CRTVG Viva - CRTVG
CRTVG Viva
As finais da Copa Galicia de fútbol sala, este xoves desde Lugo por G2 e AGalega.gal

Santiago, 17.04.2025.- Este Xoves Santo o fútbol sala vai ser protagonista pola segunda canle da Televisión de Galicia e na plataforma AGalega.gal coa celebración das finais da Copa Galicia desde o Pavillón Municipal dos Deportes de Lugo. Ás doce do mediodía, o Burela e O Castro disputan o título feminino e ás seis da tarde saltarán á pista os xogadores do Noia e do Leis Pontevedra polo reinado masculino.
O sábado, o fútbol das ligas de fútbol tomarán o mando na programación deportiva. Ás cinco da tarde, desde Abegondo, o Fabril recibe o Salamanca co obxectivo de sumar os tres puntos que lle permitan manter a praza de promoción de ascenso á Primeira RFEF. A partir das sete, o Anxo Carro acollerá o enfrontamento entre o Club Deportivo Lugo e a Real Sociedade B. A situación do equipo galego é cada día máis preocupante e tras perder en Irún o domingo pasado por un rotundo 3-0 ocupa posto de descenso á Segunda RFEF.
O balonmán estará presente o domingo, desde as doce e media do mediodía, co encontro da Liga Asobal entre o Cuenca e o Cangas. A partir das cinco chegará o fútbol cun decisivo Compostela-Torrelavega no estadio Vero Boquete, onde o cadro santiagués pelexará polo terceiro triunfo consecutivo para escapar da zona de descenso. Xa ás sete da tarde, a Primeira RFEF estará presente nas pantallas desde o estadio municipal de Balaídos co Celta Fortuna-Tarazona. O filial celeste atravesa polo mellor momento da temporada, tras encadear catro vitorias consecutivas que o sitúan moi preto da fase de ascenso ao fútbol profesional.
Por último, o luns de Pascua os afeccionados ao mundo do motor poderán seguir pola G2 e por AGalega.gal a proba do Mundial MXGP de motocrós que se vai desenvolver en Suíza, coa presenza do piloto vigués Rubén Fernández.
‘En Xogo’
O domingo é o día do histórico programa ‘En xogo’, que chega á segunda canle da Televisión de Galicia ás dez e vinte e cinco minutos da noite. Esta xornada os seareiros poderán seguir os resumos máis completos dos partidos Barcelona-Celta, Deportivo-Tenerife e Rácing de Ferrol-Eldense, xunto a todos os goles da Primeira, Segunda e Terceira RFEF.
Telexornais Deportes
Durante a fin de semana, a redacción de Deportes da TVG prepara amplos espazos de información que os espectadores poden seguir nos informativos ‘Bos días’, ‘Telexornal mediodía’ e ‘Telexornal serán’. A plataforma G24.gal e a conta de X @EnXogo_tvG2 dispón tamén da oferta máis completa para seguir a información e os marcadores da xornada deportiva.
Dobre especial sobre a estreita relación de Julio Iglesias e a súa familia con Galicia, este Xoves Santo na TVG

Santiago, 17.04.2025.- Este Xoves Santo, a Televisión de Galicia propón unha noite moi especial dedicada a unha das figuras máis icónicas da música mundial: Julio Iglesias. O prime time da TVG ofrecerá dous programas que afondan na relación do artista e a súa familia co noso país, a través dun valioso repaso aos fondos do arquivo da Galega.
O primeiro especial leva por título ‘Benvido Míster Iglesias’ (21:45 h) e recolle os momentos máis destacados da presenza do cantante na TVG. A finais dos 80 e nos anos 90, Iglesias viviu un verdadeiro idilio coas cámaras da Galega: abriu as portas da súa casa en Miami, compartiu sobremesas íntimas e ofreceu confesións únicas que deixan ver a súa complicidade co noso país. O home que triunfou en todo o mundo presumía de galego e Galicia respondeu con afecto. Nesa época, como curiosidade, só lle faltou pisar o estudio do ‘Luar’.
Deseguido, a TVG ofrecerá a segunda entrega, ‘A familia Iglesias na TVG’ (23:00 h), un especial que afonda na presenza mediática do seu círculo máis próximo: o seu pai, o popular doutor Iglesias, ‘Papuchi’, o seu fillo Julio José e Tamara Falcó, filla da súa exmuller Isabel Preysler. No caso de Julio José e Tamara Falcó, o espazo achegará algúns dos momentos máis destacados e divertidos do seu paso polo ‘Land Rober Tunai Show’. Todos eles deixaron pegada nos programas da TVG, demostrando que a conexión dos Iglesias con Galicia foi máis aló do propio artista.
A última aparición de Julio Iglesias na Galega data de hai oito anos, nunha entrevista para o ‘Land Rober Tunai Show’, difícil de conseguir, pero que demostra, unha vez máis, que Galicia sempre ocupou un lugar especial no corazón do cantante latino que máis discos vendeu na historia da música.
'Galicia en Goles' retransmite este xoves a xornada de liga na Terceira Federación, con atención especial ao partido U. D. Ourense-Rácing Vilalbés

Santiago, 16.04.2025.- As retransmisións deportivas desta semana na Radio Galega comezan o Xoves Santo co fútbol e o fútbol sala como protagonistas. Desde as 14:30 h, Xoán Galán coordinará o amplo equipo que seguirá a xornada da Terceira Federación, con atención especial ao partido Unión Deportiva Ourense-Rácing Vilalbés desde o estadio do Couto. Outro punto de directo será o pavillón municipal de Lugo, desde onde o programa analizará a final feminina coas protagonistas do Burela-O Castro e contará o xogo que desenvolvan os equipos masculinos do Noia e do Leis Pontevedra.
O venres, a partir das 20:30 h, o programa atenderá o Unionistas de Salamanca-Arenteiro, na apertura da xornada da Primeira Federación de fútbol. O baloncesto FEB tamén estará presente coa cobertura dos encontros Betis-Obradoiro e Alacant-Ourense.
O sábado, o ‘Galicia en Goles’ adiantará o comezo ás 13:45 h para atender primeiro o Rácing de Ferrol-Eldense, desde A Malata, na xornada de Segunda División. A continuación chegará o Barcelona-Celta desde o estadio olímpico de Montjuic, da Primeira División. Tras perder en Balaídos ante o Español, o equipo de Claudio Giráldez afronta unha das últimas viaxes máis complexas do calendario coa ilusión de pelexar ata o final do campionato polos postos europeos. O Lugo-Real Sociedade B, da Primeira RFEF, e o Básquet Coruña-Granada, da Liga ACB de baloncesto, completan a oferta de retransmisións da xornada.
Xa o domingo, a edición matinal principiará ás 11:45 h co Ourense-Athlétic de Bilbao B, Silva-Unión Deportiva Ourense e Levante-Deportivo feminino como citas destacadas no fútbol. Ademais haberá derbi de balonmán entre O Porriño e o Guardés, xunto ao Noia-Manzanares de fútbol sala. A partir das 14:30 h, o equipo de Deportes da Radio Galega contará a festa do ascenso do Pontevedra, que volverá á Primeira RFEF con tres xornadas de adianto sempre e cando derrote en Pasarón o descendido Laredo. Na última quenda do día chegará a Segunda División desde Riazor, co Deportivo da Coruña-Tenerife. O Breogán-Zaragoza, da Liga ACB de baloncesto, tamén terá presenza na tarde do domingo de Pascua.
Audio de Radio Galega nas televisións
Esta semana os afeccionados que teñan previsto seguir os partidos por televisión dispoñen da opción do audio de Radio Galega nas seguintes retransmisións: Rácing de Ferrol-Eldense, Deportivo-Tenerife, Básquet Coruña-Granada e Breogán-Zaragoza.
#GaliciaEnXogo
O proxecto que leva o cancelo de #GaliciaEnXogo estará en antena o xoves festivo con dúas entregas extraordinarias. A primeira, ás 15:00 h, con Toni López García falando cos protagonistas olímpicos na Gala Terra de Hércules, desenvolvida na Coruña. A segunda, ás 16:00 h, da man de Rodrigo Pérez Pardo, co Campionato Galego de Rallys como principal argumento. O sábado, o motor e os galegos olímpicos volverán ter presenza entre as 23:00 e as 00:00 h, tras a xornada de retransmisións deportivas.
A CRTVG e o Consello da Cultura Galega asinan un convenio para difundir a lingua e a cultura galegas

Santiago, 16.04.2025.- A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o director xeral da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a realización de actividades conxuntas que contribúan a fomentar e difundir a lingua e a cultura galegas. O convenio, cunha vixencia de dous anos prorrogables, posibilitará a emisión, entre outras actividades do CCG, do Concerto das Letras Galegas.
O acordo asinado esta mañá facilitará a promoción e difusión da lingua e a cultura galegas mediante a cobertura das actividades realizadas polo CCG a través das distintas canles e plataformas da televisión pública. Entre elas destaca o Concerto das Letras Galegas, unha proposta musical de carácter institucional coa que o CCG abre a programación do Día das Letras Galegas na véspera do 17 de maio, cun programa musical relacionado coa figura homenaxeada en cada edición. En cada concerto estréase unha peza encargada a un compositor galego a partir do legado da persoa ou entidade celebrada.
A décimo quinta edición deste concerto terá lugar o vindeiro 16 de maio en Carballo e estará dedicada ás cantareiras e á poesía de tradición oral. A CRTVG emitirá este concerto no marco da programación do Día das Letras Galegas.
O videopodcast 'Satélite Xabarín', entre as estreas destacadas de AGalega.gal e AGalegaAudio.gal esta Semana Santa

Santiago, 13.04.2025.- A Semana Santa 2025 chega cargada de novidades nas plataformas dixitais AGalega.gal e AGalegaAudio.gal, con estreas que inclúen desde unha microserie de humor ata videopodcasts históricos, ficción e contidos especiais para conmemorar estas datas festivas. O martes (15 de abril), estréase ‘Satélite Xabarín’, un videopodcast que orbita pola historia do icónico ‘Xabarín Club’, arredor das cancións e series que forman xa parte da memoria colectiva do país e que se poderán coñecer mellor da man das persoas que as protagonizaron.
O primeiro episodio estará centrado en Herdeiros da Crus, grupo que viviu un cambio radical na súa carreira grazas ao programa infantil. ‘Que ghallo é’ e ‘Íscalle lura’ foron éxitos instantáneos no ‘Xabarín Club’, e da noite á mañá os integrantes do grupo, uns rapaces do Barbanza, pasaron a ser estrelas que aínda seguen brillando. Tuchiño sobe ao ‘Satélite Xabarín’ para lembrar aquela época. ‘Satélite Xabarín’ estará dispoñible en formato audio e vídeo na plataforma AGalegaAudio.gal e tamén en AGalega.gal, e cada 15 días se lanzará un novo episodio.
Tamén o martes, AGalega.gal ofrecerá o terceiro capítulo de ‘Punto Nemo’, o thriller de ciencia ficción cuns personaxes que loitan por sobrevivir nunha illa chea de misterios e secretos. Coa trama cada vez máis intensa, o capítulo explora un misterioso envelenamento, segredos soviéticos e restos da estación MIR e unha serie de criaturas descoñecidas que poñen en risco a vida dos seus protagonistas. O episodio estará dispoñible durante 15 días.
O humor de ‘Mataría’, unha microserie protagonizada por Pedro Brandariz
Pero AGalega.gal estrea xa o luns a temporada completa de ‘Mataría’, unha microserie de humor protagonizada por Pedro Brandariz. Achega unha historia de comedia irreverente en que o personaxe principal, Pedro, un antiheroe anónimo, afronta as pequenas crises cotiás dun modo desmesurado. O personaxe central da serie ‘asasina’ das maneiras máis insospeitadas aquelas persoas que o alporizan no día a día.
Amais, AGalega.gal poñerá o mércores á disposición do público as 25 tempadas de ‘Libro de familia’, unha das series clásicas da CRTVG, que narra a historia de tres familias galegas de distinta procedencia social na ficticia vila de Santalla nos anos 60.
E para os amantes do cine, o xoves chega a película ‘Million Dollar Baby’, dirixida e protagonizada por Clint Eastwood, que estará dispoñible durante 30 días.
Unha sección especial dedicada ás procesións de Viveiro e Ferrol
Como peche da semana, o venres, AGalega.gal incorporará unha sección especial dedicada á Semana Santa 2025, con programas e retransmisións das procesións de Ferrol e Viveiro, entre outros contidos festivos destas datas.
A TVG achega a emoción e o fervor da Semana Santa galega desde Ferrol e Viveiro

Santiago, 11.04.2025.- Televisión de Galicia ofrecerá esta Semana Santa dúas das procesións máis emblemáticas do país: o Cristo da Misericordia de Ferrol, o Xoves Santo, e o Santo Enterro de Viveiro, o Venres Santo. Dúas citas clave do calendario relixioso galego que se poderán seguir en directo no espazo ‘Semana Santa ao Vivo 2025’ da canle pública galega.
O Xoves Santo, ás 23:00 horas, as cámaras da TVG trasladaranse a Ferrol para vivir a procesión do Cristo da Misericordia e a Virxe da Piedade, unha das máis multitudinarias da cidade. Máis de 1.100 confrades, 13 terzos, 6 bandas e 5 pasos participarán neste desfile que percorre o centro histórico da cidade, con saída e chegada na Igrexa das Dores. Este ano destaca a estrea do novo manto da Virxe da Piedade, elaborado no obradoiro de Enrique Carrascal grazas á recadación da confraría ao longo de dos anos. A retransmisión contará coa narración de María José Campo, xornalista relixiosa da Diócese de Lugo e directora e presentadora do espazo ‘Polo camiño da fe’, acompañada por expertos como a xornalista Marta Corral, quen achegarán detalles e curiosidades ao longo do percorrido.
Ao día seguinte, o Venres Santo, a partir das 19:30 horas, a atención dirixirase cara a Viveiro, onde terá lugar a solemne procesión do Santo Enterro. Declarada Festa de Interese Turístico Internacional, esta cita rexistra a asistencia de preto de 10.000 persoas cada ano. Desde a Igrexa de Santa María, os pasos do Cristo Xacente, a Urna e a Virxe das Dores transitan polas rúas máis emblemáticas da vila nun ambiente de silencio e recollemento. A cobertura incluirá comentarios da xornalista María José Campo e expertos da Xunta de Confrarías de Viveiro, como o seu presidente José Veiga, ofrecendo unha ollada á simboloxía, historia e emoción deste acto.
Amais de ofrecer as procesións relixiosas, os magazines da TVG -’O termómetro’, ‘Quen anda aí?’ e ‘Hora galega’- realizarán durante toda a Semana Santa un seguimento en directo dos eventos máis destacados desde distintos puntos de Galicia.
A pé de rúa tamén a Radio Galega achegará o máis destacado da programación festiva galega nos seus distintos programas, e AGalega.gal habilitará o espazo ‘Semana Santa 2025’ na sección de ‘Programas’ da plataforma dixital, onde tamén se poderán ver as procesións despois da súa emisión na TVG, amais doutros contidos festivos.
O filme 'Romaría', apoiado pola TVG, competirá na sección oficial de Cannes

Santiago, 10.04.2025.- A longametraxe ‘Romaría’, participada pola Televisión de Galicia, foi seleccionada para a competición oficial do Festival Internacional de Cinema de Cannes, que se desenvolverá entre o 13 e o 25 de maio. Esta reflexión sobre a memoria familiar, a terceira longametraxe de Carla Simón, tras ‘Alcarràs’ e ‘Estiu 1993’, estrearase nos cinemas o 5 de setembro e, posteriormente, emitirase na Televisión de Galicia e a través da plataforma AGalega.gal.
Protagonizada pola debutante Llúcia Garcia Torras, xunto a Mitch e Tristán Ulloa, conta tamén no elenco con Celine Tyll, José Ángel Egido e as actrices galegas Miryam Gallego, Janet Novás e Sara Casasnovas. A historia comeza con Mariña (18), unha rapaza adoptada de pequena, que viaxa a Vigo para atoparse por primeira vez coa familia do seu pai biolóxico. A súa chegada tráelle de volta un pasado xa enterrado. Guiada polo diario da súa nai e a través dunha conexión especial co seu novo primo, Mariña descubrirá as feridas familiares e poderá por fin revivir a memoria fragmentada duns pais dos que apenas ten recordos.
A cineasta segue explorando en ‘Romaría’ as relacións familiares inspirándose esta vez nas orixes da súa familia biolóxica paterna. Con esta historia, Carla Simón pretende recuperar o legado dunha xeración esquecida, que sufriu a adicción á heroína e a aparición dun novo virus coa estigma da sida.
Rodada en diferentes localizacións de Vigo, a película está producida por Elastica, en coprodución con Ventall Cinema, Dos Soles Media e Romería Vigo, A. I. E. Conta con financiamento do Goberno de España, Eurimages, l’Institut Català de les Empreses Culturals, cofinanciado pola Unión Europea coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais - Xunta de Galicia, Filmförderungsanstalt (FFA), MOIN Filmförderung, Europa Creativa MEDIA, Comunidade de Madrid, Radio Televisión Española, Movistar Plus+, ZDF/ARTE, Netflix, 3Cat, Corporación Radio e Televisión de Galicia, mk2 films, Ad Vitam, The Post Republic e Piffl Medien.
Xabarin.gal reforzará a súa oferta durante as vacacións de Semana Santa

Santiago, 09.04.2025.- Xabarin.gal, a canle dixital infantil da CRTVG, ten preparadas para este mes de abril unha morea de estreas, que inclúen un reforzo de contidos durante as vacacións escolares de Semana Santa.
Así, o vindeiro venres, 11 de abril, estréase ‘Arborismos’, unha serie documental galega, dirixida por Cora Peña, sobre os trazos diferenciadores e as curiosidades de seis especies de árbores presentes no medio natural galego: o carballo, o salgueiro, o bidueiro, o castiñeiro, o loureiro e o freixo. É un contido dixital de gran calidade especialmente recomendado para toda a familia.
O luns 14 poranse a disposición 52 episodios de ‘Boom & Reds’, unha serie para primeiros espectadores en que un simpático ogro morado, Boom, intenta investigar que están debuxando no chan os Reds, un grupo de animadas criaturas con cabeza de cogomelo.
O 16 de abril chegará a Xabarin.gal a serie ‘Monster Allergy’, cunha primeira tanda de 26 capítulos. Está protagonizada por Zick, un neno de 10 anos que nace cun superpoder e que pode descubrir os monstros do mundo grazas ás súas alerxias.
E o Venres Santo estrearanse 10 novos capítulos de ‘A patrulla canina’, unha das ficcións de debuxos animados máis populares entre os máis pequenos da casa. Nela, seis canciños, Chase, Marshall, Zuma, Rubble, Skye e Rocky forman unha patrulla que dirixe Ryder, un neno que os rescatou e lles ensinou habilidades que agora empregan para solucionar problemas con moito enxeño.
O seguinte venres, 25 de abril, a novidade será ‘A tableta máxica’, serie de animación da que se incorporarán os primeiros 13 capítulos. Ten como protagonista a Zeke, un debuxante que vive coa súa familia e ten unha tableta en que todo o que debuxa se volve realidade, pero normalmente con resultados desastrosos.
Ademais, tamén están xa dipoñibles en Xabarin.gal 26 novos capítulos da icónica serie ‘A abella Maia’, protagonizada por unha abella que deixa a súa colmea para descubrir a beleza e os misterios da natureza.
A maiores de todas estas estreas, todos os domingos se publicará na plataforma unha nova entrega do programa ‘Queres un conto?’, ao mesmo tempo que se emite na TDT.
A segunda tempada da premiada 'Merlí' chega hoxe a AGalega.gal con máis pensamento crítico para a rapazada

Santiago, 07.04.2025.- A plataforma dixital AGalega.gal suma á súa grella esta semana novidades para todos os gustos. Un dos pratos fortes chega hoxe luns coa estrea da segunda tempada de ‘Merlí’, a premiada serie educativa que conquistou o público cun enfoque innovador sobre a filosofía. Todos os episodios estarán dispoñibles de contado para os usuarios da plataforma. A serie segue as ensinanzas de Merlí Bergeron, un profesor de bacharelato que estimula o pensamento crítico dos seus alumnos a través das teorías de grandes filósofos, desafiando normas e xerando debates intensos nas aulas e nos fogares.
Outro dos lanzamentos dixitais destacados é ‘Arborismos’ (venres, 11 de abril), unha serie documental dirixida por Cora Peña, que explora as características e curiosidades de seis especies arbóreas presentes no medio natural galego. Trátase dunha proposta divulgativa de interese para toda a familia, que poderá verse tanto en AGalega.gal como en Xabarin.gal.
O mércores (9), ‘Sons do mundo’ ofrecerá un percorrido polos momentos máis salientables do encontro internacional de World Music celebrado na Coruña. Unha proposta que achega ritmos e culturas de todo o planeta, amais de ser un escaparate das nosas músicas e artistas no exterior.
A semana continúa o martes (8) coa incorporación do segundo episodio de ‘Punto Nemo’, dispoñible durante 15 días. A emocionante serie sitúa os espectadores ante a loita pola supervivencia da tripulación do Pentokontors, tras un ataque pirata que os deixa varados nunha illa descoñecida.
A oferta cinematográfica da semana inclúe a partir do xoves (10) ‘Rams’, un drama australiano en que dous irmáns gandeiros enfrontados durante décadas deben unir esforzos para salvar os seus rabaños tras a chegada dunha doenza letal para as ovellas da súa comunidade. A película estará dispoñible durante 30 días.
E finalmente, o sábado (12) AGalega.gal estrea ‘A cidade perdida de Z’, unha cinta estadounidense baseada en feitos reais sobre a vida do explorador británico Percy Fawcett, quen dedicou a súa vida a buscar unha cidade lendaria na Amazonia. Esta fascinante historia de exploración e misterio estará dispoñible durante 7 días.
A Televisión Canaria gana o premio Pello Sarasola 2024

Santiago, 3.4.2024.- A docuserie ‘Insulae, crónica da nosa historia’ de Radio Televisión Canaria foi galardoada co premio Pello Sarasola 2024 como mellor programa televisivo da Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicas (FORTA), nunha cerimonia celebrada onte, día 2 de abril, en Palma, organizada por IB3.
‘Insulae, crónica da nosa historia’ é unha produción audiovisual en formato docuficción que aborda en trece capítulos os episodios históricos e as biografías das personalidades máis relevantes da historia das Canarias. Ofrece unha visión profunda da historia das illas, que combina elementos históricos con ficción para capturar a esencia da cultura insular.
A X edición dos premios Pello Sarasola, creados en honra ao destacado profesional da radiotelevisión vasca, foi organizada por IB3, que coincide coa celebración do seu 20 aniversario e á vez co vixésimo da comisión de Televisión de FORTA, un organismo clave para a coordinación e o desenvolvemento das televisións autonómicas.
Neste senso, o director xeral de IB3, Marc González, dirixiuse aos profesionais do sector audiovisual, representantes das diferentes televisións autonómicas e figuras destacadas da cultura e a comunicación que asistiron ao acto. Lembrou que “a través da colaboración e o traballo conxunto, fortalecemos a nosa presenza no panorama audiovisual e reforzamos a nosa misión de ofrecer unha comunicación de proximidade de calidade”.
Durante o acto tamén se entregou o premio Honorífico a Á Punt pola cobertura informativa da DANA do pasado 29 de outubro.
Doce candidaturas
Nesta edición optaron ao galardón as doce televisións que integran FORTA; cada unha presentou un só programa emitido durante o 2024. IB3 Televisión presentou a candidatura de ‘La Millor Festa’: un concurso de verán en que oito vilas competían para saber cal ofrecía a mellor verbena das illas.
En canto ao resto de candidaturas ao mellor programa que optaron ao premio, fixérono en diferentes modalidades: series, documentais e programas divulgativos e de entretemento.
A continuación detallamos todas as candidaturas e respectivas televisións: A historia de Carles Porta sobre os misterios da montaña de ‘Tor’ foi a docuserie pola cal apostou 3CAT.
Canal Sur presentou con ‘Magna’, a retransmisión da procesión coa cal se pechou o II Congreso Internacional de Irmandades e Relixiosidade Popular en Sevilla, o 8 de decembro de 2024.
O programa divulgativo e de entretemento de Telemadrid ‘Cómo funciona’ ofrece unha mirada interesante sobre os mecanismos que fan funcionar varios aspectos da nosa vida cotiá.
A docuserie ‘Somos porque fuimos’ de AragonTV explora as raíces da historia e as tradicións de Aragón, e mostra a importancia do pasado no presente.
À Punt destaca ‘A la Saca’, un game show cheo de emoción e diversión, que achega un formato dinámico e entretido para o público.
O programa infantil ‘Equipo planeta’ de CMM combina entretemento e educación, e convida os máis pequenos a coñecer o mundo que os rodea mentres se divirten.
‘Itsatsita’, unha instaserie musical en éuscaro de EiTB Media, é unha produción fresca e innovadora que fusiona a música cunha narrativa moderna para atraer un público novo.
A serie documental ‘Curando o mundo’ de CRTVG lévanos a unha viaxe por descubrir iniciativas que cambian o mundo a mellor, a través do uso da saúde, a ciencia e a solidariedade.
Finalmente, o docureality ‘Móntate películas’ de RTPA ofrece unha mirada entretida aos procesos de creación cinematográfica, en que os participantes se ven inmersos no mundo do cinema e compiten para ver quen pode crear a mellor película.
Dous premios Pello Sarasola para IB3
A Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicas (FORTA) premiou IB3 Televisión en dúas ocasións. O ano 2018, ‘Treufoc’, a serie de televisión policial producida por IB3, levou o primeiro galardón. Catro anos despois, o premio foi para a serie de ficción ‘Pep’ en recoñecemento da súa visibilización da enfermidade do alzhéimer con sensibilidade e sentido de servizo público a produción.
Con estes premios, FORTA reafirma a aposta para a excelencia na produción audiovisual e o papel fundamental das televisións autonómicas na promoción da cultura e a información de proximidade.
A serie documental 'Galicia diversa', dispoñible en AGalega

Santiago, 02.04.2025.- A plataforma dixital AGalega.gal estrea hoxe unha nova serie documental, ‘Galicia diversa’, un proxecto que foi seleccionado na última convocatoria de contidos dixitais da CRTVG. Esta nova produción busca ofrecer unha visión ampla e sen prexuízos sobre a realidade das persoas con discapacidade e diversidade funcional en Galicia.
A serie, producida por Miramemira e composta por cinco episodios de 12 minutos, estrutúrase a partir de testemuños de persoas con diversidade funcional, así como dos seus familiares, profesionais e voluntarios, que traballan neste eido. Ademais, abordará temas fundamentais como a educación, o emprego, a atención terapéutica e o acceso á cultura e ao deporte para as persoas con necesidades especiais..
A presentación oficial de ‘Galicia diversa’ tivo lugar este mércores, ás 11:00 horas, no centro sociocultural O Ensanche de Santiago. O evento contou coa participación dos directores da serie, Damián Varela e Manuel Darriba; do director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias; da representante da plataforma AGalega.gal María Sabucedo, e de figuras destacadas do ámbito da diversidade funcional, como os atletas paralímpicos Jesús Cabo e Ramona Seijo. Tamén estiveron presentes o presidente de Fademga Plena Inclusión, Eladio Rodríguez, e a presidenta da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, María Alonso.
‘Galicia diversa’ nace coa intención de darlle voz e visibilidade a un colectivo tan numeroso como o das persoas con discapacidade e diversidade funcional, buscando que se vexan reflectidas dun xeito digno e exento de paternalismo. O próximo 5 de abril levarase a cabo unha segunda presentación en Sarria (Lugo), ás 18:00 horas, na Casa da Cultura.
O thriller de ciencia ficción 'Punto Nemo' e a serie documental 'Galicia diversa', novidades esta semana en AGalega.gal

Santiago, 31.03.2025.- A plataforma dixital AGalega.gal continúa reforzando a súa oferta de contidos coa incorporación de novas producións galegas e de cinema internacional. Esta semana destacan dúas grandes estreas: a nova serie da TVG, ‘Punto Nemo’, que chega o martes (1 de abril), e a serie documental ‘Galicia diversa’, dispoñible desde o mércores (2).
Este novo thriller de ciencia ficción, ‘Punto Nemo’, que se emite os luns no prime time da TVG, narra a historia dunha expedición oceanográfica que viaxa ata a gran illa de plástico do Pacífico para sensibilizar sobre este problema ambiental. Un erro de navegación leva a tripulación ata o misterioso Punto Nemo, unha illa cunha antiga base militar rusa, que porá a proba as súas habilidades para sobrevivir. Dirixida por Denis Rovira, á cabeza do elenco desta produción destacan Óscar Jaenada, Alba Flores e Maxi Iglesias. ‘Punto Nemo’ está coproducida por Ficción Producciones e Ukbar Filmes coa colaboración da Xunta de Galicia, a canle portuguesa RTP, a Deputación de Pontevedra e a Televisión de Galicia. O primeiro episodio estará dispoñible en AGalega.gal durante dúas semanas.
Pola súa parte, ‘Galicia diversa’, proxecto seleccionado na última convocatoria de contidos dixitais da CRTVG, é unha serie documental que ofrece unha visión ampla e sen prexuízos sobre a realidade das persoas con discapacidade e diversidade funcional en Galicia. A través de testemuños de galegas e galegos, así como dos seus familiares, profesionais e voluntarios, aborda cuestións como a educación, o emprego, a atención terapéutica e o acceso á cultura e ao deporte. O mesmo mércores, ‘Galicia diversa’ presentarase ás 11:00 horas no centro sociocultural O Ensanche de Santiago, onde participarán os directores Damián Varela e Manuel Darriba; o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias; a representante da plataforma AGalega.gal María Sabucedo e figuras destacadas do ámbito da diversidade funcional, como os atletas paralímpicos Jesús Cabo e Ramona Seijo; o presidente de Fademga Plena Inclusión, Eladio Rodríguez, e a presidenta da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, María Alonso.
Ademais destas dúas estreas, a plataforma tamén ofrece este luns (31 de marzo) a retransmisión en directo do partido de Primeira División entre o Celta de Vigo e a U. D. As Palmas, un duelo clave para os vigueses, que veñen de gañar ao Valladolid por 0-1.
A oferta semanal de AGalega.gal complétase co mellor cine internacional. O xoves (3 de abril) estrearase ‘Amor á siciliana’, unha historia de amor e mafia ambientada na Segunda Guerra Mundial, dispoñible durante 30 días. O venres (4) será a quenda de ‘Enfrontados’, un wéstern sobre vinganza e supervivencia tras a Guerra Civil estadounidense, que poderá verse durante 7 días. Finalmente, o sábado (5) chegará ‘A rapaza do tren’, un thriller baseado no bestseller homónimo, dispoñible durante 15 días, que afonda na obsesión e os segredos ocultos dunha muller atrapada entre a realidade e a fantasía.
Televisión de Galicia convértese na primeira autonómica de España en emitir en Ultra Alta Definición (UHD)

Santiago, 28.03.2025.- Televisión de Galicia comeza a emitir desde este venres en Ultra Alta Definición (UHD) na TDT en toda Galicia, converténdose no primeiro radiodifusor autonómico que emite unha canle destas características en España. Así o anunciou o director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, na comisión de control á CRTVG celebrada esta mañá no Parlamento de Galicia.
Despois dun período de probas a canle TVG UHD emítese simultaneamente coas xa existentes emisións en Alta Definición (HD) da TDT. A UHD proporciona unha maior calidade visual grazas á aplicación de tecnoloxías avanzadas, como unha resolución de imaxe incrementada 4K ou a implementación da tecnoloxía de alto rango dinámico (HDR) na imaxe, o que mellora o contraste, con cores máis vivas e un maior grao de detalle visual tanto nas tonalidades escuras coma nas máis brillantes. Ademais, a UHD implica unha compresión do sinal de vídeo tipo HEVC de alta eficiencia, cun mellor aproveitamento do espectro radioeléctrico e unha gama de cores ampliada con respecto á HD.
Para beneficiarse da canle TVG UHD en todo o seu conxunto de prestacións, o televisor ou o descodificador de TDT deben ser compatibles con sinais 4K-HDR. Só é preciso resintonizar o dispositivo para recepcionar a nova canle, e non se precisa ningunha modificación nas antenas receptoras nin nos equipos de distribución TDT dos edificios.
Con este novo fito, os medios públicos galegos reforzan o seu perfil na vangarda tecnolóxica e reiteran o seu compromiso coa evolución tecnolóxica e a innovación, ofrecendo á cidadanía galega un servizo de maior calidade.
Na mesma comisión, o director xeral rexeitou unha vez máis as acusacións vertidas sobre a suposta exclusión da lingua galega dos requisitos para traballar na CRTVG e que cualificou esa información como “un dos maiores bulos e, posiblemente tamén dos máis absurdos, que se crearon nos últimos tempos ao redor da Corporación. Basta con ler as bases do Concurso para saber que iso é falso”, apuntou Sánchez Izquierdo.
O director xeral volveu explicar que “a realidade é que todo posto de traballo ofertado na convocatoria do Concurso Oposición da CRTVG ao que fan referencia require, de forma expresa e imprescindible, a acreditación do coñecemento regrado da lingua galega” e fai un chamamento a que desde postos de responsabilidade non se fomenten esta clase de noticias falsas.
A nova serie da TVG, 'Punto Nemo', un thriller ambientado nun buque oceanográfico, preestréase esta tarde en Pontevedra

