Este venres chega aos cinemas o documental 'Rapa', dirixido por Alejandro Enríquez e apoiado pola TVG - CRTVG
Este venres chega aos cinemas o documental 'Rapa', dirixido por Alejandro Enríquez e apoiado pola TVG
O filme retrata a vida e a loita diaria da comunidade de veciños de Sabucedo, na Estrada, onde se celebra a Rapa das Bestas máis famosa do mundo
Ademais da súa estrea nas salas comerciais, terá proxeccións especiais en varias localidades galegas
Santiago, 20.03.2024.- O documental ‘Rapa’, dirixido por Alejandro Enríquez, e que conta co apoio da TVG, chegará aos cinemas galegos este venres. Esta película retrata a tradición da Rapa das Bestas na Galicia rural e ofrece un relato sensible sobre a loita dunha comunidade por manter vivo o seu vínculo ancestral coa terra e os cabalos salvaxes.
Alejandro Enríquez guía o público cara a unha viaxe visual e emocional, explorando a crise existencial do cabalo galego de monte, ameazado, entre outras cousas, polos ladróns de gando, os lobos e os parques eólicos. ‘Rapa’ é un relato con conflitos equinos e humanos nun contexto onde as persoas están conectadas coa natureza.
O filme está protagonizado polos veciños e veciñas da pequena aldea de Sabucedo, que preserva algo único: un vínculo ancestral e íntimo cos cabalos salvaxes. Os conflitos dos cabalos son os conflitos da comunidade, pero case non queda xente para defender o territorio. Unha vez ao ano, a aldea celebra a Rapa das Bestas e 15.000 persoas acoden para ver os veciños cortando as crinas dos cabalos nun enfrontamento corpo a corpo. Pero todos marchan e ninguén ve a realidade detrás da rapa: cada ano hai menos bestas no monte e, coma nun espello, menos xente na aldea.
A estrea de ‘Rapa’ nos cinemas, que terá lugar o 22 de marzo, contará cunha xira especial en salas de varias localidades galegas, que promete ser unha experiencia cinematográfica que vai máis aló dun simple testemuño visual da tradición galega.