div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Fin de semana de traiñeiras na G2 e en AGalega.gal

Ofrecerán en directo a Bandeira Virxe do Carme, da Liga Galega, e as bandeiras Fabrika e Petronor, da Liga ACT

A 13ª proba do Mundial de Motocrós e o All-Ireland de fútbol gaélico completan a oferta deportiva dos medios públicos galegos para estes días

crtvg.gal 11/07/2025 14:17

Santiago, 11.07.2025.-    O deporte do remo será protagonista esta fin de semana na segunda canle da TVG e na plataforma AGalega.gal, onde as retransmisións comezarán o sábado ás 16:00 h, coa Bandeira Virxe do Carme, proba puntuable para a Liga Galega de Traiñeiras, que se disputará na contorna do porto de Pedras Negras, en San Vicente do Mar.

Na tarde do sábado, os espectadores galegos tamén poderán ver en directo a tradicional Bandeira Fabrika, cuxa regata feminina, válida para a Liga Euskotren, comezará ás 17:20 h, mentres que a masculina, da Liga Eusko Label, se ofrecerá a partir das 18:10 h. A cita, que se desenvolverá na capital guipuscoana, nas augas da baía da Concha, corresponde á terceira xornada desta temporada 2025 e reunirá as mellores traiñeiras do panorama masculino e feminino.

O domingo, a Liga ACT trasladarase a augas biscaíñas, á localidade de Zierbena, onde terá lugar todo un clásico do calendario: a Bandeira Petronor. A proba correspondente á Liga Euskotren disputarase ás 11:15 h, coa participación de oito traiñeiras en dous grupos, realizando un total de dous longos e unha ciaboga en cada quenda, e a da Liga Eusko Label comezará ás 12:05 h, con tres quendas de catro traiñeiras que percorrerán un total de tres millas mariñas.

Ademais das traiñeiras, outra das ofertas deportivas dos medios públicos galegos para esta fin de semana é o motocrós. O Mundial de MXGP regresa este domingo despois de dúas semanas de parada e chega a Finlandia para a súa décimo terceira rolda, en que causan baixa nomes tan importantes como Jeffrey Herlings, David Braceras, Ferruccio Zanchi e  Maxime Renaux. As dúas mangas poderán seguirse en directo ás 13.00 h (en diferido pola G2 ás 14:00 h) e ás 16:00 h.

O fútbol gaélico tamén terá presenza esta fin de semana na G2 e en AGalega.gal, que ofrecerán o All-Ireland, o campionato máis importante desta disciplina, que se disputa anualmente en Irlanda. Na primeira semifinal, que se xogará o sábado (en directo ás 18:00 h en AGalega.gal, en diferido na G2 a partir das 20:00 h) enfrontaranse o Kerry e o Tyrone; mentres que na segunda, que se poderá ver o domingo ás 17.00 h, os contendentes serán os equipos Meath e Donegal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade