Unha segunda oportunidade moi agardada e confesións inesperadas, esta noite, en 'O amor está en Galicia' - CSAG
Unha segunda oportunidade moi agardada e confesións inesperadas, esta noite, en 'O amor está en Galicia'
As catro novas citas desta semana desenvolveranse en Noia e O Carballiño

Santiago, 18.02.2026.- Catro novas citas, unha segunda oportunidade moi agardada e confesións que non deixarán indiferente a ninguén. Isto que o que poderán atopar os espectadores da TVG nas dúas novas entregas de ‘O amor está en Galicia’ (22:40 h) que se ofrecerán esta noite e que terán como escenario Noia e O Carballiño.
Na primeira delas, desde a Alameda de Noia, a audiencia coñecerá a Sara, mestra de primaria, deportista e emprendedora no eido da educación sexual, que leva nove anos solteira e que revela que nos últimos dous decidiu manter abstinencia sexual porque só quere intimidade se hai conexión real. Busca un home activo, con conversa e ganas de mundo. A súa cita será Juan Miguel, un monitor infantil de Vimianzo, creativo en redes, divertido e con forte carácter, que soña con formar unha familia e que lle dá moita importancia aos detalles e ao coidado persoal. Haberá química entre dúas personalidades tan intensas?
A segunda cita en Noia xuntará a Carolina, auxiliar de enfermaría no Hospital do Barbanza, nai e avoa, independente e directa, que sabe o que quere e que non tolera excesos nin falta de respecto, con Antonio, un xardineiro lucense, amante da natureza e da súa horta, traballador e respectuoso, que recoñece non ter tido sorte no amor e que busca unha compañeira estable.
Na segunda entrega da noite, O Carballiño será o escenario dunha das historias máis agardadas: o regreso de Brian, cantante de orquestra de Bertamiráns, intenso e carismático, que xa participou sen éxito e que volve disposto a atopar o amor. A súa nova oportunidade será con Jorge, un auxiliar de enfermaría de Cenlle, extravertido e falador, amante dos pequenos praceres, como compartir un bo viño. Dúas enerxías fortes que poden prender… ou saltar polos aires.
Pechará a noite de ‘O amor está en Galicia’ a cita entre Joel, un adestrador de fútbol de Barbadás, espontáneo e apaixonado do deporte, e Rocío, unha profesora de teatro de Lugo, sensible e vinculada ao mundo artístico, que busca comunicación e comprensión nunha relación estable.