div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Noticias corporativas

Publicador de contidos

A película de animación 'Os demos de barro', participada pola TVG, álzase con dous Premios Sophia, os galardóns do cinema portugués

Santiago, 27.05.2024.-    ‘Os demos de barro’, película de animación participada pola Televisión de Galicia, alzouse con dous Premios Sophia, os galardóns da Academia Portuguesa do Cine, na gala celebrada onte no Gran Casino de Estoril. O filme, primeira longametraxe de animación coa técnica stop-motion producida en Portugal, resultou gañador nas dúas categorías ás que optaba: mellor canción e mellor banda sonora.

A película de animación producida por Xosé Zapata e Carlos Juárez faise por primeira vez para unha película española con dous dos principais galardóns do cinema luso. Ademais, é a primeira vez que unha película galega gaña un premio da Academia Portuguesa do Cinema.

O premio de mellor canción orixinal foi para a composición ‘Caretos’, do grupo portugués Os Gaiteiros de Lisboa, con letra de Possidónio Cachapa e música de Carlos Guerreiro, e a mellor banda sonora foi para a composición realizada polo músico portugués Carlos Guerreiro e o galego Manuel Riveiro, que se converteu así no primeiro músico español que acada o premio da Academia Portuguesa do Cine. Integrante do lendario grupo folk Milladoiro, Riveiro é un compositor especializado en música de cine, foi candidato aos Premios Goya no ano 2019 pola súa banda sonora para ‘A sombra da lei’, e é autor da música da curtametraxe de animación ‘The Monkey’, gañadora do Goya en 2022.

‘Os demos de barro’, dirixida por Nuno Beato, é unha coprodución de Caretos Film e Basque Films (España), Sardinha em Lata (Portugal) e Midralgar (Francia) que foi estreada nestes tres países. Participou na Sección Oficial do Festival de Annecy, dedicado ao cinema de animación, e o ano pasado foi candidata a mellor longametraxe de animación nos Premios Goya.

ler máis

A CRTVG emite este luns o debate electoral no marco da campaña dos comicios europeos do 9 de xuño

Santiago, 24.05.2024.-    Logo de emitir este pasado xoves o debate dos candidatos a presidir a Comisión Europea desde Bruxelas, a CRTVG ofrece este luns 27 de maio, ás 10:00 horas, desde os estudios de San Marcos o debate entre os candidatos de PSOE, PP, Agora Repúblicas (ERC, Bildu, BNG, AM), Sumar e Ciudadanos ao Parlamento Europeo.

Producido desde o Estudio Multimedia da Radio Galega, o debate será emitido pola primeira canle de TVG, na Radio Galega, o portal G24.gal e a plataforma dixital AGalega.gal ás 10:00 horas e estará moderado por Alberto Varela, xefe de Planificación Informativa da Radio Galega.

Participan nel Nicolás González, candidato do PSOE, Francisco Millán Mon, candidato do PP, Ana Miranda, candidata por Agora Repúblicas (ERC, Bildu, BNG, AM), Juan Díaz Villoslada, candidato de Sumar e Javier Nart, por Ciudadanos.

Nesta campaña electoral europea, os medios públicos galegos emitirán a diario edicións informativas en todos os seus medios sobre a actualidade das candidaturas que concorren ás eleccións do vindeiro 9 de xuño. En cumprimento do plan de cobertura depositado na Xunta Electoral, terán especial atención mediática nesta campaña as formacións que obtiveron mellores resultados nos últimos comicios comunitarios: PSOE, PP, BNG (integrado na coalición Agora Repúblicas), Sumar e Ciudadanos.

O debate dividirase en catro bloques e rematará con intervencións dun minuto por parte dos candidatos. Estes bloques temáticos son transición industrial, enerxética e ecolóxica, así como impulso da soberanía económica e comercial da Unión Europea; o sector primario de Galicia desde unha perspectiva europea: pesca, gandería e agricultura; o futuro do financiamento europeo en Galicia, balance da execución dos Fondos Next Generation e o reto que pode supoñer a ampliación da UE a novos países, e, por último, os grandes retos do continente: a defensa común, o avance tecnolóxico e a intelixencia artificial.

Entrevistas do 3 ao 7 de xuño ás 10:00 h

Na primeira semana de xuño, a CRTVG realizará entrevistas cos candidatos das cinco formacións, que se emitirán ás 10:00 h. de forma simultánea por TVG, na Radio Galega, o portal G24.gal e a plataforma dixital AGalega.gal. A primeira será o luns 3, con Ciudadanos, o martes 4 con Sumar, o mércores 5 será a entrevista co BNG (Agora Repúblicas), o xoves 6 emitirase a entrevista co PP, e o venres 7 co voceiro do PSOE

Xornada electoral, a TVG desde Bruxelas o 9 de xuño

A canle pública prepara unha ampla cobertura da xornada electoral con dous puntos de directo en Bruxelas cos xornalistas Marcos Sueiro e Alexandre Mato. Tamén, un Especial Informativo, entre as 19:55 e as 00:00 h, que ofrecerá toda a actualidade arredor do peche dos colexios e da enquisa de Sigma Dos.

Seguirase todo o escrutinio, que non se coñecerá ata as 23:00 h (co peche dos últimos colexios electorais en Italia) e achegaranse as claves do resultado interpretadas por un equipo de analistas, nun espazo presentado polos xornalistas Marta Darriba e Carlos Amado. Tamén a Radio Galega ofrecerá un Especial Informativo entre as 19:55 e as 00:00 h, con mesa de análise e a moderación dos xornalistas Luís Ojea e Celia Rúa.

O portal G24.gal ofrecerá o minuto a minuto da xornada desde a apertura de colexios, cos avances de participación e as votacións dos candidatos ata o peche de colexios e as reaccións dos partidos políticos.

ler máis

O documental 'A Cero.5' participado pola TVG gaña o Prix Europeo CIRCOM na categoría 'Minorías sociais'

Santiago, 23.05.2024.-    O documental ‘A Cero.5’, participado pola Televisión de Galicia, foi premiado co Premio CIRCOM 2024 na categoría Minorías sociais na gala celebrada este xoves en Poznan (Polonia), no marco da 40ª conferencia anual de CIRCOM, a rede de 250 medios públicos e centros de produción rexionais presentes en 29 países de Europa. O galardón ao documental ‘A Cero.5’ foi recollido polo seu autor e protagonista, o vigués ‘Gonzalo Suárez, de mans do director de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea, quen tamén ostenta a Secretaría Xeral da entidade europea.

‘A Cero.5’ é o documental autobiográfico de Gonzalo Suárez, quen narra as súas vivencias despois de quedar parapléxico a raíz dun accidente. A peza, producida en 2021, amosa como a práctica do baloncesto no club vigués AMFIV, a competitividade e o compañeirismo lle axudaron a superalo. ‘A Cero.5’ está dispoñible na plataforma dixital AGalega dos medios públicos.

O xurado dos premios estivo formado por 14 profesionais das áreas de produción e emisión das canles europeas, que tiveron que elixir entre producións de canles de 23 países. Ademais da TVG, tamén foi premiada a produción da EITB ‘El conquistador del fin del mundo’, na categoría de entretemento e ficción, e acadaron mencións especiais outras dúas producións da canle vasca e da televisión autonómica de Cataluña.

Este premio para o documental ‘A Cero.5’ súmase aos galardóns acadados pola TVG en edicións anteriores deste certame. En 2023, a serie da TVG e a RTP ‘Motel Valkirias’, gañara o premio CIRCOM no apartado de entretemento e ficción.
    
En 2022 resultaran premiadas a presentadora Noelia Rey, co galardón ao Novo Talento en Pantalla, e a produción ‘3 camiños’, cunha mención especial na categoría Entretemento e ficción. O premio Novo Talento en Pantalla recaera xa en 2019 na xornalista da TVG Alba Mancebo.

E en 2020 CIRCOM premiara o documental ‘Máis ca vida’, cunha mención especial na categoría Minorías en sociedade. En anos anteriores, a serie ‘Matalobos’ lograra o premio a mellor ficción de televisión. O programa ‘No bico un cantar’ e unha reportaxe de ‘Deporte extra’ foran tamén distinguidos con respectivas mencións especiais en pasadas edicións do Prix CIRCOM.

* Imaxe, cedida por CIRCOM

ler máis

AGalega.gal estrea hoxe en exclusiva 'Somos criminais', con Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán

Santiago, 22.05.2024.-    A plataforma dixital AGalega.gal segue a incorporar contidos cada semana e aumentando a súa proposta de ficción e entretemento en galego. Este mércores AGalega.gal estrea en exclusiva ‘Somos criminais’, un dos espectáculos de teatro de máis éxito da escena galega, en que os actores Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán analizan Galicia e os seus habitantes para saber como somos e porque somos como somos. A produción, unha montaxe de Ainé Producións, poderá verse tamén na TVG o sábado no espazo ‘Fila 1. Butaca G’ (22:00 h).

Os fans da serie de culto ‘Mareas Vivas’ dispoñen desde hoxe de todos os seus capítulos, xa que á primeira temporada, dispoñible desde xaneiro en AGalega.gal, súmanse as nove temporadas restantes. E o xoves, 23 de maio, chegará á plataforma o concerto ‘AGalegafest’, gravado na Sala Inn da Coruña, que conta coas actuacións de, entre outros, os artistas Mondra, Grande Amore, Ortiga e Boyanka Kostova.

E o venres incoporarase ao catálogo de cinema a película ‘A familia que ti elixes’, filme de 2019 que ten como protagonistas a Shia LaBeouf, Dakota Johnson e Zack Gottsagen e que narra a historia dun mozo con síndrome de Down que foxe da súa residencia para perseguir o seu soño de converterse en loitador profesional.

Novos contidos en Xabarín.gal

As novidades tamén chegan estes días a Xabarin.gal, a app para os máis pequenos da casa. O xoves estréase a serie ‘Lucas etc’, unha produción belga centrada nun rapaz de 12 anos que chega a unha nova familia adoptiva e ten que aprender rapidamente a adaptarse á nova situación.

E o venres estrearase en Xabarin.gal a mediametraxe de animación francesa ‘Mamá é pura chuvia’, cinta que foi candidata a mellor especial de animación nos Premios Annie de 2021, e que desenvolve dúas fermosas historias cheas de maxia e tenrura que abordan a xestión das emocións dos máis miúdos da casa.

Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 10.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua.

Tanto AGalega como as apps AGalegaAudio e Xabarin son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, á AGalega AGalegaAudio e Xabarín pode accederse vía web e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast  e nas principais televisións intelixentes.

ler máis

A CRTVG busca a canción que lle porá a banda sonora ao verán de 2024

Santiago, 21.05.2024.-    A CRTVG anda á a procura da canción do verán, do tema que será a súa banda sonora durante os vindeiros meses. Un ano máis, os medios públicos abriron a convocatoria dun certame que ten como obxectivo apoiar a música en galego e descubrir novos talentos, e que premiará con 1.500 euros un tema inédito e orixinal escrito e cantado en lingua galega.

Os intérpretes e grupos interesados en participar na oitava edición do concurso teñen ata o 9 de xuño para enviar as súas propostas, que non deberán exceder dos tres minutos de duración e que poderán ir acompañadas dun vídeo musical. As cancións deberán enviarse en formato mp3 a canciondoveran2024@crtvg.gal, nun correo onde consten os datos das persoas participantes (nome, apelidos, DNI, teléfono e enderezo completo, tanto do intérprete como do compositor e/ou letrista), e remitilas en formato mp4, no caso de presentar un vídeo.

Unha vez rematado o prazo de entrega, levarase a cabo o proceso de selección do tema gañador do concurso, que será escollido por un xurado composto por cinco persoas designadas pola dirección da CRTVG, que valorará a orixinalidade, a calidade técnica e o acompañamento dun vídeo musical. No veredicto, que se coñecerá o 13 de xuño, incluirase tamén unha lista puntuada ata o quinto posto.

Todos os participantes no concurso cédenlle á CRTVG o dereito de reprodución e de comunicación pública por televisión en todos os sistemas, así como a través de Internet, da canción e do seu vídeo, de ser o caso. As bases do certame poden consultarse na web da Corporación.

A canción gañadora desta edición do concurso sucederá a ‘Son feliz’, un tema do profesor de música de Foz Pedro Abelardo Rodríguez, que o ano pasado convenceu o xurado por ter todos os ingredientes para ser a canción do verán e pola historia de superación que conta.

ler máis

Escolares de Laxe, A Pobra de Trives, Ames, San Vicente do Grove, Santa Comba e A Illa de Arousa, gañadores dos Premios DígochoEu

Santiago, 16.05.2024.-     O equipo do DígochoEu rematou o curso entregando os seus III Premios escolares a seis vídeos sobre lingua que foron elixidos entre preto dun centenar de traballos presentados por escolares de toda Galicia, na terceira convocatoria deste certame. Na categoría de primaria, o premio DígochoEu de Ouro foi para o CPI Plurilingüe Cabo da Area, de Laxe, polo vídeo ‘E ti, queres ser laxense por un día?’; o de Prata levouno o CEIP A Maía de Ames, cun vídeo titulado ‘Palabras polisémicas nas Olimpíadas’, e o DígochoEu de Bronce recaeu no CEIP Plurilingüe Barrié de la Maza de Santa Comba, coa súa historia ‘Lingoreteiros do mundo’.

    Na categoría de secundaria, o IES Xermán Ancochea Quevedo, da Pobra de Trives gañou o premio de Ouro polo seu vídeo ‘O Entroido de Manzaneda, o folión de Mourela pra cá’. O premio de Prata foi para o IES As Bizocas de San Vicente do Grove, que presentou un traballo titulado ‘Díghocho meu!’, e o IES Illa de Arousa levou o de Bronce, co vídeo chamado ‘A dorna das cen palabras’.

    Os premios foron entregados polos membros do xurado, a xornalista Paula Señarís, o produtor musical Iago Pico e Mª Manuela Leis, en representación da Secretaría Xeral da Lingua, nun acto ao que asistiron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; e o director de Proxección Social da Corporación, Xaime Arias.

    Arredor de 500 escolares, os seus mestres e familiares encheron o anfiteatro nun evento que foi retransmitido pola plataforma dixital AGalega.gal e será emitido tamén por TVG mañá, Día das Letras Galegas, ás 11:30 h.  A gala conta co patrocinio da Secretaría Xeral da Lingua e a colaboración de GADIS. Os vídeos quedarán accesibles desde mañá na plataforma de contidos infantís e xuvenís Xabarin.gal e tamén en AGalega.gal onde tamén se poderá volver ver a gala.

    Os centros gañadores, que gravaron os vídeos co apoio do programa e a participación de Esther Estévez, obtiveron como premio de Ouro 500 euros; os de Prata, 300, e os premios de Bronce, 200 euros. Esta terceira edición do concurso de vídeos DígochoEu recibiu máis dun cento de propostas de centros de toda Galicia, entre as que o xurado tivo que decidir, valorando a calidade lingüística e expresividade dos participantes, a súa orixinalidade e a innovación do contido.  

 

 

ler máis

O soño da sultá, participada por TVG, acada o Premio Quirino de animación iberoamericana ao Mellor Desenvolvemento Visual

Santiago, 13.05.2024.-   A longametraxe ‘O soño da sultá’, da directora Isabel Herguera e participada pola TVG, segue a conseguir premios. Esta fin de semana alzouse en Tenerife co Premio Quirino de animación iberoamericana no apartado Mellor Desenvolvemento Visual.

A película, una produción de Abano Producións, El Gatoverde Producciones, UniKo Estudio Creativo, Sultana Films, Fabian&Fred (España, Alemania), co apoio da canle galega, sumou este novo premio na VII edición destes galardóns iberoamericanos, que recoñecen o labor da industria da animación en homenaxe ao director Quirino Cristiani, quen fora o creador da primeira longametraxe de animación da historia, en 1917, a película arxentina ‘O Apóstolo’, para a que se fixeran a man 58.000 debuxos.

‘O soño da sultá’ foi o primeiro filme animado europeo en competir na sección oficial de San Sebastián e acumula galardóns a nivel nacional e internacional. En marzo alzárase co premio á mellor longametraxe de animación no Anima, o Festival Internacional de Animación de Bruxelas.

A cinta contou desde o seu lanzamento co recoñecemento da crítica. Ademais de ser a primeira longametraxe de animación europea en participar na sección oficial en San Sebastián, logrou o Premio Irizar ao cine vasco e mais o Premio da Asociación Vasca de Guionistas Euskal Gidoigileen Elkartea. A nivel internacional acadou xa o Premio Mellor Coprodución internacional no Festival de Hamburgo e tamén obtivo candidaturas aos premios máis destacados a nivel nacional: os Goya, os Forqué e os Feroz.

A gala dos Premios Quirino tivo lugar este domingo no Teatro Leal de San Cristóbal da Laguna (Tenerife), con 25 obras finalistas escollidas entre 247 filmes.

ler máis

As AcciónsG da CRTVG poñen o foco na Semana Mundial da Inmunización da ONU

Santiago, 30.04.2024.-    No marco da Semana Mundial da Inmunización de Nacións Unidas, a CRTVG está a desenvolver unha nova #AcciónG de Responsabilidade Social Corporativa, cunha campaña de concienciación arredor da importancia da vacinación para protexer a sociedade, nenos e maiores, de enfermidades que se poden previr.

A Televisión de Galicia está a emitir estes días unha peza divulgativa na súa programación. A campaña céntrase no slogan #AíndaQueNonOVexas, que incide na protección silenciosa e invisible que supoñen as vacinas para a nosa saúde, e que tamén se pode ver no portal web

Esta #AcciónG dos medios públicos apoia o labor divulgador da ONU das medidas colectivas necesarias para protexer a persoas das enfermidades que preveñen as vacinas en todo o mundo. Ademais, a Organización Mundial da Saúde está a colaborar cos seus asociados para axudar os países a retomar o camiño que lles permita protexer máis persoas contra enfermidades neste ano en que se celebran os 50 anos do Programa Esencial en Inmunización (EPI, en inglés).

Programas informativos da TVG e a Radio Galega colaboran coa campaña emitindo contidos relacionados. Entre outros contidos, nos seus Telexornais, no espazo radiofónico ‘Convivir’ ou no magazine matinal ‘A Revista’ que xa recibiu a coordinadora de UNICEF Galicia, Irene Marín, para explicar o labor de UNICEF neste eido. 

A CRTVG é socia do Pacto Mundial das Nacións Unidas e encadra as súas accións de Responsabilidade Social Corporativa no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas.

Esta nova acción persegue tamén apoiar e difundir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible número 3, Saúde e benestar, e número 10, de Redución das Desigualdades. As #AcciónsG son as campañas de RSC da CRTVG para actuar, para provocar o cambio e lograr unha sociedade mellor e máis responsable.

ler máis

O Estudo Xeral de Medios referenda a TVG como líder absoluta de audiencia

Santiago, 25.04.2024.-   O primeiro Estudo Xeral de Medios deste 2024 marca de novo  o extraordinario liderado nas audiencias da Televisión de Galicia. Os datos do Estudo Xeral de Medios (EXM), publicado este xoves, sinalan a canle galega como a máis vista de Galicia, cun 21% de cota de luns a venres e 20,6% no conxunto da semana.

TVG é líder con 6,4 puntos máis, de luns a venres, que o seguinte competidor, Antena 3, e a 8,3 da outra canle pública que emite en Galicia (TVE, 12,7%).

A franxa do mediodía consolida o liderado informativo 

No tempo da información do mediodía (entre as 13:00 e as 17:00 h), e especialmente co bloque conformado polo ‘Galicia Noticias’ e ‘Telexornal Mediodía’, a TVG acada o 34,9% de cota de pantalla, mentres o seguinte competidor, Antena 3, sitúase nunha cota do 16,7%. A seguinte canle pública, TVE, conta cunha media neste tempo de emisión do 12,5%.  

E na franxa de noite (entre 20:00 e as 04:00 h), a TVG acada tamén o liderado en Galicia, cunha cota do 19,2%, a 6,6 puntos de distancia do competidor máis próximo (Antena 3, cunha cota do 12,6%). Por días da semana, o Estudo Xeral de Medios salienta as cotas de pantalla acadadas pola TVG os martes cun 23,4%, luns cun 22,6% e dos xoves e domingos cun 22,4%.

Líder tamén das canles autonómicas os sete días da semana

Entre as televisións autonómicas reunidas na FORTA, a Televisión de Galicia é tamén a máis vista tanto de luns a venres como de luns a domingo, e supera en máis de tres puntos as seguintes canles máis vistas da federación de organismos autonómicos. 

A Radio Galega segue a ser a emisora pública máis escoitada de Galicia

A última onda do EXM reflicte de novo a clara posición da Radio Galega como emisora pública máis escoitada de Galicia, duplicando amplamente os rexistros da outra emisora pública do país, RNE. No acumulado anual (abril 2023-marzo 2024), a Radio Galega logra unha media de 158.000 oíntes diarios de luns a venres e 140.000 oíntes diarios de luns a domingo. Estas cifras supoñen un incremento de 1.000 novos oíntes no conxunto da semana e de 8.000 novos oíntes no período de luns a venres con respecto ao ano móbil anterior. En termos porcentuais, supón un incremento de audiencia dun ano a outro dun 5,33% de luns a venres.

Nese mesmo período acumulado anual, entre abril de 2023 e marzo de 2024, o total do conxunto de emisoras da Corporación logra unha media de 180.000 oíntes diarios de luns a venres e de 164.000 oíntes diarios de luns a domingo; significando un incremento do 7,14% e do 3,8%, respectivamente, con 12.000 e 6.000 oíntes máis en cada caso con respecto do ano móbil anterior.

Así, destaca o crecemento de Radio Galega Música, que chega ata os 24.000 oíntes diarios no conxunto da semana, cun incremento do 29,41% de luns a venres e do 26,32% de luns a domingo, cunha media de 5.000 novos oíntes diarios máis desde hai un ano.

ler máis

AGalega estrea este martes 'Curando o mundo', a serie documental sobre o traballo do cirurxián galego Diego González Rivas

Santiago, 22.04.2024.-    A plataforma dixital AGalega estrea este martes os dous primeiros capítulos da serie documental ‘Curando o mundo’, un programa en que o cirurxián coruñés Diego González Rivas, que está a revolucionar a cirurxía torácica, percorre o mundo ensinando a súa técnica minimamente invasiva para operacións de pulmón.

González Rivas é o creador da técnica UniportalVATSeRats, coa que operou xa máis de 7.000 pacientes en 129 países. En cada lugar que visita, os espectadores poderán adentrarse en como xestiona o choque cultural, o tratamento da morte e da esperanza ou as condicións de vida. 

Os seis capítulos de ‘Curando o mundo’ están ambientados en Sierra Leoa, Liberia, A China, Romanía, Kuwait, Bosnia, Portugal e España. AGalega terá dispoñible a serie desde o 23 de abril, cando se estrearán os dous primeiros episodios, e cada martes sumarase un novo.

A primeira entrega desenvólvese en Kuwait. O doutor González Rivas chega a este país do Golfo Pérsico o mesmo día que morre o emir de Kuwait, Nauaf ao Ahmed ao Sabá. O país está de loito oficial durante 3 días. Poderá operar con normalidade os pacientes que están agardando por el? No segundo, o cirurxián emprende unha misión médica en dous dos países máis pobres do mundo, Serra Leoa e Liberia, onde pasará un auténtico calvario para poder sacar adiante as cirurxías.

ler máis

O Festival de Televisión e Cine de Nova York concede o seu Premio de Prata á serie da TVG 'Motel Valkirias'

Santiago, 18.04.2024.-    A serie da TVG ‘Motel Valkirias’ recibiu en Nova York o Premio Prata dos New York Festivals TV & Film Awards, na categoría de programa de entretemento/drama. Este premio norteamericano de cine e televisión recoñece a creatividade de producións audiovisuais de todo o mundo e vén sumarse á traxectoria de éxito da produción galego-portuguesa, que actualmente está dispoñible na nova plataforma dixital da CRTVG, AGalega.

‘Motel Valkirias’, que en 2023 xa se alzara con outro premio internacional, o Premio CIRCOM da asociación das televisións rexionais europeas, no apartado de entretemento e ficción, está preseleccionada este ano no Premios iberoamericanos Platino, onde compite na categoría de mellor miniserie ou teleserie e na de mellor interpretación feminina pola actuación da actriz portuguesa Marina Mota. Estes galardóns coñeceranse o sábado, 20 de maio. Ademais, a ficción foi preseleccionada na categoría de mellor fotografía nos Premios Sophia 2024 ou Premios Anuais da Academia Portuguesa de Cinema, os galardóns máis importantes do audiovisual portugués, que se entregarán o 26 de maio.

‘Motel Valkirias’ é unha ficción galego-portuguesa, producida por CTV e SPi, que contou coa participación da TVG e a RTP, a televisión pública portuguesa, e que se estreou en marzo de 2023 en HBO España e na Televisión de Galicia. A serie, de 8 capítulos, está ambientada nun espazo singular, un motel fronteirizo, un lugar estancado no tempo, esquecido das comunicacións e do progreso. Neste marco sitúase a trama da serie, en que, a modo de dramedy, se abordan temas como a presión social sobre as mulleres ou a precariedade económica á que están expostas.

A dirección de ‘Motel Valkirias’ corre a cargo de Álex Sampayo e Jorge Queiroga, e conta cun equipo de guionistas de ampla traxectoria encabezado por Ghaleb Jaber Martínez e Raquel Arias. A serie está protagonizada por María Mera, o gañador dun Goya Chechu Salgado e as actrices portuguesas Marina Mota e Maria João Bastos.

ler máis

Grande estrea en Lisboa da longametraxe 'Revolução sem sangue', apoiada pola TVG

Santiago, 11.04.2024.-    A CRTVG segue a estreitar liñas de traballo co audiovisual portugués. Este mércores tivo lugar en Lisboa a preeestrea de ‘Revolução sem sangue’, a primeira longametraxe do director Rui Pedro Sousa e coprodución luso-galega que chega esta semana aos cines de Portugal e será emitida, proximamente, pola Televisión de Galicia. ‘Revolução sem sangue’ está inspirada en feitos reais acontecidos durante a revolución portuguesa do 25 de abril de 1974 e documenta desde a ficción un momento crucial na historia política e social non só de Portugal, senón tamén na nosa propia.

En representación da Corporación, á gala asistiron Fernando Ojea, director de Contidos da CRTVG, e Montse Besada, xefa de Contidos da canle, nunha cita que reuniu unha gran representación do sector audiovisual de Portugal, co que os medios públicos galegos manteñen unha colaboración asentada e crecente, tanto no eido institucional como no da produción de contidos.

Trátase dun proxecto da galega Producións A Fonsagrada en coprodución con Station Ware, que se enmarca na liña de colaboración coa RTP. Conta ademais co apoio do ICA portugués e a distribución de Filmax e mais a portuguesa Cinemundo.

O filme posúe unha forte carga emocional e humana, e pretende homenaxear os mortos da revolución a través dunha viaxe de descuberta en que os espectadores se farán conscientes da importancia deste momento clave na historia do país veciño.

Televisión de Galicia anunciou en xaneiro deste 2024 o seu apoio a este proxecto cinematográfico nunha resolución da súa Comisión Directiva de Avaliación de Proxectos de Apoio á Produción Cinematográfica, dando cumprimento á resolución da Dirección Xeral da Corporación relativa á presentación de proxectos audiovisuais de interese, no marco do coñecido como apoio do 6 %. 

Apoio ao cine e á coprodución de contidos con Portugal

A CRTVG mantén un apoio sostido a proxectos cinematográficos en galego e propicia a súa competitividade non só a escala nacional, senón tamén no mercado internacional. Este investimento en cultura, e particularmente no cine e a promoción da lingua e a ficción galega, é un labor continuo que se plasma en convocatorias anuais de proxectos, na participación directa nas producións ou ben na adquisición de dereitos. Favorécese así o sostemento dun sector audiovisual en Galicia en que a Corporación desenvolve un papel clave desde os seus inicios.

A colaboración coa RTP e o apoio a coproducións dos dous países veciños é unha constante e como resultado deste labor pódense citar títulos de producións como ‘Auga Seca’, ‘O corpo aberto’, ‘Motel Valkirias’, ‘Vidago Palace’ ou o documental ‘Galegos d’Ouro’, entre outras destes últimos anos, ademais de programas de entretemento como as distintas edicións de ‘Aquí Portugal’.

ler máis

Estrea de '+Cuñados', este mércores en Ourense

Santiago, 09.04.2024.-    O Teatro Principal de Ourense acolle este mércores 10 de abril a preestrea da película ‘+Cuñados’, que chegará aos cines o vindeiro día 19. Esta produción de Portocabo, que conta coa participación de Televisión de Galicia, ademais de RTVE e Movistar+, a Deputación de Ourense, a Denominación de Orixe Ribeiro e a Xunta de Galicia, dálle continuidade á exitosa comedia ‘Cuñados’, a maior estrea na historia do cinema en galego ata o momento.

O acto contará coa presenza do elenco e do equipo da película, e de autoridades das institucións implicadas na súa produción, como o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; o presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor; o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez, e a vicepresidenta da D. O. Ribeiro, Concepción Iglesias. Por parte da CRTVG asistirán o director de Proxección Social, Xaime Arias; a subdirectora de Contidos, Rosa Sierra, e a xefa de Programas, Vanessa Grela

O filme, rodado en galego, conta de novo con algunhas das caras máis recoñecidas do panorama audiovisual: Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez, Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal. A eles sumaranse, entre outros, os actores David Perdomo, Ivo Bastos, Ana Saltão e Nuno Sá. Nesta secuela de ‘Cuñados’, dirixida por Luís Avilés, a acción sitúase dous anos despois do acontecido na primeira película. 

Esta nova aventura dos cuñados arranca coa aparición dun cadáver xusto no medio da ponte internacional de Tui. A provincia de Ourense volve ser o escenario principal e a zona do Ribeiro tamén ten unha especial presenza nos acontecementos que se desenvolven na película. En ‘+Cuñados’, os espectadores poderán percorrer xunto aos protagonistas as rúas da cidade preparadas para acoller a festa máis agardada do ano: o Entroido. 

Apoio ao cine galego

A CRTVG mantén un apoio sostido a proxectos cinematográficos en galego e propicia a súa competitividade non só a escala nacional, senón tamén no mercado internacional. Este investimento en cultura, e particularmente no cine e na promoción da lingua e a ficción galega, é un labor continuo que se plasma en convocatorias anuais de proxectos audiovisuais no marco do coñecido como apoio do 6 %, na participación directa nas producións ou ben na adquisición de dereitos. Favorécese así o sostemento dun sector audiovisual en Galicia no que a Corporación desenvolve un papel clave desde os seus inicios.

ler máis

Dezasete premios Mestre Mateo para profesionais e producións apoiados pola Televisión de Galicia

Santiago, 24.03.2024.-  A gala dos Premios Mestre Mateo do Cluster do Audiovisual celebrada este sábado na Coruña e que foi retransmitida pola canle pública entregou ata 17 galardóns a actrices, actores, presentadores e producións de entretemento e ficción apoiadas pola Televisión de Galicia.

A presentadora do espazo da TVG ‘Malicia noticias’, Lucía Veiga, alzouse co premio á mellor comunicadora, categoría na que tamén eran finalistas Juan Fuentes do ‘Quen anda aí’ e Paco Lodeiro por ‘Atrápame se podes’. E o espazo do prime time da TVG ‘Cos pés na terra’ gañou o Mestre Mateo a mellor programa de televisión. Xosé Ramón Gayoso foi o elixido para entregar o Premio de Honra Fernando Rey do Cluster, por toda a súa traxectoria, á xornalista Eva Veiga, quen fora unha das primeiras presentadoras daTVG, en 1985.

Apoio ao cine galego

A película ‘O corno’ foi a gran gañadora da noite con sete premios, entre eles os de mellor película, guión e dirección para a cineasta Jaione Camborda. A cinta estaba nominada en 14 categorías e xa gañara a Concha de Oro en San Sebastián mentres que a súa protagonista, Janet Novás, foi a mellor actriz revelación nos premios Goya deste 2024.

‘Matria’ foi outra das longametraxes vencedoras con cinco premios: mellor actriz protagonista para María Vázquez e mellores interpretacións de reparto para Susana Sampedro e Santi Prego. Tamén acadou os Mestre Mateo á dirección de fotografía e á dirección de produción.

O actor Tamar Novas alzouse por segundo ano consecutivo como mellor actor protagonista, nesta ocasión por ‘¡Salta!’, longametraxe tamén apoiada pola canle pública galega.

‘Os espazos en branco’, no que colabora o ente público, impúxose na categoría de mellor documental. E na categoría de mellor realización o premiado foi ‘O Gran Camiño. Grandes Rutas a Pé do Mundo’, participado tamén pola TVG.

ler máis

A CRTVG obtén 14 candidaturas aos Premios Celtic Media Festival 2024

Santiago, 07.03.2024.-    A CRTVG conseguiu 14 candidaturas aos Premios Celtic Media Festival, que se entregarán o vindeiro mes de xuño en Cardiff, a capital de Gales, no transcurso da 45ª edición deste prestixioso certame. 12 producións co selo da canle pública (a película ‘O Corno’ é candidata en dúas categorías) e a Radio Galega, nomeada a ‘Estación de radio do ano’, competirán polos galardóns con propostas de canles como a BBC británica en Escocia, Gales e Irlanda do Norte, as irlandesas RTE e TG4 e France 3 Bretagne.

Na categoría de animación foi nomeada ‘O soño da sultá’, unha fábula dirixida por Isabel Herguera e producida por Abano Producións, que está inspirada nun conto feminista indio, escrito en 1905 por Rokeya Hossain. Esta coprodución internacional, con factura galega, foi primeiro filme animado europeo en competir na sección oficial de San Sebastián e acumula galardóns a nivel nacional e internacional, incluíndo o premio á mellor longametraxe de animación que acaba de conseguir no Festival de Bruxelas.

No apartado de ‘factual entertainment’ (entretemento baseado en feitos reais) competirán dúas producións da TVG: ‘Galicia Bonita’ e ‘Unha historia de crimes’. En emisión desde o ano 2019, ‘Galicia Bonita’ é un reality producido por Lúa Ideas en que unha arquitecta especializada na recuperación de contornas rurais percorre Galicia cun reto enorme: reformar en cinco días unha casa que represente un bo exemplo do feísmo que, por desgraza, segue sendo habitual na paisaxe galega. Pola súa parte, ‘Unha historia de crimes’, de Ficción Producciones, analiza, coa axuda de expertos, os delitos con maior impacto na opinión pública galega a través de testemuñas familiares, documentación gráfica, atestados policiais e mesmo gravacións dos xuízos.

Ao premio a mellor serie dramática optará ‘Operación Marea Negra’, realizada tamén por Ficción Producciones. A Televisión de Galicia emitiu en 2023 a segunda temporada deste thriller inspirado polo suceso dun narcosubmarino que chegou hai uns anos ás costas galegas.

Outra das producións candidatas, neste caso na categoría de artes, será ‘María Casares, a muller que viviu mil vidas’, un documental sobre a actriz galega universal producido por Agallas Films e dirixido por Xavier Villaverde. A peza, que a G2 emitiu esta mesma semana, dentro da programación especial arredor do 8M, achégase á vida dunha unha muller extraordinaria que se acabou convertendo en Francia nunha das actrices máis aclamadas do cine e do teatro.

A película ‘O Corno’, dirixida por Jaione Camborda e gañadora da Cuncha de Ouro no último Festival de San Sebastián, foi nomeada en dúas categorías: mellor película dramática e ‘spirit of the festival’, que recoñece as producións que mellor simbolizan o espirito do certame. Este drama rural, ambientado na Galicia dos anos 70, está protagonizado por Janet Novás e narra a historia dunha mariscadora e tamén parteira que, tras un terrible suceso, se ve obrigada a fuxir a través dunha ruta de contrabandistas.

Na categoría de mellor documental competirá ‘Galegos D’Ouro’, realizado por Farol de Ideas e dirixido por Arminda Sousa, que se centra no gran número de traballadores galegos que contribuíron a construír a paisaxe do viño das ribeiras do Douro desde o século XVIII, incluíndo a construción dos socalcos, das adegas, das prantacións e das vendimas, ata facer del o escenario que hoxe é Patrimonio Mundial da Humanidade.  

Completan o extenso abano de candidaturas da CRTVG os programas ‘Comisión de Festas’, que dá a coñecer o inxente traballo de organización das festas galegas, seleccionado na categoría de ‘factual series’; ‘O mellor tractor do mundo’, emitido o ano pasado nas redes sociais dos medios públicos cun formato de concurso, nomeado no apartado ‘short form’ (formato curto); ‘Pim Pam experimenta’, un concurso escolar de ciencia, con preguntas, experimentos e retos, que opta a ser galardoado como mellor programa infantil; ‘Coa luz do corazón’, en que os espectadores coñecen a realidade das persoas cegas, nomeado no apartado de documental de deportes, e ‘Ondas Novas’, que analiza como se pode innovar na creación musical, tanto na composición como na interpretación, e que é candidato a mellor espazo de música.

Ademais destas producións da Televisión de Galicia, a Radio Galega será unha das emisoras que compita polo premio a mellor estación de radio do ano.

O Celtic Media Festival, que promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación, ten lugar desde hai 45 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa. Trátase dunha cita obrigada para poñer en valor os produtos audiovisuais galegos na contorna internacional e nel a Corporación establece sinerxías con televisións internacionais europeas, que posibilitan, entre outras cousas, acordos de cesión de contidos e proxectos comúns.

ler máis

A serie de humor 'Ghuasapp' chega o domingo ao prime time da Televisión de Galicia

Santiago, 05.03.2024-    A CRTVG celebrou este martes en Santiago a gala de presentación da serie de humor ‘Ghuasapp’, que chegará ao prime time da TVG o vindeiro domingo ás 22:30 h, coa estrea dos dous primeiros capítulos.

Ao acto, celebrado no Auditorio Abanca, asistiron moitas caras coñecidas da canle e todo o elenco desta comedia sobre a familia Freire, que vive espallada pero en contacto permanente a través dun grupo familiar de ‘ghuasapp’. A gala estivo conducida polo presentador Ricardo Saavedra e nela interviu o director de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea.

Protagonizada por Mercedes Castro, Evaristo Calvo, Xoel Fernández, Fernando Tato e María Mera, esta comedia de enredo é nunha produción da Televisión de Galicia e CTV Media. A serie alzouse como un dos contidos máis vistos na plataforma AGalega, en que foi estreada estreada en exclusiva antes do seu salto á grella da TVG.

‘Ghuasapp’ desenvolve as peripecias de Carme, unha muller brava galega, e máis Lolo, un lobo de mar xubilado, que formaron unha familia hai unha chea de anos. Tantos, que agora os seus tres fillos xa son maiores e independentes. Sindo, o máis vello, é empresario, está divorciado e ten unha filla adolescente. Beni, o do medio, é un músico vocacional, pero gaña a vida cun taxi. E Rosa, a benxamina, meteuse a influencer e por aí busca o seu futuro da man de John, o seu marido, un médico co que vive en Londres.

ler máis

Catro producións apoiadas pola TVG compiten esta semana no Festival de Cine de Málaga

Santiago, 05.03.2023.-    Catro producións apoiadas pola CRTVG participan no Festival de Cine Málaga, un dos encontros máis importantes da industria cinematográfica española, que se celebra ata o 10 de marzo na capital da Costa do Sol. Compiten na Sección Oficial, optando á Biznaga de Ouro, dúas cintas, ‘As Neves’ e ‘Tratamos demasiado ben as mulleres’, mentres que ‘Aurora’ e ‘Salvaxe, salvaxe’ foron seleccionadas na categoría de longametraxes documentais.

Dirixida por Sonia Méndez, ‘As Neves’ desenvólvese nunha vila galega de montaña onde todos se coñecen. A noite de Entroido un grupo de adolescentes celebra unha festa e dróganse con cogomelos. Ao día seguinte espertan cun temporal de neve e coa noticia de que Paula, unha das rapazas da festa, desapareceu. A vila queda incomunicada e cada vez é máis urxente atopala. Iníciase unha investigación que causará un fondo cambio nas súas vidas e na súa relación co mundo.

Con Carmen Machi e Antonio de la Torre como protagonistas e baixo a dirección de Clara Bilbao, ‘Tratamos demasiado ben as mulleres’ é unha comedia negra ambientada nos anos 40 do século pasado. A historia ten como protagonista a Remedios Buendía, que defende a súa patria e loitará por ela por enriba de todo. Un fatídico día de outono de 1945, un grupo de maquis á fuga ten a mala idea de tomar a estafeta onde Remedios, ilusionada, proba a o seu vestido de noiva.

Aurora’, dirixida pola realizadora viguesa Area Erina, é un traballo cinematográfico rodado durante máis de 10 anos que se centra na vida dunha muller rural galega e ofrece unha ollada íntima e auténtica. A través da vida desta muller, explóranse temas universais como a familia, o traballo, a violencia de xénero, a adversidade e a resiliencia.

En ‘Salvaxe, salvaxe’, a cámara de Emilio Fonseca adéntrase nos montes galego-portugueses rastrexando imaxes e ausencias do lobo ibérico. Este ensaio fílmico atravesa unha historia relacional cargada de sometemento e exterminio e enfróntase a unha historia audiovisual feita de imaxes-simulacro do natural salvaxe.

Apoio ao cine galego

A CRTVG mantén un apoio sostido a proxectos cinematográficos en galego e propicia a súa competitividade non só a escala nacional, senón tamén no mercado internacional. Este investimento en cultura, e particularmente no cine e a promoción da lingua e a ficción galega, é un labor continuo que se plasma en convocatorias anuais de proxectos audiovisuais no marco do coñecido como apoio do 6 %, na participación directa nas producións ou ben na adquisición de dereitos. Favorécese así o sostemento dun sector audiovisual en Galicia no que a Corporación desenvolve un papel clave desde os seus inicios.

ler máis

A película 'O soño da sultá', participada pola TVG, gaña o premio á mellor longametraxe de animación no Festival de Bruxelas

Santiago, 04.03.2024.-    O filme ‘O soño da sultá’, participado pola TVG, acadou esta fin de semana o premio á mellor longametraxe de animación na 43ª edición de Anima, o Festival Internacional de Animación de Bruxelas, que se celebrou do 23 de febreiro ao 3 de marzo na capital belga.

A cinta, que tamén competiu na última edición do Festival Internacional de Cine San Sebastián, contou desde o seu lanzamento co recoñecemento da crítica e xa leva recollidos varios galardóns. Ademais de ser a primeira longametraxe de animación europea en participar na sección oficial en San Sebastián, logrou o Premio Irizar ao cine vasco e mais o Premio da Asociación Vasca de Guionistas Euskal Gidoigileen Elkartea, outorgado a Isabel Herguera, directora e guionista da produción, e o seu coguionista, Gianmarco Serra. A nivel internacional acadou o Premio Mellor Coprodución internacional no Festival de Hamburgo e tamén obtivo candidaturas aos premios máis destacados a nivel nacional: os Goya, os Forqué e os Feroz.

‘O soño da sultá’ é unha fabula producida pola empresa galega Abano Producións, que, ademais, contou con dúas animadoras galegas no equipo de traballo. Está inspirada nun conto feminista indio, escrito en 1905 por Rokeya Hossain. A versión de Isabel Herguera conta a historia de Inés, unha directora de animación española que se atopa en Ahmedabad para romper co seu amante indio. Entra nunha librería e sorpréndese ao atoparse cunha novela ambientada nun país imaxinario gobernado por mulleres. Abraiada pola historia e a actitude transgresora da autora, anímase a facer un filme.

A película participada pola TVG é unha coprodución internacional con Alemaña, que contou tamén co apoio de ETB, o Goberno vasco e o ICAA, e coa axuda de Media Creative Europa e da distribución de Filmin. Estreouse o pasado 17 de novembro nesta plataforma e, cun percorrido de máis de 20 festivais nacionais e internacionais, posúe o distintivo ‘Especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero’.

ler máis

A TVG suma 17 meses seguidos nos dous díxitos de audiencia

Santiago, 01.03.2024.-  Televisión de Galicia leva 17 meses seguidos instalada nos dous díxitos. Cun 10 % de media e un 10,2 % na franxa máis vista do día, o prime time, TVG seguiu a ser en febreiro a opción elixida polos galegos para informarse e entreterse, e segue a ser a canle pública máis vista en Galicia pese ás potentes retransmisións deportivas en aberto que existían na oferta audiovisual de febreiro. É de destacar tamén a programación da G2, que chegou neste segundo mes do ano ao 1 %, sendo unha das segundas canles máis vistas da FORTA.

Febreiro foi o mes tamén da cobertura da campaña electoral e a xornada do 18F, en que a TVG fixo unha gran despregadura técnica e humana para achegar toda a actualidade política. Preto do 30 % (29,3 %) da poboación galega de 4 e máis anos formou parte do ‘Especial Eleccións 18F’, con 771.000 contactos. De feito, a programación ‘Eleccións 18F’ da TVG foi o produto audiovisual que chegou a un maior número de persoas, de calquera medio e soporte, que se puidese ver en Galicia.

Referencia informativa

Os espazos informativos da Televisión de Galicia seguen a ser os máis vistos, e acadaron unha audiencia total de 1.652.000 telespectadores no mes, o que significa un 62,7 % dos galegos de 4 e máis anos. Por días da semana, destacan as cotas de pantalla con medias superiores ás acadadas no mes: luns (10,2 %), mércores (10,4 %), xoves (10,4 %) e venres (10,8 %). No prime time cómpre salientar as cotas acadadas nos luns (10,2 %), xoves (10,9 %), venres (11 %) e domingos (11,5 %).

Por outra parte, a TVG segue a ser un mes máis unha das canles motor da rede de televisións autonómicas de FORTA, superando a este grupo en 1,7 puntos de cota.  

AGalega, a nova plataforma dixital da CRTVG, creada en xaneiro, rexistrou un crecemento tanto en contidos como en rexistros. Con accesos rexistrados desde 125 países distintos e máis de medio millón de sesión abertas desde a posta en marcha da OTT dos medios públicos galegos, AGalega e as apps Xabarín e AGalegaAudio seguen a consolidarse como a gran plataforma de contidos, moitos exclusivos, en lingua galega aberta ao mundo.

ler máis

O novo espazo 'De lá para cá' achega a música portuguesa na plataforma AGalegaAudio da man da artista MJ Pérez

Santiago, 23.02.2024.-    A plataforma dixital AGalegaAudio estrea este venres, da man da artista María José Pérez Ferreira, máis coñecida como MJ Pérez, o podcast ‘De lá para cá’, que lles achega a cultura musical de Portugal aos usuarios da CRTVG. O espazo é xa accesible na plataforma dixital e tamén en Radio Galega Música (sábados ás 22:00 h.).

Na primeira entrega, MJ Pérez presenta a evolución musical da cantante Ana Moura, e ‘Afro Fado’, o último de Slow J, álbum que bateu récords no seu lanzamento. MJ lembrará a Sara Tavares e falará con Budiño, que colaborou con ela no seu disco ‘Zume de Terra’. No segundo capítulo da vindeira semana, o podcast percorrerá algúns dos discos e proxectos destacados do ano 2023: Carminho, Milhanas, Expresso Trastlântico, Ana Lua Caiano, Conjunto Corona, Salvador Sobral, ou Eu.Clides outros.

De lá para cá’ (60’) traerá a música portuguesa actual e mergullarase tamén no seu panorama dos últimos tempos. Mainstream e música independente, proxectos consolidados ou colaboracións entre artistas, e tamén fado e música tradicional terán espazo na proposta que atende así mesmo a relación co cine, explicando, por exemplo, a importancia da música lusa no filme en lingua galega ‘O corno’, de Jaione Camborda.

O podcast representa un paso máis da CRTVG no achegamento á cultura e a lingua lusas e súmase a outras propostas de entretemento e ficción xa estreadas que estreitan lazos co país veciño.
    
María José Pérez Ferreira, máis coñecida como MJ Pérez (o seu nome artístico), é a creadora e condutora de ‘De lá para cá’. Natural de Arzúa, destaca polas súas raíces lusas e coñecemento do país veciño. Se ben é máis coñecida entre o público polo seu proxecto musical, ademais de ser cantautora e estar vinculada ao mundo da música, MJ é tamén produtora audiovisual e comunicadora.

Primeiro mes da plataforma dixital: AGalegaAudio ten xa máis de 4.000 contidos

O 17 de xaneiro naceu para o gran público a plataforma dixital AGalega, acompañada das app AGalegaAudio e Xabarín. No seu primeiro mes de vida, AGalegaAudio contou con 70.000 sesións abertas e dispón actualmente de máis de 4.000 contidos de audio.

Actualmente, a AGalega pode accederse vía web (www.agalega.gal), e ademais pode descargarse desde Google Play e Apple Store. A recomendación é empregar sempre a última actualización, xa que nesta fase de lanzamento as melloras de usabilidade son diarias. No que respecta ás smart tv, pode accederse a través de 4 opcións: descargando a app directamente en televisores LG e no Chromecast con Google TV; enviando o sinal desde un teléfono Iphone tanto ao Chromecast como directamente aos televisores intelixentes que conten con tecnoloxía Air Play, como os Samsung; enviando o sinal desde un dispositivo Android (tablet ou telefóno) á smart tv a través do duplicador de pantalla; e finalmente, enviando o sinal á smart tv directamente desde o navegador de  www.agalega.gal. Proximamente as apps estarán tamén dispoñibles para a descarga directa noutros televisores intelixentes e en Fire TV.

ler máis
— 20 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 21 - 40 de 63 resultados.

div-crtvg-right1

Publicidade

div-crtvg-right2

Publicidade

div-crtvg-right3

Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade