Todos os contidos arredor da eclipse, na canle FAST dos medios públicos galegos - CSAG
Todos os contidos arredor da eclipse, na canle FAST dos medios públicos galegos
Desde este luns en AGalega.gal e YouTube, 72 horas de emisión ininterrompida con contidos divulgativos, directos e a retransmisión exclusiva das xornadas New Frontiers in Cosmology desde A Coruña
O propio día 12, AGalega.gal ofrecerá a posibilidade de seguir a eclipse desde distintos puntos de Galicia cunha proposta multicámara

Santiago, 10.8.2026.- A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) reforza a cobertura da eclipse total de sol coa posta en marcha esta mañá de luns dunha canle FAST temática. A emisión, ininterrompida durante 72 horas, é accesible en AGalega.gal e no YouTube da TVG, e ofrecerá unha programación de divulgación científica con entrevistas, reportaxes, documentais, ficción, videopodcast e conexións en directo.
É unha das accións da ampla despregadura informativa e divulgativa dos medios públicos galegos con motivo do fenómeno astronómico que converte Galicia nun dos mellores lugares de observación da eclipse total de sol. A canle FAST retransmite ademais en exclusiva, hoxe luns e mañá martes, as xornadas científicas internacionais New Frontiers in Cosmology, organizadas pola Universidade de Berkeley e a Fundación Simons de Nova York, e que reúnen na Coruña especialistas internacionais na UDC.
A oferta complétase con conversas e entrevistas con científicos e divulgadores no espazo ‘Eclipse 2026: O que hai que saber’. A xornalista da TVG María Solar entrevista a Jorge Mira, Minia Manteiga, Olalla López Costas e Xabier Pérez Couto para afondar na observación segura da eclipse, a súa historia e a súa importancia científica. Tamén participarán expertos como Óscar Blanco, Xosé Anxo Docobo e Igor Piñeiro. A canle inclúe outras propostas como os videopodcast ‘As eclipses na historia do cine’, con Moncho Lemos e Toño Ageitos, e ‘Lambóns de viaxe’, con Carlos García-Verdugo, así como unha selección de documentais e ficción relacionados coa astronomía e a exploración espacial.
O propio 12 de agosto, AGalega.gal ofrecerá unha experiencia específica para seguir a eclipse desde distintos puntos de Galicia. A proposta multicámara permitiralle á audiencia escoller en tempo real entre varios sinais do dispositivo da CSAG, ademais de descargar secuencias en formato timelapse, xeradas a partir das diferentes cámaras e compartilas posteriormente nas redes sociais.