div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Presentación

Presentación

A Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) é o servizo público de comunicación da comunidade galega. A Corporación desenvolve o seu labor desde medios televisivos, radiofónicos e dixitais, completando a maior oferta informativa e de entretemento audiovisual existente en lingua galega.

A TVG iniciou as súas emisións o 24 de xullo de 1985, véspera do Día de Galicia, desde as súas instalacións de San Marcos na parroquia de Bando, no Concello de Santiago de Compostela. A súa programación regular comezou o 29 de setembro de 1985 con 39 horas de emisión á semana. Desde o seu nacemento, no ano 1985, a Televisión de Galicia é un dos principais motores dun sector audiovisual galego que foi medrando e tecendo unha rede de alianzas internacionais que o sitúan na segunda década do s XXI como un dos sectores audiovisuais máis puxantes de España.

Os medios públicos galegos retransmiten as 24 horas do día 365 días ao ano, a través de máis dunha vintena de canles entre as emisións convencionais e as dixitais. Así a CRTVG conta oito canles: dúas corresponden á TDT, Televisión de Galicia e a G2; outras dúas son canles vía satélite para América e Europa; e catro son canles de radio, Radio Galega, Radio Galega Música, Son Galicia Radio e Radio Picariña. A esta oferta súmanselle as canles de comunicación a través de app e plataformas como radiogalegapodcast, diariocultural.gal ou XabarínClub, dedicada ao público infantil. A estas aplicacións é preciso engadir as canles en redes sociais como Twitch, X, Facebook, TikTok ou Instagram que fan que a CRTVG impacte nunha media dun millón de persoas maiores de 4 anos a diario.

A misión da CRTVG evoluciona do concepto de servizo público ao de valor público. Non é só servir a sociedade da que se forma parte, senón achegar valor á mesma. Esta filosofía plásmase nunha oferta á cidadanía de contidos de alto interese informativo, cultural e social, combinado coa capacidade para chegar á audiencia cunha oferta de proximidade única.

A Corporación fai da proximidade universalidade e así, no ámbito internacional, a CRTVG amplía os horizontes do audiovisual e, amais de na súa propia plataforma, sitúa os seus produtos e a lingua galega nas principais OTT de streaming do mundo. O 95% dos contidos emitidos por TVG en 2022 foron producidos en Galicia, unha constante que se mantén na última década, o que responde á combinación de produción propia interna e a alta participación do sector audiovisual galego na grella da TVG.

A Radio Galega iniciou as súas emisións en probas o domingo 24 de febreiro de 1985, día do aniversario do nacemento da poetisa Rosalía de Castro, e a programación regular comezaría o 29 de marzo dese mesmo ano. Desde entón a Radio Galega emite as 24 horas do día ininterrompidamente en lingua galega. A súa programación abrangue todos os aspectos da sociedade. Así, informativos, magazins, deportes, cultura, música, programas especiais e emigración conforman espazos que permiten ao oínte estar ao día da actualidade de Galicia, de España e do mundo.

No aspecto dixital, a CRTVG foi pioneira no contorno web. A TVG navegou por primeira vez por Internet en xullo de 1995. Os telexornais da TVG e da Radio Galega ofrecéronselles aos usuarios desta rede en todo o mundo. Dous anos máis tarde, o servidor da Internet da CRTVG iniciou as emisións regulares de televisión en tempo real, foi ás cero horas do día 17 de maio de 1997, coincidindo co Día das Letras Galegas, e sendo a primeira televisión de Europa e a sétima do mundo en emitir en tempo real pola rede. Entrementres, no ano

1996, a Radio Galega foi a terceira emisora de España e unha das primeiras de Europa en poder ser escoitada en directo a través da rede Internet. Fíxoo o 20 de agosto de 1996.

Con este pasado de pioneiros non son de estrañar os fitos acadados no marco dixital pola Corporación nos anos posteriores, que sitúan os medios públicos galegos á vangarda dos medios dixitais tanto en contidos de entretemento, como o programa #DígochoEu, como en contidos informativos coa plataforma G24.gal.

A CRTVG é o medio de comunicación público de Galicia, e desde o seu nacemento en 1985 atópase en constante evolución para achegar valor á comunidade galega en todo o mundo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade

Presentación - Historia

div-crtvg-top2

Publicidade