A Galega estará este verán "onde estás ti" - CRTVG
A Galega estará este verán "onde estás ti"
A temporada de verán da CRTVG arranca cunha despregadura sen precedentes con centos de directos programados por toda a xeografía galega
Un ‘Chanzo arriba’, a versión de verán de ‘Atrápame se podes’, con Paco Lodeiro, e a estrea da terceira temporada de ‘Saudade de ti’ conformarán o eixe do prime time semanal da TVG
‘Un guiri na Ribeira Sacra’ e ‘Fake news’ son algunhas das novas apostas de divertimento da temporada
Máis estreas de cine en Agalega.gal: a película ‘Os demos de barro’ e o ‘O home e o can’ son as próximas estreas da plataforma, mentres que ‘Doraemon’ e ‘Os Bolechas: historia de Galicia’ chegan a Xabarin.gal
Santiago, 21.06.2024.- A Galega está...“Onde estás ti”. Este é o claim co que arranca a programación de verán da Televisión de Galicia. Unha temporada chea directos cos que a TVG estará presente nos principais eventos que se van celebrar por toda a nosa xeografía, comezando co San Xoán. A TVG estará na Rapa das Bestas de Sabucedo, na Feira Franca de Betanzos, no Festival de Ortigueira, no Resurrection Fest, na Dorna en Ribeira, ou en Combarro co Armadiña Rock. En Burela, na Festa do Bonito, en Silleda coa empanada, na Istoria de Ribadavia, en Cangas e as danzas ancestrais de Darbo, en Arnoia, en Pardiñas, e Catoira, na Guarda... Centos de localizacións por toda a xeografía galega cunha despregadura sen precedentes para contar todo o que vaia pasar en Galicia durante o verán.
As novidades da grella arrancan xa este domingo á noite con ‘Chegou o día’ (22:55 h), un programa que retransmitirá en directo e con multicámara os eventos máis multitudinarios de Galicia: o primeiro, a festa de San Xoán, xusto despois do ‘Telexornal Serán’, que se emitirá desde A Coruña, unha das cidades de España onde máis se vive esta data coas espectaculares fogueiras da praia de Riazor.
Ao prime time chega tamén ‘Chanzo arriba’ (22:00 h), a versión estival de ‘Atrápame se podes’, con moitas sorpresas. Comezará este domingo e a partir de aí emitirase de domingo a xoves. Os venres de xullo seguen a ser para ‘Luar’, que ten pendente o desenlace do concurso ‘Miss Vaca 2024’. En agosto descansa ‘Luar’ e colle a remuda ‘Sala G’, un programa que percorrerá as salas de festas máis míticas das catro provincias.
Nas tardes da fin de semana, TVG estreará un novo concurso de rúa, ‘Fake News’, en que os participantes deberán adiviñar o que é verdadeiro ou falso, e que percorrerá todas as vilas galegas. A grella desa tarde completarase con ‘Un guiri na Ribeira Sacra’, que amosa a un profesor inglés percorrendo as paisaxes e poboacións arredor dos ríos Sil, Cabe e Miño.
No eido da ficción, o martes 25 chega a agardada terceira temporada da serie ‘Saudade de ti’, que volve despois do éxito de audiencia das primeiras temporadas e que se emitirá no prime time dos martes, mércores e xoves. Tamén estará dispoñible, xunto coas dúas primeiras temporadas, na plataforma AGalega.gal.
Este verán emitirase tamén o derradeiro concerto da orquestra Panorama na praza do Obradoiro; unha edición especial do formato ‘Bicos e Bicas’, que desvelará o prato preferido polos galegos; e novas entregas dos espazos ‘Festa na baiuca’, ‘Comisión de Festas’ e ‘Festigaliando’, co percorrido estival da xente moza polos principais festivais musicais. A TVG inclúe tamén na proposta dous programas de corte social para os domingos. Polas mañás, ‘Grazas!’, coas historias de heroes anónimos de Galicia, persoas que fronte a unha situación extrema dan o mellor de si. E pola noite, no late night, será a quenda de ‘Confidencias’, espazo de entrevistas, debate e saídas á rúa, coa evolución dos valores morais, relixiosos e éticos na sociedade como pano de fondo.
Máis cine galego en AGalega.gal
A nova plataforma dixital seguirá estreando contidos semanalmente, destacando a chegada de máis cine galego con ‘Os demos de barro’ (hoxe, 21 de xuño) e ‘O home e o can’ (25 de xullo), así como da serie británica de ciencia ficción ‘The feed’. En Xabarin.gal haberá unha estrea cada semana do verán, coa agardada ‘Doraemon’ (o luns 24 de xuño), ‘Os Bolechas: historia de Galicia’ (25 de xullo) e ‘Bloques de cores’ (1 de agosto).
Estreas de xullo na G2: músicos emerxentes e artesanía
'Sesión fóra de sitio’ emitirase nas noites musicais da segunda canle, os mércores, para presentar o traballo de intérpretes emerxentes en lugares inesperados e diferentes do habitual, proporcionando unha experiencia única tanto para os artistas como para o público. E na noite da cultura dos xoves, ofrecerase ‘Galicia en pezas’, unha serie documental que achega a cara máis contemporánea da artesanía en Galicia destacando algunhas actividades que triunfan noutros territorios.
E máis música na Radio Galega para a sobremesa
A emisora pública segue a emitir no verán os seus programas senlleiros de información, entretemento e cultura, e incorpora un espazo de música para as tardes de luns a venres: ‘Bailas ou que?’, programa sobre a música do momento, producido polo actor e comunicador Toño Casais. Escoitarase de 15.00 a 16.00 h. Ademais, os magazines renovarán a súa proposta de seccións de verán e os servizos informativos reforzarán os boletíns coa actualidade de última hora.