O documental 'Salvaxe, salvaxe', participado pola TVG, triunfa no Festival de Cine de Málaga - CRTVG
O documental 'Salvaxe, salvaxe', participado pola TVG, triunfa no Festival de Cine de Málaga
A cinta do director ourensán Emilio Fonseca, que se adentra nos montes galego-portugueses rastrexando imaxes e ausencias do lobo ibérico, recibiu a Biznaga de Prata á mellor longametraxe documental
Santiago, 11.03.2024.- A cinta ‘Salvaxe, salvaxe’, dirixida polo realizador ourensán Emilio Fonseca e participada pola TVG, conseguiu a Biznaga de Prata ao mellor documental na Sección Oficial da 27ª edición do Festival de Cine de Málaga, que esta fin de semana rematou na cidade andaluza coa entrega dos galardóns.
O xurado do certame recoñeceu esta produción co máximo premio na categoría de documentais “por repensar a categoría de salvaxe desde a nosa apocalipse climática, reinventando unha sensibilidade híbrida onde ollo e ouvido se volven medio animal, medio humano, medio técnico, convidándonos a reeducar a nosa capacidade de asombro, tenrura e conciencia interespecie”.
En ‘Salvaxe, salvaxe’, a cámara de Emilio Fonseca adéntrase nos montes galego-portugueses rastrexando imaxes e ausencias do lobo ibérico. Este ensaio fílmico atravesa unha historia relacional cargada de sometemento e exterminio e enfróntase a unha historia audiovisual feita de imaxes-simulacro do natural salvaxe.