div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Unha polbeira veloz, unha comparsa moi colorista un cantante de tangos e un picadiscos gaiteiro participan esta semana en 'Talentos Extraordinarios'

O programa tamén recibirá unha nena de oito anos que baila coas grandes orquestras, unha parella de irmáns capaces de ordenar cubos de Rubik en moi pouco tempo e dúas rapaces que sorprenderán cunha espectacular versión de ‘La perla’ de Rosalía

csag.gal 05/07/2026 02:00

Santiago, 05.07.2026.-    Os espectadores da TVG poderán gozar esta noite dunha nova entrega do talent showTalentos Extraordinarios’, o gran concurso que percorreu Galicia na busca das persoas máis sorprendentes, singulares e fascinantes do país.

Neste cuarto programa, o talento será do máis variado, sorprendente e, autóctono. Do Carballiño chega Isaura, unha polbeira que vai demostrar a súa capacidade para cortar polbo dun xeito veloz, co propósito de cortar o maior número de racións de polbo posible en dous minutos. Desde Ribadumia participará a numerosa comparsa Os Disfrutóns, cunha colorista homenaxe en baile e vestiario ao carnaval de Brasil. Lugo é o lugar de procedencia de Dani e Teo, dous irmáns de 11 e 14 anos, que van deixar o público e os espectadores coa boca aberta co seu talento para ordenar cubos de Rubik en moi pouco tempo.

Impresionante vai ser tamén a historia de Jaime, un coruñés de 80 anos, capaz de cantar tangos como Carlos Gardel e os grandes deste popular xénero. Pola súa parte, Adey é unha nena de oito anos que ten unha capacidade innata de bailar e montar as súas propias coreografías mestura de latino, dance, urban e hip hop. Esta santiaguesa está afeita a bailar coas grandes orquestras para miles de persoas. 

De Vigo chegará BETOZZZ, un artista, cantante, compositor capaz de cantar e tocar ao mesmo tempo cancións inéditas compostas para a ocasión. Sorprenderá cos seus loops e a súa mestría mesturando instrumentos e voz. Ademais, Esteban, o picadiscos gaiteiro de Pontevedra, vai poñer a todos bailar co seu talento para animar o público, en que mestura poderosos e coñecidos fondos de temas dance coa súa gaita. Finalmente, ‘Talentos Extraordinarios’ contará hoxe coa participación de As Xeitosas, dúas rapazas de 12 anos do Porriño que van facer unha espectacular interpretación coral de voces versionando o coñecido tema ‘La perla’ de Rosalía.

 Cales destes participantes se converterán en extraordinarios e pasarán á final desta rolda clasificatoria? Só un deles poderá ser o gañador? Daralle o xurado a algún dos participantes o pase directo á final do programa? A resposta, este domingo pola noite na Televisión de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade