div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Superdomingo de ‘Galicia en goles’ coas retransmisións dos partidos Athlétic de Bilbao-Celta e Deportivo-Andorra

O sábado, atención especial ás fases de ascenso ás ligas da Federación

csag.gal 15/05/2026 12:30

Santiago, 15.5.2026.-  A primeira edición do ‘Galicia en goles’ chega á Radio Galega e á plataforma AGalegaAudio.gal o venres, de oito e media do serán a doce da noite. Roberto Carlos Carballo analizará cos protagonistas a axenda da fin de semana, con especial atención ás ligas de fútbol e baloncesto.

O sábado, desde as dúas e cuarto da tarde e ata as doce da noite, haberá protagonismo para a Liga ACB. O Breogán recibe no Pazo dos Deportes de Lugo o Xirona coa salvación garantida desde hai semanas e coa planificación da próxima temporada en marcha, despois do anuncio da renovación do adestrador Luis Casimiro. O deporte da canastra tamén estará presente en Navia, onde o Celta medírase nas semifinais ao Melilla por unha praza na final de ascenso á Liga Feminina.

A tarde tamén terá fútbol de ascenso. A primeira cita é a volta das semifinais á Primeira RFEF no  Couto, onde a U. D. Ourense recibe o Reus cun empate a cero da ida que deixa a eliminatoria completamente aberta. O ‘Galicia en goles’ tamén dará cobertura á ida dos cuartos de final do playoff de ascenso á Segunda RFEF no grupo galego: Rácing Vilalbés-S. D. Compostela e Atlético Arteixo-Estradense. O Compostela chegou a liderar a clasificación durante moitas xornadas e estivo a punto do ascenso directo ata o último minuto, mentres que o Vilalbés sorprendeu cunha clasificación para o playoff que chegou de forma inesperada na última xornada. O Arteixo e o Estradense completan uns cuartos de final nos que só dous equipos pasarán á final galega e o campión deberá medirse ao representante catalán nunha ronda nacional para optar ao ascenso. 

O domingo das Letras Galegas vai ser un día cheo de emoción, desde a unha e media da tarde e ata as doce da noite. O primeiro partido é o que enfronta ao Deportivo da Coruña co Andorra en Riazor, onde os brancos e azuis saltarán ao céspede sabendo o resultado do Almería ante o As Palmas para mesmo ampliar diferenzas desde a segunda praza que da o ascenso directo á Primeira División. A segunda función chega desde San Mamés, coa visita do Celta ao Athlétic de Bilbao noutra final para entrar na Europa League a próxima temporada. A derrota do martes ante o Levante en Balaídos eliminou os celestes de calquera opción para entrar na Champions League, en beneficio do Betis.

O ‘Galicia en goles’ tamén atenderá á penúltima xornada en horario unificado da Primeira RFEF. O Pontevedra necesita puntuar no campo do campión, o Tenerife, para chegar con opcións á última xornada de cara a xogar as eliminatorias polo ascenso. Mentres, o Ourense xoga a vida en Talavera con cambio de adestrador nun intento a desesperada para fuxir dos postos de descenso á Segunda RFEF. Esta penúltima cita do campionato regular trae un derbi a Balaídos, entre o Celta Fortuna e o Club Deportivo Lugo. A axenda da tarde complétase co segundo encontro da eliminatoria de cuartos de final polo ascenso á Liga ACB entre o Basquet Coruña e o Menorca.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade