div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Serafín Zubiri, o mago Nacho Samena e Carmela de Sofán protagonizan esta noite de 'Luar' dedicada aos bos modais

Galicia 76, Luci Alvar, a Escola Brincadeira, a Orquestra La Ocaband e as pandeireteiras Nunca é Tarde completan a proposta musical este venres, que amais contará cunha nova edición de ‘Recantos’ e co humor de María Foscaldo e Todo Mal

csag.gal 12/06/2026 00:01

Santiago, 12.6.2026.-    ‘Luar’ (21:40 h) dedica este venres o seu programa aos bos modais, nunha noite chea de música, humor, sorpresas e convidados especiais. Xosé Ramón Gayoso e Aitana del Mar recibirán no escenario un amplo abano de artistas e colaboradores entre os que destaca a presenza de Serafín Zubiri, cantante e pianista navarro que representou a España en dúas ocasións no Festival de Eurovisión, en 1992 e 2000, e que conta cunha ampla traxectoria artística de máis de tres décadas. Na súa actuación interpretará os temas ‘Bienvenidos’ e ‘Mueve tus caderas-Maneras de vivir’. 

A música galega tamén terá un papel destacado coa actuación de Galicia 76, que presentará ‘Teño saudade’; o baile e a música de Escola Brincadeira; o ritmo e a fesa de Orquestra La Ocaband; a tradición das pandeireteiras da agrupación Nunca é tarde, que ofrecerán ‘Canto, xota e pasodobre de San Vicente de Oitaben’; e a lucense Luci Alvar, que acode a presentar o seu novo tema ‘No vuelvas a llamar’.

A presentadora Laura Boado visitará o programa para dar a coñecer todos os detalles de ‘Talentos Extraordinarios’, o novo concurso da TVG que buscará descubrir as habilidades máis sorprendentes do noso país.

A maxia chegará da man do ilusionista lucense Nacho Samena, que acaba de estrear ‘Sugestión’, un novo espectáculo de ilusionismo que combina música, humor e maxia. Samena, unha das revelacións dun coñecido programa televisivo de talentos, é tamén subcampión nacional de cartomaxia, pianista internacional e acumula diversos recoñecementos no ámbito do ilusionismo.

O humor correrá a cargo de María Foscaldo, que acudirá caracterizada como a popular Sabela Grilo, e tamén de Carla e Marcos, integrantes do dúo humorístico Todo Mal.

Entre os convidados da noite, regresará ao escenario de ‘Luar’ unha das figuras máis queridas polo público, Carmela de Sofán, que aos seus 102 anos volverá compartir coa audiencia a súa vitalidade e experiencia.

A noite incluirá, ademais, un divertido xogo cunha táboa de polbo para intentar predicir quen será o gañador do Mundial de Fútbol de 2026.

Finalmente, o certame ‘Recantos’ continúa avanzando e esta semana enfrontará sobre o escenario a Cris, representante de Lugo Sur, e a Rocío Souto, representante de Lugo Centro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade