Primeiro partido da pretempada do EuroCelta contra o Famaliçao, este martes na TVG - CSAG
Primeiro partido da pretempada do EuroCelta contra o Famaliçao, este martes na TVG
O equipo de Claudio Giráldez enfróntase ao conxunto portugués, ás 18:00 horas, nun encontro a porta pechada en Afouteza

Santiago, 14.7.2025.- O novo EuroCelta bota a andar este martes, e a Televisión de Galicia será testemuña desde o primeiro minuto. A partir das 18:00 h, a TVG emitirá en directo o encontro que mide o R. C. Celta co F. C. Famalicão portugués, o primeiro partido da súa intensa pretempada 2025/26, que marca tamén o regreso do club vigués ás competicións europeas.
A cita terá lugar nas instalacións da Madroa (Afouteza) a porta pechada, pero a afección poderá seguir cada detalle grazas á cobertura en ultra alta definición da canle pública galega, así como desde calquera punto do Estado a través da plataforma AGalega.gal.
O Famalicão, equipo que finalizou sétimo na Primeira Liga de Portugal a pasada temporada, representa un primeiro test de nivel para o conxunto dirixido por Claudio Giráldez, que inicia así unha xira preparatoria por España, Portugal, Alemaña, Suíza e Reino Unido. O obxectivo: chegar en forma á súa esperada participación nas competicións continentais.
Este partido marca o inicio dunha cobertura integral, cun total de sete partidos (Sporting de Braga, C. D. Nacional Madeira, VfB Stuttgart, Grasshopper, Vitória Guimarães e Wolverhampton Wanderers), que ofrecerá a TVG ao longo deste verán, acompañando ao Celta nun camiño que esperta ilusión entre a súa afección.