Unha egua medrosa e unha cadela con diabetes, os retos desta semana en 'Somos animais' - CSAG
Unha egua medrosa e unha cadela con diabetes, os retos desta semana en 'Somos animais'
Hugo Cabaleiro e os expertos do programa axudan a Odi, unha egua que foxe por medo, e unha cadela de Vigo que non acepta as inxeccións diarias de insulina

Santiago, 26.3.2026.- Nesta nova entrega de ‘Somos animais’ (22:40 h), Hugo Cabaleiro viaxa xunto a Irene, unha das maiores expertas en cabalos do país, para coñecer o caso de Odi. Esta egua é extremadamente medrosa e tende a fuxir ante calquera estímulo, unha situación que ten desesperada a súa familia. Coa axuda da especialista, tratarán de comprender a orixe do seu comportamento e buscar solucións.
Mentres tanto, Jorge desprázase ata Vigo para afrontar un reto especialmente complexo, o dunha cadela á que lle diagnosticaron diabetes e que non tolera que lle administren a inxección diaria de insulina, imprescindible para a súa saúde. O equipo intentará atopar a maneira de que o tratamento sexa máis doado tanto para o animal como para a súa familia.
‘Somos animais’ é un reality que busca axudar os propietarios a resolver os problemas cotiáns que xorden coa convivencia coas súas mascotas.
