div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Radio Galega Música estrea temporada con dúas novidades: 'O Rancho' e 'De lá para cá'

Os domingos, a artista María José Pérez Ferreira, máis coñecida como MJ Pérez, mergullarase na cultura musical portuguesa e os venres, Eduardo Herrero abrirá o seu ‘rancho’, para achegar as novas tendencias e os grandes clásicos da música americana

Volven veteranos como ‘Tres Peixes Voando’ e ‘Lume na Palleira’, ademais de ‘Raizame’, ‘O Lobo Urbano’, ‘Cara B’  e ‘Ondas Indies’

Estes espazos consolidan un formato musical que busca acompañar os oíntes cunha radiofórmula enfocada ás preferencias do público galego

crtvg.gal 11/09/2024 14:11

Santiago, 11.09.2024.-    Radio Galega Música estrea este luns 16 de setembro unha nova temporada en que volven os programas temáticos de autor, a modo de escaparate para as distintas tendencias e estilos, sempre con óptica e ollada galega. Estes espazos consolidan un formato musical que busca acompañar os seus oíntes 24 horas ao días con ritmo e sen estridencias. Unha radiofórmula enfocada ás preferencias do público galego, que ofrece unha coidada selección dos grandes éxitos de todos os tempos e das cancións favoritas dos galegos na actualidade.

A cultura musical portuguesa e os grandes clásicos da música americana  artellarán as novidades desta temporada en Radio Galega Música. Os venres, ás 22.00 h, ‘O Rancho’, presentado polo xornalista da CRTVG Eduardo Herrero, ofrecerá unha aproximación ao mellor country, country-rock, bluegrass, folk americano e heartland rock, dando conta das novas tendencias e sen perder de vista os grandes clásicos.

Ademais de dar conta das novas tendencias, sen perder de vista os grandes clásicos da música americana, cada programa de ‘O Rancho’ porá en valor os grupos e artistas galegos que teñen o seu particular xeito de achegarse aos estilos musicais orixinarios da outra beira do Atlántico.

As noites dos domingos será a artista de Arzúa MJ Perez a encargada de estreitar lazos co país veciño co seu ‘De lá para cá’. Un formato que desde as 22.00 h traerá a música portuguesa actual e mergullarase tamén no seu panorama dos últimos tempos. Mainstream e música independente, proxectos consolidados ou colaboracións entre artistas, e tamén fado e música tradicional terán espazo nesta proposta, que atende así mesmo a relación co cine.

María José Pérez Ferreira, máis coñecida como MJ Pérez (o seu nome artístico), é a creadora e condutora de ‘De lá para cá’. Natural de Arzúa, destaca polas súas raíces lusas e coñecemento do país veciño. Se ben é máis coñecida entre o público polo seu proxecto musical, ademais de ser cantautora e estar vinculada ao mundo da música, MJ é tamén produtora audiovisual e comunicadora.

Regreso de programas veteranos

A partir desta semana tamén volven a Radio Galega Música programas veteranos como ‘Tres Peixes Voando’, unha fiestra aberta ás músicas do mundo, da man de Xavier Díaz e Guillerme Fernández, os domingos na sobremesa (15.00 h). Emilio Españadero retomará a súa remuda co seu ‘Lume na Palleira’, programa especializado na música folk e tradicional, pero con atención ás propostas chegadas doutros lugares, que se poderá escoitar a partir das 17.00 h.
    
Os espectadores comezarán a semana viaxando por todo o mundo con ‘Raizame’, o espazo conducido por Óscar Losada, que ofrece cada luns ás 22.00 h a lista europea das músicas internacionais, ademais da actualidade dos artistas conectados coa lusofonía, a música de raíz dos países europeos e a creatividade sonora máis alá do pop estándar.
    
Tamén ás 22.00 h, o rock volverá ser protagonista os martes, co histórico Charli Domínguez, membro do grupo Los Suaves, ao micro de ‘O Lobo Urbano’, e os mércores será Manuel de Lorenzo quen acompañe os oíntes, con ‘Cara B’, un programa sobre as pequenas grandes anécdotas que enchen a historia da música. 

Novidades, concertos, festivais ou entrevistas serán algunhas das paradas que farán nas noites dos xoves en ‘Ondas Indies’, un programa presentado por Víctor López que funciona a modo de escaparate para a música indie pop que se fai no mundo.
    
Todos os espazos de Radio Galega Música estarán accesibles na plataforma AGalegaAudio.gal.

Coa súa aposta musical, sempre pegada ás preferencias dos oíntes galegos, a emisora pretende acompañar a audiencia durante os distintos momentos das súas actividades cotiás. Así, Radio Galega Música organiza a súa oferta en catro grandes bloques temáticos, desde as primeiras horas do día, coa fórmula espertador, pasando polas horas laborais, en que se ofrece música para o traballo, e a sobremesa, cunha proposta máis melódica. Xa á última hora da tarde, a chamada ‘música para a volta á casa’ acompaña os condutores no tramo final da tarde e primeira hora da noite.

A esta oferta musical súmanse as outras propostas da Radio Galega: Son Galicia Radio, a radio que, as 24 horas do día e os 365 días do ano, ofrece música de artistas galegos cantando en galego, e Radio Picariña, a canle infantil e xuvenil que continuará coas súas variadas propostas musicais este outono-inverno. Ambas as dúas están dispoñibles en AGalegaAudio.gal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade