‘Salvaxe’, ‘Sexo con senso’, ‘A Coral’ e ‘Pratos combinados’ entre os gañadores dos ‘I Premios AGalega.gal' - CRTVG
‘Salvaxe’, ‘Sexo con senso’, ‘A Coral’ e ‘Pratos combinados’ entre os gañadores dos ‘I Premios AGalega.gal'
A gala, presentada por Dani Polo, Belén Puime e Uxía Vázquez, conta coas actuacións de Tanxugueiras e Guadi Galego
Poderase ver este xoves á noite en AGalega.gal, o venres ás 20.45 h na G2 e o sábado na TVG ás 11.30h
Case 14.000 votos do público son os que decidiron de forma directa os gañadores das 11 categorías nas tres plataformas: AGalega.gal, AGalegaAudio.gal e Xabarín
No seu primeiro ano de vida AGalega.gal xa entrou no TOP 10 de plataformas máis vistas de España

Santiago, 06.03.2025.- O público da plataforma dixital AGalega.gal escolleu os seus once programas e contidos favoritos nos I Premios AGalega.gal que foron revelados e entregados este xoves na sede de San Marcos na CRTVG.
Entre as tres plataformas, AGalega.gal, AGalegaAudio.gal e Xabarin.gal, a cifra de usuarios chega xa preto dos dous millóns e superando os 11 millóns de páxinas vistas. En total, a día de hoxe, son máis de en 27.000 os contidos dispoñibles para o seu consumo a demanda, formando, tanto de forma individual coma no conxunto das tres plataformas, a maior oferta de contidos en galego do mundo, e sen custo para o usuario. No seu primeiro ano de vida AGalega.gal xa entrou no TOP 10 de plataformas máis vistas de España
Case 14.000 votos do público son os que decidiron de forma directa os gañadores das 11 categorías nas tres plataformas: AGalega.gal, AGalegaAudio.gal e Xabarín. En cada categoría competían seis títulos, dos que resultaron premiados os seguintes contidos. Na categoría:
1.-‘Para ver cos amigos’: o concurso ‘Salvaxe’.
2.-‘Para poñer na clase’: a webserie documental ‘San Simón, colonia penitenciaria’.
3.-‘Para saber máis de nós’: o ciclo de documentais ‘Historias de aquí’.
4.-‘Para ver no bus’: gañou o programa divulgativo sobre a historia de Galicia ‘Contando historias’.
5.-‘Para desconectar’: o público elixiu a serie más recentemente estreada na TVG, a divertida ‘A coral’.
6.-‘Mellor microserie’: resultou gañadora a webserie ‘E logo, quen foi?’.
7.-‘Viva a diversidade’: o programa divulgativo ‘Sexo con senso’, que achega un punto de vista actual sobre a educación afectivo-sexual.
8.-‘Orgullo friki’: alzouse co premio a “Sección anime” da plataforma dixital.
9.-En ‘A serie da túa vida’: gañou un clásico da canle, ‘Pratos combinados’.
10.-‘Mellor serie galega de Xabarin.gal’: premio para ‘Os bolechas: Historia de Galicia’.
11.-‘Mellor podcast de AGalegaAudio.gal’ triunfou o podcast sobre deseño galego ‘Movendo marcos’.
O Estudio 5 de San Marcos acolleu este xoves a entrega dos premios nunha gala que estivo presentada por Dani Polo, Belén Puime e Uxía Vázquez, e coas actuacións musicais das Tanxugueiras e de Guadi Galego. A gala poderase ver desde este xoves á noite en AGalega.gal, o venres ás 20.45 horas na G2 e o sábado 8 de marzo pola mañá ás 11:30 horas na primeira canle da Televisión de Galicia. A CRTVG convocou estes premios para festexar o primeiro aniversario de vida da súa plataforma dixital, AGalega.gal, creada en xaneiro de 2024 e que hoxe ofrece a maior oferta de contidos en galego do mundo.
Premios tamén para o público
Votar neste certame tamén tivo premio xa que entre os participantes sorteouse unha estancia nunha casa de turismo rural, dúas entradas VIP para asistir ao programa ‘Land Rober Tunai Show’ e dúas entradas para a vindeira ‘Gala de Fin de Ano’ da TVG.
…………………………………..
