Os Premios Ecovidrio 2025 distinguen a serie divulgativa de AGalega.gal 'Incalculable' - CSAG
Os Premios Ecovidrio 2025 distinguen a serie divulgativa de AGalega.gal 'Incalculable'
A divulgadora ambiental Xiana Fernández-Albor recolleu o galardón este mércores en Madrid polo capítulo dedicado ao oso pardo en Galicia
‘O oso pardo’ está dispoñible na plataforma dixital AGalega.gal, e afonda na importancia e relación do oso pardo co ecosistema galego

Santiago, 13.11.2025.- ‘O oso pardo’, unha das entregas da serie divulgativa ‘Incalculable’ da plataforma dixital AGalega.gal foi premiada co Premio Ecovidrio 2025. A divulgadora ambiental Xiana Fernández-Albor recolleu onte en Madrid este prestixioso galardón, na categoría audiovisual, que outorga Ecovidrio, a entidade sen ánimo de lucro creada en 1995 para xestionar a recollida e reciclaxe de envases de vidrio en España.
A peza premiada, ‘O oso pardo’, forma parte da serie ‘Incalculable’, dispoñible na plataforma dixital AGalega.gal da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG). É un proxecto de divulgación que combina imaxes en alta definición e realidade aumentada para achegar o público galego o valor ecolóxico das especies autóctonas. A serie percorre o mundo natural de cinco especies galegas -algas, voitres, avelaíñas, morcegos e osos pardos-, amosando como viven, sobreviven e se relacionan coa súa contorna, e propón unha reflexión sobre o ‘prezo’ dos servizos que estas especies ofrecen á sociedade.
Na entrega premiada, ‘O oso pardo’, Xiana Fernández-Albor afonda nas características e segredos desta especie emblemática da fauna europea, coa participación de Óscar Rivas e Alberto Navarro, da Fundación Oso Pardo, e de Melina Barrio, economista da Universidade de Alcalá.
Nesta mesma XXVI edición dos Premios Ecovidrio, o botánico italiano Stefano Mancuso foi distinguido como Personalidade Ambiental; o Concello de Barcelona, co Premio ao Maior Impacto Cidadán; o Real Betis Balompié, co Premio Especial Ecólatras; e o xornalista Alfredo Merino, na categoría de prensa, polo seu traballo ‘Cómo el cambio climático obligará a cambiar los mapas del mundo’, publicado en El Mundo. Todos eles foron recoñecidos polo seu labor en divulgación, concienciación e protección ao medio ambiente.
A gala, presentada polo meteorólogo galego Martín Barreiro, dedicou tamén un recordo especial á traxedia dos incendios forestais do pasado verán.
