Susana Seivane, Marlene Mourreau e Kid Mount poñen ritmo e ambiente festivo este Venres Santo en 'Luar' - CSAG
Susana Seivane, Marlene Mourreau e Kid Mount poñen ritmo e ambiente festivo este Venres Santo en 'Luar'
Tamén os galegos Antonio Barros, Manuel DeAndrade, Orquesta Solara e a Agrupación Solleirada achegarán música para todos os gustos no programa (21:35 h)

Santiago, 3.4.2026.- Entre os artistas convidados este Venres Santo en ‘Luar’ cómpre salientar a recoñecida gaiteira galega Susana Seivane, unha das figuras máis destacadas da música tradicional contemporánea, que interpretará o pasodobre ‘Saviñao’ e o popular ‘Carmiña’. Tamén participará a vedette francesa Marlene Mourreau, coñecida pola súa traxectoria televisiva e escénica en España, subirase ao escenario en varias ocasións.
Pola súa parte, o cantante galego Antonio Barros buscará emocionar a audiencia coa súa achega de ‘Getsemaní’, así como Manuel DeAndrade, quen deixará por un intre o seu papel no xurado de ‘Recantos’ para interpretar ‘Catro vellos mariñeiros’. Tamén o artista limiao Kid Mount, que comeza a destacar na escena urbano alternativa, amosará a súa aposta electrolatina ‘Esta vida pide outra’. A súa proposta musical combina neoperreo, funk brasileiro e reguetón experimental, en galego e con letras viscerais.
A noite contará tamén coa música da Orquesta Solara e da Agrupación Solleirada, que achegarán ritmo e ambiente festivo ao programa.
O humor virá da man de Patricia Vázquez, que regresará co seu popular personaxe Rosita de Penelas, e do dúo Todo Mal, formado por Carla e Marcos, que porán o toque desenfadado á velada. Amais, ‘Recantos’ vivirá unha nova xornada de competición, nesta ocasión coa participación de Uxía, en representación de Terras de Compostela, e Flor Becerra, de Galicia Centro, que loitarán por seguir avanzando no concurso.