TVG, EiTB e 3CAT coproducen a primeira serie gravada nas catro linguas oficiais do Estado - CRTVG
TVG, EiTB e 3CAT coproducen a primeira serie gravada nas catro linguas oficiais do Estado
‘Pensión Incompleta’ comezará a súa rodaxe en Cataluña, Euskadi e Galicia este verán e estrearase en 2026

Cuenca, 18 de xuño de 2025 – As televisións públicas de Euskadi (EITB), Cataluña (3CAT) e Galicia (TVG) anuncian hoxe, no marco do foro Conecta FICTION & ENTERTAINMENT, a súa asociación para crear ‘Pensión Incompleta’, un proxecto de ficción inédito no panorama audiovisual estatal: a primeira serie gravada nas catro linguas oficiais do Estado, nas que conviven galego, éuscaro, catalán e castelán como linguas orixinais de produción.
A serie —aínda en fase de desenvolvemento e cun inicio de rodaxe previsto para o final deste verán— marca tamén a primeira coprodución de ficción protagonizada exclusivamente por estas tres corporacións públicas, que se alían para crear un proxecto compartido de raíz cultural, enfoque territorial e vocación internacional.
O proxecto contará tamén coa coprodución de Voz Audiovisual, empresa galega con ampla traxectoria en ficción, que asumirá a xestión da rodaxe e a execución do plan de produción, e tamén terá financiamento a través do AGADIC.
A proposta constrúese sobre unha estrutura de guión compartida, que reúne profesionais de Galicia, Euskadi e Cataluña, achegando olladas diversas, sensibilidade local e vocación integradora. Trátase dunha fórmula de traballo que non só abre un novo camiño de colaboración interterritorial, senón que pon en valor as culturas propias e a riqueza idiomática como motores narrativos.
A serie desenvolverase como unha road movie que conecta os tres territorios históricos do Estado, con rodaxes previstas en localizacións reais de Galicia, Euskadi e Cataluña. Ademais da súa vocación simbólica, o percorrido terá un impacto directo na posta en valor do patrimonio cultural, artístico e paisaxístico das tres comunidades.
‘Pensión Incompleta’ constitúe unha aposta estratéxica pola innovación en formatos de coprodución pública, cunha estrutura aberta a futuras extensións de colaboración. Non se trata só dun contido de entretemento, senón dun paso firme cara a unha maior cooperación cultural e industrial entre televisións autonómicas con vocación de servizo público.
A serie, que foi presentada esta tarde en Cuenca por responsables de contidos das tres canles —Montse Besada, xefa do Servizo de Contidos da TVG; Gorka García, director de Arte e Entretemento de ETB; e Oriol Sala-Patau, xefe do Departamento de Ficción e Cinema de 3CAT—, ten como punto de partida un grupo de aparentemente entrañables viaxeiros do IMSERSO que, da noite para a mañá, se converten nos principais sospeitosos da desaparición de obras de arte. Será unha serie coral, para todos os públicos, e chegará ás pantallas destes tres territorios en 2026.