Santiago, 28.03.2025.- O thriller de ciencia ficción ‘Punto Nemo’, que chegará o luns á noite ao prime time da TVG, preséntase este venres en Pontevedra nunha gala á que asistirá o seu director Denis Rovira, os actores Maxi Iglesias e Felipe Pirazán, así como representantes do ámbito cultural, político e audiovisual. Entre eles, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; e, en representación da CRTVG, o seu director de Proxección Social, Xaime Arias.
Cunha intrigante trama e unha coidada produción, este novo thriller de ciencia ficción chegará ao prime time da TVG o luns, despois da emisión do partido de fútbol do R. C. Celta, e tamén estará dispoñible desde o martes na plataforma dixital AGalega.gal. ‘Punto Nemo’ está coproducida por Ficción Producciones e Ukbar Filmes, coa colaboración da Xunta de Galicia, a canle portuguesa RTP, a Deputación de Pontevedra e a Televisión de Galicia.
A serie combina drama e misterio. Nela, os membros dunha expedición oceanográfica formada por científicos e a Armada Española, embárcanse no buque Pentonkontors para investigar e concienciar ao mundo dos problemas da illa de plástico localizada no Pacífico Sur. Unha forte tormenta desvíaos ata unha illa na que poñerán a proba as súas habilidades para sobrevivir e fuxir deste lugar remoto coñecido como Punto Nemo, o punto máis afastado de calquera lugar habitado da Terra. Durante a presentación, os asistentes terán a oportunidade de coñecer máis detalles sobre o proceso creativo e os desafíos da rodaxe.
Completan o reparto de primeiro nivel Óscar Jaenada, Alba Flores, Margarida Corceiro, Eric Masip, Najwa Nimri, Michelle Calvó, Sara Matos, María Isabel Díaz, Nüll García, Leander Vyvey, e o galego Miguel de Lira. ‘Punto Nemo’ foi rodada en diversas localizacións, incluíndo Santiago de Compostela, San Vicente do Mar, Portugal e Madeira.
A apaixonante historia de Vargas Llosa 'Travesuras da nena mala' chega AGalega.gal esta semana

Santiago, 26.03.2025.- A plataforma AGalega.gal continúa a súa aposta por unha programación variada e de calidade con novas estreas semanais, que abranguen ficción, documental e programas de entretemento. O xoves (día 27) chega unha das novidades destacadas da tempada: ‘Travesuras da nena mala’, serie baseada na novela homónima do premio nobel Mario Vargas Llosa. Esta apaixonante historia de amor e destino segue os pasos de Arlette e Ricardo, desde a adolescencia ata a idade adulta, marcados por encontros e desencontros que os levarán por diferentes partes do mundo. Esta produción de 2022 conta cos arxentinos Juan Pablo di Pace e Macarena Achaga nos papeis principais.
O sábado (29) será a quenda da divulgación coa estrea da serie documental ‘Galicia peza a peza’, un percorrido polas pezas máis singulares da rede museística galega. A través destas xoias do patrimonio, os espectadores mergullaranse na historia das vilas e cidades galegas.
A plataforma achegará tamén desde o mércores (26), ás 20:00 horas, unha nova entrega de ‘Raíña-me: Raíñas de portada’, en que a drag queen Alexa Evans recibirá unha convidada de luxo: Carlota Corredera. A xornalista e presentadora viguesa compartirá experiencias e reflexións sobre o feminismo, o papel das mulleres nos medios e o privilexio de ter unha voz pública. Ademais, protagonizará con Alexa Evans no ‘Odragoiro’ unhas informacións moi suculentas e exclusivas sorprendentes.
A semana complétase con estreas en todos os xéneros. O luns (24), os afeccionados aos programas de acción e realismo poderán acompañar os bombeiros de Galicia na súa loita contra incendios e emerxencias, en ‘Alarma 080’, e descubrir a valentía dos profesionais de Salvamento Marítimo, Gardacostas, Garda Civil e Vixilancia Aduaneira, en ‘Os gardiáns do mar’. O martes (25), a intriga e o crime chegan con ‘Infiltrado’, un filme baseado en feitos reais sobre unha operación antidroga encuberta nos anos 80. E o venres (28), en simultáneo coa TVG, chega o capítulo final de ‘A coral’, en que os nervios están á flor de pel ante a súa grande actuación no ‘Luar’.
A miniserie 'Poscoito', Premio Mestre Mateo 2025, chega hoxe a AGalega.gal nunha semana cargada de estreas

Santiago, 17.03.2025.- A plataforma dixital da Galega, AGalega.gal, segue ampliando a súa oferta de contidos cunha semana repleta de novidades. A partir de hoxe, os espectadores poderán gozar da estrea de ‘Poscoito’, unha microserie innovadora Premio Mestre Mateo 2025 á Mellor Serie Web, ademais de novos filmes, documentais e programas de entretemento que enriquecerán o seu catálogo de contidos.
A primeira gran novidade chega este luns coa estrea da premiada ‘Poscoito’. Esta microserie de tres capítulos explora as situacións e conflitos que poden xurdir despois dunha relación sexual. Cada episodio presenta unha historia autoconclusiva independente, cun ton e un elenco diferentes, pero cun fío condutor común: ese instante de intimidade e reflexión que segue ao acto sexual.
O martes, os amantes do thriller teñen unha cita coa película ‘Caza humana’, protagonizada por Robert de Niro e John Travolta. A historia sitúase nos montes Apalaches, onde un militar retirado recibe a visita dun turista europeo que, en realidade, é un soldado serbio con sede de vinganza. O que comeza como un encontro aparentemente inofensivo convértese nunha feroz batalla en que só un poderá saír con vida. A película estará dispoñible ata o 31 de xaneiro.
Ao día seguinte, o mércores, será a quenda dunha nova entrega de ‘Raiñame: Galicia por detrás’. O presentador Kiko Novoa, acompañado pola drag queen Alexa Evans, enfróntase no Odragoiro ao reto de camiñar en tacóns por primeira vez e superar outras probas sorprendentes. O episodio poderá verse a partir das 20:00 horas.
Esta semana incorpórase tamén ao catálogo ‘Ao outro lado da lei’ (xoves 20), un filme protagonizado por Mel Gibson e Vince Vaughn, en que dous policías, suspendidos por empregar tácticas demasiado agresivas, vense na obriga de tomar decisións ao límite para solucionar os seus problemas económicos.
O venres chega unha proposta diferente coa estrea do documental ‘A ollada de Blanco Amor’, produción que permite descubrir a figura do escritor galego Eduardo Blanco Amor, a través das súas propias fotografías. Un percorrido visual que achega a súa personalidade, a súa forma de ver o mundo e o contexto histórico en que viviu.
A semana péchase o sábado coa incorporación de ‘Megan Leavey’, un drama baseado en feitos reais que narra a emocionante historia dunha marine e o seu can adestrado para detectar explosivos en Iraq. Tras resultar ferida en combate, Megan loitará para poder reunirse con Rex, o seu fiel compañeiro. A película poderá verse ata o 31 de marzo.
Ademais destas estreas, AGalega.gal continúa renovando os seus contidos habituais da programación da TVG. Neste senso, cómpre salientar o regreso á grella do concurso ‘Atrápame’ e, a partir do sábado, novas entregas do programa musical ‘Hit List’.
Mellor longametraxe, por 'As Neves' e Mellor comunicador para o presentador Juan Fuentes, entre os Mestre Mateo para contidos e profesionais da TVG

Santiago, 16.03.2025.- A película ‘As Neves’, participada pola TVG, gañou os premios Mestre Mateo a Mellor película, Mellor Son e Mellor actriz de reparto para Lucía Veiga, mentres que o presentador Juan Fuentes do espazo das tardes ‘Quen anda aí’ alzouse co premio ao Mellor comunicador na 23ª edición dos Premios Mestre Mateo, emitida en directo pola canle pública. A gala celebrouse este sábado no Lalín Arena presentada pola actriz Teté Delgado.
Entre os premios máis destacados, a CRTVG levou o de Mellor Documental para ‘Filmei paxaros voando’, e ‘Recollendo músicas’, dispoñible na plataforma dixital dos medios públicos, foi recoñecido como Mellor Programa.
Así mesmo, a cinta ‘Tratamos demasiado bien a las mujeres’ gañou o Mestre Mateo ao Mellor Vestiario, e tamén o de Mellor Dirección de Arte; e Marcos Nine obtivo o de Mellor Realización por ‘Historias de aquí’.
Xunto aos premios desta noite, cómpre destacar o espazo da TVG ‘Cos pés na terra’ e a serie infantil de Xabarin.gal ‘Bibopalula’, que recibiron a finais de febreiro dous dos galardóns especiais deste certame, no transcurso da xuntanza de finalistas, antesala á cerimonia de entrega dos premios.
Este ano, por primeira vez, a gran noite do audiovisual galego celebrouse fóra das grandes cidades, trasladándose ao Lalín Arena, en Lalín, onde baixo o lema ‘O audiovisual en movemento’, recoñeceu o talento e a creatividade do sector.
‘Salvaxe’, ‘Sexo con senso’, ‘A Coral’ e ‘Pratos combinados’ entre os gañadores dos ‘I Premios AGalega.gal'

Santiago, 06.03.2025.- O público da plataforma dixital AGalega.gal escolleu os seus once programas e contidos favoritos nos I Premios AGalega.gal que foron revelados e entregados este xoves na sede de San Marcos na CRTVG.
Entre as tres plataformas, AGalega.gal, AGalegaAudio.gal e Xabarin.gal, a cifra de usuarios chega xa preto dos dous millóns e superando os 11 millóns de páxinas vistas. En total, a día de hoxe, son máis de en 27.000 os contidos dispoñibles para o seu consumo a demanda, formando, tanto de forma individual coma no conxunto das tres plataformas, a maior oferta de contidos en galego do mundo, e sen custo para o usuario. No seu primeiro ano de vida AGalega.gal xa entrou no TOP 10 de plataformas máis vistas de España
Case 14.000 votos do público son os que decidiron de forma directa os gañadores das 11 categorías nas tres plataformas: AGalega.gal, AGalegaAudio.gal e Xabarín. En cada categoría competían seis títulos, dos que resultaron premiados os seguintes contidos. Na categoría:
1.-‘Para ver cos amigos’: o concurso ‘Salvaxe’.
2.-‘Para poñer na clase’: a webserie documental ‘San Simón, colonia penitenciaria’.
3.-‘Para saber máis de nós’: o ciclo de documentais ‘Historias de aquí’.
4.-‘Para ver no bus’: gañou o programa divulgativo sobre a historia de Galicia ‘Contando historias’.
5.-‘Para desconectar’: o público elixiu a serie más recentemente estreada na TVG, a divertida ‘A coral’.
6.-‘Mellor microserie’: resultou gañadora a webserie ‘E logo, quen foi?’.
7.-‘Viva a diversidade’: o programa divulgativo ‘Sexo con senso’, que achega un punto de vista actual sobre a educación afectivo-sexual.
8.-‘Orgullo friki’: alzouse co premio a “Sección anime” da plataforma dixital.
9.-En ‘A serie da túa vida’: gañou un clásico da canle, ‘Pratos combinados’.
10.-‘Mellor serie galega de Xabarin.gal’: premio para ‘Os bolechas: Historia de Galicia’.
11.-‘Mellor podcast de AGalegaAudio.gal’ triunfou o podcast sobre deseño galego ‘Movendo marcos’.
O Estudio 5 de San Marcos acolleu este xoves a entrega dos premios nunha gala que estivo presentada por Dani Polo, Belén Puime e Uxía Vázquez, e coas actuacións musicais das Tanxugueiras e de Guadi Galego. A gala poderase ver desde este xoves á noite en AGalega.gal, o venres ás 20.45 horas na G2 e o sábado 8 de marzo pola mañá ás 11:30 horas na primeira canle da Televisión de Galicia. A CRTVG convocou estes premios para festexar o primeiro aniversario de vida da súa plataforma dixital, AGalega.gal, creada en xaneiro de 2024 e que hoxe ofrece a maior oferta de contidos en galego do mundo.
Premios tamén para o público
Votar neste certame tamén tivo premio xa que entre os participantes sorteouse unha estancia nunha casa de turismo rural, dúas entradas VIP para asistir ao programa ‘Land Rober Tunai Show’ e dúas entradas para a vindeira ‘Gala de Fin de Ano’ da TVG.
…………………………………..
A TVG e a Radio Galega brillan con 17 candidaturas aos Premios Celtic Media Festival 2025

Santiago, 07.03.2025.- A CRTVG segue consolidándose como un referente da produción audiovisual galega e internacional ao obter 17 candidaturas no prestixioso certame dos Premios Celtic Media Festival. O evento, que se celebrará entre o 3 e o 5 de xuño en Newquay, Cornualles, recoñece os mellores traballos do sector en televisión, radio e novos medios dos países celtas, onde a TVG compite con canles como a británica BBC, as irlandesas RTE e TG4, a galesa S4C, a escocesa MG Alba ou a bretoa FR3.
Entre as producións que optan aos galardóns atópanse ficcións, documentais, programas de entretemento e proxectos radiofónicos que reflicten a diversidade e a calidade da programación da CRTVG.
A ficción galega, unha aposta forte
En Single Drama (filme dramático), hai dúas apostas destacadas: ‘As Neves’, a ópera prima de Sonia Méndez, que mergulla o espectador nun drama adolescente ambientado nunha vila ficticia, e ‘Xustiza artificial’, un thriller dirixido por Simón Casal que explora os dilemas do uso da intelixencia artificial na xustiza, cun elenco encabezado por Verónica Echegui e Alberto Amman.
Na categoría de Drama Series, a CRTVG compite con ‘Na Gloria’, comedia que combina retranca, costumismo surrealista e humor absurdo. Protagonizada por Cristina Castaño e Dani Rovira, a serie retrata con ironía o choque entre o mundo urbano e o rural.
Do documental ao entretemento
A CRTVG tamén destaca no xénero de Sucesos actuais (Current Affairs) con ‘O que a G esconde. Caso Asunta: o home que sabía demasiado’, unha análise do mediático caso de Asunta Basterra Porto a través de imaxes de arquivo, reportaxes e entrevistas, algunhas delas inéditas. Recoñecen tamén o valor de ‘A grande epopea de Galicia’, coas historias que hai detrás da diáspora galega, no apartado de Historia.
En Factual Series, compiten ‘Os ríos da vida’, unha serie que percorre os cursos fluviais galegos explorando as historias que agochan; e ‘Curando o mundo’, un seguimento do cirurxián Diego González Rivas na súa misión de ensinar polo mundo a súa innovadora técnica de cirurxía pulmonar minimamente invasiva.
No ámbito do Entretemento, ‘Chegou o día’, que ofrece un percorrido polas festas máis destacadas do verán, mentres que ‘Pesca total’, un reality en que seis concursantes compiten por converterse en mariñeiros a bordo do barco Praia de Sanxenxo, opta a premio en Factual Entertainment (Entretemento baseado en feitos reais).
A forza da Radio Galega
A CRTVG tamén destaca no medio radiofónico. Kiko Novoa é candidato a Presentador do Ano, e a Radio Galega opta ao recoñecemento como Mellor Estación de Radio. Ademais, o magazine ‘A Tarde’, presentado por Antón Rebollido, compite en Entertainment - Sound, mentres que ‘Como que non?!’, o programa de humor e variedades de Carlos Tresandí, participa na categoría Comedy-Sound.
Outras candidaturas relevantes inclúen: ‘Sesión fóra de sitio’ (Programa Música en Vivo), que amosa o traballo de intérpretes galegos emerxentes en lugares inesperados e diferentes; ‘Recollendo músicas’ (Arte), unha serie que explora a pegada da música tradicional galega nas composicións actuais; ‘Os Bolechas. Historia de Galicia’ (Infantil), que repasa de forma amena a historia galega desde o Paleolítico; e ‘Raíña-me’ (Short Form), en que a artista Alexa Evans axuda a transformar a estética de persoas que queren converterse en auténticas drag queens.
O Celtic Media Festival, que promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación, ten lugar desde hai 46 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa. Trátase dunha cita obrigada para poñer en valor os produtos audiovisuais galegos no ámbito internacional e nel a Corporación establece sinerxías con televisións internacionais europeas, que posibilitan, entre outras cousas, acordos de cesión de contidos e proxectos comúns.
CRTVG e RTPA estreitan lazos culturais entre Galicia e Asturias cunha convocatoria pioneira de ficción

Santiago, 05 de marzo de 2025.- A Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e a Radiotelevisión do Principado de Asturias (RTPA) lanzan unha convocatoria conxunta para a selección dun proxecto audiovisual pioneiro, en formato sitcom, coa finalidade de consolidar unha ponte cultural entre ambas comunidades autónomas a través da ficción televisiva.
A iniciativa ‘Asturias e Galicia crean ficción 2025’ foi asinada este mércores en Gijón por Lucía Herrera, directora de Antena de RTPA e Fernando R. Ojea, director de Contidos da TVG.
Cun orzamento de 50.000 euros (IVE non incluído), o proxecto busca promover a colaboración creativa entre profesionais galegos e asturianos establecendo un modelo de referencia para a colaboración entre ambas canles e combinando a identidade cultural local coa posibilidade de explotación comercial no ámbito internacional.
O proxecto seleccionado deberá desenvolver un capítulo duns 30 minutos de duración, garantindo unha presenza equilibrada de ambas dúas linguas e unha representación equitativa de intérpretes de Galicia e Asturias, cun elenco actoral principal composto por un mínimo de 4 persoas. A rodaxe realizarase en territorio galego e/ou asturiano baixo un sistema de gravación multicámara. A sitcom deberá ser apta para todos os públicos ou, na súa falta, non recomendada para menores de 7 ou 12 anos.
A convocatoria está aberta a produtores audiovisuais independentes da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, que poderán presentar unha única solicitude ata o 30 de abril de 2025. O guión definitivo deberá estar listo antes do 31 de agosto e a produción finalizada antes do 20 de decembro de 2025. O proxecto valorará a orixinalidade, a calidade creativa e narrativa, así como a técnica, a identidade cultural e o compromiso coa sustentabilidade. Con esta iniciativa, a CRTVG e a RTPA teñen por obxectivo crear unha experiencia piloto que permita explorar novas vías de colaboración para o futuro.
Para máis información sobre as bases da convocatoria, pódense consultar as webs da RTPA (www.rtpa.es) e da CRTVG (https://crtvg.gal/).
* Na imaxe, Lucía Herrera, directora de Antena de RTPA e Fernando R. Ojea, director de Contidos da TVG, xunto coa xefa de Contidos da TVG, Montse Besada