Xabarín.gal reforza a súa oferta nas vacacións de Entroido con estreas como 'Preparado, Eddie, xa!' e 'Os Bolechas, sabes unha cousa?' - CSAG
Xabarín.gal reforza a súa oferta nas vacacións de Entroido con estreas como 'Preparado, Eddie, xa!' e 'Os Bolechas, sabes unha cousa?'
Durante os vindeiros días, a plataforma infantil tamén incorporará novos capítulos de ‘Doraemon’, ‘Shin Chan’ e ‘A patrulla canina’, mentres que o 27 de febreiro ampliarase o catálogo coa comedia familiar ‘Bernard’

Santiago, 13.02.2026.- Xabarín.gal continúa ampliando a súa oferta audiovisual infantil. Nas últimas semanas incorporáronse novos capítulos de ‘Maddie e Triggs’ e xa están dispoñibles ao completo as series ‘Sonic Boom’ e ‘Ladybug’, consolidando unha proposta variada e de calidade para o público máis novo.
Coincidindo co Entroido e cos días de vacacións que se aveciñan para os pequenos da casa, a plataforma reforza a súa aposta polo contido infantil diverso e educativo con varias estreas. A primeira delas será este mesmo venres, cando chega a Xabarín.gal, ao completo, a serie ‘Preparado, Eddie, xa!’. Eddie é un neno de seis anos con trastorno do espectro autista que, no seu día a día, aprende a afrontar situacións cotiás coa axuda da imaxinación, adquirindo ferramentas e recursos para comprender mellor o mundo que o rodea.
O luns 16 estrearanse os nove primeiros capítulos da nova serie ‘Os Bolechas, sabes unha cousa?’, en que estes coñecidos personaxes descobren a evolución da vida na Terra, a historia da humanidade e os animais que habitan o planeta, así como o mundo que non se ve a simple vista. A serie promove valores universais e hábitos de vida seguros e saudables, abordando tamén cuestións como as normas de convivencia, a importancia da hixiene ou a xestión das emocións.
Ao día seguinte, martes de Entroido, incorporaranse ao catálogo de Xabarín.gal cinco novos capítulos das populares series ‘Doraemon’ e ‘Shin Chan’, mentres que o venres 20 de febreiro engadiranse dez novas entregas ás aventuras do coñecido equipo de ‘A patrulla canina’.
Unha semana despois, o venres 27 de febreiro, a plataforma infantil da CSAG estreará a comedia familiar ‘Bernard’, protagonizada por un oso polar torpe e algo egoísta que percorre o mundo vivindo situacións inesperadas. Mesmo as tarefas máis sinxelas poden converterse nun grande enredo ao seu carón, ofrecendo historias cheas de humor para toda a familia.
Con estas incorporacións, Xabarín.gal reafirma o seu compromiso cunha programación infantil de calidade, inclusiva e adaptada aos intereses das novas xeracións.
