div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

CRTVG Viva

Publicador de contidos

A CRTVG aposta polo deseño galego co novo videopodcast 'Movendo marcos'

Dani Bembibre.

Santiago, 06.11.2024.-  A Radio Galega estrea novo videopodcast co deseño e a creatividade como protagonistas. 'Movendo marcos', dispoñible desde esta semana nas plataformas AGalega.gal e AGalega Audio, tanto en formato de vídeo como de son, vai poñer cara aos creadores e creadoras que fan deseño en Galicia ou que, sendo de Galicia, fan deseño arredor do mundo. Desde o deseño gráfico ata a arquitectura, pasando pola ilustración, o deseño de interiores e a artesanía, entre outros moitos eidos, cada capítulo proporá unha hora de conversa en profundidade con algúns dos profesionais máis relevantes de Galicia.

'Movendo marcos' é conducido polo deseñador Daniel Portela e a xornalista Clara Rial e nas súas primeiras tres entregas ofrece entrevistas con Dani Bembibre, do estudo Costa, sobre o concepto de rebranding ou redeseño de identidades corporativas; coa deseñadora Uqui Permuy, nunha conversa centrada no deseño social; e co deseñador e educador Marcos Dopico, neste caso arredor da formación académica e a tipografía.  Cada episodio explora o traballo dos profesionais e os seus proxectos máis emblemáticos, co fin de dar a coñecer a importancia do deseño galego, o seu impacto social e tamén económico, tanto a nivel local como internacional.

'Movendo marcos' pode seguirse nas plataformas AGalega.gal e AGalega Audio e é unha mostra máis do compromiso da CRTVG co talento e a creatividade do país, dando un espazo para recoñecer e visibilizar os grandes nomes do deseño galego, ao tempo que se achega ao público un contido ameno e en formato accesible.

AGalega.gal ofrece preto de 22.000 contidos en galego, en aberto

AGalega.gal, a plataforma de contidos audiovisuais en galego e en aberto máis grande do mundo, supera xa o millón de usuarios, desde a súa creación en xaneiro. A plataforma, xunto con AGalegaAudio.gal e a app para os máis pequenos, Xabarin.gal, suma xa case 22.000 contidos, dispoñibles tanto en versión web como a través das app.

Ademais dos podcasts de todos os programas de Radio Galega e Radio Galega Música, na plataforma AGalegaAudio.gal poden atoparse podcasts e videopodcasts exclusivos de humor, cine,  historia,  ficción, cultura, música, etc. 
 

ler máis

Os dúos serán protagonistas no novo programa de 'A liga dos cantantes extraordinarios' que a TVG ofrece esta noite

Santiago, 6.11.2024.-    No oitavo programa desta temporada ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ (22:25 h, os protagonistas van ser os dúos. Seis dos oito concursantes van cantar acompañados dos seus padriños ou dalgún compañeiro de equipo, algo que non facilitará o traballo do xurado integrado por Iago Pico, Roi Casal, Carolina Rubirosa e Antón Reixa.

 A semana pasada, a vitoria foi compartida por Carlos Cereijo e Cristina Eiró, pero quen se imporá hoxe? Os gañadores do último programa intentarán repetir o triunfo, apadriñados por Blas, da orquestra París de Noia. Pero para iso terán que impoñerse a Yamohe e Iván Iglesias, con Lito, representante da Panorama, como padriño; Costas e Tami Madoy, da man de Diego Barbazán, da Olympus, e Luís Febres e Alba López, apadriñados por Alejandra Pais, de Los Satélites.

Ademais, este mércores visitará o estudio de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ unha nova madriña de ouro, que volve ser sorpresa, e o broche final do programa estará a cargo do exconcursante Ángel Sevilla

ler máis

'Pringadas', mellor serie web no Carballo Interplay de 2022, chega este mércores a AGalega.gal

Santiago, 05.11.2024.-    AGalega.gal incorpora esta semana ao seu catálogo novas ofertas de ficción. En primeiro lugar, este martes chegará á plataforma dixital dos medios públicos galegos a segunda temporada da serie danesa ‘Carmen Curlers’. Inspirada en feitos reais e ambientada nos anos 60, descobre como o invento do rizador de cabelo eléctrico librou as mulleres de pasar infinitas horas no salón de peiteado. O empresario Axel Byvang patentou o invento e fundou Carmen Curlers, unha empresa que pasou de dúas a 3.500 empregadas en seis anos, e que lles permitiu acceder ao mundo laboral a moitas, ata entón, amas de casa.

O mércores chegará a primeira temporada de ‘Pringadas’, premiada como mellor serie web no Carballo Interplay 2022 e que conta a vida de tres universitarias da USC desde unha mirada feminista e transgresora. Estas tres compañeiras de piso abren o seu diario persoal, que conta situacións que as fixeron sentir así. A ruptura co primeiro amor, o sentimento de non pertencer a nada e o diagnóstico dunha enfermidade de transmisión sexual son os momentos clave en que cada personaxe se converte en protagonista e cóntallo ao espectador de xeito sincero e desenfadado. Todo isto, con Santiago de Compostela como escenario principal. Ese mesmo día presentarase no marco do Outono Cultural da Universidade de Santiago a segunda temporada desta miniserie, dirixida por Belén Puime, producida por Brava para AGalega.gal e que se estreará o día 13.

O xoves 7 de novembro estrearase na canle dixital da CRTVG a película ‘Amigos para sempre’, en que un home de negocios xubilado comeza a ter visións que lle lembran como de pequeno rescatou e criou un pito de pelicano orfo ao que chamou Señor Percival. Estará dispoñible 30 días despois da súa emisión a noite anterior na Televisión de Galicia.

A película documental ‘Julia’ será a novidade do venres en AGalega.gal. Realizada ao longo de oito anos polo director Jacobo Lagüela xunto coa súa avoa, é unha cinta sobre a memoria histórica e pretende dar un toque de atención: se esquecemos de onde vimos, nunca saberemos a onde imos. ‘Julia’ documenta a extinción e o abandono da vida rural tal e como a coñecemos a través dos ollos da súa protagonista, unha muller de 87 anos que espera salvar as súas raíces e comunicarlles a súa importancia ás xeracións vindeiras.

ler máis

As Tanxugueiras visitan o 'Quen Anda Aí?' para festexar o programa 1.000

Santiago, 04.11.2024.-    O espazo da TVG ‘Quen Anda Aí?’ celebra este mércores 1.000 tardes acompañando os espectadores da Televisión de Galicia, con tres horas de directo diarias, de luns a venres. A participación da audiencia, os concursos, o humor e a música teñen un gran peso no magazine, que celebrará o programa nº 1.000 coa actuación especial de Tanxugueiras e coa presenza do cantante Rayden.

O programa está presentado por Roberto Vilar, Juan Fuentes e Raquel Atanes, e conta coa colaboración doutras caras coñecidas para os espectadores como Marcial Mouzo e Eva Iglesias. Durante os case cinco anos que leva en antena -desde xaneiro de 2020- polo seu estudio pasaron multitude de colaboradores e máis de 5.000 convidados. Realizáronse neste tempo máis de 2.000 conexións en directo con reporteiros que percorren a xeografía galega para achegarlle ao público todo que suceda.  

20.000 minutos cociñando en directo

A súa popular sección ‘A voltas co prato’, presentada por Fran Cañotas,  acumula 20.000 minutos de cociña en directo. Este particular duelo entre dous cociñeiros que traballan contra o reloxo para preparar unha receita que conquiste o padal do convidado da xornada é tamén un dos grandes éxitos destes 1.000 programas.

ler máis

A canle @g24noticias da CRTVG supera a fronteira dos 100.000 seguidores en Instagram

Santiago, 10.10.2024.-  Arredor de 7 millóns de persoas informáronse a través da conta de Instagram @g24noticias no último mes. A conta @g24noticias nesta rede social acaba de alcanzar os 100.000 seguidores, e as visualizacións disparáronse ata os 33 millóns, datos que consolidan a cada vez maior presenza dixital dos servizos informativos da Galega como referentes da información.

@g24noticias ten presenza, ademais de en Instagram, en X, Facebook, Tiktok e YouTube, e conta cunha canle de WhatsApp, ofrecendo un servizo integral en tempo real que completa a oferta informativa que supón o portal G24.gal.

Neste último mes, a conta @g24noticias chegou a dous millóns de espectadores únicos en TikTok, e a 3,1 millóns en Facebook. O incremento total das redes sociais da CRTVG no que va de ano, supón un 26 % máis que no mesmo período do ano pasado.

AGalega.gal ofrece 20.500 contidos en galego, en aberto

 AGalega.gal, a plataforma de contidos audiovisuais en galego e en aberto máis grande do mundo, superou en setembro o millón de usuarios, en apenas 8 meses de vida. A plataforma, xunto con AGalegaAudio.gal e a canle para os máis pequenos, Xabarin.gal, suma xa case 20.500 contidos, dispoñibles tanto en versión web como a través das apps.

ler máis

Todos os encontros europeos do Baxi Ferrol, na Galega desde este mércores

Santiago, 8.10.2024.-   Os medios públicos galegos ofrecerán, en directo, os partidos do Baxi Ferrol na Eurocup feminina de baloncesto. A primeira retransmisión da competición será este mércores, ás 20:00 horas desde A Malata, contra o Galatasaray turco, un dos conxuntos máis potentes do seu grupo.

A G2 e AGalega.gal, que mañá acompañan ás ferrolás no seu debut no grupo J da competición regular europea, emitirán tamén os restantes encontros nos que o Baxi Ferrol se medirá nesta fase de grupos, co Brno da República Checa e co Sportiva Azores luso. A Galega emitirá os seis partidos que as xogadoras da cidade naval enfrontarán cos tres clubs de baloncesto. Os partidos disputaranse en mércores, entre o 9 de outubro e o 27 de novembro.

As xogadoras de Lino López compiten este ano en dous torneos moi esixentes, como son a Liga Feminina Endesa e a competición europea, á que chegaron tras unha fase previa impecable. Todo un fito histórico para as xogadoras ferrolás, que compiten nun campionato que reúne algúns dos mellores equipos europeos desta disciplina. Co Baxi Ferrol-Galatasaray arranca mañá unha ilusionante temporada de baloncesto nos medios públicos galegos.
 

ler máis

A Galega.gal supera o millón de usuarios

Santiago, 27.09.2024.-  AGalega.gal, a plataforma de contidos audiovisuais en galego e en aberto máis grande do mundo, acaba de superar o millón de usuarios (1.096.845) en apenas 8 meses de vida. Neste tempo AGalega.gal chegou tamén a máis de 200 países, e segue situada no Top 20 das plataformas de España. Ademais, o mes pasado AGalega.gal marcou o seu máximo histórico, ao situarse nun 2,8 % de cota mercado, a cifra máis alta desde o seu nacemento, segundo o informe de SigmaDos30, subindo tres décimas con respecto ao informe anterior.  Estes datos foron achegados polo director xeral da CRTVG este venres no Parlamento de Galicia, na súa comparecencia mensual ante a Comisión de Control aos medios públicos galegos.

Máis de 400 millóns de impresións

G24.gal, a web informativa, alcanzou no que levamos de 2024 un total de 1,5 millóns de usuarios activos, que xeraron 9 millóns de visitas. Máis da metade dos usuarios (790.000) acceden directamente á canle, o que é un importante baremo en termos de fidelidade.  

En relación ás redes sociais, segue a expansión, e no que vai de ano as contas das cinco principais redes sociais (Facebook, TikTok, X, Instagram e YouTube) levan 416 millóns de impresións, o que supón un 26 % máis que no mesmo período do ano pasado, logrando unha interacción con más de 11 millóns de persoas. 

ler máis

O documental da TVG 'Demasiados días desastrosos. Dislexia' estréase na Filmoteca de Galicia na Coruña

Santiago, 26.9.2024.-   O documental da Televisión de Galicia ‘Demasiados días desastrosos. Dislexia’ estréase este xoves, ás 20:30 horas, na Filmoteca de Galicia na Coruña. A produción, dirixida e producida por Jorge Algora, responsable de Adivina Producciones, pon o foco, desde un punto de vista educativo e sensibilizador, no problema e as consecuencias que entraña a dificultade para ler ou escribir. Emitirase proximamente na TVG ao tempo que se incorporará tamén aos contidos da plataforma dixital AGalega.gal.

Neurólogos, psiquiatras, psicólogos, logopedas, pais e nais, achegan datos, anécdotas e explican como viviron as secuelas emocionais que provoca a dislexia. Entre estas testemuñas que participaron na produción, Algora contou coa participación da súa esposa, Susana Maceiras, directora de produción de Adivina, e do seu fillo Pablo, que hoxe ten 22 anos. 

Segundo se lembra no documental, un 10 % da poboación española sofre dislexia en distinto grao. Unha porcentaxe que, cando afecta os menores, supón unha influencia negativa no rendemento escolar. Os nenos e nenas, cando dan os seus primeiros pasos na lectura en Educación Infantil ou Primaria, sofren un trastorno na súa aprendizaxe por inconvenientes ao identificar os sons da fala e aprender a relacionalos coas verbas e as palabras.

Nun sistema de aprendizaxe baseado na lectura e na escritura, os obstáculos que teñen que sortear para saír adiante coa dislexia orixina nos estudantes problemas de ansiedade o depresión, perda de autoestima, acoso ou marxinación. Situacións indesexables que, con frecuencia, se producen nos centros de ensino e afectan os estudantes desde idade temperá. 

ler máis

A TVG retransmitirá os equipos galegos de 1ª RFEF esta temporada

Santiago, 17.09.2024.-  A  Primeira RFEF volve á TVG. No ano en que a Primeira División volveu as pantallas da Televisión de Galicia grazas á emisión dos partidos do R. C. Celta, a Primeira RFEF tamén volve á casa. R. C. Celta Fortuna, C. D. Arenteiro, C. D. Lugo e Ourense CF pelexarán polo liderado do Grupo Primeiro da categoría, e a batalla comeza esta fin de semana, o sábado ás 19:30 h. co R. C. Celta Fortuna-Unionistas de Salamanca.

A TVG e ATM Broadcast, a empresa que posúe os dereitos desta categoría, chegaron a un acordo para a emisión de 50 partidos durante esta temporada e os encontros poderán verse en toda España a través da plataforma AGalega.gal, e tamén na televisión a través G2. A Radio Galega no ‘Galicia en goles’ fará coma sempre tamén especial cobertura da categoría con narración e seguimento dos partidos dos equipos galegos.

AGalega.gal é a plataforma dixital de contidos en galego máis grande do mundo e pode accederse a ela de balde.

ler máis

O labor dos medios rexionais públicos europeos reunidos en CIRCOM, recoñecidos no 'FesTVal' de Vitoria-Gasteiz

Santiago, 10.09.2024.-  A canle de televisión vasca EITB outorgou un dos premios Saria da XVIª edición do FesTVal de Vitoria-Gasteiz á rede de canles europeas de televisión CIRCOM en recoñecemento da solvencia desta asociación “que traballa no eido dos medios audiovisais públicos rexionais promovendo a colaboración das canles a través de toda Europa”. O galardón foi recollido por Fernando R. Ojea, director de Contidos da CRTVG e secretario xeral de CIRCOM, quen salientou a extensa rede de traballo que supón CIRCOM-Regional e a recente incorporación á asociación do sistema público regional de Ucrania.

Ojea agradeceu o galardón e explicou na súa intervención que a entidade reúne “250 televisións e centros de produción que agrupan arredor de 12.000 xornalistas e que cada semana producen 2.000 horas de informativos”. Tamén, que “o traballo das canles de CIRCOM-Regional supón un centenar de emisións en linguas territoriais, cooficiais ou minoritarias”.

Na mesma gala recoñeceuse tamén o labor de FORTA, Federación de Organismos ou Entidades de Radio e Televisión Autonómicos, polos seus 35 anos coordinando ás entidades asociadas “no intercambio de contidos e polo seu apoio integral”.

ler máis

A plataforma AGalega.gal preestrea os martes os cinco capítulos semanais da ficción 'Saudade de ti'

Santiago, 26.08.2024.-   Os fans da ficción galega ‘Saudade de ti’ teñen desde mañá a oportunidade de ver na plataforma AGalega.gal os cinco episodios semanais da serie, previa á súa estrea na Televisión de Galicia. Cada martes, os seguidores da serie terán unha oportunidade única para coñecer con antelación as tramas e a súa evolución, desde calquera dispositivo e á hora que o desexen. 

O día seguinte, o mércores 28, a plataforma publicará a película ‘Everly’. O filme conta a historia de Everly, unha prostituta que traballa como escrava sexual para un xefe do crime xaponés, Taiko, e que se enfronta aos axentes que lle enviou este ao descubrir que estaba colaborando coa policía para derrubar a súa organización. Estará dispoñible durante 30 días.

Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Videoxogo (29 de agosto), AGalega.gal publica a serie ‘Xogando en galego’, cinco pequenos capítulos que tratan sobre videoxogos que se poden xogar en lingua galega. Esta produción de Recuncho Gamer presentada por Ángela Triana e Jon Amil abrangue aventuras gráficas de corte pixelado como 'Yuppie Psycho', matamarcianos con inimigos que parecen sacados dunha ría galega como 'Fullblast', crebacabezas coloridos como 'Magic Twins', ou xogos de velocidade, ben sexa en coches veloces como os do 'Super Woden GP 2', ou ben en carrilanas por Esteiro adiante como no 'Gran Prix Turbotalina'.

Os espectadores poderán ver, amais, esta semana a última entrega de ‘O armario’, espazo exclusivo da plataforma e dirixido á Xeración Z, en que se descobren os armarios dalgúns dos galegos máis coñecidos nas redes sociais. A protagonista deste capítulo será a comunicadora Natalia Alcayde.

E o sábado 31 de agosto, a TVG e AGalega.gal estarán en directo desde a Festa da Istoria de Ribadavia a partir das 10:30 h.

Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 13.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, na que é a maior oferta de contido na nosa lingua. Desde o 17 de xaneiro, máis de 750.000 persoas accederon ao conxunto de plataformas da CRTVG en 4,4 millóns de sesións, converténdoas na referencia dos contidos audiovisuais non só á carta, senón tamén de directo, xa que AGalega.gal tamén integra os sinais de TVG e a G2 na súa oferta. Tanto AGalega como as app AGalegaAudio e Xabarín son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. 

ler máis

Volve a Primeira División de fútbol á Televisión de Galicia, desde o 26 de agosto

Santiago, 05.08.2024.-  A CRTVG volve emitir partidos da Primeira División da Liga de Fútbol Española. O acordo asinado polos medios públicos galegos cos propietarios dos dereitos televisivos desta Liga 2024/25 fai posible que se emitan, desde o 26 de agosto, partidos do R. C. Celta de Vigo, único representante galego na máxima categoría do fútbol español.

A estrea das retransmisións será o partido Vilarreal-R. C. Celta o luns 26 de agosto, ás 21: 30 h desde Castelló. O partido poderá verse pola primeira canle de TVG e pola plataforma dixital AGalega.gal.

ler máis

A Televisión de Galicia será medio oficial do Atlantic Fest 2024

Santiago, 10.07.2024.-     A CRTVG volve ser este verán ‘medio oficial’ do Atlantic Fest, que se celebrará na praia da Concha de Vilagarcía de Arousa do 19 ao 21 de xullo. Convertido nun dos grandes eventos musicais do verán galego, o festival foi presentado este mércores nun acto no Pazo da Golpelleira, en que participou o director de Proxección Social da Corporación, Xaime Arias.

O festival contará con artistas como MIKA ou Crystal Fighters e coa a actuación especial de Los Planetas, celebrando o trixésimo aniversario do seu álbum ‘Super 8’. Soarán tamén Silvia Pérez Cruz, Carlos Sadness, Depedro, Andrés Suárez, Sidonie, Derby Motoreta’s Burrito Kachimba, Elefantes, Cariño, Luis Fercán, The Parrots, Gazella e Rocío Saiz.

Ao longo do ano, a CRTVG apoia e colabora cun amplo número de eventos culturais por toda a xeografía galega, e viaxará este verán ata ‘onde estás ti’, como reza a súa campaña de estío. Deste xeito, estará presente en festivais musicais, de cinema, artes escénicas ou do eido audiovisual, como xa fixo no PortAmérica, retransmitindo en streaming o festival a través da plataforma AGalega.gal. A TVG pechou a temporada 23/24 como a canle de España con máis tempo de programación dedicado á música. É tamén a primeira canle en cota de pantalla no xénero de artes escénicas, cun 12,5%, e a que máis cota de pantalla acada en España sobre programas culturais.

ler máis

AGalega.gal estrea este mércores en exclusiva o programa 'O Armario', dirixido á xeración Z

Santiago, 08.07.2024.- AGalega.gal suma esta semana novos contidos, entre os que se atopa ‘O armario’, un programa exclusivo da plataforma da CRTVG, dirixido á Xeración Z, en que os espectadores descubrirán como empregan algúns dos galegos máis coñecidos nas redes sociais o seu armario e cales son as súas pezas de roupa preferidas, entre outras cousas. Estará dispoñible a partir do mércores 10 de xullo.

O venres 12 de xullo a CRTVG trasládase ao Festival de Ortigueira, que desde hai máis de catro décadas é un dos referentes musicais do verán en Galicia e unha cita ineludible para os amantes da música folk de todo o mundo, para retransmitir en directo (00:50 h) por AGalega.gal a actuación dunha das novas promesas da música galega: Fillas de Cassandra. Este dúo interpreta temas que fusionan melodías tradicionais con ritmos contemporáneos, o que as converteu nun dos grupos de referencia da escena trad. As súa proposta aposta pola creación de novas líricas, con influencias que beben da tradición oral, a electrónica ou a música clásica.

A oferta de cinema tamén segue medrando na plataforma dixital dos medios públicos: o venres estréase ‘Xubilación imposible 2’, unha divertida produción francesa de 2022 que conta a historia duns avós que pensan que van gozar dunha tranquila xubilación ata que chegan os netos a cambialo todo. Está dirixido a maiores de 7 anos.

Ademais, este mesmo luns poderán comezar a consumirse os capítulos dos novos programas ‘Fake News’ e ‘Confidencias’, tras as súas emisións na TVG. E o martes  estará dispoñible a cuarta emisión de ‘Música no foco’, en que distintos autores da música contemporánea galega interpreten un dos seus temas nun marco natural. Desta volta, estará protagonizada por Filloas, artista de pop urbano en galego, e a canción ‘NPC’ na Fervenza de Casariños, en Fornelos de Montes. Ese mesmo día, estarán dispoñibles ao completo todas as temporadas da serie de éxito ‘Serramoura’, un thriller rural que se desenvolve nunha aparentemente tranquila vila do interior galego.

O xoves chegará á AGalega.gal o documental ‘Xosé Conce Corbal, creación e compromiso’, sobre a figura do pintor pontevedrés, influenciado pola xeración Nós e cunha extensísima obra ás súas costas. O seu fardel componse de retratos, prazas, feiras, fauna e paisaxes; mais tamén reserva un espazo para a denuncia social cunha escura serie sobre os terribles sucesos da Guerra. Tamén se publicará un novo capítulo de ‘Raíña-me’, un contido exclusivo de AGalega.gal en que a artista Alexa Evans abre as portas do seu ‘Odragoiro’ a unha convidada especial, neste capítulo, a creadora dixital Leti da Taberna, para transformar o seu aspecto por completo.

Estrea en Xabarin.gal de ‘Osmar, a primeira rebanda do pan de molde’

Ademais destas emisións, o mércores 10 de xullo será a estrea en Xabarin.gal da serie de animación ‘Osmar, a primeira rebanda do pan de molde’, que conta a historia dunha tapa do pan de molde que comparte apartamento coa baguette Stevie. Os dous sobreviven aos infortunios do día a día como poden, métense en leas e toman malas decisións. Poranse a disposición do público os dez primeiros capítulos, engadindo un novo cada semana.

Tamén chegan a Xabarín.gal os contidos dos finalistas e gañadores de ‘Nós tamén creamos 2024’, un concurso de curtas realizado por estudantes das escolas de Galicia.

Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 13.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua. Desde o 17 de xaneiro, preto de 750.000 persoas accederon ao conxunto de plataformas da CRTVG en 4,4 millóns de sesións, converténdoas na referencia dos contidos audiovisuais non só á carta, senón tamén de directo, xa que AGalega.gal tamén integra os sinais de TVG e a G2 na súa oferta, elemento este diferencial con respecto a outras plataformas, o que fai que a televisión lineal ampliara desde xaneiro o seu alcance máis aló do tradicional consumo a través do aparello de televisión.

Tanto AGalega como as app AGalegaAudio e Xabarín son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, á AGalega AGalegaAudio e a Xabarín pode accederse vía web e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes.

 

ler máis

A serie británica de ciencia ficción 'The feed' chega este mércores á plataforma AGalega.gal

Santiago, 03.07.2024.-    A plataforma AGalega.gal suma esta semana novos contidos, entre os que se atopa ‘The Feed’, unha produción británica ambientada nun futuro próximo. A serie conta a historia dunha familia que crea un implante cerebral usado para manter conectada a sociedade e gardar recordos, pero todo cambia cando a vida da xente comeza a estar en perigo. Esta ficción de suspense foi producida e dirixida polos autores de ‘Black Mirror’ e ‘The Walking Dead’. A temporada enteira estará dispoñible a partir de hoxe mércores.

E este venres 5 de xullo estréase ‘Saliut, heroes do espazo’, unha película baseada en feitos reais sobre a fazaña dos cosmonautas soviéticos no seu intento por salvar a estación espacial Saliut 7. O filme está protagonizado por Lyubov Aksyonova, Vitaliy Khaev, Pavel Derevyanko e Oksana Fandera, entre outros, e en 2017 foi candidato a mellor película no Festival de Sitges e nos Golden Eagle Awards.

Ademais, segue medrando a oferta de producións galegas en Agalega.gal: o xoves 4 de xullo publícase un novo capítulo de ‘Raíña-me’, a serie de entrevistas e retos para ver quen pode ser a nova raíña do drag. Esta semana o convidado será o grupo galego de música urbana Amoebo.

Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 13.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua. Desde o 17 de xaneiro, preto de 750.000 persoas accederon ao conxunto de plataformas da CRTVG en 4,4 millóns de sesións, converténdoas na referencia dos contidos audiovisuais non só á carta, senón tamén de directo, xa que AGalega.gal tamén integra os sinais de TVG e a G2 na súa oferta, elemento este diferencial con respecto a outras plataformas, o que fai que a televisión lineal ampliara desde xaneiro o seu alcance máis aló do tradicional consumo a través do aparello de televisión.

Tanto AGalega como as app AGalegaAudio e Xabarín son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, á AGalega AGalegaAudio e a Xabarín pode accederse vía web e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes.

ler máis

A serie animada de ciencia ficción 'Atomic Betty' chega este martes a Xabarin.gal

Santiago, 01.07.2024.-    Esta primeira semana de xullo chegan novidades á aplicación Xabarin.gal, que o martes día 2 estrea a serie animada de ciencia ficción ‘Atomic Betty’, cuxa protagonista é unha nena de dez anos que, aínda que lle gustan as cousas típicas da súa idade, tamén forma parte dunha organización que ten como misión salvar a galaxia axudada por un piloto alieníxena, Sparky, e o robo X-5.

Ademais, Xabarin.gal porá o venres a disposición dos usuarios, en exclusiva, unha colección de curtametraxes sobre a aceptación das propios orixes para valorar o que nos fai diferentes. 

Esta nova oferta está integrada por ‘O meu amigo tigre’, sobre a amizade entre unha cría de tigre e unha nena que reside na cidade; ‘Falas de marabilla’, en que unha nena de ascendencia camboxana sente vergoña das súas orixes debido aos ataques racistas que sofre na vida diaria; ‘Idodo’, unha lenda fantástica indíxena do clan Ziag Zagaz de Papúa Nova Guinea que narra por que os peixes dos arrecifes presentan tal cantidade cores; ‘Curry azul’, un reflexión sobre a cor de pel da xente, e ‘Día de lavado’, sobre unha rapariga que ten unha masa de pelo tan longa e rebelde que non o dá peiteado a xeito.

Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 13.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua. Tanto AGalega como as app AGalegaAudio e Xabarín son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, a AGalega, AGalegaAudio e Xabarín pode accederse vía web e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes.

ler máis

A Galega estará este verán "onde estás ti"

Santiago, 21.06.2024.-    A Galega está...“Onde estás ti”. Este é o claim co que arranca a programación de verán da  Televisión de Galicia. Unha temporada chea directos cos que a TVG estará presente nos principais eventos que se van celebrar por toda a nosa xeografía, comezando co San Xoán. A TVG estará na Rapa das Bestas de Sabucedo, na Feira Franca de Betanzos, no Festival de Ortigueira, no Resurrection Fest, na Dorna en Ribeira, ou en Combarro co Armadiña Rock. En Burela, na Festa do Bonito, en Silleda coa empanada, na Istoria de Ribadavia, en Cangas e as danzas ancestrais de Darbo, en Arnoia, en Pardiñas, e Catoira, na Guarda... Centos de localizacións por toda a xeografía galega cunha despregadura sen precedentes para contar todo o que vaia pasar en Galicia durante o verán.

As novidades da grella arrancan xa este domingo á noite con ‘Chegou o día’ (22:55 h), un programa que retransmitirá en directo e con multicámara os eventos máis multitudinarios de Galicia: o primeiro, a festa de San Xoán, xusto despois do ‘Telexornal Serán’, que se emitirá desde A Coruña, unha das cidades de España onde máis se vive esta data coas espectaculares fogueiras da praia de Riazor.

Ao prime time chega tamén ‘Chanzo arriba’ (22:00 h), a versión estival de ‘Atrápame se podes’, con moitas sorpresas. Comezará este domingo e a partir de aí emitirase de domingo a xoves. Os venres de xullo seguen a ser para ‘Luar’, que ten pendente o desenlace do concurso ‘Miss Vaca 2024’. En agosto descansa ‘Luar’ e colle a remuda ‘Sala G’, un programa que percorrerá  as salas de festas máis míticas das catro provincias.
    
Nas tardes da fin de semana, TVG estreará un novo concurso de rúa, ‘Fake News’, en que os participantes deberán adiviñar o que é verdadeiro ou falso, e que percorrerá todas as vilas galegas. A grella desa tarde completarase con ‘Un guiri na Ribeira Sacra’, que amosa a un profesor inglés percorrendo as paisaxes e poboacións arredor dos ríos Sil, Cabe e Miño.

No eido da ficción, o martes 25 chega a agardada terceira temporada da serie ‘Saudade de ti’, que volve despois do éxito de audiencia das primeiras temporadas e que se emitirá no prime time dos martes, mércores e xoves. Tamén estará dispoñible, xunto coas dúas primeiras temporadas, na plataforma AGalega.gal.

Este verán emitirase tamén o derradeiro concerto da orquestra Panorama na praza do Obradoiro; unha edición especial do formato ‘Bicos e Bicas’, que desvelará o prato preferido polos galegos; e novas entregas dos espazos ‘Festa na baiuca’, ‘Comisión de Festas’ e ‘Festigaliando’, co percorrido estival da xente moza polos principais festivais musicais. A TVG inclúe tamén na proposta dous programas de corte social para os domingos. Polas mañás, ‘Grazas!’, coas historias de heroes anónimos de Galicia, persoas que fronte a unha situación extrema dan o mellor de si. E pola noite, no late night, será a quenda de ‘Confidencias’, espazo de entrevistas, debate e saídas á rúa, coa evolución dos valores morais, relixiosos e éticos na sociedade como pano de fondo.

Máis cine galego en AGalega.gal
    
A nova plataforma dixital seguirá estreando contidos semanalmente, destacando a chegada de máis cine galego con ‘Os demos de barro’ (hoxe, 21 de xuño) e ‘O home e o can’ (25 de xullo), así como da serie británica de ciencia ficción ‘The feed’. En Xabarin.gal haberá unha estrea cada semana do verán, coa agardada ‘Doraemon’ (o luns 24 de xuño), ‘Os Bolechas: historia de Galicia’ (25 de xullo) e ‘Bloques de cores’ (1 de agosto).

Estreas de xullo na G2: músicos emerxentes e artesanía
    
'Sesión fóra de sitio’ emitirase nas noites musicais da segunda canle, os mércores, para presentar o traballo de intérpretes emerxentes en lugares inesperados e diferentes do habitual, proporcionando unha experiencia única tanto para os artistas como para o público. E na noite da cultura dos xoves, ofrecerase ‘Galicia en pezas’, unha serie documental que achega a cara máis contemporánea da artesanía en Galicia destacando algunhas actividades que triunfan noutros territorios.

E máis música na Radio Galega para a sobremesa

A emisora pública segue a emitir no verán os seus programas senlleiros de información, entretemento e cultura, e incorpora un espazo de música para as tardes de luns a venres: ‘Bailas ou que?’, programa sobre a música do momento, producido polo actor e comunicador Toño Casais. Escoitarase de 15.00 a 16.00 h. Ademais, os magazines renovarán a súa proposta de seccións de verán e os servizos informativos reforzarán os boletíns coa actualidade de última hora.

ler máis

TVG volve reunir a parellas de distintas xeracións nun concurso de coñecementos de habilidades

Dúas novas parellas de distintas xeracións competirán este luns nunha serie de probas que avalían os seus coñecementos e habilidades, nunha nova entrega do concurso ‘Xeracións’ (22:00 h), presentado por Iván Mariñas, coa colaboración de Luís Iglesia e Jose Torres. Neste cuarto programa, os boomers Juan Luis e Santiago, dous amigos de Vilagarcía e da Illa de Arousa, enfróntanse a Vanesa e Cristhian, dous amigos de Friol.

As parellas terán que levantar un tabique de ladrillos, facer a cama, responder ás enxeñosas preguntas do "cóctel xeracional" e, coma sempre, dalo todo na proba final, "A batalla de baile". A parella gañadora pasará á seguinte fase e estará máis preto do gran premio: un coche.

 

ler máis

O documental ‘Inside the iranian uprising’ e a película 'Sweet Virginia', nas estreas de AGalega.gal esta semana

A plataforma AGalega.gal estrea este xoves 13 de xuño o documental ‘Inside the iranian uprising’, que narra os acontecementos en Irán durante as protestas que sacudiron o país no 2023. ‘Inside the iranian uprising’ permite ver desde dentro, e baixo unha nova luz, un réxime baixo unha presión sen precedentes tralas protestas que sacudiron Irán desde a morte dunha moza en custodia policial, cunha colección de imaxes filmadas polos manifestantes, moitas das cales nunca foron vistas previamente.

    E o venres 14 amplíase a oferta de cine da plataforma coa estrea do thriller indie ‘Sweet Virginia’, película aclamada pola crítica estadounidense que fusiona o western co xénero noir e retrata unha Norteamérica moi desgastada a través da historia e das relacións de catro personaxes. Esta longametraxe, do director Jamie M. Dagg, amosa a vida de Sam, quen foi campión de rodeos e agora vive apartado nunha vila pequena de Alasca, onde rexenta un motel. Un sanguento atraco na zona, que acaba en asasinato, levarao a unha situación que non espera e chea de segredos e violencia.

Estas dúas incorporacións súmanse aos novos capítulos de series e programas como ‘É pecado’, a miniserie de éxito sobre os anos oitenta en Londres; o programa ‘Galegos’, que ofrece perfís de persoas sobranceiras da vida política, social e cultural de Galicia; ou os espazos ‘Buscadores de naufraxios’ e ‘Os ríos da vida’.

Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 13.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua. Desde o 17 de xaneiro, preto de 750.000 persoas accederon ao conxunto de plataformas da CRTVG en 4,4 millóns de sesións, converténdoas na referencia dos contidos audiovisuais non só á carta, senón tamén de directo, xa que AGalega.gal tamén integra os sinais de TVG e a G2 na súa oferta, elemento este diferencial con respecto a outras plataformas, o que fai que a televisión lineal ampliara desde xaneiro o seu alcance máis aló do tradicional consumo a través do aparello de televisión.

Tanto AGalega como as app AGalegaAudio e Xabarín son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, á AGalega AGalegaAudio e a Xabarín pode accederse vía web e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes.
 

 

ler máis

Os espectadores de ‘Cos pés na terra’ probarán o shiitake, un manxar chegado de Asia, esta noite no prime time da TVG

Santiago, 11.06.24.-  Esta noite, no prime time, TVG ofrece unha nova entrega de ‘Cos pés na terra’, seguido do espazo ‘Os ríos da vida’, no que se coñecerá todo o percorrido do río Umia desde o seu nacemento ata a ría de Arousa. No ‘Cos pés na terra’ deste martes van saltar chispas, concretamente as que deixa detrás de si Álvaro, un rapaz afeito a transformar o ferro en coitelos.

    Ademais, os espectadores están convidados a probar o shiitake por Pazos, produtor deste manxar chegado de Asia, un manxar que en Galicia non tratamos nada mal.  E tamén, da man do mestre Avelino, ‘Cos pés na terra’ meterase de cheo nun curso de mozos preparadores de vacas de concurso. Alí os nenos van aprender a lavar, peitear e manexar estes animais.

    Deseguido, o programa ‘Os ríos da vida’ realiza esta semana un itinerario polo Umia, que percorre toda a provincia de Pontevedra. Na entrega desta noite, Laura Vaqueiro percorrerá o río desde que nace na Raigosa, entre os concellos da Estrada e Forcarei, xusto a medio camiño entre os ríos Deza e Lérez. Despois percorre 60 quilómetros, toda a provincia de Pontevedra, para desembocar en Cambados, formando un fermoso esteiro na ría de Arousa.

 

ler máis
— 20 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 20 de 53 resultados.

div-crtvg-right1

Publicidade

div-crtvg-right2

Publicidade

div-crtvg-right3

Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade