TVG pecha a temporada 23/24 como líder en cultura e informativos - CRTVG
TVG pecha a temporada 23/24 como líder en cultura e informativos
Os informativos chegan ao 90 % da poboación de máis de 4 anos, con especial fortaleza da franxa do mediodía
TVG é a canle con mellor cota de pantalla nas artes escénicas e na cultura
A G2 foi a canle que máis medrou en Galicia cun 11 % de suba
Santiago, 03.07.2024.- Televisión de Galicia pecha a temporada 2023/2024 (setembro- xuño) como a canle líder nos informativos, líder en tempo de programación dedicada a contidos de música, e líder en cota de pantalla nas artes escénicas e nos programas culturais. Estes son os datos que se desprenden do informe do medidor Kantar Media do balance da temporada 23/24.
No eido informativo, o medidor sinala a fortaleza de TVG moi especialmente na franxa de mediodía co ‘Galicia Noticias’, cun 18,4 %, e o ‘Telexornal Mediodía’, cun 16,7%. Os informativos da TVG chegaron a máis de 2.360.000 espectadores nesta temporada, o 90% (89,7 %) da poboación galega de máis de catro anos.
Aposta pola cultura, música e artes escénicas
#Cultura365 é o eixo baixo o cal a CRTVG programa os seus contidos arredor da escena cultural galega. O resultado desta estratexia reflicte que a TVG é a primeira canle en cota de pantalla no xénero de artes escénicas, cun 12,5 %. En xeral, sobre programas culturais, a TVG é tamén a canle que acada máis cota de pantalla de España, e a segunda en canto a maior duración dedicada a eles. A Galega é tamén a canle con máis tempo de programación dedicado á música, cun 10 % de cota.
Por días de semana, os máis fortes en audiencias foron os laborables, de luns a venres; os luns media un 9,7 % de cota, os martes un 9,4 %, os mércores un 9,7 %, os xoves 10,6 % e os venres 10,7 %. Na franxa do prime time cómpre salientar as cotas de xoves (11,1 %) e venres (10,5 %) para unha media do 9,5 %.
Pola súa parte, a G2, cun 1 %, segue a ser unha das mellores segundas canles da FORTA e foi a canle que máis medrou en Galicia, un 11 % con respecto á temporada 2022/2023.