div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

TVG reforza a información de proximidade e a presenza no territorio galego na nova temporada

A nova programación aposta polos directos, a profundidade e a actualización permanente da información

‘Atmosféricos’ nace para contar Galicia desde a natureza e o clima, usando a meteoroloxía como fío condutor 

‘En Xogo’: máis deporte galego, máis directo e máis narrativo. A Galega estará onde está o balón cunha aposta histórica polo baloncesto

csag.gal 06/09/2026 09:30

Santiago, 07.09.2026.-    Televisión de Galicia presenta este luns a súa programación informativa para a temporada 2026-2027, cunha oferta que sitúa Galicia e a información de proximidade no centro da súa proposta. A presenza no territorio galego, os directos, o xornalismo propio e a vontade de ofrecer máis contexto e profundidade marcarán unha temporada que contará con María Cheda, Raúl Quián, Marta Darriba, Pablo Muñoz, Chus Tanoira e David Valverde entre as súas principais caras.

Máis territorio galego e directos desde primeira hora

María Cheda estará á fronte do ‘Bos Días’, de luns a venres entre as 08:00 e as 10:30 horas. O programa reforzará a súa vocación galega e terá nos directos e nas conexións co territorio galego un dos seus principais fíos condutores, coa intención de estar alí onde se produce a actualidade. O ‘Bos Días’ potenciará tamén a explicación dos asuntos que marcan a xornada, incorporando especialistas en diferentes ámbitos para ofrecerlle á audiencia claves e contexto sobre a actualidade galega.

Un mediodía con máis proximidade e profundidade
    
A información de proximidade terá un protagonismo especial no ‘Galicia Noticias’, que presentará Raúl Quián de 13:55 a 14:25 horas. O espazo centrará a súa atención nos sucesos, na sociedade comarcal e nos asuntos que afectan directamente á vida cotiá galega, cunha cobertura territorial equilibrada que lle dea presenza ao conxunto de Galicia.

Ás 14:25 h, Marta Darriba tomará o relevo no ‘Telexornal’, o principal informativo do mediodía, que abordará con maior profundidade as grandes cuestións da actualidade galega.

Pablo Muñoz, á fronte da edición serán do ‘Telexornal’

A edición da noite, a partir das 21:00 h e presentada por Pablo Muñoz, apostará especialmente por facer avanzar as noticias ao longo do día, actualizando os asuntos tratados ao mediodía con novos desenvolvementos, novas voces e novos enfoques. O obxectivo é que o espectador atope cada noite un informativo que incorpore valor á actualidade galega e que constrúa tamén unha axenda propia de Galicia.

Chus Tanoira e David Valverde, na fin de semana

A oferta informativa reforzarase tamén durante a fin de semana. Chus Tanoira presentará o ‘Bos Días’ dos sábados e domingos, cunha posta ao día áxil da actualidade e atención tamén á axenda cultural e de lecer galego.

David Valverde será a cara do ‘Telexornal’ na fin de semana, tanto ao mediodía como pola noite. A edición de mediodía combinará a actualidade galega coa información útil e de servizo, con atención ao tráfico, á meteoroloxía e ás propostas culturais e de lecer de Galicia. Pola noite, apostarase pola profundidade, a explicación e os directos, desenvolvendo os asuntos clave da xornada con novos materiais e enfoques para ampliar e contextualizar a información ofrecida ao mediodía.

A fin de semana incorporará ademais ‘Atmosféricos’, un novo formato presentado por Diego Viaño que tomará a meteoroloxía como fío condutor para contar Galicia a través do clima, a natureza e o medio ambiente galego.

‘En Xogo’, nova referencia para a información deportiva galega

A información deportiva afronta tamén unha nova etapa. Os principais espazos de deportes de TVG agrúpanse baixo a marca ‘En Xogo’, co obxectivo de construír un selo recoñecible para a audiencia e cunha aposta por un xornalismo deportivo máis próximo e narrativo.

O compromiso co deporte galego poténciase durante esta campaña. A TVG e AGalega.gal seguirán sendo a fiestra de referencia para os afeccionados ao fútbol profesional, coa emisión en aberto dun partido por xornada da Primeira RFEF, grupo primeiro, en que compiten cinco equipos galegos: Pontevedra, Rácing de Ferrol, Club Deportivo Lugo, Unión Deportiva Ourense e Fabril Deportivo.

A canle pública seguirá de preto tamén a participación do Celta Fortuna no fútbol profesional. O filial celeste, que debuta esta temporada na Segunda División, contará con 12 partidos retransmitidos pola primeira canle da TVG e de AGalega.gal ata maio de 2027.

Os domingos ao mediodía será a quenda do baloncesto. A TVG e AGalega.gal emitirán cada xornada un partido da Liga Endesa con presenza galega: Río Breogán, Monbus Obradoiro e Leyma Coruña. En total, ofreceranse seis derbis galegos cun total de 34 encontros da competición regular. Tamén a G2 retransmitirá os partidos europeos do Río Breogán.

Carlos Macía presentará o ‘En Xogo’ do mediodía, con Terio Carrera nos exteriores; Lorena Pose estará á fronte da edición da noite de luns a venres, e Irene Lourido presentará as edicións de mediodía e noite da fin de semana. Óscar Benito estará á fronte dos espazos ligados ás retransmisións dos sábados e domingos, mentres que Gustavo Varela presentará o resumo da xornada do domingo na G2.

A nova proposta deportiva ten como prioridade o deporte galego, desde os principais equipos de fútbol ata as categorías con ampla representación de clubs de Galicia, o baloncesto e as competicións femininas.

Xornalismo en profundidade e información especializada

A programación informativa mantén ademais a súa oferta de xornalismo especializado. ‘No Foco’, presentado por Marcos Sueiro, continuará afondando nos temas e protagonistas que marcan a axenda, ofrecendo o contexto e a perspectiva que non sempre poden desenvolver os informativos diarios. A oferta complétase con ‘Vivir o Mar’, ‘Labranza’, ‘Parlamento’, ‘Café sen Gotas’ e ‘Zigzag’, reforzando a presenza na programación da información do mar galego, do rural galego, da actividade parlamentaria galega e da cultura galega.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade