div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

TVG busca 'A Orquestra Perfecta' de Galicia

Os integrantes das grandes orquestras enfróntanse entre eles para conseguir un posto na formación ideal da verbena galega

O talent show, presentado por Arturo Fernández, inicia o reto este sábado coa emblemática París de Noia

csag.gal 30/07/2026 13:13

Santiago, 30.07.2026.-    Televisión de Galicia estrea este sábado un gran talent show para buscar ‘A Orquestra Perfecta’, un reto inédito presentado por Arturo Fernández (22:00 h). Por primeira vez, os propios artistas de cada formación deberán competir entre eles para entrar na aliñación da orquestra ideal galega. Cada semana a protagonista será unha das grandes orquestras de Galicia e nesta primeira actuará a emblemática París de Noia.

Cantantes, músicos e bailaríns enfróntanse ao maior desafío das súas carreiras: convencer o xurado formado cada semana por tres persoas que coñecen mellor ca ninguén este mundo, entre eles, Víctor, da Axencia Gaias; Lito, director da Panorama; Javier, responsable dos Satélites, e Sito Mariño, director da orquestra Compostela. Todos eles son referentes do sector e profesionais cunha longa traxectoria e un fondo coñecemento do espectáculo, que valorarán cada actuación coa máxima esixencia para seleccionar só os mellores.

A París de Noia abre a competición

A primeira protagonista de ‘A Orquestra Perfecta’ non podía ser outra: a París de Noia, que o vindeiro ano celebra o seu 70 aniversario. Desde 1957 converteuse nun referente absoluto das verbenas, facendo da innovación, da calidade artística e da capacidade para reinventarse as claves dun éxito que atravesou xeracións. Ao longo destas sete décadas encheu prazas, marcou tendencias e escribiu algunhas das páxinas máis importantes da historia das orquestras en Galicia.

Nesta ocasión, non chega só para ofrecer un concerto, senón para afrontar un desafío completamente diferente. Por primeira vez, os seus propios artistas deberán competir entre eles. Cada cantante, cada músico e cada bailarín sairá ao escenario sabendo que o seu futuro no concurso depende desa única actuación. Só algúns lograrán o pase á gran final, na loita por formar parte de ‘A Orquestra Perfecta’. Así pois, será unha noite de emoción, de compañeirismo, de nervios e tamén de decisións difíciles.

Pero ‘A Orquestra Perfecta’ é moito máis ca unha competición. Ao longo do programa, os espectadores descubrirán as historias persoais que hai detrás de cada artista, con testemuños sinceros que deixarán os momentos máis emotivos da noite. E, entre as moitas emocións do primeiro programa, haberá un instante absolutamente inesperado. Blas, propietario da París de Noia e unha das figuras máis representativas da historia da formación, recibirá unha sorpresa moi especial. A súa filla subirá ao escenario sen que el o espere para compartir unha actuación cargada de emoción, nun dos momentos máis íntimos e inesquecibles da estrea de ‘A Orquestra Perfecta’.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade