Na batalla desta noite na 'Sala G' enfrontanse os Ex, os que un día foron os reis do escenario, contra Todxs, o equipo do presente - CRTVG
Na batalla desta noite na 'Sala G' enfrontanse os Ex, os que un día foron os reis do escenario, contra Todxs, o equipo do presente
Capitaneados por Fátima Pego e Andrade respectivamente, ofrecerán unha velada de duelo e festa (22:05 h), con momentos para o corazón e para a risa

Santiago, 12.7.2025.- Este sábado pola noite, no prime time da TVG, enfrontaranse un equipo de lenda, os Ex, os que fixeron grandes as mellores orquestras galegas, contra Todxs, unha escuadra fresca, divertida e sen medo a nada.
Os que un día foron os reis do escenario chegan hoxe á ‘Sala G’ para demostrar que nunca deixaron de selo. Fátima Pego capitaneará un equipo que mete medo só con escoitar os nomes: Miguel Torres, de 85 anos, con toda unha vida na orquestra Compostela; Paula Suárez, alma da Trébol; María García, lenda da Marbella e da Filadelfia; Néstor Peña, furacán da Olympus e o cantante Raúl, icona dos primeiros anos 2000. Xuntos son os Ex, pero non veñen lembrar vellos tempos, senón poñer a sala patas arriba.
En fronte, Andrade mobilizará o exército do presente, en cuxas filas militarán G Face, Awa Fami, César Romero, Laura Añón, Xurxo Fernandes, Pan Sen Fron e Capitán Sabrosura. Se hai que cantar, cantan. Se hai que bailar, bailan. Se hai que provocar, provocan.
Así pois, nesta gala, presentada por Arturo Fernández, haberá duelo e festa, combate e homenaxe. Tamén momentos para o corazón, con lembranzas a Rocío Dúrcal, Los Panchos e Lola Flores, e para a risa, coa ollada afiada de Carla Núñez, as sesións imposibles de DJ Rokiño e as sancións imprevisibles de Fran Nogueira como árbitro do público.