herrera, onde o Deportivo se vai enfrontar ao Real Madrid.

ler máis

A G2 e AGalega.gal retransmiten esta fin de semana, desde Castro Urdiales e Orio, a terceira xornada da Liga ACT de traiñeiras

Santiago, 10.07.2026.-    A segunda canle da Televisión de Galicia e a plataforma AGalega.gal dedican esta fin de semana unha ampla cobertura ás principais competicións de traiñeiras e de hípica.

A xornada do sábado principiará ás 17:15 h coa Liga ACT feminina, en que se disputa a Bandeira de Castro Urdiales, á que seguirá, ás 18:15 h, a categoría masculina, tamén desde augas cántabras. Tras as dúas primeiras probas do calendario, as embarcacións galegas comezaron a temporada nos postos baixos. Mentres Chapela é antepenúltima con 11 puntos, o equipo de Ares está afundido na última praza, con só 4.

A partir das 20:00 h, o protagonismo será para o Gran Premio de Hípica desde Casas Novas. O CSI 4* da Coruña é unha cita destacada do calendario hípico nacional e internacional e reunirá en Casas Novas algúns dos mellores xinetes españois de salto de obstáculos. Á fronte da representación nacional estarán os tres membros do equipo español que competiu nos Xogos Olímpicos de París 2024: Eduardo Álvarez Aznar, Sergio Álvarez Moya e Ismael García Roque, tres das figuras máis salientables do salto de obstáculos en España. Xunto a eles participarán algúns dos xinetes mellor clasificados do circuíto nacional, incluídos os catro integrantes do equipo que gañou a Copa de Nacións de Lisboa o pasado mes de maio: Jesús Garmendia, Kevin González de Zárate, Pilar Cordón e Pello Elorduy. A lista de participantes nacionais complétase con outros habituais do circuíto internacional, o que converte o CSI 4* de Casas Novas nunha oportunidade única para presenciar o mellor nivel da hípica española nun escenario de primeiro nivel.

O domingo pola mañá a atención centrarase na Bandeira de Orio, da Liga ACT de traiñeiras, coa regata feminina ás 11:15 h e a masculina, ás 12:20 h. Ao mesmo tempo, ás 12:00 h, AGalega.gal ofrecerá en directo a Liga Galega de Traiñeiras masculina A desde Bueu. Esta proba ofrecerase en diferido na G2 a partir das 14:00 h.
    
A fin de semana deportiva rematará coa xornada final da hípica de Casas Novas a partir das 16:45 h, en directo a través da segunda canle da Televisión de Galicia e da plataforma AGalega.gal.

ler máis

O programa 'Luar' recibe este venres a visita de Andy, Los Vivancos e Nacha la Macha

Santiago, 10.07.2026.-    O programa ‘Luar’ (21:45 h) contará hoxe coa presenza de Andy, que lles presentará a público e espectadores o seu primeiro proxecto en solitario, titulado ‘Solo’. Tras máis de dúas décadas formando parte do emblemático dúo Andy & Lucas, o artista gaditano emprende un camiño propio que conserva a emoción e a proximidade que o fixeron popular, pero que avanza cara a un son máis persoal, maduro e libre. O seu disco é unha viaxe sonora polas súas raíces, con rumbas con toques latinos que convidan ao movemento e baladas pop de corte clásico.

Por outro lado, os irmáns Elías, Judah, Josua, Cristo, Israel, Aaron e Josué, máis coñecidos como Los Vivancos, volven traer hoxe a súa arte ao escenario de ‘Luar’. Baile, danza contemporánea, folclore, artes marciais e tap dance fusiónanse nas súas propostas espectaculares, cheas de forza e fantasía.

O espazo da TVG tamén recibirá esta noite a visita de Nacha la Macha, unha das transformistas máis famosas de España, artista de escenarios múltiples e amante da copla, o humor e o espectáculo. Incómoda para algúns e admirada por outros, logrou construír unha personaxe irreverente e provocadora que di e canta o que sente. E así o demostra no seu último sinxelo, ‘El arte sigue aquí’, en que reivindica o uso do español en detrimento de anglicismos que fomos incorporando ao noso día a día. Ademais, pasarán polo escenario a orquestra Costa Dorada e o grupo tradicional Abeleiras.

Un dos momentos máis emocionantes da noite chegará contra o final do programa, coa segunda semifinal de ‘Recantos’, en que se enfrontarán Lu Pérez, representante da comarca da Arousa, e Uxía, de Terras de Compostela, polo último oco na gran final. Lamar (Noia-Barbanza) xa é finalista, e este venres os espectadores descubrirán contra quen cantará na final da vindeira semana. 

ler máis

A Radio Galega e AGalegaAudio.gal ofrecen este venres un especial 'Galicia en goles' co España-Bélxica do Mundial 

Santiago, 9.7.2026.-   A Radio Galega e AGalegaAudio.gal emiten este venres un especial ‘Galicia en goles’ para retransmitir o partido dos cuartos de final do Mundial 2026 entre as seleccións de España e Bélxica. Lucía Junquera poñerase ao mando do equipo deportivo desde as sete e media da tarde e ata as doce da noite.

O choque enfronta dous combinados que chegan a esta rolda cun percorrido case perfecto. A selección española, dirixida por Luis de la Fuente, avanzou de menos a máis: estreouse cun empate sorprendente ante Cabo Verde (0-0), goleou a Arabia Saudita e superou a Uruguai grazas a un gol de Álex Baena, o que lle valeu o primeiro posto do seu grupo. Nos dezaseisavos impúxose con solvencia a Austria (3-0) e nos oitavos eliminou  unha Portugal liderada por Cristiano Ronaldo (0-1). España chega a estes cuartos sen encaixar aínda ningún gol, apoiada nunha defensa sólida e no gran nivel baixo os paus de Unai Simón.

Pola súa banda, Bélxica completou tamén unha fase de grupos perfecta como primeira de sector, pero o seu camiño nos oitavos e dezaseisavos estivo marcado polo drama e a épica: remontou un 0-2 ante Senegal para gañar 3-2 na prórroga, e despois goleou por 1-4 a Estados Unidos nun partido precedido pola polémica arbitral arredor dunha tarxeta amosada a Folarin Balogun. Cos Diaños Vermellos de Rudi García, o combinado belga alcanza por cuarta vez na súa historia unha eliminatoria de cuartos de final.
España e Bélxica xa se enfrontaron en 23 ocasións ao longo da súa historia, aínda que o último precedente —un amigable en 2016— foi tamén a estrea de Julen Lopetegui e Roberto Martínez como seleccionadores dos seus respectivos equipos.

Pantallas xigantes na Coruña, Vigo e Santiago

O especial ‘Galicia en goles’ da Radio Galega sairá dos estudios centrais e despregará micrófonos nas prazas e lugares onde están instaladas as pantallas xigantes da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela. A cidade herculina estréase neste campionato, pero na capital de Galicia será o terceiro partido aberto ao público no Monte do Gozo e Castrelos repetirá a experiencia tras o éxito do pasado luns.

Valerón e as xornadas de fútbol de Tui, protagonistas da previa

Antes do España-Bélxica, a Radio Galega conversará con Juan Carlos Valerón, de visita estes días na Coruña, para coñecer a súa análise do partido e as opcións de España nesta fase do Mundial.

Ademais, o equipo desprazarase ás xornadas de fútbol de Tui, onde participan tres nomes propios do fútbol galego e internacional: Claudio Giráldez, adestrador do RC Celta de Vigo; Jonatan Giráldez, técnico do Olympique de Lión feminino; e Borja Fernández, do CD Lugo. As súas avaliacións sobre a actualidade do fútbol galego e sobre o propio España-Bélxica completarán a previa antes de que comece a rodar o balón.

O Celta, pendente de Borja Iglesias

A expectación medra tamén entre a afección celeste despois de que Borja Iglesias debutase o pasado luns no Mundial, entrando nos últimos segundos do España-Portugal cando o marcador xa reflectía o 0-1 favorable ao combinado de Luis de la Fuente. O dianteiro do Celta, ata entón espectador nos catro primeiros partidos do torneo, sumou así os seus primeiros minutos nunha Copa do Mundo entre a ovación da bancada e a repercusión nas redes sociais. Coa clasificación para cuartos de final xa asegurada, moitos afeccionados celestes esperan agora que o Panda teña maior protagonismo fronte a Bélxica.
 

ler máis

A Televisión de Galicia retransmitirá todos os partidos de pretemporada do Deportivo

Santiago, 07.07.2026.-  A Televisión de Galicia retransmitirá toda a pretemporada do R.C. Deportivo da Coruña nun percorrido que levará o cadro herculino por Galicia, Asturias, Alemaña e Italia antes do inicio da temporada oficial de La Liga.

Primeiras citas

O primeiro partido será o sábado 18 de xullo, ás oito da tarde, co encontro que o Deportivo disputará ante a SD Compostela no estadio Vero Boquete de Santiago. Unha semana despois, o sábado 25 de xullo, ás sete e media da tarde, o equipo dirixido por Antonio Hidalgo visitará o Real Oviedo no Carlos Tartiere.

O terceiro compromiso terá lugar en Vilalba, onde o mércores 29 de xullo, ás sete e media da tarde, o Deportivo enfrontarase ao CD Lugo no estadio da Magdalena.

Xira internacional

A xira internacional comezará en Alemaña o sábado 1 de agosto, ás seis e media da tarde, cun desprazamento a Hamburgo para enfrontarse ao FC St. Pauli no Millerntor Stadion. A preparación continuará en Italia con dous encontros de alto nivel: o xoves 6 de agosto, ás oito da tarde, ante a Fiorentina no Stadio Artemio Franchi, e o sábado 8 de agosto, con horario pendente de confirmación, fronte ao Genoa no Stadio Luigi Ferraris.
 

ler máis

A CSAG presenta en Pontevedra a serie documental 'Camiño ao podio', dispoñible en AGalega.gal

Santiago, 03.07.2026.-    A CSAG presentou este xoves no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra a serie documental ‘Camiño ao podio’, unha produción de cinco episodios que segue o día a día de dez promesas do deporte galego que se forman neste centro.

Coincidindo coa súa chegada á plataforma AGalega.gal, onde desde hoxe se poden ver todas as entregas, o salón de actos do CGTD acolleu a presentación oficial da serie, coa participación de María Sabucedo, en representación da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia; Suso López, director do CGTD; e Damián Varela e Manuel Darriba, produtores e directores da serie.

A produción, realizada por Miramemira, foi un dos proxectos seleccionados na convocatoria de contidos dixitais de AGalega.gal e foi gravada ao longo do primeiro semestre de 2026 nas instalacións do centro e noutros espazos vinculados ao adestramento dos deportistas.

‘Camiño ao podio’ amosa o esforzo, a disciplina e os soños de cinco rapazas e cinco rapaces chamados a converterse na futura elite deportiva galega, ao tempo que ofrece unha visión do funcionamento do centro nos ámbitos deportivo, académico, residencial, sanitario e nutricional.

Ademais de en AGalega.gal, ‘Camiño ao podio’ pode verse na primeira canle da Televisión de Galicia, onde se emite os sábados e os domingos á sobremesa, arredor das 15:25 h.

ler máis

Volve 'Dallas' á Televisión de Galicia

Santiago, 3.7.2026.-   Ambición, poder, cartos, traizóns e conflitos familiares. A mítica serie ‘Dallas’, un dos maiores fenómenos televisivos de todos os tempos, regresa este verán á TVG co malvado X. R. Ewing á fronte. Televisión de Galicia recupera a emisión de ‘Dallas’ para a súa oferta de entretemento, desde o 6 de xullo en horario de late night -00:05 horas-.

De luns a venres, a canle galega emitirá dous episodios diarios desta produción centrada nos Ewing, unha das familias máis poderosas de Texas (EUA), que constrúe a súa fortuna arredor do petróleo e a gandaría, entre loitas polo control do imperio petroleiro, romances, vinganzas, alianzas cambiantes e segredos familiares. 

No centro de todas as intrigas atópase X.R. Ewing, interpretado por Larry Hagman, un dos grandes viláns da pequena pantalla. Astuto e implacable nos negocios, o herdeiro de Ewing Oil comparte o rancho Southfork cos seus pais, o seu irmán Bobby e a súa cuñada Pamela. O seu infeliz matrimonio con Sue Ellen deu lugar a algunhas das escenas máis lembradas da televisión e a expresións que quedaron gravadas na nosa memoria.

A chegada de ‘Dallas’ á TVG en 1985 constituíu un auténtico acontecemento social. Para moitos espectadores foi unha das primeiras grandes producións internacionais, con 150 capítulos, que seguiron en galego de maneira regular, contribuíndo á normalización da lingua e facendo que frases escoitadas na serie pasasen a formar parte das conversas cotiás dos galegos. A serie foi, ademais, unha das producións máis exportadas e dobradas da historia da televisión.
 

ler máis

A Televisión de Galicia triplica o seu consumo dixital e supera os 300 millóns de reproducións ata xuño

Santiago, 2.07.2026.-  Nos primeiros seis meses de 2026 os medios dixitais da CSAG seguiron batendo as súas marcas. A fonda conversión dixital da Corporación desta última década reflíctese nestes resultados, e as cifras evidencian a modernización da Corporación e a súa adaptación aos hábitos de consumo audiovisual da sociedade galega.

Ao distribuír os seus contidos adaptados a cada unha das ventás, tanto dixitais como lineais, a relevancia da Televisión de Galicia e da Corporación xa se expresa tamén a través dun modelo de medición crossmedia, superando a etapa analóxica da TDT.

Os datos agregados nas principais redes da Corporación (Instagram, Facebook, TikTok, «X» e YouTube) revelan que entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2026 a CSAG obtivo:
 
    • 899 millóns de reproducións (+93%)
    • 1.320 millóns de impresións (+115%) 
    • 34,4 millóns de interaccións (engagement) (+74%)
    • 2,93 millóns de seguidores (+31%), o que supón 700.000 seguidores máis que no mesmo período do ano anterior.

Na desagregación só das tres principais marcas:

-A Televisión de Galicia protagoniza o maior crecemento da súa historia nas redes sociais, e achégase ao millón de seguidores.

Entre xaneiro e xuño acadou:

    • 343 millóns de reproducións dos seus vídeos (+192%)
    • 432 millóns de impresións (+177%) 
    • 13 millóns de interaccións (+205%) 
    • 995.264 seguidores (+42%)


_G24 practicamente duplica a súa comunidade neste período e medra cara a superar o millón de seguidores antes de final de ano.

    • 494 millóns de reproducións (+57%) 
    • 777 millóns de impresións (+103%)
    • 21 millóns de interaccións (+68%) 
    • 742.432 seguidores (+102%)


_A Radio Galega protagoniza a maior evolución porcentual de todas as marcas da CSAG nas redes sociais. 

    • 15,4 millóns de reproducións (+27.264%) 
    • 22 millóns de impresións (+4.147%) 
    • 784.185 de interaccións (+7.074%) 
    • 78.519 seguidores (+33%)


As redes do Xabarín seguen a medrar tamén en 2026 e xa teñen unha comunidade de máis de 37.000 seguidores. Tamén o fan as marcas do “En Xogo”, “DígochoEU” ou “Galicia por diante” que cos seus datos complementan o agregado final xunto coas tres principais.


AGalega.gal medra un 5% e G24.gal supera o millón de usuarios

Fóra das redes sociais, a OTT a AGalega.gal tamén segue medrando e achégase aos 800.000 usuarios (781.717) cun crecemento do 5%, e un incremento do 15% de sesións ata superar a barreira dos 3 millóns. 


A web informativa G24.gal marca tamén rexistros históricos ao superar por vez primeira o millón de usuarios:

    • 1.034.256 usuarios (+32%)
    • 3.072.732 sesións (+37%)
    • 8.342.015 páxinas vistas (+82%)
 

Con Google Analytics e Emplify Social Analytics como fontes, os datos da Corporación neste período de 2026 baten xa en moitos casos as marcas de todo 2025, que foi á súa vez tamén un ano de récord.

ler máis

O thriller da TVG 'Punto Nemo' gaña o premio á Mellor Serie nos Galardóns La Alcazaba de Ávila

Mamen Quintas e Julio Casal, produtores executivos de Ficción Producciones, recolleron onte o premio en Ávila.

Santiago, 30.6.2026.-   A serie de suspense e ciencia ficción ‘Punto Nemo’, que conta co apoio da Televisión de Galicia, recibiu este luns o premio á Mellor Serie/Thriller nos XXI Galardóns La Alcazaba, en Ávila, que recoñecen cada ano o talento e a excelencia no ámbito da cultura, o audiovisual e o entretemento. O galardón foi recollido por Mamen Quintas e Julio Casal, produtores executivos de Ficción Producciones.

‘Punto Nemo’ é unha coprodución de Ficción Producciones e Ukbar Filmes, realizada coa colaboración da Xunta de Galicia, a Radiotelevisão Portuguesa (RTP), a Deputación de Pontevedra e a Televisión de Galicia. A súa primeira tempada foi emitida na TVG, e a segunda xa foi rodada e chegará proximamente á canle galega.

Dirixida por Denis Rovira, ‘Punto Nemo’ é un thriller de ciencia ficción que segue unha expedición oceanográfica no Pacífico para concienciar sobre a contaminación mariña causada pola acumulación de plásticos. A serie converteuse nunha das producións máis destacadas da ficción televisiva recente e está protagonizada por Óscar Jaenada, Alba Flores e Maxi Iglesias.

Os novos capítulos, rodados entre Galicia, Portugal e as illas Canarias e dirixidos por Álex Rodrigo, retomarán a historia tras a explosión do laboratorio ruso, cun grupo de superviventes que deberá facer fronte a unha illa cada vez máis hostil, marcada pola escaseza de recursos, os experimentos soviéticos, criaturas híbridas e unha ameaza biolóxica con potencial alcance global. 

ler máis

A TVG bate marcas e lidera a audiencia en Galicia co 26,9% de cota, segundo os datos do Estudo Xeral de Medios

Santiago, 30.06.2026.-  Os datos do Estudo Xeral de Medios outorgan a TVG nesta segunda onda de 2026 o seu segundo mellor dato histórico, cun 26,9%, só por detrás do 27,1% acadado nesta mesma onda de 2025, o que reflicte a consistencia do liderado dos medios públicos galegos ao longo do tempo.

A TVG lidera de forma nítida na franxa da sobremesa (13:30-17:00), que engloba os informativos ‘Galicia noticias’ e ‘Telexornal mediodía’, cun 42,7%, chegando a picos do 54% durante a emisión do ‘Galicia noticias’. Á tarde lidera cun 25,9% e o prime time, a franxa máis competida e de maior consumo do día, é a máis vista de Galicia, cun 20,7%.

Televisión de Galicia supera en máis de dez puntos a Televisión Española (15,7%) no conxunto da semana e acada tamén o liderado entre as canles autonómicas.

A Radio Galega medra un 19,3%

 A Radio Galega medra de forma exponencial un 19,35% na segunda onda do Estudo Xeral de Medios e acada os 111.000 oíntes de luns a venres. Así, cos 32.000 oíntes de Radio Galega Música, a cifra da emisora pública galega dispárase ata os 143.000 oíntes entre semana, e todo isto nun contexto de perda de oíntes da radio xeneralista.

Discrepancias con Fifty5Blue

Os datos do Estudo Xeral de Medios, elaborado e avalado pola AIMC (Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación), volven poñer de relevo as discrepancias cos emitidos por Fifty5Blue (antiga Kantar Media), empresa actualmente propiedade do fondo de investimento HIG Group.

Estas discrepancias aumentaron nos dous últimos anos precisamente cando, por primeira vez na historia, a TVG se viu na obriga de executar as cláusulas de penalización do contrato de Kantar Media en 20 dos 24 meses entre 2024 e 2025 por desviacións nas medicións da canle pública galega. Eses 20 meses de desviacións coinciden coa caída, segundo Kantar Media, da audiencia en 2,5 puntos. Fifty5Blue segue no foco da polémica tras múltiples protestas de diferentes operadores e tras, por exemplo, outorgar o liderado a un programa dunha canle pública estatal incluso durante os 17 minutos que estivo sen emitir por un corte eléctrico o pasado 15 de maio.

Aumento da publicidade

A fortaleza da TVG amósase tamén nos datos de publicidade. A 31 de maio de 2026 o investimento en publicidade galega na TVG medrou un 18% con respecto ao mesmo período do ano anterior. E no apartado dixital, o investimento medrou un 321% con respecto tamén do mesmo período do ano anterior. Isto sucede nun escenario de forte contracción da publicidade a nivel nacional e europeo, o que reflicte tamén a confianza dos anunciantes na capilaridade e relevancia dos medios públicos galegos. 
 

ler máis

'Decorado', participada pola TVG, gaña o Premio Paul Grimault no Festival de Animación de Annecy

Santiago, 29.06.2026.-   A cinta ‘Decorado’, participada pola TVG, acaba de gañar esta fin de semana o Premio Paul Grimault no Festival de Animación de Annecy, onde competiu na Sección Oficial dun dos galardóns máis prestixiosos do mundo da animación, que recoñece a singularidade artística, a innovación e a personalidade da obra.

A cinta galega goza dunha espectacular traxectoria de premios, gañando o Premio Forqué e o Premio Goya á Mellor Película de Animación, o Premio Días de Cine e a Medalla CEC na mesma categoría, así como o Premio Quirino, o Premio Especial do Xurado no Festival de Cine de Animación e unha Mención Especial do Xurado no Fantastic Fest de Austin, Texas, entre moitos outros recoñecementos. A película foi nomeada á Mellor Película de Comedia nos Premios Feroz e competiu con propostas de 23 países de fala hispana e portuguesa nos Premios Platino de Cine Iberoamericano.

‘Decorado’, do director coruñés Alberto Vázquez, é unha fábula distópica, que combina humor e terror para construír unha alegoría sobre o control social e o artificio da vida contemporánea. Estreouse ademais nos cines estadounidenses o 15 de maio, distribuída por GKIDS Films, o selo estadounidense líder en cine de animación dirixido tanto ao público familiar como ao adulto. 

A película está producida por Chelo Loureiro (Abano Producións), Iván Miñambres (Uniko), José María Fernández de Vega (The Glow) e Nuno Beato (Sardinha em Lata). O proxecto conta co apoio de TVG, RTVE, ETB, Movistar Plus+, ICAA, Agadic, a Deputación de Badaxoz, o Goberno Vasco e a Deputación Foral de Biscaia.  

ler máis

A G2 amplía as súas franxas infantís, desde este luns, durante todo o verán

Santiago, 21.6.2026.-  Coas vacacións escolares, a G2 e a plataforma infantil Xabarin.gal seguen sumando estreas e contidos para o público máis novo. A partir deste luns 22 de xuño e ata setembro, a segunda canle da Galega amplía ata as tres horas diarias a súa oferta para a rapazada con novas series e programas. Esta nova franxa infantil de mañá estenderase entre as 9:30 e as 11:00 h e estreará títulos como ‘As tartarugas ninja’ e ‘Inventa que inventa’, espazo de produción propia da canle. Ademais, na banda de 7:00 a 8:30 h incorporarase ‘A patrulla canina’ e a serie irlandesa ‘O mundo de Alva’, nunha oferta que combina diversión, aprendizaxe e entretemento para diferentes idades.

Ciencia, seguridade dixital e alfabetización mediática 

Entre as estreas destaca o espazo de produción propia ‘Inventa que inventa’, en que o robot iMigui vai achegar a ciencia, a creatividade, o pensamento crítico e a experimentación ao público infantil. A través dos inventos ideados por nenos e nenas, o programa convida a observar e aprender dun xeito divertido. Súmase tamén a serie ‘O mundo de Alva’, que achega aos máis pequenos ferramentas para desenvolverse con seguridade no ámbito dixital, mediante historias ambientadas nun mundo fantástico inspirado en Internet e nas redes sociais. Creada polo galardoado estudio de animación Kavaleer Productions, e todo un éxito desde a súa estrea en 2021, a serie aborda cuestións vinculadas á alfabetización mediática e dixital, axuda a identificar riscos, e promove o pensamento crítico e o uso responsable da tecnoloxía. 

Os famosos cachorros de ‘A patrulla canina’, a serie ‘Aventureira Carly’, que fomenta a curiosidade, o espírito explorador e a superación persoal ou o popular título ‘As tartarugas ninja’, chegan tamén á canle, e poden seguirse na app e plataforma Xabarin.gal.

A programación de verán manterá, ademais, algúns dos títulos favoritos da audiencia infantil, como as aventuras da superheroína adolescente ‘Ladybug’ e do afamado ourizo azul ‘Sonic Boom’. Para os que prefiran os contidos baixo demanda, Xabarin.gal continuará ampliando o seu catálogo durante todo o verán coa incorporación de novos títulos cada venres. A plataforma infantil da Galega, que xa suma 4.046 contidos dispoñibles, consolídase así como o gran espazo dixital de referencia para o público infantil e familiar, cunha ampla oferta estable de series, programas e propostas de entretemento accesibles en calquera momento.

ler máis

Os documentais e a diversidade protagonizan as novas estreas de AGalega.gal

Santiago, 19.6.2026.-   AGalega.gal continúa ampliando o seu catálogo cunha nova selección de estreas que inclúe ficción, documentais e programas de entretemento. Coincidindo coa celebración da Semana do Orgullo 2026, a plataforma incorpora tamén novos contidos relacionados coa diversidade afectivo-sexual e de xénero. Estas novidades súmanse á cobertura dos grandes eventos semanais da grella da TVG, como o especial de San Xoán, a Romaría do Corpiño ou as retransmisións deportivas que a plataforma ofrece en directo.

Entre as incorporacións destacadas figura a estrea de dous documentais. O mércores 24 chegará ‘O país dos cen mil hórreos’, unha viaxe pola historia, a evolución e a diversidade destas construcións tradicionais, símbolo do patrimonio cultural galego. 

Uns días despois, o venres 26, estrearase ‘Dereito a amar’, unha achega íntima á realidade das persoas maiores LGTBIQ+, centrada nas súas experiencias de vida, identidade, envellecemento e pertenza. Este documental estará dispoñible durante 21 días. A plataforma incorporará tamén o luns 22 ‘Todas as cores do amor’, unha nova sección dedicada a contidos relacionados coa diversidade afectivo-sexual e de xénero. 

O martes 23 estarán dispoñibles novos capítulos de ‘Lambóns de viaxe’, o videopodcast presentado por Carlos García Verdugo, que propón descubrir destinos e experiencias sen saír da casa. Ademais, o luns 29 estrearase unha nova temporada de ‘O mellor tractor do mundo’, o formato dixital que percorre Galicia para coñecer as historias, habilidades e tractores das persoas candidatas a esta singular distinción, coa participación do público na elección final e un novo episodio cada luns.

As novidades complétanse con novos capítulos de ‘Padre Casares’, dispoñibles desde o xoves 18. A popular serie segue as peripecias dun novo cura destinado a unha vila costeira, onde terá que convivir e confrontar as súas diferenzas co alcalde local, un declarado ateo e marxista.

No apartado cinematográfico, AGalega.gal ofrecerá varias estreas ao longo dos próximos días. O venres 19 chegará ‘A morte chega a Venecia’, dispoñible durante 30 días, unha intriga arredor da investigación dunha viúva que, tras a morte do seu marido nun canal veneciano, descobre unha trama relacionada coa falsificación e o roubo dunha obra de Botticelli. O sábado 20 incorporarase ‘A cea perfecta’, tamén dispoñible durante 30 días, a historia de dúas persoas cuxas vidas están relacionadas co mundo da alta gastronomía. Finalmente, o xoves 25 estrearase ‘Crónica dunha relación pasaxeira’, que relata o inesperado vínculo que xorde entre unha nai solteira e un home casado que inicialmente buscan unha relación sen compromiso sentimental.

ler máis

O equipo da nova serie da TVG, 'Pensión incompleta' na gala do Festival Internacional Ría de Vigo

O equipo da serie 'Pensión incompleta', acompañados polos directores do festival Ría de Vigo, Miguel Blanco e Paula Boto

Santiago, 12.06.2026.- O equipo de actores e actrices da nova produción da Televisión de Galicia ‘Pensión incompleta’ acudíu este venres en Vigo ao Festival Internacional de Series Ría de Vigo, punto de encontro clave do sector audiovisual, creadores, intérpretes e público afeccionado ás series.  A proxección do tráiler da serie, a primeira que se grava nas catro linguas oficiais –galego, castelán, éuscaro e catalán- tivo lugar na gala de clausura do certamen, no que tamén se preestreou a comedia ‘Millonarios’ que chegará á grella da TVG o vindeiro outono.

'Pensión incompleta’ é unha comedia con aires de thriller en que un grupo de viaxeiros do Imserso procedentes de distintas rexións de España se ve envolto nunha trama de roubos de obras de arte. Coproducida por TVG, EiTB e 3Cat, é a primeira serie rodada nas catro linguas oficiais do Estado -galego, éuscaro, catalán e castelán-. Voz Audiovisual produce esta road movie pensada para ser gozada en versión orixinal que pasa por todas as comunidades e na que mandan os maiores de 60. 

Como media partner do certame, a Televisión de Galicia tamén adiantou na gala de clausura do festival, o primeiro capítulo da comedia ‘Millonarios’ unha das grandes apostas de ficción da TVG para a vindeira temporada. Protagonizada por Xosé A. Touriñán e Eva Iglesias, a serie narra as aventuras de Telmo e Luísa, unha parella que ve como a súa vida dá un xiro radical tras gañar o Euromillón. Haberá tamén espazo para o coloquio sobre esta comedia que constrúe unha divertida mirada sobre o contraste entre os códigos de luxo e o sentido común máis galego, seguindo as peripecias dos protagonistas na súa nova realidade.

 
 

 


 

ler máis

O Xabarín da TVG anima os 120 equipos de toda Galicia que participaron no Torneo de Fútbol Base de Boiro

Santiago, 14.06.2026- A Televisión de Galicia tivo na súa mascota Xabarín o seu perfecto embaixador no “Torneo de Fútbol Base Abanqueiro S.D. - Trofeo Concello de Boiro”, competición en que participaron 120 equipos de toda Galicia e que congregou nos Campos de Vista Alegre máis de 5.000 persoas ao longo das dúas últimas fins de semana.

O torneo, que xa vai pola súa 17ª edición e que se converteu no gran referente do fútbol base galego, contou con finais para todas as categorías infantís de entre 5 e 11 anos: biberón, prebenxamín, benxamín e alevín, sendo a gran novidade deste ano a estrea da final alevín feminina.

O Xabarín foi protagonista nas dúas fins de semana de competición, pero especialmente na última xornada, disputada o domingo 14 de xuño, e na que a mascota da Galega lle entregou un carné xigante de Socio de Honra do Club Xabarín á Escola de Fútbol Municipal de Boiro, organizadora do torneo.

Ao longo das 4 xornadas de competición, a megafonía dos Campos de Vista Alegre non cesou de repetir a mítica frase “Hai alguén aí?... Non vos oio!”, coa que o Xabarín animou as máis de 5.000 persoas que pasaron por Boiro. Ademais, os 120 equipos participantes non dubidaron en gravar o momento posando para as súas fotos oficiais do torneo diante dun photocall en que a mascota da Galega convidaba a todos a formar parte da súa plataforma dixital Xabarín.gal

ler máis

TVG, líder en Galicia en informativos e entretemento con 'Galicia Noticias' e 'Land Rober + Show'

Santiago, 11.06.2026.-  O informativo ‘Galicia Noticias’ da TVG foi o espazo de televisión máis visto deste mércores en Galicia, cunha cota de pantalla do 25,4 % e picos por riba do 28 %.

Ademais, ‘Land Rober + Show’ liderou un día máis entre os espazos de entretemento do día, cunha cota do 12,7 %.

Os dous programas da Televisión de Galicia foron os máis vistos do día na comunidade, o que reforza a resposta da audiencia ás propostas da canle galega, tanto no eido informativo coma no de entretemento. 

‘Land Rober +Show’ contou este mércores cunha audiencia media de 98.000 telespectadores por minuto, e acadou 190.000 contactos de espectadores maiores de 4 anos.

ler máis

TVG e o Cluster do Audiovisual traen o Celtic Media Festival 2027 a Galicia

Santiago, 05.06.2026.-   Galicia acollerá o Celtic Media Festival 2027, na cidade da Coruña do 1 ao 3 de xuño. O labor conxunto da TVG e o Clúster do Audiovisual Galego fixo posible que a 48ª edición do prestixioso certame, o principal encontro internacional dedicado á promoción das linguas, culturas e industrias audiovisuais das nacións celtas, vaia ter lugar en Galicia.  

O Celtic Media Festival reúne anualmente a profesionais, produtores, directivos de medios e responsables de contidos dos territorios celtas de Europa e recoñece os seus mellores traballos en televisión, radio, cinema e novos medios. O programa do evento combina conferencias, actividades profesionais, sesións de networking, foros de coprodución e a entrega dos prestixiosos Torc Awards for Excellence, considerados entre os galardóns máis relevantes do sector audiovisual e radiofónico. Nesta contorna, as producións galegas compiten con operadores e plataformas de referencia como a BBC, RTÉ, TG4, S4C, MG ALBA ou France 3 Bretagne. Na edición deste ano, rematada o xoves en Belfast (Irlanda do Norte), a longametraxe da TVG ‘+ Cuñados’, alzouse co premio Celtic Media na categoría de Comedia.

O festival percorreu territorios como Escocia, Irlanda, Gales, Bretaña, Cornualles ou a Illa de Man, consolidándose como unha referencia internacional para a creación audiovisual en linguas minorizadas e para a promoción da diversidade cultural.

ler máis

Entretemento, compañía e música galega para o verán da Televisión de Galicia

Santiago, 31.5.2026.-  Televisión de Galicia dá a benvida ao mes de xuño cunha renovada aposta polo entretemento e a proximidade. A grella de verán da canle incorpora desde este luns novos formatos pensados para acompañar, emocionar e sorprender a audiencia galega. 

As tardes terán un novo punto de encontro con ‘En compañía de Loli’, un espazo diario que chegará ás sobremesas da TVG de luns a venres ás 15:45 horas cunha proposta próxima, cálida e chea de historias compartidas. Programa de éxito nas canles públicas de Andalucía e Castela-A Mancha, ‘En compañía de Loli’ mestura entretemento e servizo público e chega á TVG nun formato moi pegado á realidade galega e conducido por Loli Gómez e Marcial Mouzo. Eles darán especial protagonismo no estudio a persoas que viven situacións de illamento ou queren ter a posibilidade de coñecer xente nova, iniciar novas relacións e compartir as súas vivencias. 

A música e a tradición serán protagonistas en ‘Palmira Lará’, un percorrido por toda Galicia para descubrir o enorme patrimonio musical do país da man das súas voces e sons e tradicións. Emitirase os luns á noite despois de ‘Land Rober + Show’. Os espectadores acompañarán a Miguel Lesta e Leticia Rei, dous profesores de baile tradicional e divulgadores da nosa cultura, na recollida e recompilación das cancións, bailes e historias, transmitidas de xeración en xeración. 

E os martes á noite chega ‘Casa de cor’, un formato dinámico de decoración e organización presentado por Dani Polo. Xunto aos expertos Ana Barja e Eduardo Figueiredo, o programa afrontará en cada entrega o reto de transformar en só 48 horas dúas estancias reais de fogares galegos, con solucións creativas e cun orzamento pechado.

ler máis

Chega ás tardes da Galega 'En compañía de Loli': emoción, compañía e novas ilusións desde este luns na TVG

Santiago, 31.5.2026.-  Televisión de Galicia dá a benvida ao mes de xuño coa estrea de ‘En compañía de Loli’, programa diario para a sobremesa (15:50 h) presentado por Loli Gómez e Marcial Mouzo. O espazo, un formato de éxito nas canles públicas de Andalucía e Castela-A Mancha que se adapta agora á Galega, chega a TVG para acompañar, escoitar e axudar as persoas que sofren unha soidade non desexada. 

‘En compañía de Loli’ mestura entretemento e servizo público nun formato próximo e sensible, moi pegado á realidade galega, en que terán especial protagonismo as persoas que viven situacións de illamento ou a falta de vínculos sociais. Cada tarde, de luns a venres e durante dúas horas de programa en directo, os espectadores coñecerán as historias de vida de dúas persoas, home e muller, que compartirán as súas experiencias e se abrirán á posibilidade de iniciar novas relacións. 

Os presentadores son dúas caras ben coñecidas e queridas da canle, a xornalista Loli Gómez e Marcial Mouzo, ata hai pouco presentador do ‘Quen anda aí’ da TVG e do histórico espazo da Radio Galega ‘Pensando en ti’. Eles escoitarán os convidados e axudaranlles para evitar decisións precipitadas. Todo listo no plató para a gran estrea do luns e co teléfono 881 365 999 dispoñible para quen queira participar, contar a súa historia ou axudar a alguén que se sinta só. 

 

ler máis

AGalega.gal retransmite este mércores, en directo, a gala dos XIII Premios Martín Codax da Música

Santiago, 25.05.2026.-   AGalega.gal continúa esta semana reforzando a súa oferta audiovisual, coa incorporación das principais novidades da grella da TVG e dunha selección de contidos destacados para todos os públicos. Entre eles sobresae a retransmisión en directo dos Premios Martín Codax da Música, unha das grandes celebracións anuais da cultura galega contemporánea, xunto coa estrea do documental galego ‘Aurora’, así como a incorporación de dous filmes internacionais.

A plataforma ofrecerá o mércores 27, a partir das 20:30 horas, a décimo terceira gala dos Premios Martín Codax da Música, organizada por Músicas ao Vivo para recoñecer e visibilizar o talento musical galego en estilos e formatos moi diversos. Desde o Pazo da Cultura de Pontevedra, a cerimonia terá como temática ás supersticións e estará dirixida pola actriz Tero Rodríguez. Estes galardóns, que distinguen cada ano artistas, proxectos e iniciativas que contribúen á creación e difusión da música galega, rexistraron nesta convocatoria preto de 450 inscricións nas 15 categorías oficiais. O Premio de Honra outorgarase nesta edición á banda Los Suaves. A retransmisión poderá seguirse en directo en AGalega.gal e quedará posteriormente dispoñible na plataforma.

Entre as novidades da semana destaca tamén a estrea, o xoves 28, da longametraxe documental ‘Aurora’, unha produción galega centrada na relación entre Aurora e Area, dúas mulleres de xeracións e realidades moi diferentes, pero unidas por unha conexión profunda arredor de temas como a memoria, da familia, da guerra, da morte e do papel da muller.

No apartado cinematográfico, AGalega.gal incorporará o venres 29 o thriller ‘O cliente’, a historia dun neno que se converte en testemuña involuntaria dun suicidio relacionado coa mafia e que acaba atrapado entre as presións dun fiscal federal e as ameazas derivadas dos segredos que coñece. Para intentar salvar a súa vida, recorrerá á axuda dunha avogada. O filme estará dispoñible durante sete días.

A programación completarase o sábado 30 coa chegada de ‘Esperanza’, un melodrama ambientado no Nadal que retrata a crise emocional dunha parella de artistas tras recibir ela un diagnóstico terminal. A historia aborda o amor, a convivencia e a fraxilidade da vida nun momento límite. Este título permanecerá dispoñible durante 30 días.

Ademais destes contidos destacados, AGalega.gal seguirá incorporando ao longo da semana todas as estreas e programas máis relevantes da programación da TVG, entre eles, a tradicional Romaría da Franqueira, que estará dispoñible desde mañá martes 26.

ler máis

div-crtvg-right1

Publicidade

div-crtvg-right2

Publicidade

div-crtvg-right3

Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade