A película de animación ‘O soño da Sultá’, participada por TVG, acada o Premio Contrechamp do Festival de Annecy (Francia) - CRTVG
A película de animación ‘O soño da Sultá’, participada por TVG, acada o Premio Contrechamp do Festival de Annecy (Francia)
Acumula galardóns a nivel nacional e internacional como os recibidos no Festival de Bruxelas, no de Hamburgo o o premio Quirino de animación iberoamericana
Esta coprodución hispano-alemá, con factura galega, foi primeiro filme animado europeo en competir na sección oficial de San Sebastián
Santiago, 17.06.2024.- A longametraxe ‘O soño da sultá’, da directora Isabel Herguera e participada pola TVG, alzouse esta fin de semana co máximo galardón da sección Contrechamp do Festival de Annecy, referencia mundial do cine de animación. A película, que suma un novo premio internacional, é unha produción de Abano Producións, El Gatoverde Producciones, UniKo Estudio Creativo, Sultana Films, Fabian&Fred (España, Alemaña), co apoio da canle pública galega.
A cinta baséase no conto escrito en 1905 por Rokeya Hossain, escritora nacional de Bangladesh (1880-1932), no que narra a súa historia persoal e a de Ladyland, un mundo utópico gobernado por mulleres. Herguera emprega distintas técnicas de animación, como a tradicional 2D en acuarela na primeira parte, os recortables en referencia ao teatro de sombras, e o estilo ‘mehndi’ ou tatuaxe temporal no que se emprega a henna.
‘O soño da sultá’ foi o primeiro filme animado europeo en competir na sección oficial do Festival de San Sebastián. Ademais, logrou alí o Premio Irizar ao cine vasco e mais o Premio da Asociación Vasca de Guionistas Euskal Gidoigileen Elkartea.
A nivel internacional acadou xa o Premio á Mellor Coprodución internacional no Festival de Hamburgo, o premio á mellor longametraxe de animación no Anima, Festival Internacional de Animación de Bruxelas e en maio alzouse en Tenerife co Premio Quirino de animación iberoamericana no apartado Mellor Desenvolvemento Visual. Tamén obtivo candidaturas aos premios máis destacados a nivel nacional: os Goya, os Forqué e os premios Feroz.
...............................................